martes, 2 de decembro de 2014

Por un comité con forza e independente - VOTA CIG

Estes últimos catro anos foron moi difíciles para o persoal laboral. Partindo dunha situación brutal de recortes laborais e económicos, durante este tempo tivemos que sofrer aínda máis recortes económicos, aquela paga extra do 2012 e os recortes na parte equivalente ao complemento específico nas nosas extras actuais, ademáis da conxelación do resto de conceptos salariais. Mentres a vida sobe e nós temos que afrontar máis con menos. Tamén perdimos moitísimos dereitos do noso convenio por culpa daquela Lei de Medidas.

Pero se temos que destacar algo como mostra máis significativa dos ataques ao persoal laboral, ao longo deste tempo, podemos dicir que foi o ERE que efectou a Consellaría de Traballo e Benestar que se levou a cabo na primeira metade de 2013. Esta agresión aos Servizos Públicos representou a destrución de 129 postos de traballo e o despedimento de 59 laborais da Xunta de Galiza. Unha grande parte deles eran compañeiras e compañeiros dos Servizos Centrais, da desmantelada Unidade da Dependencia que estaba en Área Central e persoal tamén da Consellaría.


A CIG estivo aí, ás veces contando co apoio puntual doutras organización, mais moitas veces sos, pero estando sempre aí, escoitando á xente, sendo os voceiros contra a inxustiza, defendendo ao persoal traballador público. Estivemos protestando en Área Central, empapelando a porta de entrada, promovendo peches, facendo asembleas e berrando contra a inxustiza. Tamén estivemos en San Lázaro protestando contra estes despedimentos e apoiando calquera iniciativa que xurdira en contra desta agresión, porque por riba das formalidades ten que estar a loita da clase traballadora. Estivemos si, ás veces apoiando plataformas de empregados públicos que querían manifestar a súa protesta, ás veces acompañados puntualmente por outras organizacións, ás veces promovendo protestas a través dos órganos de representación, pero sempre botamos de menos un maior compromiso por parte do resto de sindicatos. Sobre todo, cremos que a dirección do Comité de Empresa non estivo á altura e que faltou unha maior implicación pola súa parte.

Dende a CIG faríamolo peor ou mellor, pero dimos a cara SEMPRE.

O comité ten que ser capaz de responder perante estas agresións, non se pode agochar. Dende a CIG queremos ser a maioría que te represente porque queremos facer as cousas de outro xeito, non nos imos quedar sentados mentres despiden a compañeiras e compañeiros, imos loitar e estaremos sempre enfronte da Administración, ímoslles plantar cara.


Non somos uns iluminados pero, cando xurdan os problemas, estaremos aí.

Por todo isto, entendemos que a mellor proposta para o noso Comité de Empresa é a que a CIG representa, con respecto e compromiso co persoal laboral e coa dignidade que cremos que ten que ter calquera representante das traballadorase e traballadores públicos.

O xoves, 4 de decembro, unidade e forza: VOTA CIG

Candidaturas da CIG ao Comité de Empresa de Servizos Centrais

Ningún comentario:

Publicar un comentario