martes, 30 de decembro de 2014

A metade do persoal da Xunta non recuperará en xaneiro de 2015 nin un 4% da paga extra de 2012

Coa nova Lei de Orzamentos publicada hoxe no DOG queda claro que é e canto imos a recuperar as traballadoras e traballadores públicos da Xunta este 2015 de todo o que nos debe o Goberno da Xunta. O que non pon nada a Lei é cando, a pesar de que o director da Función Pública falou de xaneiro.

Moito nos contaron da devolución das extras ao persoal da Xunta: que si a parte devengada da paga extra de nadal de 2012 (a recoñecida pola Xustiza), que si a totalidade, que si volveríamos a cobrar as pagas extras completas e todo aderezado por varios calendarios de devolución que foron bailando...un montón de fume, entre o que o único fixo é o seguinte: o que está orzamentado para este 2015 é devolver as seguintes porcentaxes sobre a totalidade daquela paga extra de decembro de 2012 nunca cobrada: ao persoal funcionario un 9,56% e ao persoal laboral un 3,83%.

Estas porcentaxes representan exactamente a metade da devolución do que nos recoñecen as sentenzas xudiciais. A rareza destes números débese á diferenza na naturaleza do devengo do concepto de paga extraordinaria de decembro para o persoal laboral (de xullo a decembro) e persoal funcionario (de xuño a novembro).

Aínda que na práctica soese considerar a paga extraordinaria como a totalidade do que excede dunha mensualidade ordinaria, na teoría estamos falando de dous conceptos diferentes: paga extraordinaria e a paga adicional (a que retribúe o específico ou equivalente para persoal laboral).

Sobre o que recoñece a Xustiza devolven a metade

A Xustiza recoñece o dereito a cobrar a parte devengada desa paga extra de decembro de 2012. Isto tradúcese en 44  días de paga extra para o persoal funcionario e 14 para o persoal laboral, pola diferenza na natureza do devengo da que falábamos antes. Ademais, habería que pagar tamén a parte devengada do concepto das pagas adicionais, que neste caso si son igualmente 14 días tanto para persoal funcionario como laboral.

O que está orzamentado para devolver no 2015 é exactamente a metade de días: 22 e 7. Así pois, se facemos o cálculo do que representan eses días sobre a totalidade dos 183 (184*) días traballados para xerar o dereito a esas dúas pagas no que foi decembro de 2012, temos o seguinte:



Persoal laboral
Persoal funcionario
Paga extraordinaria
3,80% (*0,7)
12,02% (*0,7)
Paga adicional
3,80% (*0,3)
3,80% (*0,3)
TOTAL a recuperar
3,80%
9,55%

Estas porcentaxes non son acumulativas pois o peso relativo da cada un dos conceptos é diferente cunha distribución media dun 70/30 paga extraordinaria/paga adicional. Xa que logo, a  total a recuperar calculámola ao multiplicar cada unha das % a recuperar de cada concepto polo seu peso relativo (entre paréntese) e sumando o resultado.

*O total de días traballados foron de 183 para a paga extraordinaria de decembro do persoal funcionario (que devenga de 1 de xuño a 30 de novembro) e 184 para a do persoal laboral (que devenga do 1 de xullo ao 31 de decembro). No cálculo das pagas adicionais de decembro, nos dous casos tómanse os 184 días que van do 1 de xullo ao 31 de decembro.

Esto supón, en termos brutos e sen ter en conta a variable da antiguidade, uns 60€ para o persoal laboral do grupo V e entre 120€ e 145€ (dependendo do posto) para o persoal funcionario do grupo C2, que consonte aos datos estatísticos da propia Xunta son os grupos máis numerosos. Os datos das retribucións que corresponden son públicos e se poden consultar na Lei de Orzamentos para o ano 2012.

Para calcular a cantidade individual aproximada pódese tomar como referencia a nómina de xuño de 2012 que sería igual que a que teríamos que cobrar en decembro, salvo algunha pequena diferencia con algún trienio. Nesa nómina hai que coller os conceptos PAGA EXTRAORDINARIA e os conceptos da paga adicional (por exemplo: ADIC.ART.12.3 LEI 14/06). Se se trata de persoal laboral, pódense sumar os dous conceptos e multiplicar por 0,0380. Se se trata de persoal funcionario, multiplicaremos o concepto de paga extra por 0,1202 e o concepto paga adicional por 0,0380 e logo sumarémolos.


Cambios de destino e persoal que non teña xa a condición de empregada ou empregado público

Chama especialmente a atención o requisito de solicitude previa e acompañamento das certificacións para a efectiva devolución do persoal que cambiara de destino e hai que valorar os seus efectos xa que desde o 2012 ata a actualidade foron resoltos varios concursos de traslados na Xunta. Entendemos que esta devolución debera ser realizada de oficio.

Ao persoal que cambiase de destino, as cantidades a que se refire esta disposición seranlle aboadas pola consellería, organismo ou entidade en que se ache prestando servizos na data de entrada en vigor da presente lei, logo de petición dirixida ao órgano de xestión de persoal, acompañada de certificación da habilitación de orixe dos conceptos e importes efectivamente deixados de percibir como consecuencia da supresión da paga extraordinaria, así como da paga adicional de complemento específico ou pagas adicionais equivalentes, correspondentes ao mes de decembro de 2012.

Tamén se establece esa solicitude previa para o persoal que xa non teña a condición de empregado ou empregada pública, así como a posibilidade de solicitude polas persoas herdeiras consonte ao dereito civil. Neste caso non se pide certificación da habilitación.

Por último, e como é lóxico, a mencionada recuperación do importe deixado de percibir non se lle aplicará ao persoal que percibise a liquidación correspondente á paga extraordinaria, así como a paga adicional do complemento específico ou pagas adicionais equivalentes, correspondentes ao mes de decembro de 2012, ou ao que se lle aboase por execución de sentenza xudicial firme ou por calquera outra causa. No caso de que a contía liquidada for inferior á recuperada en virtude deste precepto, reintegraráselle pola diferenza.


O que din van pagar máis adiante

Anunciaron que máis adiante, no propio 2015, devolverían a outra metade da parte recoñecida pola Xustiza: para persoal funcionario outros 22 días en paga extra e 7 días en paga adicional e para persoal laboral outros 7 días en paga extra e tamén en paga adicional. De novo as mesmas porcentaxes.

Ben, e o que falta ata os 180 días do que supón o devengo total da paga extra e adicional de decembro de 2012? Esa parte, aínda que non a recoñece a Xustiza, anunciaron que hai vontade política de devolvela pero a partir de 2016 e estaría todo devolto no 2017 (segundo última reunión de 23 de decembro). Porén, non hai datas concretas nin, loxicamente, orzamento disposto. Para eso crearán vía Lei de Emprego Público o famoso "fondo retributivo".


Non pensan devolver:
  • a diferenza que desde 2010 existe no soldo e trienios das pagas extras con relación ao soldo e trienios dun mes normal
  • as pagas adicionais deixadas de percibir desde 2013 en xuño e decembro, que representan o complemento específico ou equivalente para persoal laboral.
  • calquera clase de xuro ou desvío co IPC.

Pretenden restituirnos algunha vez as pagas extras completas, ou sexa exactamente o dobre dun mes normal? NON
  • Anuncian que para 2018 sexa completamente restituída esa paga adicional xunto coas pagas extras (comezarían no 2016, aumentando 1/3 da paga adicional cada ano).
  • Pero non hai vontade política de que os compoñentes de soldo e trienios das pagas extras volvan a ser iguais aos de un mes normal (isto deberíao facer o Estado) nin de compensar esa diferencia por lei autonómica.
 Referencias normativas
  • Disposición Adicional 17ª da Lei de Orzamentos para 2015 publicada no DOG 30/12/2014:  fala de recuperar en 2015 directamente a metade da parte devengada da paga de decembro de 2012.
  • Disposición Transitoria 11ª do Proxecto de Lei de Emprego Público  (está iniciando agora o trámite parlamentar e que non é definitivo nin se coñece exactamente a data de aprobación e publicación):  fala de recuperar o resto da parte devengada tamén en 2015 e de crear un fondo retributivo que recollerá nun máximo de 3 anos as cantidades precisas para recuperar 1) o resto da paga extra de decembro de 2012 (parte non devegada) e 2) a reposición das dúas pagas adicionais do complemento específico ou retribucións equivalentes.


Ningún comentario:

Publicar un comentario