venres, 5 de decembro de 2014

Feijóo volve a utilizar aos empregados públicos como cortina de fume



A recuperación económica chegou por fin ao persoal das Administracións públicas? Feijóo anunciou onte tralo Consello que porá enriba da mesa 350 millóns de € para recuperar  progresivamente a paga extra de 2012 e as pagas extras completas no 2018.
Son moitas xa as mentiras e decepcións, concursos e promocións internas que custa moitísimo menos e non sacan, ou unha lei de medidas que sigue en vigor. Perdoe, pero ata que non vexamos o diñeiro transferido ás nosas contas, non o creremos. Recordamos, ademais que desde 2015 a 2018 poden cambiar moitas cousas e a estabilidade orzamentaria vai seguir marcando o que poderemos recuperar ou non. Porén, durante todos estes anos vimos como seguía habendo cartos, e non se recortaron, para o que lles deu a gana. De todos os xeitos segue resultando un agravio que na Administración Xeral do Estado o persoal nunca se lle recortou o complemento específico das pagas extra e teñen xa agora, o que nós, con sorte, conseguiremos no 2018. É isto unha boa nova?

Este anuncio coincide coa aprobación do modificado proxecto de Lei de emprego público de Galiza (a nova Lei de Función Pública), do que sentimos non poder achegarvos texto porque non nolo facilitaron. As modificacións veñen fundamentalmente neste anuncio de recuperación a medio prazo das nosas nóminas  e na supresión do plus dos altos cargos.
Estas dúas cuestións, sobre todo a primeira, sería lóxico tratalas primeiro nunha Mesa Xeral, pois supón cambios sobre o texto aprobado, en solitario pola Administración, na Comisión de Persoal. Pero parece que da igual, venden e amosan os nosos dereitos en público como se da inauguración dunha nova Cidade da Cultura se tratase.
Algo normal como debera ser o reintegro das cantidades adebedas, Feijoo vai e o converte nun tema estrela de interese nacional. Comprendemos que o nivel dos Consellos non é moi alto e calquera cousa vale, pero seguro que ás galegas e galegos lle alegraría máis que un día saíse anunciando que imos recuperar “paulatinamente” todos os servizos públicos privatizados ou recortados, mesmo que vai repoñer os postos públicos amortizados.

Por desgraza, na súa mediocridade sabe darlle á xente o que quere escoitar, que aínda imos ser uns privilexiados por querer cobrar por traballar e por demandar o que se nos debe. Sabe tamén rendabilizar durante 4 anos e no medio dun período electoral a devolución do que é noso. En fin, o verdadeiro aguinaldo non eran os 200€ que nos ía devolveren xaneiro de 2015 senón os outros 200€ que non agardábamos. O que non queda claro, moi ben, é se eses 400€ van ser en xaneiro ou ao longo do 2015.

Mesturalo coa nova Lei de Función Pública non é circunstancial, aquí nos meten pau e cenoria; de novo enfocando que a cambio de facer unha avaliación do desempeño, danos pasta (que é nosa!). Neste punto hai que insistir que trata de ocultarlle á cidadanía o que ten de malo este proxecto: uns servizos públicos non para todos, senón para a casta e as súas corruptelas (persoal directivo, asesores políticos e estómagos agradecidos). Recordemos que unha avaliación de parámetros subxectivos (esforzo, interese, iniciativa) de carácter político da que depende o noso nivel e a nosa nómina vai facer que os persoal estea aínda máis atado que a través das comisión de servizo actuais.

Conforme vaiamos recuperando o que nos debe, pois non deixamos de ser outro acredor máis, igual procede dicir aquilo de "nin perdoamos, nin esquecemos", mentres tanto... isto non deixa de ser "paxaro voando".

Descargar formato CIG-Informa

Ningún comentario:

Publicar un comentario