mércores, 12 de marzo de 2014

O TSXG dálle un novo pau o Goberno de Feijóo e obriga a devolver parte da paga adicional da extra 2013 ao persoal laboral

Esta é a primeira sentenza referida ao recorte das pagas extraordinarias para o ano 2013 que só aplicou a Xunta de Galiza


O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de ditar sentenza pola que recoñece o dereito do persoal laboral da Xunta –sometido ao V Convenio Colectivo- a percibir a paga adicional ás paga extraordinaria de decembro de 2012, así como a paga adicional de xuño de 2013, que foi suprimida aos traballadores/as da Xunta por decisión propia do Goberno galego.

Unha vez máis, a xustiza dá un pau ao Executivo de Núñez Feijoo, negando o carácter retroactivo das medidas de recortes aplicadas aos traballadores e traballadores ao servizo das administracións públicas. Ademais, está é a primeira sentenza referida ao recorte nas pagas extraordinarias do ano 2013, detraída aos empregados e empregadas da Xunta a través da Lei de Orzamentos de Galiza e que o resto do persoal ao servizo das administracións (local, estatal, etc.) non padeceu.

Dende a CIG demándase da Xunta de Galiza cordura e sentido común, e que proceda a cumprir a multitude de sentenzas que se teñen gañado sobre o roubo das paga extras as e os traballadores cuxos salarios dependen directa ou indirectamente dos presupostos da Xunta. Esiximos a devolución destas cantidades, así como a reposición dos demais dereitos inxustamente retirados ás/aos traballadoras e traballadores de todos os sectores públicos.

Igualmente, reiteramos que se levarán a cabo todas as accións necesarias para recuperar o dereito a cobrar a totalidade das pagas extraordinarias de todos os traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza –que, cómpre recordar percibiron un 40% menos do que lles correspondía-.

Non se recoñece o carácter retroactivo dos recortes

A resolución do alto tribunal galego recoñece o dereito do persoal laboral a percibir a paga adicional ás pagas extraordinarias de decembro de 2012, na parte proporcional á prestación de servizos entre o 1 e 15 de xullo; así como a paga adicional de xuño de 2013 na parte proporcional entre o 1 de xaneiro até o 28 de febreiro. Hai que subliñar que estas retribucións adicionais foron acordadas entre a Administración e as organización sindicais para equiparar as pagas extraordinarias do persoal laboral ás do persoal funcionario.

Nesta nova resolución, o TSXG aplica o mesmo criterio que na sentenza do 4 de outubro de 2013, que recoñeceu ao persoal laboral o dereito á percibir a parte proporcional da paga extraordinaria de decembro de 2012 devengada entre o 1 e o 14 de xullo de 2012, día antes da entrada en vigor do RDL 20/2012. A Xustiza entendeu que formaba parte do patrimonio do traballador/a e que só estaba pendente de ser aboada, polo que non podía ser afectada por esta norma estatal.

No que atinxe á paga adicional da paga extraordinaria de xuño de 2013, suprimida pola Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galiza, o TSXG entende que procede o seu abono, toda vez que a Lei de Orzamentos entrou en vigor o 1 de marzo de 2013 e que, polo tanto, durante os meses de xaneiro e febreiro de 2013 estaban vixentes os orzamentos do ano 2012 e a Xunta non pode aplicar a medida con carácter retroactivo.

Esta sentenza vense sumar ás ganadas polas catro organizacións sindicais maioritarias na Función Pública galega, interpostas nun marco de acción conxunta contra das administracións autonómica, local, universidades e entes instrumentais do sector publico para reclamar a devolución da paga extra do ano 2012, pero é tamén o inicio das máis de 200 demandas que se interporán para a reclamación da paga extraordinaria do ano 2013.

Ningún comentario:

Publicar un comentario