mércores, 7 de xaneiro de 2015

Instrucións de devolución da paga extra 2012

O BOE publicou xa o venres, 2 de xaneiro, as instrucións para facer efectiva a devolución do 24,04% da paga extra de Nadal de 2012 a todo o persoal do sector público estatal.


A Xunta non só segue tratándonos como traballadoras e traballadores públicos de segunda, senón como parv@s. Sae na Lei de Orzamentos galegos que na realidade van a devolvernos menos do que din e sae no BOE que a Administración Central vai pagar máis do que vai pagar a Xunta, o mesmo ao persoal laboral e ao persoal funcionario e confirmado xa para xaneiro. Porén, no DOG aínda non están publicadas as instrucións para facer efectiva a devolución neste mes que para a metade do persoal da Xunta non chegará nin ao 4% .

A dura realidade é a que recolle o texto da Lei de Orzamentos e mesmo o proxecto de Lei de Emprego Público. Esta última, e tal e como recolle na súa DT 11ª, tamén neste 2015 teñen intención de devolvernos a outra metade do que falta da parte devengada, o cal suporía case outro 4% para o persoal laboral e case outro 10% para persoal funcionario. E con sorte, xa que as últimas declaracións políticas falan de que "se intentará", aínda que tamén seguen falando dese 12,5% que non existe.

"O vicepresidente da Xunta, reafirmouse no compromiso da Xunta de reintegrar ao persoal das Administracións galegas o 12,5% da paga extra de Nadal suspendida en 2012 e que se intentará pagar ata o 25% desa paga no primeiro semestre de 2015" (Faro de Vigo, 3 de xaneiro, páxina 18). 

Estas instrucións da Xunta, que non dan aparecido, son de especial importancia para unha serie de casos onde en vez de devolvela de oficio van ser as persoas interesadas as que teñan que solicitar a devolución (cambio de destino). Pero as persoas máis perxudicadas van ser as que mantiveron unha relación laboral co Sector Público galego e agora xa non, xa que vai ser máis difícil que lles chegue a información. Todo sexa por deixar de pagar...

A historia comezou aló por novembro cando na Montoro anunciou que devolverían o 25% da paga extra de Nadal do 2012 e autorizarían ao resto de Administracións a facelo (as que aínda non o fixeron ou non o están a facer xa). Feijóo saiu orgulloso anunciando que na Xunta devolverían o 12,5%. Posteriormente, falou dun 25% tamén pero sendo o outro 12,5% unha promesa que se desenvolvería na Lei de Emprego Público. De feito, e dado que se trataba de promesas ata falou de recuperala toda aló por 2018 e logo, vía director xeral da Función Pública, que mesmo un ano antes, no 2017. Que bonito é prometer sen poñer os cartos enriba da mesa e cando hai eleccións polo medio.

Se non chegara con esta actitude de agravio, aquí seguimos coas pagas extras recortadas, coa promoción interna conxelada, cos concursos de traslados cada lustro...Vella política, de cara a galería, enganando ao persoal con falsas promesas e enganando a cidadanía sobre as nosas retribucións. E o fan porque poden, porque lles deixamos e porque aínda se ven no futuro coa maioría absoluta, ao contrario do que lles sucede en Madrid. Resulta obvio pensar que se seguimos traballando igual e se seguimos votando igual, para que van cambiar nada?

Ningún comentario:

Publicar un comentario