xoves, 30 de outubro de 2014

Xa temos lotaría de Nadal



Dispoñemos xa de participacións de 5€ do número 84.535 para a lotería de Nadal, unha forma lícita, aínda que remota, de aumentar o patrimonio persoal. Estas participacións non levan recargo.



Por certo, e xa que falamos de cartos, hai cousas que non podemos agardar que as solucione a lotaría:



luns, 27 de outubro de 2014

Os concursos permanentes acabarían co caciquismo na Xunta


Imaxinade que queda unha vacante nun lugar que vos interesa ou hai un posto de nivel apetecible. Imaxinade que a solicitades e imaxinade que a solicitan 9 persoas máis. Ata aquí nada difícil de imaxinar. Agora ben, imaxinade que o posto llo asignan a persoa que teña máis puntos segundo o baremo do último concurso. Imaxinade tamén que se puidera actualizar ese baremo no primeiro trimestre de cada ano. Poñede ese baremo nun Decreto e teríamos un concurso permanente.

Na actual lei da Función Pública se recolle que os concursos de traslados serán anuais. O V Convenio Colectivo do Persoal laboral mesmo chega a falar do concurso de traslados permanente. Non se cumpre nin o un nin o outro. A realidade son moreas e moreas de comisións de servizo e adscricións temporais ditadas con absoluta arbitrariedade (salvo no persoal laboral que teñen como criterio obxectivo a antigüidade e a pertenza ao centro – e aquí si se cumpre, non como no persoal funcionario-).

xoves, 23 de outubro de 2014

O perdón da Xunta a COPASA con parte das nosas nóminas

O proxecto de Lei de acompañamento dos Orzamentos para o ano 2015 leva unha disposición adicional (a quinta) ben curiosa: Articulación dos principios de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira no réxime contractual da concesión de obra pública da Autovía da Costa da Morte

Pois ben, debaixo desta lousa vén un cheiro a podre:

A Xunta perdoa á construtora media Autovía da Costa da Morte


Ao final resulta que imos pagar ata 2036 un total de 745 millóns de € por algo que vale menos de 200. E iso sen ter en conta que lle acaban de perdoar 17 quilómetros de autovía á construtora (dun total de 42)... pero iso si, a empresa será compensada (aínda por determinar) polo gasto realizado e seguirá ingresando 745 millóns de € por menos traballo (toda unha xestión eficiente e racional). Que nota vai sacar na “avaliación do rendemento” a persoa responsable disto?? Ai, non, que son altos cargos e aí non hai avaliación do rendemento máis que cada 4 anos...

E por certo, a empresa á que lle perdoan o compromiso é COPASA que aparecía como donante en negro do PPdG nos informes policiais sobre os papeis de Bárcenas:


martes, 21 de outubro de 2014

Non somos traballadoras e traballadores públicos de segunda

Veñen sendo moitas as ocasións nas que se comenta que na Xunta non somos "traballadoras e traballadores públicas de segunda" aínda que o pareza. E o pode parecer por moitas cousas: os concursos de traslados aquí son cada lustro, a promoción interna ni se sabe, a cada volta cambian as convocatorias radicalmente, co cal non sabes ao que aterte, e por último, nas pagas extras.

Mentres as traballadoras e traballadores públicos da Administración Xeral do Estado cobran as extras completas, aquí levamos desde o 2013, incluído, cobrando 2/3 de paga extra para que ao Sr. Feijóo lle salgan as contas, iso sí, eles sen apretarse para nada o cinto.

Para maior desatino, unha vez que en Madrid anuncian que devolverán no 2015 o que os xulgados recoñeceron como noso da paga extra secuestrada de 2012 (ao redor dun 25%), na Xunta son tan miserábles que o van facer en dous cómodos prazos: un 12,5% en 2015 e un 12,5% en 2016.

venres, 17 de outubro de 2014

Os Orzamentos da vergonza

Pola mañá Comisión de Persoal, coa nova Lei de Función Pública, e pola tarde presentación da Lei de Orzamentos, en canto ao referido a gastos de persoal. O de onte foi un día de intensidade lexislativa de rodillo, moi ao estilo de quen ten unha maioría absoluta que utiliza, precisamente, en contra da maioría.

O da presentación dos Orzamentos foi unha mera reunión de trámite para comentarnos que nos abriguemos máis que imos seguir conxelados, recortados e que a ver cando nos pagan a metade do cuarto da paga de nadal do 2012, que non se sabe… A nós non nos cadra esta austeridade extrema co que vemos todos os días na prensa ou co que di a conselleira de Facenda de que imos como motos e que, con estes orzamentos, imos ir aínda mellor.

Actualizado (03/11/2014): Os orzamentos da Xunta de Galiza para 2015 son “claramente electoralistas” para a CIG

A Xunta saca adiante a lei do plus dos altos cargos

O día 30 de setembro remataba o prazo para presentar alegacións. As 4 organizacións presentes na Mesa Xeral fixeron unha rolda de prensa de que aquí non se vai seguir facendo o paripé e que se queren sacar o texto tal e como está (co plus dos altos cargos, persoal directivo, carreira administrativa dependente de informes subxectivos, concursos específicos, etc.) vai a ir ao Parlamento sen o apoio de ninguha central sindical.

A Función Pública respondeu convocando para o 6 de outubro, unha Mesa Xeral na que levou o mesmo texto remitido o 19 de setembro, sen cambiar unha coma. De reunirse si que se lle ve intencións (que hai que aparentar bo rollito, que veñen as eleccións), agora ben, de chegar a acordos, non lle vemos moito ánimo... para que, se teñen a maioría??

O conto rematou o día 14 de outubro cun levantamento da CIG da Mesa Xeral porque nos estaban tomando o pelo: lin e lian pero non discutían, nin negociaban nada.

xoves, 16 de outubro de 2014

Pleno da Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza

O martes, 14 de outubro, tivemos Pleno da Xunta de Persoal. Contámosche os temas que se trataron e acordos aos que se chegaron:


  • Faise un relatorio das principais accións executadas desde o Pleno anterior e os atrancos atopados (falase especialmente da Campaña en Defensa da Dignidade Pública, da venta de camisetas da marea azul, da recollida de sinaturas da  flexibilidade os venres pola tarde, da última concentración na que se destaca a falta de participación da CSIF).  
  • Problemática da Inspección de Servizos Sociais: coméntanse as actualicións levadas a cabo ante o desbordamento de carga de traballo, falta de persoal e ausencia de circular escrita de organización. Está habendo asembleas das traballadoras e traballadores afectados que se reunen coas persoas responsables e reunións tamén de representantes da Xunta de Persoal coa secretaría xeral técnica. A CIG xa expuxo no seu momento que as condicións de traballo do persoal que realiza saídas de campo ou traballo inspector deben ser negociadas e homoxéneas co resto de persoal nas mesmas circunstancias. Acórdase tamén solicitar unha avaliación de riscos específica destes postos, así como mediar ante a Administración dunha traballadora que solicita unha adscrición por razóns de saúde. 
  • Campaña da Dignidade do/a Empregado/a Público: acórdase promover unha asemblea entre as persoas que mercaron a camiseta da Marea Azul para ver en que investir os gastos sobrantes, poñendo como proposta incial a realización dunha exposición de cartaces (xa elaborados) nas que diferentes traballadoras e traballadores públicos dos servizos centrais explican á cidadanía a súa importante función na sociedade.

mércores, 15 de outubro de 2014

A Lei de mutuas e o R.D. de xestión da incapacidade temporal son “un ataque frontal e directo contra a clase traballadora”

O Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral analiza, no seu Boletín nº 11, as súas consecuencias que terán estas medidas para a saúde das e dos traballadores

Descargar Boletín especial

O Gabinete Técnico de Saúde Laboral vén de publicar o seu Boletín número 11, no que se analizan polo miúdo os importantes cambios lexislativos que introducen tanto o novo proxecto de lei de Mutuas como o Real Decreto da incapacidade temporal (IT). Advirte de que “afectan directamente aos dereitos e ás contraprestacións que até o de agora viñan recibindo o conxunto dos traballadores e traballadoras” e denuncia que son “un ataque frontal e directo contra a clase traballadora”.

O Boletín recolle tamén un artigo no que se analiza o que é a Sensibilidade Química Múltiple (SQM) e as dificultades para o seu diagnóstico;  explica como funcionan os Comités de Seguridade e Saúde e publica un informe co mapa de risco químico do ISSGA: sector industrial.

luns, 13 de outubro de 2014

Canal de Panamá ou Residencia de Caranza?

Velaí outra nota de prensa, e xa son incontables sobor do plantón da empresa Decoraciones Bello SL nas obras dunha Residencia Pública, mentras hai cartos a moreas para as privadas. É sospeitoso que a empresa non sexa sancionada por abandonar as obras. A situación é que agora esas obras estan sen ningún tipo de seguro que ampare posibles accidentes. A situación actual da residencia é verdadeiramente lamentable como demostra a fotografía.

Datos dos contratos das obras de reforma:

- Contrato das obras: http://www.contratosdegalicia.es/resultado.jsp?N=19229
DECORACIONES J. BELLO, S.L. 1.381.560,98 €  sen IVE  Prazo de execución 16 meses (adxudicado 13/12/2013 e non formalizado ata 09/01/2014); curiosamente o prazo de execución da resolución puña 10 meses na taboa da resolución pero ao final aparece 16... xa tiñan pensado tal atraso?

- Dirección de obra: http://www.contratosdegalicia.es/resultado.jsp?N=20219
ANTONIO RODICIO PÉREZ  21.400,00 € sen IVE Prazo de execución  16 meses (desde 13/03/2014)

- Dirección de obra de arquitectura e coordinación en materia de seguridade e saúde: http://www.contratosdegalicia.es/resultado.jsp?N=20218
LUIS VILLAR RIVEIRA  19.329,00 € sen IVE Prazo de execución  16 meses (desde 13/03/2014)


Feijoo non quere poñerlle límite ao custo dos seus asesores

Nas últimas xuntanzas con representantes da Administración autonómica, a Xunta deixoulle claro á CIG que: vai manter o plus dos altos cargos, vai continuar introducindo  persoal directivo na Función Pública e se nega a poñerlle límite ao custo dos asesores políticos.

Actualmente a Xunta gasta 5,8 millóns de € ao ano en persoal eventual de Gabinete, aquel que segundo a Lei de Función Pública actual é de libre nomeamento das persoas integrantes do Consello da Xunta. Pois ben, ante a proposta austera da CIG de limitar este gasto na propia lei de función pública, a Xunta non só a rexeitou de plano, senón que decidiu eliminar da lei a súa característica de “non permanente” da relación deste persoal. Isto significa que a permanencia deste persoal nomeado a dedo para facer funcións de asesoramento político sairía reforzada.

Por outra banda, a Xunta segue sen cumprir a Lei de Transparencia e boas prácticas que no seu artigo 17 lle obriga a publicar nominalmente na súa páxina web as retribucións públicas percibidas polo persoal eventual, entre outros, con expresa indicación dos diferentes conceptos retributivos. Ao día de hoxe esa lista non está dispoñible e só algunhas consellarías, e non de xeito facilmente accesible, publican as retribucións das pesoas que ocupan a xefatura do Gabinete ou de Prensa máis non o do resto de persoas colaboradoras. Ex: Facenda.

venres, 10 de outubro de 2014

"Feijóo, moroso, queremos o que é noso!"

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza e o Comité de Empresa convocaban este xoves, 9 de outubro, unha concentración no edificio administrativo de San Caetano para manifestar a súa oposición ao desmantelamento dos servizos públicos, reclamar a recuperación dos dereitos laborais e salariais suprimidos e das pagas extra e rexeitar a Lei de Emprego que se está a negociar. A mobilización coincidía coa segunda mesa xeral na que se está a debater esta lei, artigo por artigo, e da que a Área Pública da CIG xa pediu a súa retirada.

xoves, 9 de outubro de 2014

O 9 de outubro imos a reclamar o que é noso

O 9 de outubro temos a oportunidade de dicirlle a esta casta que goberna a Xunta que queremos o noso salario COMPLETO, que queremos cobrar as pagas extras COMPLETAS, que queremos recuperar a totalidade daquela paga extra que nos roubaron no ano 2012, que queremos que se respecten os nosos dereitos e condicións laborais. Semella que a Xunta só respecta ao persoal directivo e que só lle importa o plus dos altos cargos.

O 9 de outubro, ás 11:00 h. na explanada da cafetaría en San Caetano, aínda que chova, trone, faga vento ou saia o sol, estaremos aí, para que nos escoiten Feijóo, Rueda e esa tropa que pensa que non merecemos máis e que contribúen día a día, en cada consello da Xunta, en cada declaración á esa prensa subvencionada, ao desmantelamento dos Servizos Públicos galegos.

luns, 6 de outubro de 2014

Penalizados, outra vez, por enfermar


Como ben sabedes, trala Lei de Medidas naceron as instrucións nas que se nos penalizaba por enfermar. Pois ben, recentemente houbo cambios normativos que implican darlle maior poder ás Mutuas, cuxo principal obxectivo é que a situación de Incapacidade Temporal dure o menor tempo posible, e en moitas ocasións lesionando os dereitos das traballadoras e traballadores, pois priman os intereses económicos sobre a saúde.

Ata o de agora se enfermábamos e tiñamos que coller a baixa, implicaba diminución retributiva; agora, que é inda peor, as Mutuas teñen poder para darnos de alta sen superar a situación de enfermidade.

Achegamos un interesante documento que analiza o proxecto de Lei de Mutuas e sobre o novo Real Decreto de ITs.


Recentemente fixemos mobilizacións e campaña de información sobre este tema aínda que os medios convencionais non recolleron demasiado.

A casta rise de nós

Loxicamente nos referimos á casta brahamán, esa casta suprema que ocupa os postos de poder e que utiliza a figuras públicas como monicreques e cabos furrieis para a defensa dos seus intereses económicos particulares.


Achegamos cartaz de protesta polas recentes declaracións de Feijóo moi preocupado polo plus dos altos cargos e non "facer de menos" aos altos cargos da Xunta con relación aos do Estado e moi pouco con relación ao que nos fai de menos ás traballadoras e traballadores públicos da Xunta respecto aos compañeiros e compañeiras da Administración Xeral do Estado en cousas como as pagas extras ou a promoción interna.

E logo lles soprenden que lle chamen "casta". E non vai sorpreder con declaracións coma as que recollemos no CIG-Informa ou con realidades coma que gastan máis en asesores da Xunta que en diputados e diputadas do parlamento galego.
Que se lles ve o plumero, que o de reducir o número de parlamentares é para quedar 4 anos máis na poltrona. Se queren aforrar que reduzan primeiro o gasto público en persoal que elixen a dedo desde o partido e non no persoal que elixe a cidadanía, ou aquel que demostrou mérito e capacidade a través dunha oposición ou concurso-oposición.

Pobriños os altos cargos da Xunta

Di Feijóo na prensa que vai manter o plus dos altos cargos na nova lei de emprego público porque é de xustiza. As súas declaracións exactas foron que "non quere facer os da Xunta de peor condicións que os do Estado".

Porén, as traballadoras e traballadores públicos da Xunta de Galiza estamos demasiado afeitas a que nos faga de peor condición que na Administración Xeral do Estado: nas pagas extras (nós non as cobramos completas), na devolución do que a Xustiza recoñece que nos roubaron na paga extra de Nadal de 2012 (nós o imos recibir en 2 “cómodos” prazos no 2015 e 2016, no Estado no 2015), na promoción interna (nós cada 5 ou 6 anos con sorte), nos concursos de traslados (nós cada 3 con moita sorte)...

Que non o vai pagar nesta lexislatura, vale, pero xa non é o gasto que ocasionará no futuro, senón a falta de respecto á cidadanía que cada día o pasa peor. Unha cidadanía a que fai de menos, de moito menos, cos seus dispendios públicos, as súas corruptelas e a súa política por e para a casta financeira.

Non te acostumes a que te fagan de menos, imprime e coloca o seguinte cartaz non teu posto e que así chegue tamén a cidadanía.

mércores, 1 de outubro de 2014

O persoal da Xunta está farto de ver a policía rexistrando os seus centros de traballo por casos de corrupción

A semana pasada dábase a coñecer tralo Consello da Xunta a dimisión “por motivos persoais” do director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá. Ese mesmo día, traballadores do edifico administrativo San Lázaro puxéronse en contacto coa CIG para amosar a súa preocupación porque estivera a policía rexistrando as dependencias de Traballo. Comentáronos que, xunto coa marcha de Odilo, cesaran tamén ao xefe de servizo de Formación e mostraban o seu malestar pola situación de falta de información.

Posteriormente, a prensa daba a coñecer que o director xeral fora a declarar ante a policía sobre a trama de falsa axudas para cursos de formación sobre a que hai un proceso xudicial aberto no xulgado de instrución nº6 da Coruña. Curiosamente, e semella que o Gabinete que nos custa a todas e todos 350.000€/ano non ten ben informada á conselleira, pois ao día seguinte Beatriz Mato aseguraba non saber nada deste tema.
Aínda así, resulta difícil de crer que non saiba nada pois Odilio Martiñá era home de máxima confianza da conselleira de Traballo e Benestar. Cómpre recordar que antes de ser director xeral de Traballo e Economía Social ocupara o cargo de director xeral de Relacións Laborais, tamén con ela. Porén, foi de 2003 a 2005 cando exerceu o cargo de director xeral de Formación e Colocación.

Cremos que a conselleira debe acudir a dar explicacións ao Parlamento, que debe cumprir a Lei de Transparencia e boas prácticas, pero cremos que tamén lle debe unha explicación aos seus traballadores e traballadoras públicas.