venres, 16 de xaneiro de 2015

La Voz de Galicia participou no acoso a un funcionario que denunciou a operación Pokemon

Segundo informou Galicia Confidencial o pasado 14 de xaneiro, o xefe de  bioloxía do acuario da Coruña foi declarado testemuña protexida pola xuíza Pilar de Lara, debido ao acoso deste medio de comunicación. Este funcionario é testemuña chave da trama da operación Pokémon neste concello, onde hai perto de 20 implicados relacionados con esta administración municipal gobernada polo funcionario en excedencia da Xunta de Galiza, Carlos Negreira.

Pódese consultar a información aquí:


Sen entrar nos detalles da detención por parte da Policía Local de Ferrol, gobernada tamén polo PP, si que entendemos que debemos de entrar un pouco a analizar esta actuación en concreto do principal xornal do noso país.

La Voz de Galicia, tamén é o medio de comunicación que mais subvencións recibe por parte da Xunta e tamén é o medio que máis interese adoita a mostrar en novas de grande interese para a cidadanía galega, como son a flexibilidade horaria do persoal da Xunta, o horario de verán e o absentismo das empregadas e empregados públicos, sen ir máis lonxe.

Agora resulta que, seguindo coa obxectividade que vomita a cotío dende as súas páxinas publicou, de xeito coordinado coa Policía Local de Ferrol, información e incluso fotografías que comprendían un atestado policial que non era público. Un funcionario que se atreveu a denunciar unha trama corrupta, no canto de atopar o amparo deste medio de comunicación, ve como unha curiosa detención é aireada pola Voz de Galicia e os policías locais son postos como vítimas da propia xuíza da operación Pokémon. Até que punto podemos chegar?

La Voz de Galicia, non só recibe subvencións directas, recibe cartos por novas que se publican correntemente, campañas publicitarias, concesións, etc. Pero a Xunta e o Partido Popular esixen unha contraprestación, non o dá gratis, hai que alimentar a liña política deste partido, publicar no Nadal que xa se acabou a crise, dicir que os funcionarios son uns lacazáns, acosar a un funcionario que denuncia a corrupción... calquera cousa é válida para ser a Voz dos seus Amos. Non viven das vendas diarias, non, viven do Poder.

Queremos amosar a nosa solidariedade con este compañeiro funcionario e facer un chamamento para dicir que calquera que queira denunciar unha trama corrupta, terá o apoio da CIG, sen ningunha dúbida. 

Se queremos unha administración independente, exemplar e de claro servizo á cidadanía temos que loitar contra a corrupción. Pero para iso, os que sobran non son os funcionario, os que sobran, precisamente, son os corruptos e aqueles que os arroupan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario