luns, 19 de xaneiro de 2015

O cachondeo das porcentaxes na recuperación das pagas extras de 2012

A devolución da paga extra expropiada en decembro de 2012 está sendo unha auténtica trapallada eleitoral, a cachos, de palabra e con fortes imprecisións. Primeiro dinnos unha cousa, logo outra e no texto legal e ata nas instrucións publican cousas diferentes. 

En primeiro lugar,  en xaneiro non imos cobrar o 12,5% do total desa paga extra, senón a metade da parte devengada ata a entrada en vigor do recorte, que é menor e diferente segundo persoal laboral (sobre o 4%) ou persoal funcionario (sobre o 10%). A rareza destes números débese á diferenza na naturaleza do devengo do concepto de paga extraordinaria de decembro para o persoal laboral (de xullo a decembro) e para o persoal funcionario (de xuño a novembro).

Por outra banda, aínda que na práctica soese considerar a paga extraordinaria como a totalidade do que excede dunha mensualidade ordinaria, na teoría estamos falando de dous conceptos diferentes: paga extraordinaria e a paga adicional (a que retribúe o complemento específico ou equivalente para persoal laboral); esta última ten un devengo de xullo a decembro.

En segundo lugar, a devolución da outra metade de días que nos recoñece a Xustiza farase ao longo do 2015. Agora ben, isto está condicionado a que se aprobe tal e como está o proxecto de Lei de Emprego Público pero non hai nin data para aprobalo, nin data establecida para facer efectivo o pagamento. O Goberno galego di en canto se aprobe o texto mais no texto non figura data concreta senón só fala do 2015. Tamén falan de palabra doutro 12,5% pero é que a metade da parte devengada non é exactamente un 12,5% como tampouco o vai ser en xaneiro.

E o resto de días que non nos recoñecen os xulgados son todo promesas eleitorais. Tamén ese proxecto de Lei fala dun "fondo de recuperación retributiva cuxa dotación se concretará nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma" pero máis nada. Temos fondas experiencias de que aínda o que está por escrito pódeno mudar en moi pouco tempo, canto máis o que son só promesas preeleitorais ou apuntamentos inconcretos nun proxecto de lei.. De feito, a pesar de tantas promesas de "recuperación económica", a lei de medidas segue aí en pleno vigor.

Por se non fora suficiente, ata teñen lío montado coa devolución de xaneiro. Segundo as instrucións vai ser de oficio a todo o persoal que estea en servizo activo a 31 de decembro de 2014, segundo a Lei de Orzamentos tería que solicitalo o persoal que cambiase de consellaría. A solución máis práctica é que de non aparecer as cantidades correspondentes segundo a lei na nómina de xaneiro, loxicamente, que o reclamedes. Se xa non tedes relación laboral coa Xunta, solicitádeo canto antes perante o departamento no que prestábades servizo na época do devengo do 2012.

Descargar formato CIG-Informa

Descargar cartaz "Seguro que pican"

Ningún comentario:

Publicar un comentario