venres, 30 de xaneiro de 2015

A conselleira Beatriz Mato ou minte ou descoñece a grave situación que están a sufrir os usuarios e o persoal de todos os centros de Traballo e Benestar

Ante as declaracións da conselleira de Traballo e Benestar nas que afirma que as protestas contra as quendas de traballo abusivas e machacadoras só se refiren a dous centros da provincia de Coruña (R.M. Oleiros e R.M. Torrente Ballester), por parte do Comité de Empresa de Traballo e Benestar da Coruña, e acolléndose ao dereito de réplica,  remítennos a seguinte reseña informativa:

"Durante o ano 2014 as protestas do persoal laboral foron xeneralizadas e visibles en todos os centros da provincia da Coruña contra as quendas de traballo con imposición de xornadas abusivas, machacadoras e temerariais, a escasez de persoal e a falta de cobertura do persoal de baixa.

O persoal tamén ten denunciado a escasez e deterioro do material co que se traballa, o recorte na disposición de cueiros ata só 3 por persoa e día (1 só pola noite) e as graves deficiencias e carencias das infraestruturas de moitos destes centros.

Carta de agradecemento ao Presidente da Xunta pola paguiña extra de xaneiro

Estimado Sr. Presidente,

Queremos transmitirlle a nosa máis sincera gratitude por ter cumprido a súa promesa para cos seus traballadores e traballadoras públicas respecto da devolución da paga extra de 2012. Comprendimos xa no seu momento e seguimos comprendendo agora que suspender temporalmente o abono daquela paga extra era un mal menor para nós para que o país poidese saír da crise e alcanzar as cotas de esplendor das que hoxe en día xa disfrutamos. Sabe que sempre terá a súa disposición as nosas nóminas para o que precise.

Agora ben, e xa aproveitando a confianza que nos une, sendo vostede tamén compañeiro funcionario e estando tan ben relacionado con grandes emprendedores como Marcial Dorado, a familia Baltar, Pablo Crespo ou Gerardo Crespo, gustaríanos que nos transmitise algún consello sobre no que poder investir as xenerosas cantidades que tivo a graza concedernos. Así mesmo, e mentras tanto, gustaríanos saber se poderíamos usar a valixa interna do seu partido para manter o diñeiro a bo recaudo nalgún banco suízo ou calquera outro país no que, haxa ou non neve, sexa do agrado do Presidente.

Sen máis, reciba un caluroso e afectuoso saúdo.



Os cartos que aínda nos debe a Xunta: asembleas nos Servizos Centrais

Xa conseguimos que nos devolvan de oficio a metade do que os xulgados nos recoñecen con respecto á paga extra de 2012 pero que pasa coa outra metade? E coas reclamacións xudiciais da paga extra do 2013? A CIG ten gañadas demandas que recoñecen o dereito a cobrar a parte devengada do complemento específico da paga extra de xuño de 2013, ou sexa, a loita nos xulgados non rematou.

Por outra banda, unha cousa é o que nos din que imos recuperar nas extras e outra o que está escrito. Falaremos do que informan que imos recuperar, do que só recuperaremos nos xulgados e do que non pensan pagar se non facemos nada, así como do escaso reflexo normativo de tanta promesa.

xoves, 29 de xaneiro de 2015

Que é o TTIP e como afectará aos nosos dereitos

O TTIP é o acrónimo en inglés do Tratados de libre comercio entre a Unión Europea e os estados de América do Norte. Este tratado comezou a negociarse en segredo vai uns anos entre as principais multinacionais e a UE. Basicamente trata de flexibilizar a lexislación europea en materia laboral, medioambiental e de seguridade alimentar para que as multinacionais americanas poidan ter un mercado completamente dispoñible no vello continente, mesmo nos grandes servizos públicos da sanidade e educación.

A CIG vén de iniciar este mércores en Vigo unha campaña informativa para divulgar os seus contidos e consecuencias. Na primeira fase desta campaña,  ata o 24 de febreiro, convocamos actos abertos nas 7 cidades galegas. Acude e descobre máis sobre como che pode afectar este tratado na túa vida diaria.

Función Pública vai chamar das listas de substitución para o Servizo Público de Emprego

A semana pasada facíamonos eco no noso Facebook e correos informativos da seguinte nova: "Pese aos esforzos, a cada xestor do Servizo Público de Emprego 'tocaránlle' 442 parados". Nesta nova falábase da contratación de 120 empregadas e empregados públicos interinos interino para reforzar o Servizo Público de Emprego con cargo a fondos da UE.

Con estes profesionais reforzaríase "un equipo de case 450 xestores que se reparten polas 55 oficinas de atención distribuídas por toda a comunidade, aos que se suma unha cifra máis modesta na Consellería de Traballo, os seus servizos centrais".

Na Consellaría de Traballo confirmáronnos o anterior e precisaron que se trata dun total de 131 contratacións (75 orientadores e 56 técnicos/as de emprego). Os chamamentos faranse a través das listas de contratación que regula o Decreto 37/2006, concretamente das listas do A2. Non indicaron nada de esixir unha titulación específica coma no caso do último chamamento para plans de orientación laboral.

mércores, 28 de xaneiro de 2015

Medio Rural amortizará 130 postos de traballo en plena "recuperación económica"

A estes 130 postos únense os 86 xa amortizados no 2013

Desde os Gobernos do PP teñen unha gran obsesión eleitoral con que xa estamos na "recuperación económica" cando nas súa política de persoal dentro das Adminsitracións non vemos máis que axustes e amortizacións. Isto é así porque realmente non hai ningunha recuperación que valla e iso o sabemos ben a xente do común.

Unha nova proba desto na Xunta de Galiza é a proposta que nos remitiu a Consellaria de Medio Rural para modificar, de novo, a súa relación de postos de traballo (RPT).  Nesta documentación propoñen a amortización de 130 postos por valor de 3,2 millóns de €. Dentro destes hai de todo: peóns do servizo contra incendios,  técnicos/as investigadores, limpadores/as, oficiais agrarios, persoal veterinario, enxeñeiros/as técnicos industriais, persoal administrativo... de todos os niveis (postos base, negociados, seccións) e condicións (persoal laboral e funcionario).

O sistema é perverso: deixan sen cubrir as vacantes (nin as ofertan publicamente, nin chaman das listas) porque contratan os servizos necesarios con asistencias técnicas como TRAGSA ou empresas privadas coma Natutecnia, por exemplo. O que non gastan no capítulo I de persoal propio gástano polo capítulo VI como "inversións reais" que na realidade son subcontratacións de persoal que acaban en sentenza de cesión ilegal. Estas contratacións son moito máis flexibles desde todos os puntos de vista, tamén desde o enchufismo e a corrupción, como estamos fartos de ver.

martes, 27 de xaneiro de 2015

Centenares de números da revista Medio Rural tiradas polas esquinas

Actualmente fican na entrada das oficinas de Medio Rural situadas no Camiño Francés nº10 en Compostela varias caixas do exemplar nº1 da revista oficial da consellaría; este número é de xullo-setembro de 2011.

Medio Rural iniciou a súa andainda da revista de información institucional homónima co chisco característico de autobombo propagandístico. A comezos de 2012, en plena voráxine da lei de medidas, atopáramos na entrada da consellaría (en San Caetano) uns cantos palés amontoados con centenares de exemplares do seu número 2 que cabrearon moitísimo ao persoal público. Decíase aquelo de "pídennos esforzos a nós para que eles poidan seguir despilfarrando".

Daquela mandarámos un escrito á consellaría e denunciáramos o feito. Xa que nos pedían esforzos a nós, que menos que as consellarías deixaran de gastar cartos en edicións impresas que logo nin sequera chegaban aos destinatarios. Nuns días desapareceron de alí. Porén, a Xunta de cando en cando segue facendo edicións impresas de publicacións que quedan amoroadas en corredores, arquivos e que non lee ninguén.

luns, 26 de xaneiro de 2015

A Xunta facilita que cargos do PP consoliden unha praza pública na Xunta

Levamos tempo denunciando o Decreto de Integración a través do cal o persoal laboral fixo dos chiringuitos acaba converténdose en persoal laboral fixo da Xunta de Galiza sen ningunha proba adicional e conservando durante 6 anos as súas retribucións superiores do ente extinguido. Tan só teñen que ter pasado un proceso selectivo nos chiringuitos que cumpra os principios de "igualdade, mérito, capacidade e publicidade". Pero claro, aquí é onde vén a trampa, pois dos principios á realidade hai un bo treito.

Nos chringuitos priman os procesos selectivos de currículum e entrevista no canto de varias probas que garantan dun xeito obxectivo un coñecemento profesional da Administración. Non había, polo tanto, unha homologación cos procesos selectivos realizados a través da Función Pública para ser persoal laboral ou funcionario da Xunta de Galiza, nin en temario, nin en probas, nin en dificultade.

Estes procesos de integración son do que máis rápido se move na Función Pública galega, como se houbese un interese oculto en deixalo todo atado e ben atado. E non esquezamos que posteriormente virá o proceso de funcionarización e de aí o salto aos postos de maior responsabilidade como xefaturas de servizos ou subdireccións xerais. Entre toda a cantidade de xente que entra, atopamos tamén cargos políticos do PP, como destapaba este domingo El País.

As retribucións ocultas de quen tamén cobra do público pero que non son públicas

Nas diferentes leis de Orzamentos aparecen sempre publicadas as retribucións de todo o persoal ao servizo da Comunidade Autónoma. Para esta ano 2015 foi no DOG do 30/12/2014 e, de novo, non experimentan ningún incremento con respecto ás vixentes o 31 de decembro. O da "recuperación económica" das traballadoras e traballadores públicos, como a da maioría da cidadanía, é unha ilusión para animarnos a gastar o que non temos... e logo diranos de novo que vivimos por riba das nosas posibilidades. A recuperación económica só é unha realidade para as grandes empresas e a banca.

A principios do mes de xaneiro publícanse as instrucións para confeccionar as nosas nóminas, que de novo volven ser publicas (DOG 21/01/2014). Nestas instrucións pódese comprobar ao detalle o que cobra unha traballadora ou traballador público galego. Non se pode decir o mesmo das asistencias técnicas, asesores, enchufados, conseguidores e outra xente que cobra do público pero sen ser público.

Unha recente nova na prensa cifraba en 6000 tan só o persoal asesor político en autonomías, diputacións e concellos. Na parte que nos toca, o Presidente da Xunta négase a limitar o seu custo; a Xunta gasta actualmente case 5,8 millóns de € neste concepto. Por outra banda, aínda que lle obriga a Lei de Transparencia, seguen sen publicar no web da Xunta as retribucións de todo o persoal eventual, tan só o que ocupa os cargos de xefatura de prensa e gabinete.

Denuncian no xulgado á conselleira de Facenda por morosa

A denuncia presentada nos xulgados reclama o pagamento das subvencións para o funcionamento dos comités de empresa que a consellaría debe a cada comité a razón de 540€/ano desde o 2013.

Os Comites de Empresa de Traballo e Benestar da Coruña e de Pontevedra, presentaron senda demanda por impago da subvención correspondente ao ano 2013. A representación do persoal laboral presentou demanda en materia de reclamación de cantidades contra a Dirección Xeral de Orzamentos da Consellería de Facenda da que é titular Elena Muñoz.

Os comités de empresa teñen establecido por Convenio o pago dunha subvención anual para gastos de funcionamento e desprazamentos pero a Consellería de Facenda deixou de ingresar esta axuda no ano 2013 e dende aquela non cumple co estipulado nas disposicións legais. Sin dar explicacións e dun xeito oscuro e torticeiro o departamento que dirixe Elena Muñoz, adeuda esta subvención aos comités de empresa sin coñecerse a que responde este impago ou a que outros menesteres se dedican estas cantidades que aparecen orzamentadas anualmente pero que dende o ano 2013 non se efectivizan.

venres, 23 de xaneiro de 2015

Outro ano de máis solicitudes que prazas dispoñibles nos cursos da EGAP

Nos borradores da promoción interna, a Función Pública levaba unha novidade con relación aos cursos de formación que anunciaban o que pretenden que sexa a tónica xeral de agora en diante en concursos de traslados e nas fases de concurso dos procesos selectivos: que os cursos de formación caduquen (neste caso falaban de 8 anos).

Esta proposta era polémica polos cursos afectados: todos menos os de persoal directivo, xefatura de sección ou negociado. Ata resultaba chamativo que caducasen os de idiomas, ou que pasasen en 8 anos de valer todo a non valer nada calquera outro curso de calquera outra materia. 

Pero máis polémica é polo momento na que o presentan: nun momento de recortes en formación, ou tímida recuperación, no que sempre hai máis solicitudes que prazas, sobre todo nos cursos máis demandados que son os que permiten unha maior promoción profesional. Así pois, a xente non ten oportunidade de actualizar os seus coñecementos. Será que a EGAP gasta demasiado en xornadas de tinte político no que tentan convencernos do inconvencible ou de publicacións innecesarias.

O 22 de xaneiro, na última reunión do Consello reitor da EGAP,  falouse desto, entre outras cuestións que a directora da EGAP dedicouse a ler unha por unha das páxinas do powerpoint de presentación da reunión.

Novas bolsas de formación para cubrir a falta de persoal propio na Xunta

Volve a carga a Dirección Xeral de Comercio cunha nova convocatoria de 4 bolsas de "formación". Nesta dirección xeral hai un total de 17 traballadoras e traballadores públicos.

No DOG do 23 de xaneiro publícase a convocatoria de 4 bolsas de “formación” na Dirección Xeral de Comercio. As ditas bolsas veñen convocándose con periodicidade anual desde o ano 2008 cun número variable tanto en persoas bolseiras como retribucións. Actualmente, e consonte á Orde da convocatoria,  as retribucións son de 10.800 € anuais e súmanselle outros 500€ en concepto de cotas á seguridade social.

Non se trata dunha situación puntual, senón dunha continuidade na situación de falta de persoal propio. Esta situación non tiveron a vontade de solucionala a través da creación deses 4 postos máis que fan falta na súa relación de postos de traballo; preferiron serguir traendo "man de obra barata". Evidentemente a Xunta continúa mantendo as condicións para denunciar por cesión ilegal e fraude laboral cuxas consecuencias económicas acabará asumindo a cidadanía.

luns, 19 de xaneiro de 2015

O cachondeo das porcentaxes na recuperación das pagas extras de 2012

A devolución da paga extra expropiada en decembro de 2012 está sendo unha auténtica trapallada eleitoral, a cachos, de palabra e con fortes imprecisións. Primeiro dinnos unha cousa, logo outra e no texto legal e ata nas instrucións publican cousas diferentes. 

En primeiro lugar,  en xaneiro non imos cobrar o 12,5% do total desa paga extra, senón a metade da parte devengada ata a entrada en vigor do recorte, que é menor e diferente segundo persoal laboral (sobre o 4%) ou persoal funcionario (sobre o 10%). A rareza destes números débese á diferenza na naturaleza do devengo do concepto de paga extraordinaria de decembro para o persoal laboral (de xullo a decembro) e para o persoal funcionario (de xuño a novembro).

Por outra banda, aínda que na práctica soese considerar a paga extraordinaria como a totalidade do que excede dunha mensualidade ordinaria, na teoría estamos falando de dous conceptos diferentes: paga extraordinaria e a paga adicional (a que retribúe o complemento específico ou equivalente para persoal laboral); esta última ten un devengo de xullo a decembro.

A Xunta agradece a Roberto Blanco Valdés os “servizos prestados”

Segundo podemos ver no DOG de hoxe, 19 de xaneiro, o presidente Feijóo agradece os servizos prestados no Consello Reitor da EGAP. Semella que o gran ideólogo da Voz de Galiza e entusiasta defensor dos postulados do Partido Popular (dende a súa “independencia ideolóxica”, ollo) xa cansou de vir un par de veces ao ano a Fontiñas para asinar o que lle poñan diante.

Non é o primeiro cholliño oficial que lle fai á Xunta, xa dende o ano 1993 leva participando en multitude de tribunais, porque o tipo este controla moito de constitución e tamén lle teñen saído outros chollos, como participar en nome da Consellaría de Educación en comisións galegas de non sabemos ben que, sen ir máis lonxe.

O que nos fai graza é, aínda que non sexa máis que unha simple formalidade que se adoita a pór no apartado de Autoridades e Persoal do DOG, que a Xunta agradeza formalmente os seus servizos prestados. Na realidade é que os seus servizos prestados á Xunta actual son moitos e moi diversos, o pasado 9 de novembro, sen ir máis lonxe, manifestouse pola legalidade democrática en contra do referéndum de Catalunya, xunto con persoaxes tan folclóricas como Paco Vázquez, Gloria Lago, etc. Pediron que se sacasen a pasear os tanques polas Ramblas de Barcelona porque, que quede claro, iso é moi legal que o ampara a Constitución Española.

Pero con respecto ao que máis nos afecta, a personaxe esta sempre foi un acérrimo defensor das políticas neoliberais que o PP aplica nas Administracións Públicas e na sociedade en xeral. Todo recorte está xustificado, hai que adelgazar as administracións públicas, sobran funcionarios, vivíamos por riba das nosas posibilidades, gastábamos máis do que tiñamos, etc..

Persoal subcontratado: non lles importa pagar máis cando a irmá de Feijóo é un cargo importante da empresa

A finais do ano pasado aprobouse a Lei estatal da transparencia, acceso á información pública e bo goberno, neste último aspecto queríamos centrar a nosa reflexión.

Todos coñecemos (e se somos traballadoras e traballadores públicos aínda máis) o acusado descenso de contratacións de personal para os servizos públicos; todos sabemos como estaban as urxencias neste Nadal por falla de persoal sanitario, tamén vemos que non se chama a case ninguén das listas de contratación da Xunta, o persoal docente imparte materias que nada teñen que ver coa súa especialidade; e todo para un suposto aforro no gastos de personal, que está blindado, e segunde levan vendendo durante 5 anos é cáseque o culpable de todos os males do país.

Pero o traballo hai que facelo, e grazas a esta cerrazón en contratacións, a única maneira (ás veces buscada polo propio político neoliberal) de tirar para adiante é facer contratacións externas, revestidas de gastos de investimento, onde parece que o mar non ten cancelas e se segue a gastar sen miramento ningún partidas que sairía moito máis barato asumilas con contratacións propias (non habería que pagar o IVE nin o beneficio empresarial do contrato de servizos).

venres, 16 de xaneiro de 2015

La Voz de Galicia participou no acoso a un funcionario que denunciou a operación Pokemon

Segundo informou Galicia Confidencial o pasado 14 de xaneiro, o xefe de  bioloxía do acuario da Coruña foi declarado testemuña protexida pola xuíza Pilar de Lara, debido ao acoso deste medio de comunicación. Este funcionario é testemuña chave da trama da operación Pokémon neste concello, onde hai perto de 20 implicados relacionados con esta administración municipal gobernada polo funcionario en excedencia da Xunta de Galiza, Carlos Negreira.

Pódese consultar a información aquí:


Sen entrar nos detalles da detención por parte da Policía Local de Ferrol, gobernada tamén polo PP, si que entendemos que debemos de entrar un pouco a analizar esta actuación en concreto do principal xornal do noso país.

La Voz de Galicia, tamén é o medio de comunicación que mais subvencións recibe por parte da Xunta e tamén é o medio que máis interese adoita a mostrar en novas de grande interese para a cidadanía galega, como son a flexibilidade horaria do persoal da Xunta, o horario de verán e o absentismo das empregadas e empregados públicos, sen ir máis lonxe.

Utilizan as tomas de posesión para destruír emprego público: caso Arquivos (subgrupo A2)

O pasado venres día 9 a Dirección Xeral da Función Pública trasladou para alegacións a proposta de prazas que se ofertarán para as tomas de posesión do novo persoal funcionario da escala de arquivos (grupo A2). A dita proposta contemplaba as seguintes prazas:

CENTRO-LOCALIDADE
Vacantes
Ofertan
Ocupadas interinamente
Arquivo de Galiza-Compostela
3
1
0
Arquivo do Reino- A Coruña
3
2
1
Arquivo Histórico Provincial-Lugo
1
1
1
Arquivo Histórico Provincial-Ourense
1
1
1
Arquivo Xudicial- Lugo
1
1
1
Arquivo Xudicial- Ourense
1
1
1
Arquivo Territorial- Lugo
1
1
1

Máis tarde, grazas á presión conxunta da CIG, dos corpos técnicos e das direccións de centros engadiuse unha praza máis, procedente do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra (vacante).

O que estamos a ver é que ofertan todas os postos ocupados por persoal interino pero deixan sen ofertan vacantes puras coma as dúas do Arquivo de Galiza en Compostela ou unha no Arquivo do Reino de Galiza na Coruña. Estes tres postos figuran para amortizar na última proposta de RPT de Cultura; unha proposta que se fai para os sós efectos de destrución de emprego público (non crean nin un só posto).

Instrucións de Facenda para a devolución da primeira "paguiña" da extra expropiada no 2012

Nos servizos de persoal xa dispoñen das instrucións conxuntas da Intervención Xeral e máis da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos para a aplicación na Xunta do disposto na Lei de Orzamentos 2015 en canto á recuperación da metade da parte devengada da paga extra de decembro de 2012. 


Estas instrucións desenvolven o recollido na Disposición Adicional 17ª da Lei de Orzamentos mais resultan innovadoras no referente ao persoal que xa non se atope na mesma  consellaría, entidade ou organismo que  no 2012. Nestas instrucións non se especifica que sexa necesaria a solicitude da devolución para esta clase de persoal, senón tan só para o persoal que xa non estea en servizo activo.


Que é o que imos cobrar en xaneiro

xoves, 15 de xaneiro de 2015

Publicadas as bases das axudas para os traballadores que se acollan á redución de xornada para o coidado de fillos/as

As persoas solicitantes deberán terse acollido á redución entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014

Publicouse no DOG do 15 de xaneiro a convocatoria das axudas económicas para os traballadores e as familias monoparentais que, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014, tivesen unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado da súa filla ou fillo. O prazo para a presentación remata o 20 de febreiro.

Poderán beneficiarse destas axudas:

martes, 13 de xaneiro de 2015

O compañeiro Alberto Núñez Feijóo: vida, obra e milagres dun sindicalista

Estes días está o compañeiro Alberto Núñez Feijóo erexíndose como máximo defensor da clase obreira en calidade da súas humildes orixes. Traemos a colación aquel mítico boletín de maio de 2012 sobre o "Feijóo sindicalista", de aí o de compañeiro. Outro día profundizaremos no "Feijóo bombeiro"...

Ninguén lle pode negar a súa orixe humide pero tardou en pisar moqueta o que lle levou chegar á Xunta de interino. Unha vez na Xunta, a verdade é que o de sindicalista duroulle ben pouco. De feito, o seu interse era puramente corporativista, defensor da súa situación laboral particular, xunto co seu colega Carlos Negreira, actual alcalde da Coruña.

Rapidamente deuse conta que por aí non ía chegar a ningures e arrimouse ao poder do que ata o día de hoxe non se separou. Nese coqueteo co poder cometou varios erros tácticos como acabar subindo ao barco que non debía pero pronto encauzou o seu rumbo como gran líder das clases populares.

luns, 12 de xaneiro de 2015

Aberto o prazo de solicitude do aboamento anticipado de deducións por familias numerosas e persoas con discapacidade

A partires do 7 de xaneiro poderase solicitar na Axencia Tributaria a dedución no IRPF actualmente en vigor para quen teña ao seu cargo menores de 3 anos, por parte das familias numerosas e/ou con diversidade funcional


A solicitude poderase presentar por internet ou teléfono, a partir do 7 de xaneiro e presencialmente dende o 3 de febreiro, en calquera oficina da Axencia Tributaria, logo de formalización na web da Axencia, impresión e sinatura por parte das persoas solicitantes.

venres, 9 de xaneiro de 2015

A promesa eleitoral da funcionarización de novo á palestra xornalística

O Faro de Vigo iniciou a comezos deste ano un especial titulado "Novo escenario para os traballadores públicos" que analiza as supostas novidades do proxecto de Lei de Emprego Público de Galiza. Na primeira publireportaxe centrábase na polémica da avaliación do desempeño, na segunda na propaganda eleitoral de Feijóo sobre a funcionarización; desta volta menos destacado na portada, pero, curiosamente, xerou máis rebumbio entre o persoal.

Queremos darlles estabilidade pois lles pedimos un esforzo e gustaríame que ao menos a fixeza no seu posto de traballo sexa unha fixeza amparada pola lei. Non coñezo a ningunha comunidade que fixera isto. Ao empregado público hai que mandarlle unha mensaxe. O Goberno do PSOE rebaixoulle o salario nun 5%, leva tempo sen que se actualice o seu salario e o Goberno central de novo formula non pagar a extra de decembro... Eu non teño recursos pero teño que ver que podo facer polo empregado público e esta é unha das respostas. (Alberto Núñez Feijóo nunha entrevista ao Faro tras gañar as últimas eleccións)

A realidade é que deste tema non hai nada novo, pois xa figuraba na vixente Lei de Función Pública desde o 2007. O único que existe é unha nova redacción que recolle a Disposición Transitoria Primeira para o persoal laboral fixo que realice funcións ou desempeñe postos de traballo de persoal funcionario do que, recordamos, aínda é só un proxecto de Lei remitido ao Parlamento. O de que "vai convocar" ou "se compromete" non deixa de ser máis que fume, como calquera outro ámbito da Función Pública que non se refira a recortes sobre os nosos dereitos. 

Remata o ano dos concursos mais tamén o ano das comisións de servizo

No 2014 foron un total de 1054 comisións de servizo as que se tramitaron, 577 prórrogas, 19 revogacións e 96 as adscricións provisionais. Estes son datos para persoal funcionario, que son os únicos que Función Pública ofrece de xeito informatizado. Tralas sucesivas resolucións e tomas de posesións dos diferentes concursos de traslados fóronse producindo diversos picos nas tramitacións de novas comisións de servizo. Cómpre recordar que no 2014 resolvéronse, non sen tempo, os concursos de administración especial, administración xeral, escala de finanzas e escala de informática.

Con estes números cabe preguntarse para qué vale un concurso de traslados. A realidade é que o concurso de traslados non vale de moito cando se fai cada lustro e non cada ano. É máis, nunha Administración moderna e racional, o que debería imperar sería o concurso de traslados permanente, no que sairíamos gañando o 99%, incluíndo a propia cidadanía.

No referente ao último mes do ano pasado, temos 48 comisións novas por 64 que tivemos o mes de novembro; de prórrogas de comisións de servizo fixéronse 79 por 39 de novembro; houbera 62 en outubro. Adscricións houbo tan só 3 e revogacións ningunha.

O funcionamento electoralista e caótico da Consellaría de Traballo e Benestar a respecto da Axencia Galega de Servizos Sociais

A consellería, PARA AFORRAR DIÑEIRO PÚBLICO EN CANTIDADE E CALIDADE, quer integrar na Axencia Galega de Servizos Sociais (AGSS) ás Escolas Infantís, Residencias de Maiores, Centros de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPDs) e Centros pertencentes aos Consorcio Galego de Servizos Sociais.

Como as cousas importantes, a Xunta as move, e móvese en función da PROXIMIDADE DAS ELECCIÓNS, decidiu que xa era hora de mover algo da Axencia xa que vai haber Eleccións Municipais o 24 de maio. Pasaron xa dous anos. A Consellería enviou en dous anos tres borradores aos Sindicatos, PARA NADA.

E agora empezan as presas, e como as cousas non están feitas, van funcionando sobre a marcha. Iso sí, SEN INFORMAR AOS SINDICATOS, AO COMITÉ INTERCENTROS, E AOS TRABALLADORES AFECTADOS.

Así acontece que estes días traballadoras e traballadores das ESCOLAS INFANTÍS, reciben un escrito ca BAIXA da súa Empresa -que é a Xefatura Territorial de Traballo e Benestar- na Seguridade Social o 29 de decembro do 2014, e reciben outro escrito que é a ALTA da Axencia Galega de Servizos Sociais o 1 de xaneiro do 2015 na Seguridade Social. Algún escrito explicativo? NON.

xoves, 8 de xaneiro de 2015

Transparencia nos convenios públicos

Que si, está moi ben publicar o nome, data e cantidade económica cada 4 meses no DOG, pero mellor sería publicar o convenio en si e o resto do expediente.

Son moitos os convenios que en todo un ano asinan as Administracións e moitos os cartos públicos que flúen por esta vía. En varias ocasións, temos visto algúns realmente chocantes pola entidade ou pola finalidade coa que se asina, pero pouco máis podemos saber porque non temos acceso ao convenio en si. Dos máis criticados polas traballadoras e traballadores públicos resultan os realizados cos medios de comunicación para “promover campañas informativas de publicidade e comunicación institucional". Nestes convenios a única colaboración é que a Xunta paga e o medio publica o que lle mandan.

Nesta época na que tanto se fala de "rexeneración democrática", bótase en falta un auténtico "portal da transparencia" no que, por exemplo, haxa información completa dos distintos convenios subscritos polas diferentes Administracións, a súa xustificación e o seu resultado.

mércores, 7 de xaneiro de 2015

A flexibilidade laboral na Xunta "por se acaso" pero o teletraballo nin de broma

A Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa remítenos os datos de flexiblidade e teletraballo a 31 decembro de 2014, con moi escasas variacións sobre os últimos achegados con efectos de 30 de novembro de 2014.

O 3 de xaneiro La Voz publicaba unha nova titulada "Flexibilidade laboral na Xunta pero só por se acaso" no que falaba de que eran 7.300 as persoas (das 17.000 que traballan na Xunta) as que se acolleron a este réxime de horario de traballo. Algo nos facía sospeitar que a remisión dos datos por parte da Xunta podía estar próxima.

Desta volta o enfoque é ben curioso porque tal e como comenta a nova parece que a/o xornalista estivo facendo preguntas por ata 3 servizos da Consellaría de Educación en San Caetano. Certo que non é unha variada e  ampla mostraxe pero consideramos unha lástima que non se lle dera á Voz por preguntar sobre como funciona a Administración autonómica, as súas carencias, no que pode e debe mellorar na prestación dos servizos públicos, os seus casos de corrupción... "por se acaso" lle interesa máis á cidadanía.

Instrucións de devolución da paga extra 2012

O BOE publicou xa o venres, 2 de xaneiro, as instrucións para facer efectiva a devolución do 24,04% da paga extra de Nadal de 2012 a todo o persoal do sector público estatal.


A Xunta non só segue tratándonos como traballadoras e traballadores públicos de segunda, senón como parv@s. Sae na Lei de Orzamentos galegos que na realidade van a devolvernos menos do que din e sae no BOE que a Administración Central vai pagar máis do que vai pagar a Xunta, o mesmo ao persoal laboral e ao persoal funcionario e confirmado xa para xaneiro. Porén, no DOG aínda non están publicadas as instrucións para facer efectiva a devolución neste mes que para a metade do persoal da Xunta non chegará nin ao 4% .

A dura realidade é a que recolle o texto da Lei de Orzamentos e mesmo o proxecto de Lei de Emprego Público. Esta última, e tal e como recolle na súa DT 11ª, tamén neste 2015 teñen intención de devolvernos a outra metade do que falta da parte devengada, o cal suporía case outro 4% para o persoal laboral e case outro 10% para persoal funcionario. E con sorte, xa que as últimas declaracións políticas falan de que "se intentará", aínda que tamén seguen falando dese 12,5% que non existe.

"Un exame avaliará aos funcionarios galegos que poderían perder o seu posto"

Faro de Vigo inauguraba este sábado, 3 de xaneiro, unha serie de reportaxes sobre o que vai trar consigo a nova Lei de Emprego Público de Galiza: "Novo escenario para os traballadores públicos(I)" De feito, abría a portada co seguinte titular: "Un exame avaliará aos funcionarios galegos que podería perder o seu posto". Tamén o podedes atopar na versión dixital pero só de pago.

Non entendemos onde está a novidade desta información xa que este aspecto do texto do proxecto de Lei non é novidoso e, aínda que con cambios, xa se viña falando deste tema durante todo o ano pasado. En calquera caso, o texto definitivo do proxecto de Lei foi remitido vai 2 semanas ao Parlamento e sería ese o momento de sacar algo e non agora.  

Curiosamente citan os argumentos da Consellaría de Facenda a favor deste modelo de avaliación pero cando falan da postura contraria dos "sindicatos" non din absolutamente nada dos argumentos de cada un deles. Curiosamente tampouco entran para nada en como será esa avaliación, nin que criterios seguirá. 

luns, 5 de xaneiro de 2015

Boikot comercial ao Leroy Merlin de Santiago de Compostela

Como traballadoras e traballadores temos moita forza pero como consumidoras e consumidores tamén. En ámbolos dous casos, a unión fai a forza. 

O que vos contamos hoxe é o que está pasando no Leroy Merlín de Santiago de Compostela e a nosa unidade fronte ao acoso a un compañeiro simplemente por loitar porque se respecten os dereitos laborais no seu centro de traballo. Vos decidides se queredes seguir apoiando económicamente esta empresa ou presionala para que respecten os dereitos laborais.