venres, 9 de xaneiro de 2015

A promesa eleitoral da funcionarización de novo á palestra xornalística

O Faro de Vigo iniciou a comezos deste ano un especial titulado "Novo escenario para os traballadores públicos" que analiza as supostas novidades do proxecto de Lei de Emprego Público de Galiza. Na primeira publireportaxe centrábase na polémica da avaliación do desempeño, na segunda na propaganda eleitoral de Feijóo sobre a funcionarización; desta volta menos destacado na portada, pero, curiosamente, xerou máis rebumbio entre o persoal.

Queremos darlles estabilidade pois lles pedimos un esforzo e gustaríame que ao menos a fixeza no seu posto de traballo sexa unha fixeza amparada pola lei. Non coñezo a ningunha comunidade que fixera isto. Ao empregado público hai que mandarlle unha mensaxe. O Goberno do PSOE rebaixoulle o salario nun 5%, leva tempo sen que se actualice o seu salario e o Goberno central de novo formula non pagar a extra de decembro... Eu non teño recursos pero teño que ver que podo facer polo empregado público e esta é unha das respostas. (Alberto Núñez Feijóo nunha entrevista ao Faro tras gañar as últimas eleccións)

A realidade é que deste tema non hai nada novo, pois xa figuraba na vixente Lei de Función Pública desde o 2007. O único que existe é unha nova redacción que recolle a Disposición Transitoria Primeira para o persoal laboral fixo que realice funcións ou desempeñe postos de traballo de persoal funcionario do que, recordamos, aínda é só un proxecto de Lei remitido ao Parlamento. O de que "vai convocar" ou "se compromete" non deixa de ser máis que fume, como calquera outro ámbito da Función Pública que non se refira a recortes sobre os nosos dereitos. 

Baste recordar que na actual Lei de Emprego Público, vía modificación pola Lei 13/2007, figura tamén unha Disposición Transitoria Primeira que fala xa da "funcionarización" e mesmo establecía un prazo concreto de 12 meses. Na Disposición da nova lei non figura prazo algún. De feito El Faro de Vigo anuncia que "Facenda dase 3 anos para convocar este proceso" que non se sabe moi ben de onde quitan, aínda que prazos de 3 anos neste novo proxecto hai moitos como o "prazo improrrogable de 3 anos para executar unha Oferta de Emprego Público" que xa recollía o EBEP. Xa todo o mundo sabe como funcionan os prazos "declarativos" nas Administracións e como sempre logo están por riba destes prazos as "limitacións orzamentarias".

En canto aos postos aos que afecta, a realidade é que no corpo do proxecto de lei non aparece especificamente recollidos cales serán. Falaba Feijóo de 6.000 persoas afectadas e polo tanto, 6.000 postos afectados, pero cales van a ser finalmente dependerá da "valoración, clasificación e determinación" do Consello da Xunta a través das respectivas relacións de postos de traballo. Sinala o propio xornal que actualmente na Xunta hai 7.600 persoas ocupando postos de persoal laboral fixo.

Si que cita a lei o caso específico dos postos de prestación directa de servizos sociais e protección da infancia, que deixan de figurar como postos que poden ser cubertos por persoal laboral. De feito neste caso recolle especificamente "que se funcionarizan". Para iso hai que crear os corpos e escalas correspondentes para o cal o proxecto establece outro deses "prazos orientativos" de 1 ano desde a entrada en vigor da lei. En todo caso, este sería un prazo para crear os novos corpos e escalas, non para realizar o proceso de funcionarización correspondente.

En fin, que lles encantan os procesos que terminan en -ÓN para vender motos, recordamos que vai anos o que estaba de moda era a "consolidaciÓN", como tamén o estivo moito antes a propia funcionarizaciÓN. Igual mesmo antes das elecciÓNs sacan algo da "promociÓN interna" A realidade é que o único -ÓN que vai para adiante, sen moito bombo e prato na prensa, é a integración do persoal dos chiringuitos. Sexa como for, o tema é usar calquera aspecto para encher os xornais, mesmo con cousas indeterminadas no tempo e no seu desenvolvemento.

Do actual proxecto de Lei de Emprego Público de Galiza:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
IV

(...) A disposición transitoria primeira establece as previsións necesarias para facer posible a funcionarización do persoal laboral fixo que realiza funcións ou desempeña postos de traballo de persoal funcionario, co fin de regularizar unha situación insostible no marco da nova lexislación do emprego público, e de facelo con pleno respecto dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade e sen mingua dos dereitos dos traballadores afectados. Como complemento, establécense tamén as actividades ou postos que poden ser desempeñados por persoal laboral, manténdose neste punto esencialmente os criterios da precedente lexislación galega da función pública, agás no relativo aos postos de traballo nas entidades públicas instrumentais, que pasan a rexerse polos mesmos principios que os das demais administracións públicas, e os postos de prestación directa de servizos sociais e protección da infancia, que se funcionarizan. Respecto destes últimos, a disposición transitoria segunda e a disposición final segunda conteñen as previsións necesarias para regular a transición da anterior situación á nova para posibilitar o desempeño no sucesivo dos devanditos postos por persoal funcionario.



Disposición transitoria primeira. Persoal laboral fixo que realice funcións ou desempeñe postos de traballo de persoal funcionario

1. O persoal laboral fixo das administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación desta lei que, no momento da entrada en vigor da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, estea a realizar funcións ou desempeñe postos de traballo de persoal funcionario, ou pase a realizar as devanditas funcións ou a desempeñar os devanditos postos en virtude de probas de selección ou promoción interna convocadas antes da data sinalada, poderá seguir a realizalas ou a desempeñalas.

2. O Consello da Xunta de Galicia establecerá, a través das relacións de postos de traballo, a valoración, clasificación e determinación dos postos de traballo afectados por esta disposición na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

3. O persoal laboral fixo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia comprendido no punto primeiro desta disposición poderá participar nun proceso selectivo de promoción interna que se convocará por unha soa vez e polo sistema de concurso-oposición, de forma independente aos procesos selectivos de libre concorrencia, en cada un dos corpos ou escalas de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia aos que figuren adscritas as funcións que realice ou os postos que desempeñe, sempre que posúa a titulación necesaria e reúna os restantes requisitos exixidos, e para estes efectos valoraranse como mérito os servizos efectivos prestados como persoal laboral fixo e as probas selectivas superadas para acceder a esta condición.

4. As demais administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación desta lei poderán desenvolver, en condicións análogas ás previstas para a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, procesos selectivos de promoción interna abertos ao seu persoal laboral fixo que reúna os requisitos establecidos no punto primeiro desta disposición. 


Disposición transitoria segunda. Postos de prestación directa de servizos sociais e protección da infancia

1. O persoal laboral fixo que no momento da entrada en vigor desta lei estea a desempeñar postos de traballo de prestación directa de servizos sociais e protección da infancia poderá seguir a desempeñalos.

2. Entrementres non se realicen as adaptacións necesarias para a provisión dos postos de traballo mencionados no punto primeiro desta disposición por persoal funcionario, poderán seguir sendo provistos con persoal laboral.


Disposición derradeira segunda. Creación nos corpos de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia das escalas de persoal funcionario que realice funcións de prestación directa de servizos sociais e protección da infancia


No prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, o Consello da Xunta de Galicia remitirá ao Parlamento de Galicia o proxecto de lei de creación nos corpos de Administración Especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia das escalas de persoal funcionario que realice funcións de prestación directa de servizos sociais e protección da infancia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario