mércores, 19 de novembro de 2014

Carta aberta dun traballador público resignado

Dende xullo de 2005 traballo como tradutor intérprete da Administración de xustiza, tras aprobar unhas oposicións en que só había tres prazas de acceso libre. Primeiro en Ourense (9 meses), despois en Lugo (7 anos) e agora en Pontevedra (ano e medio). En todo ese tempo, mentres tanto, eu vivía en Pontevedra, é dicir, desprazábame no meu coche e, por suposto, corría eu cos gastos. Ano a ano ía vendo como o soldo minguaba porque había que "sacrificarse" para que, en definitiva, os ricos vivisen mellor. Así de claro. A todo isto tiña que aturar como a xente se alegraba de que se lles recortase o salario e os dereitos aos funcionarios porque, evidentemente, nós tiñamos a vida solucionada. E eu pensaba entón ¡estudárades, ostias! ¿que culpa teño eu de ter aprobado unha oposición? E vías logo na estrada como moito niñato con menos luces ca un cempés, ou o engominado de turno, te adiantaba co seu audi a toda ostia porque, ¡carallo!, se lo podía permitir, cobraba mil veces máis ca ti. Claro, cando viñeron mal dadas xa estabamos nós aquí, os putos pringaos, coa súa nómina mensual, para apandar coa desfeita feita, precisamente, polos que agora seguen aínda a vivir mellor. ¿Que broma é esta?  

Vai xa para 10 anos daquela, e só coñecín un concurso que me permitiu, milagrosamente, vir para Pontevedra porque quedou vacante unha praza cando todo indicaba que me tería que quedar para sempre en Lugo. Eu naquel momento esperaba como auga de maio o "marabilloso" teletraballo que me permitise, cando menos, paliar algo a miña maltreita economía porque vía que ía camiño de ter que pagar do meu peto para ir traballar. Claro, sempre que cumprise cos requisitos do telebraballo porque, se cadra, como vivía en Pontevedra e traballaba en Lugo, ¡joder!, igual non os reunía, e si os reunía o asesor xurídico da Xunta que pretendía conciliar a súa vida laboral e familiar desde o seu bufete de avogados.  
 

En todos estes anos eu, como persoal laboral fixo, non tiven (nin creo que volva ter, perdín xa a esperanza) ningunha oportunidade de poder promocionar ou ascender no meu posto de traballo. Resulta asfixiante, irrespirable e indignante comprobar como este goberno non fai absolutamente nada pola promoción dos seus traballadores (¿realmente somos os seus?), como se dedica, única e exclusivamente, a "meter os seus" (agora si) na Administración de maneira descarada e vergonzosa, con todos os subterfuxios "legais" posibles, dándolles salarios substanciosos e unha vida decente, mentres o resto da prole, os perro-flautas que somos nós, nos imos apodrecendo coma mazás sen ter nin sequera a oportunidade de poder aspirar a algo mellor. Ao final, pasa a vida, resígnaste a un salario indigno porque tes que manter unha familia, quítanche os teus dereitos laborais e económicos en nome desa nova relixión chamada macroeconomía (unha panda de estafadores), e aínda por riba tes que dar as grazas porque esta xente fai unha política de puta madre. Botando a vista atrás dáste conta de que non coñeces outra cousa que a política dos que sempre gobernaron e estou seguro de que seguiremos así ata que chegue a miña xubilación (e non me esquezo daquel "oasis" dos catro anos roxos). 
 

Cada día que pasa, máis me avergonzo deste país chamado Galicia ou Galiza. A gusto do consumidor.

Alex Alonso

Publicado coa autorización do autor

2 comentarios:

  1. Eu pensaba que ós concursos son anualmente e resoltos en seis meses, creo que según a lei da función públia?

    Non será que este tipo de sindicatos, non dan a resposta para o que foron creados?

    Que hai detrás de todo isto?

    Creo que Podemos está estudiándo esta cuestión, haber si o fan pronto?

    ResponderEliminar
  2. A non convocatoria dos concursos na xurisprudencia ten a mesma interpretación que a non execución en tempo das Ofertas de Emprego Público (3 anos segundo o EBEP): prima a capacidade de autorganización das Administracións. De feito, no novo texto da Lei de Función Pública eliminan estos prazos "orientativos".

    Por desgraza, a vía xudicial non é a panacea do cambio, senón que tamén ten que ter un profundo cambio... pero o cambio vén primeiro das persoas, se non cambian o seu enfoque as persoas, mal van cambiar as institucións e organizacións.

    ResponderEliminar