luns, 27 de abril de 2015

Primeiro de Maio de 2015: contra a pobreza, emprego e salarios dignos (horarios e lugares)


A CIG celebra un ano máis o Día Internacional da Clase Traballadora con
mobilizacións en distintas localidades do país

A Confederación Intersindical Galega (CIG) celebra un ano máis o 1º de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, con mobilizacións en distintas localidades do país que se desenvolverán baixo o lema 'Contra a pobreza. Emprego e salarios dignos'. A central nacionalista aproveitará a xornada para denunciar a situación de pobreza e exclusión que padecen amplos sectores da maioría social como consecuencia da crise económica e das políticas que aplican o Goberno central e a Xunta en beneficio dos responsábeis da crise: banqueiros/as, especuladores/as e oligarcas.

Fronte á propaganda do PP de que a crise está superada e de que todo vai ben, a realidade é que celebramos este 1º de Maio nunha situación de enorme dificultade para amplos sectores da clase traballadora galega. A situación só vai ben para aqueles que son os responsábeis desta crise económica, os banqueiros/as, os especuladores/as, os oligarcas españois amigos/as do PP.

mércores, 22 de abril de 2015

Xuntanza RPT Traballo e Benestar: persoal funcionario e laboral (descansos domingos e festivos)

O martes 21 de abril, a CIG participou na xuntanza entre Consellería de Traballo e Benestar e os sindicatos para tratar a súa RPT (persoal funcionario e laboral), e dotación de postos para facilitar as compensacións por traballo en domingos e festivos.


A Secretaria Xeral manifesta que é necesaria esta modificación de RPT para a creación de postos de Benestar e para a adecuación dos postos de Persoal Funcionario. Engade que, aínda que presenta unha proposta, están dispostos a crear máis postos se de cara á Mesa Xeral dispuxese de máis orzamento.

A CIG manifesta que falta a memoria económica, anexos e taboas de equivalencias, polo que nos é moi difícil pronunciarnos sen a documentación completa. Presentaremos alegacións completas por escrito.

Persoal laboral e compensación por traballo en domingos e festivos

O persoal dos centros de Traballo e Benestar continúa coas mobilizacións a prol dunhas condicións laborais dignas

Tiveron lugar hoxe as Concentracións convocadas pola CIG en protesta porque a Consellería de Traballo e Benestar quere impoñer unha relación de postos de traballo totalmente insuficiente, ademais de moi alonxada do que supoñe o obxectivo que temos de recuperar o artigo 19 do Convenio que a Xunta tennolo suspendido.

       O artigo 19, suspendido dende o ano 2012, establecía:

martes, 21 de abril de 2015

Concentración 28 abril no Parlamento en contra da Lei do "dedismo e a corrupción" nas Administracións galegas

CONCENTRACIÓN DÍA 28 DE ABRIL, MARTES, ÁS 12 HORAS DIANTE DO PARLAMENTO GALEGO. SANTIAGO DE COMPOSTELA

Está prevista a votación do texto definitivo da Lei de Emprego Público no Parlamento de Galiza para o próximo día 28 de abril, martes, e a CIG non pode ficar como se non pasara nada. Convocamos unha concentración diante do Parlamento Galego ese mesmo día ás 12 horas.

A concentración ten como fín amosar públicamente, unha vez máis , o rexeitamento a totalidade de esa Lei, rexeitamento xa manifestado nos diferentes momentos de trámitación que tivo esta lei. De feito, xa temos demandado, por escrito e en sucesivas xuntanzas coa Administración, a súa retirada porque nin é unha "Lei de emprego público Galego", nin recolle aspectos que para a nosa central sindical son básicos para recuperar os servizos públicos, o emprego público ou os dereitos sociais e laborais das e dos empregados públicos.

Convidamos a todas as traballadoras e traballadores públicos así coma a cidadanía que nos poida acompañar.  Recordamos que esta lei non só afecta á xente de dentro da Administración senón a como se prestan os servizos públicos a á calidade destes que recibe a cidadanía.

Por unha lei de protección ao empregado público que denuncie a corrupción

 Empregado público independente: unha garantía contra a corrupción


O pasado domingo 19 de Abril, o programa de Ana Pastor, El Objetivo-Sexta TV, analizou pormenorizadamente o problema da corrupción nas Administracións Públicas desde o punto de vista das persoas que denuncian, nomeadamente o seu persoal funcionario. Ver programa completo.

Así, falouse de dous exemplos (un en Valencia e outro en Cataluña) de dous funcionarios que se opuxeron ás prácticas corruptas dos seus xefes políticos, paralizando os expedientes ilegais, filtrando información e denunciando ante a Xustiza as tramas corruptas que estaban saqueando as arcas públicas, mediante supostas subvencións que sempre acababan no peto de algún espabilado e amigo do xefe político. Isto custoulle multitude de presións, acoso e mesmo despedimentos, pero seguiron facendo o que tiñan que facer, o que era a súa función como traballadores do público.

Istes casos sirven de mostra que a mellor loita contra a corrupción, nace dende a súa xénese, con persoal funcionario independente, ben formado e xustamente remunerado, a independencia e a legalidade na toma de decisión por parte dos técnicos, non deixa marxe de maniobra ao político para prevaricar e malversar. Unha cousa é dirixir a actividade executiva, e outra cousa é saltarse a legalidade, e aí, antes dos xuíces, deben estar o persoal funcionario, garantes do Estado, da legalidade e do ben común.

luns, 20 de abril de 2015

Prazas elección destino definitivo biólogos/as e enxeñeiros/as técnicos/as industriais

Achega Función Pública as vacantes que pensan ofertar para os actos de elección de destino definitivo dos procesos selectivos de biólogos/as e enxeneiros/as técnicos/as industriais convocadas o 28 de xuño de 2013.
Seguindo o orde de remate destes procesos selectivos, primeiro escolleran as persoas aspirantes que superaron o proceso de libre acceso (oposición) e logo as que superaron o proceso de consolidación (concurso-oposición). 

Non facilitan tempos aproximados pero non se prevé ningún atraso na elección de destino e posterior toma de posesión máis aló do tempo ordinario que leve a tramitación administrativa e publicación das resolucións no DOG. Estimativamente podemos falar do mes de maio para o acto de elección de destino.

Datos de flexibilidade e teletraballo na Xunta a 31 de marzo de 2015

 Acheganos a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa os datos mensuais acumulados da flexibilidade e teletraballo na Xunta de Galiza a data de 28 de febreiro.

Respecto ao mes pasado seguen repuntando as flexibilidades automáticas aprobadas que pasan de 47 a 84, ao igual que nas flexibilidades familiares que pasan de 6 a 9. As únicas denegacións (4) producíronse na flexibilidade familiar nos servizos periféricos. Aínda así, os datos levan meses en fase estacionaria e con incrementos pequenos con relación á totalidade.

Con relación ao teletraballo, a súa implantación segue sendo totalmente anecdótica. Entre as 2 resolucións favorables do teletraballo, un mes máis ningunha para o persoal informático. Foron para 1 posto relacionado coa Asesoría Xurídica e outro de inspección (Traballo).

Campaña da Renda 2014: desgravación da cota sindical e servizo de asesoramento para a afiliación

A cota sindical é un gasto deducible dos rendementos do traballo. Porén, nos datos fiscais que ten a Axencia Tributaria non aparece reflectido. Xa que logo, para facer efectiva a dedución das cantidades aboadas neste concepto durante o ano 2014, tedes que modificar o borrador ou incorporalas ao recadro correspondente da declaración do IRPF. O sumatorio das 4 cotas ordinarias durante o ano 2014 foron de 138,36€. Non é necesario achegar ningún xustificante.

Como todos os anos, a CIG pon a disposición da súa afiliación un servizo de asesoramento para realizar a declaración da renda. Na comarca de Compostela podedes pedir cita durante os meses de abril e maio no teléfono 981.58.32.00 en horario de oficina de mañá e tarde. Aquelas persoas que precisen un certificado das cantidades abonadas poden solicitalo no correo santiago@galizacig.net. 

Consultade as datas e horarios deste servizo para o resto de locais comarcais

Toda a información necesaria sobre a Renda 2014 podédela atopar na seguinte ligazón.

5 meses despois: nova versión do borrador do protocolo de prevención do acoso laboral

O 3 de novembro remitíanos a Xunta un primeiro borrador do Protocolo para a prevención, a detección, a actuación e a resolución de situacións de acoso laboral e outras discriminacións no traballo. Con data do 18 de novembro remitíamoslle alegacións a este borrador que levábamos anos demandando. Non era sen tempo, tras case 5 meses, van e mandan a segunda versión tras estudar as diferentes alegacións.

Na Xunta, levamos desde o 2011 pelexando por este tema e solicitando que aplicaran subsidiariamente, mentres non existira un propio, o da Administración Xeral do Estado.

A reunión terá lugar o martes, 21 de abril ás 9:30h no despacho do Subdirector Xeral de Coordinación de Servizos Transversais.

Cursos de formación para persoal das Administracións e outros

A partir do luns, 20 de abril, ábrese o prazo para presentar a solicitude para os cursos do plan Interadministrativo 2015 ofertados pola CIG. Estes cursos están dentro do marco do Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas (AFEDAP) e contan para concursos de traslados e procesos selectivos nas Administracións públicas.

Os cursos do plano Interadministrativo sepáranse en tres áreas: Administración, Ensino e Saúde, en función do ámbito de traballo do seu persoal. Se quedaran prazas libres, o persoal doutro ámbito podería optar a elas. En cada área, organízanse cursos en diferentes cidades.

En Compostela, despois de preguntar entre a afiliación e cos límites actuais orzamentarios, ofertaránse os seguintes cursos presenciais que foron os máis demandados:
  • Perfeccionamento de xefatura de sección (comezaría a 2ª quincena de setembro ata finais de novembro)
  • Información e atención ao cidadán (outubro)

A matriculación realizase vía web premendo  no botón "Solicitar praza" no curso correspondente:

Outros cursos para traballadoras e traballadores en activo

Ante a nula vontade negociadora da Xunta, o persoal de Traballo e Benestar mobilízase (modificación RPT)

Traballo e Benestar é un claro exemplo da nula vontade negociadora da Xunta, de feito, as compañeiras e compañeiros que traballan a quendas nos centros de Benestar desta consellaría tiveron que chegar ao Tribunal Supremo, que lles deu a razón.

No enésimo capítulo da prepotencia impositiva da Conselleira, Betriz Mato, o venres 17 de abril recibimos o seguinte correo:

Dende a subdirección xeral de Persoal da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, convocamos aos representantes desa organización sindical a unha xuntanza que terá lugar o vindeiro martes, día 21 de abril de 2015, as 12:00 H.  na sala D do edificio administrativo San Caetano para tratar o seguinte: 
- Proposta de modificación da relación de postos de traballo desta Consellería (RPT)

Nesta modificación contemplan a creación dos postos que ofertaban na primeira das dúas propostas anteriores

Alucinante!: A CIG sae na TVG

O venres, 17 de abril, a TVG recollía, no telexornal serán, a información de que a CIG gañara as eleccións entre o persoal funcionario da Xunta de Galiza.  A nova limitouse a recoller en 20 segundos os resultados por Xunta de Persoal mentres saía de fondo varias oficinas da Xunta. Con todo, aínda estamos a fregar os ollos e tivemos que consultar na videoteca para asegurarnos que fóra o o telexornal e non unha brincadeira da Casa da Conexa no Luar.

Ver hoxe en día unha nova da CIG na TVG é como ver pasar o cometa Halley. Unha pena que non aproveitaran o paso do cometa para recoller algunha das multiples denuncias que temos feito con relación ao dispendio público, á corrupción ou á integración.

A nova pódese ver nos 20 segundos que van desde o minutos 23:40 ao 24:00 na seguinte ligazón.

venres, 17 de abril de 2015

A CIG gaña as eleccións en todas as mesas dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza: Grazas

Nas eleccións do 16 de abril, para elixir a representación do persoal funcionario na Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, a CIG sube de 10 a 11 delegados/as e consolida a súa maioría histórica neste centro de traballo



GRAZAS A TODAS E TODOS POLO VOSO APOIO

Nun entorno onde a Xunta de Persoal, logo dos recortes e amortizacións de prazas sufridas durante estes catro anos, baixou de 3.000 funcionarios/as e, polo tanto, baixou tamén de 27 a 25 representantes. Porén, a CIG foi capaz de aumentar o seu número de delegados/as e subir en votos, duplicando á segunda candidatura máis votada.

Os resultados globais foron os seguintes:

18 de abril: cita mundial contra o #TTIP e outros tratados comerciais explotadores


Dentro da cita mundial do 18 de abril contra o TTIP (Tratado Transatlántico de Comercio e Investimento) na que participan máis de 130 organizacións ecoloxistas, sociais, políticas, sindicais, atópase tamén a CIG. Este tratado estase a negociar de xeito escuro entre os lobbies económicos e financeiros europeos e americanos e vai supoñer un recorte de dereitos laborais, ambientais e sanitarios, entre outros. Nas seguintes ligazóns explicámosche por qué e porque tes que vir este sábado ás concentracións.

Se aínda non o fixeches, asina contra o TTIP e difunde (xa van máis de 1.600.000 sinaturas)

Descargar CIG-Informa

Máis info

Extraordinaria manifestación laranxa do persoal dos centros de Benestar reivindicando o artigo 19 do convenio (vídeo)


O martes, 14 de abril, tivo lugar a manifestación convocada polo Comité Intercentros do Persoal Laboral, apoiada polos catro Comités Provinciais de Traballo e Benestar e secundada por centenares de traballadoras e traballadores a quendas reivindicadando que a Xunta de Galiza devolva o artigo 19 do Convenio que ten suspendido dende o 2012, xunto con outros artigos máis.
Lembremos o famoso artigo 19 do V Convenio do Persoal Laboral da Xunta, artigo que a Xunta tennolo secuestrado desde o 2012:

Pedimos a anulación das oposións do Consorcio, o cese de Lois Castrillo e investigación dos enchufes

Béndita hemeroteca...


QUINTANA DEBE ANULAR AS OPOSICIÓNS DO CONSORCIO, CESAR AO XERENTE LOIS CASTRILLO E ABRIR UNHA INVESTIGACIÓN SOBRE OS ENCHUFES DA ADMINISTRACIÓN PARALELA DA XUNTA

O consorcio de servizos sociais, organismo de administración paralela creado a instancias do Vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, ten numerosas persoas traballando que entraron a dedo e van consolidar o seu posto para toda a vida cun concurso-oposición amañado. O procedimento de selección para postos que en principio eran temporais foi dun exame con entrevista final.Pasados uns mes de interinidade, agora esta aberto o proceso de consolidación para que estas persoas teñan unha praza fixa.O procedemento é moi sui generis, poucos temas, poucas preguntas e sin descontar as negativas e ao final decide a puntuación por concurso. Puntuación para que as persoas xa contratadas contan cun plus de puntos que fai imposible que calquera opositor librte obteña a apraza.

martes, 14 de abril de 2015

Pronunciamento NON aprobado pola Xunta de Persoal en contra da INTEGRACIÓN do persoal dos chiringuitos

Manifesto en contra do decreto do Decreto de integración - Por unha única porta de entrada na Xunta. A xente da CIG non somos o mesmo.


A CIG, na Xunta de Persoal dos Servizos Centrais, tentou sempre procurar a unidade co resto das outras organizacións sindicais, por exemplo na hora de procurar a recuperación dos dereitos laborais ou a recuperación salarial, no que todos e todas estamos de acordo.
Non entanto, dende a CIG entendemos que hai cuestións que temos que defender por riba de todo, que hai cousas das que non imos pasar de largo, nin imos esquecer, nin imos mirar para outro lado. A CIG, xa no ano 2010, foi o único sindicato que se opuxo á LOFAXGA, lei que consolidou a práctica dos chiringuitos de contratar persoal propio, persoal seleccionado en moitos casos sen procesos selectivos públicos e abertos, con soldos superiores ao do persoal propio da Xunta de Galiza.
Dende a nosa acción sindical, e cando a integración comezou a materializarse no noso centro de traballo dos Servizos Centrais, levamos unha proposta de pronunciamento ao pleno da Xunta de Persoal do 27 de xuño de 2012. Este pronunciamento foi rexeitado cos votos en contra da CSIF, CCOO e UXT e co único voto a favor das compañeiras e compañeiros da CIG.

Manifa con remate en San Caetano polos descansos nos centros de Benestar

HOXE VAN ESTAR POR SAN CAETANO... as compañeiras e compañeiros dos centros de Benestar da Xunta que reclaman a reposición do artigo 19 do Convenio Colectivo (descansos domingos e festivos). Virán de todo o país. A CIG non levará parafernalia sindical para deixarlle o protagonismo ás traballadoras e traballadores.

Si, nas Administracións o Tribunal Supremo veu decir que poden eliminar artigos dos convenios como lles dea a gana... "todo sexa polos mercados". Pois ben, estas compañeiras e compañeiros levan a súa loita porque só piden descansar, coma aquelas grandes loitas do século pasado onde defendíamos traballar como moito 8h ao día ou cando se loitaba polo dereito ás vacacións retribuídas... chegamos a estes límites, a ter que loitar por descansar.

E esta xente traballa con persoas maiores asistidas, con dependentes, é un traballo que desgasta moito (física e mentalmente), de feito ten un índice de baixas laborais altísimas porque ademais non cubren as vacacións e malamente cubren as baixas.

ESTAREMOS CON VÓS. TEDES TODO O NOSO APOIO!

luns, 13 de abril de 2015

O día 16 de abril, VOTA CIG: eleccións sindicais ás Xuntas de Persoal en Compostela

O vindeiro xoves, o persoal funcionario e interino estamos chamados a elixir aos nosos representantes nos órganos de representación. Nomeadamente, no ámbito das comarcas de Compostela e As Rías, estamos chamados a votar para a Xunta de Persoal dos Servizos Centrais e para a Xunta de Persoal da Coruña.

Son unhas eleccións nas que competimos con outras organizacións sindicais para ter o maior número de delegadas e delegados, pero nas que, na realidade, o que temos que facer é reclamar do xeito máis forte e firme a recuperación dos nosos dereitos económicos e laborais perdidos, e nos que temos que reclamar tamén unha Función Pública digna onde as traballadoras e traballadores do Público teñamos unha representación á altura das circunstancias.

As compañeiras e compañeiros que traballamos actualmente pola CIG, cremos que a mellor opción é a nosa, e non só polo único feito de ser a nosa opción, senón porque o noso compromiso e a nosa capacidade de loita, que exercemos a través desta organización sindical, está fóra de dúbida. 

Por todo isto, pedímosche que te impliques e nos axudes a que a CIG obteña un gran resultado este xoves.

NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS E DOS DEREITOS DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

O XOVES, 16 DE ABRIL... VOTA CIG

Lugares e horarios de votación:

Haberá novoS concursoS de traslados no 2015 di o conselleiro de Facenda

Finalmente, Valeriano Martínez referiuse ás melloras na Función Pública. En concreto, fixo mención á nova Lei de Emprego Público –en tramitación parlamentaria- e avanzou que neste 2015 convocaranse novos concursos de traslados para os empregados da Xunta.

O anterior forma parte dunha nota de prensa da Xunta respecto a presenteación no Parlamento do Plan Estratéxico de Galiza para o período 2015-2020. Referido ás cuestións da Dirección Xeral da Función Pública, o patiño feo da consellaría, só lle adica ao final un parágrafo con dous temas: a inminente aprobación da lei de Emprego Público e os concursos que se convocarán neste 2015.

Iso é todo o que hai de "novidade" na Función Púlblica nos vindeiros anos... Onde está a recuperación dos dereitos suprimidos acompañando a "recuperación económica"? A retirada da lei de medidas "temporal"? A implantación dos concrusos permanentes? As convocatorias pendentes de promoción interna? A solución da problemática das asistencias técnicas e das integracións?

Que a Xunta de Persoal non vale para nada!?: balance de 4 anos.

Isto é seguramente o que lles gustaría que pensárades a algunhas persoas pero a hemeroteca demostra que a  Xunta de Persoal dos Servizos Centrais fixo moitas cousas durante estes últimos 4 anos. A pesar de que a lexislación mérmalle moito as súas capacidades, dado que as consultas e informes da Xunta de Persoal non son vinculantes para o que decida facer a Administración. Porén, é unha ferramenta manual e alguén ten que traballar con ela pois non se move soa. Desde a Presidencia, a CIG impulsamos todas as súas capacidades, presentamos a maioría de propostas e tentamos facer da Xunta de Persoal un punto de encontro das diferentes sensibilidades que existen en todo o persoal funcionario.

Haberá compañeiras e compañeiros que pensen que non serve para nada porque non se conqueriron grandes logros pero desde logo, ninguén pode negar que se fixeron nestes 4 duros anos moitas cousas e do máis variado. O persoal funcionario, nomeadamente o dos Servizos Centrais  volvemos a estar na palestra: primeiro para mal (como espantallo que recibía todos os golpes dos recortes) pero despois xa como mostra de dignidade na que defendimos non só os nosos dereitos, senón a importancia do noso traballo. Desde os Servizos Centrais respondimos con rapidez e axilidade e, moitas veces, encabezamos as respostas do persoal das Administracións aos recortes pero tamén encabezamos as propostas de melloras.

Como non cabe todo o que se fixo nunha folla de Boletín, van ligazóns a todas as notas publicadas no que se recompila os resumos dos Plenos, das asembleas, concentracións, recollidas de sinaturas, pronunciamentos, propostas, campañas, escritos presentados, notas de prensa, denuncias, entrevistas cos grupos parlamentares e ata co Valedor. Obviamente tamén fixemos moita acción sindical a través da CIG, dentro e fóra do noso centro de traballo, que tamén puidéstedes seguir polo que víchedes en vivo e en directo ou en diferido, nos nosos correos, Boletíns, CIG-Informa e en menor medida pola prensa... Pero agora queremos centrarnos na Xunta de Persoal cuxas delegadas e delegados, esas persoas que temos máis próximas, son as que nos representarán ao persoal funcionario a partir do vindeiro 16 de abril.

Queremos unha Xunta de Persoal forte porque queremos un persoal funcionario forte. Para iso precisamos moita participación e, desde a modestia do traballo feito que nos avala estes 4 anos, precisamos moita presenza da CIG. 

Recompilación do traballo feito desde a Xunta de Persoal dos Servizos Centrais

Boletín Servizos Centrais abril 2015 - Eleccións persoal funcionario

https://drive.google.com/file/d/0B1evwCG_jwK2NkluYmtrQjByR28/view?usp=sharing
Dispoñible para descarga electrónica o Boletín especial dos Servizos Centrais da Xunta para as eleccións de persoal funcionario.  Descargar Boletín

Nesta edición:
  • O 16 de abril - eleccións persoal funcionario - Vota CIG
  • O traballo da CIG na Xunta de Persoal dos Servizos Centrais
  • O que a CIG vai defender na Xunta de Persoal
  • Candidatura da CIG

Coa CIG, ti tes voz.  Mudar algo depende de ti.

Neste Boletín facemos presentación da nosa candidatura para a Xunta de Persoal dos Servizos Centrais, xunto cun resumo do que fixemos neste órgano e o que queremos facer e seguir facendo. Si, tamén facemos unha recompilación do que foron os elementos externos, eses que nos golpearon máis que nunca estes 4 anos, pero sobre todo queremos que nos valoredes e apoiedes co voso voto polo traballo feito

Un traballo que puido dar maior ou menor resultado, que puido gustar máis ous menos, pero traballo houbo a reo, en todos os frontes e modalidades, e a CIG estivo aí durante estes 4 anos na vangarda da acción sindical do persoal funcionario neste gran centro de traballo que son os Servizos Centrais da Xunta. Cantos máis apoio voso teñamos o 16 de abril, máis e mellor poderemos seguir traballando na defensa do persoal funcionario e dos servizos públicos que desempeñamos.

venres, 10 de abril de 2015

Inauguracións "a todo tren" en diferido que pagamos toda a cidadanía

Avisamos o 30 de marzo, por se alguén tiña pensado vir a San Caetano a pedir audiencia, que non perdera o tempo, que o Presi ía estar fóra de cobertura, de inauguracións, apreveitando que era a última semana que permite a lei facer este tipo de pantomimas e aproveitando tamén o bo tempo.

En concreto, tívemolo no tren do eixo atlántico, subiu na Coruña, baixou en Santiago para inaugurar unhas futuras obras na estación e saudar ao seu colega Agustín e volveu baixar na de Vigo para medio inaugurar a nova estación de Urzaiz.

Posta da primeira pedra no 2001 e inauguración en 2015 (sen posta ao servizo público). É pra pedir desculpas, non para presumir. E é que cando fixeron a inauguraron, non anunciaron cando ía estar a disposición do resto dos mortais, algo que non será ata este sábado, 18 de abril. Aínda así, á estación de "Vigo(Urzaiz)" só chegarán os trens do eixo atlántico e aínda non se sabe cando farán a intermodal ca de autobuses. Se inauguran algo que polo menos se poida utilizar, non? Pero claro, é que remataba o prazo legal pra inaugurar...

Isto chámase inaugurar as inauguracións, como moi ben acertaron en chamar en Tempos Galegos:

mércores, 8 de abril de 2015

A CIG gaña unha sentenza máis que obriga a Xunta a pagar a parte devengada da paga extra do ano 2013

Descargar sentenza
 
Comunícannos as compañeiras e compañeiros da Coruña que a CIG obtivo unha nova sentenza favorábel sobre a obriga da Xunta de Galiza de aboar a parte devengada da paga extra de xuño do ano 2013 (sí, a do 2013). Despois de dúas sentenzas no mesmo senso que llo recoñeceu ao persoal docente, esta nova sentenza recoñece para o persoal funcionario da Administración xeral a obriga da Xunta de pagar a parte devengada no ano 2013 e que foi, como se demostra, ilegalmente retida pola Administración galega con carácter retroactivo.

Esta nova sentenza vén sumarse a outras que gañara tamén a asesoría da CIG sobre a paga extra do ano 2012 que sumadas a outras obtidas no resto do Estado obrigaron tanto ao goberno central como á Xunta a rectificar e pagar o diñeiro do que se apoderaran ilegalmente no ano 2012, aínda que no caso galego estánolo devolendo a prazos.

Esta sentenza demostra que a Xunta de Galiza actúou co seu persoa cun comportamento absolutamente antixurídico, xa que o goberno galego era plenamente consciente de que a xustiza, que xa recoñecera en varias ocasións o dereito á percepción da parte devengada da paga do ano 2012, ía recoñecer o mesmo dereito para a correspondente ao ano 2013.

Lei de emprego público: o dedo como principio inspirador

Actualmente na Xunta de Galiza as súas traballadoras e traballadores públicos coñecemos ben o "dedismo" non só en canto a sistema de promoción profesional e mobilidade, senón tamén de ingreso na Administración polas portas de atrás (que agora xa case son as de diante con relación aos procesos selectivos que se convocan). Por se o actual xa non fora suficiente, a Lei de Emprego Público vén a consolidar o "dedazo" como principio inspirador do que é o funcionamento da Administración autonómica.

Actualmente sabíamos que cada vez ía habendo máis libres designacións en relación aos postos por concurso, que os concursos non son permamentes nin regulares, que se agochan postos, e que as comisións de servizo pasan do tempo máximo regulamentado, fanse cadeas e se dan sen atender a criterios obxectivos; tamén temos o caso das integracións e dos enchufes a traves de empresas.

Coa Lei de Emprego Público, crease a figura do persoal directivo onde poden meter xente da empresa privada con boas remuneracións, consolídanse os concursos específicos como unha sorte de libres desingacións encubertas e aínda por riba establece un sistema de avaliación do rendemento completamente subxectivo do que dependerá a permanencia no posto e as nosas retribucións.

martes, 7 de abril de 2015

"O rexistro é teu. Sálvao": campaña contra a privatización dos rexistros civís

Todo o noso apoio para as compañeiras e compañeiros funcionarios dos rexistros civís que están loitando non só polo seu traballo senón por un servizo público gratuíto para a cidadanía como son os rexistros civís. Non só están facendo asembleas abertas á cidadanía, senón promovendo mocións nos concellos galegos, reunións con representantes políticos e preparan unha ILP para presentar no Congreso. O seu obxectivo é paralizar esta privatización porque como reza o lema da campaña O rexistro é teu. Sálvao

Na ola privatizadora do PP (iniciada polo PSOE) non se salva nin a Xustiza. Con Gallardón despedido por interese eleitoral fixeron importantes marchas atrás como no caso do aborto ou das taxas xudiciais. Porén, segue en vigor a data do 15 de xuño para a entrada en vigor da Lei que asigna as tarefas do Rexistro Civil a rexistradores/as mercantís que están en negociación co Ministerio a ver que tallada económica exacta poden sacar. No o Colexio de Rexistradores/as xa piden que se lles dea dixitalizada toda a base de datos para non levar traballo.

Máis información

Proposta de RPT para a Axencia Turismo de Galiza

Achéganos a Axencia Turismo de Galiza a proposta da súa RPT no referente á antiga Secretaría Xeral para o Turismo e dos Servizos Provincias de Turismo. Xa en novembro do 2013 publicaran a RPT dos postos de LD e de Persoal Directivo pero faltaban o resto.

Esta axencia creouse por Decreto en outubro de 2012 aínda que non foi ata febreiro do 2013 cando entrou oficialmente en funcionamento. Esta axencia agrupa tanto tamén varios chiringuitos aínda que nesta proposta non ten carácter exhaustivo en tanto non se produza o procedemento de integración do seu persoal, como recolle a memoria funcional.

Dan de prazo ata o  13 h. do 21 de abril de 2015 para achegar as observacións pertinentes. Unha vez recibidas as alegacións, terá lugar a convocatoria dunha reunión coas organización sindicais ao obxecto de debatir a proposta de modificación da RPT que será remitida á Dirección Xeral da Función Pública para a súa tramitación.

Reforma do Consello de Contas: contra a corrupción pedimos máis persoal público indepentente e profesional en todas as Administracións

Saca primeiro a viga do teu ollo e entón verás con claridade para poder sacar a palla do ollo do teu imán (Lucas 6, 41-42).

A última reforma lexislativa anunciada do PP para combater a corrupción é a reforma do Consello de Contas en varios frontes: independencia e dotación do seu persoal, aumento da súa capacidade fiscalizadora e apertura á denuncia cidadán. Así o recollía onte a prensa.

Está ben o de aumentar as competencias e o persoal do órgano fiscalizador das Contas públicas; tamén o de abrilo á denuncia pública aínda que isto ao final teña o mesmo percorrido cunha ILP no Parlamento. Porén, queremos recordarlle a Pedro Puy (que lle tocou vender o texto lexislativo) que a corrupción non hai que fiscalizala senón previla e condeala con dureza e no seu partido de corrupción teñen experiencia, co cal ista lección deberían tela ben aprendida. Quizáis porque a teñen ben aprendida, que non queren poñerlle auténtico remedio a esta lacra polos únicos frontes eficaces: maior independencia política e maior dotación do persoal que traballa nas Administracións e maior independencia política e dotación de persoal do Poder Xudicial (o que sempre se di de deixar que os xuíces actúen libremente).

Imos deternos na primeira porque é a que nos afecta coma traballadoras e traballadores públicos da Xunta de Galiza. Non se pode agardar a que a ilegalidade xa esté cometida para detectala, hai que previla e a mellor forma para previla é ter traballadoras e traballadores públicos profesionais e independentes nas Administracións públicas. Ou sexa, menos dedismos, menos enchufes, menos asistencias técnicas, menos tribunais de selección de designación política, menos tráfico coas comisións de servizo, unha avaliación do rendemento por criterios obxectivos (non por informe do xefe nomeado a dedazo político)... ou sexa, unha Administración con menos control político onde o que prime sexa o cumprimento da legalidade e non son os intereses privados e de partido (mesmo fóra da legalidade que é no que constitúe a corrupción). Todo o contrario do que van facer coa nova Lei de Emprego Público de Galiza.

luns, 6 de abril de 2015

Xa se poden solicitar as axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero

A contía estabelecese en función das rendas e ingresos e poderase solicitar até o próximo 31 de outubro.

A Secretaría da Muller da CIG informa que xa está aberto o prazo de solicitude de axudas económicas individuais de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero. A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.

Propostas de "mellora" da Consellaría de Traballo e Benestar para os centros de Benestar

A Conselleria Traballo e Benestar manda por fin as tan prometidas  propostas para os centros de Benestar. Descargar propostas

Pero como xa nos ten acostumados/as esta Conselleria, que nos considera os/as parentes pobres da Xunta, non soluciona para nada os problemas que ela mesma creou facendonos os /as paganos da crise que crearon eles e non nos…

En ninguna das duas opción  aparece por ningun lado data de reposición do artigo 19

Na primeira opción da proposta  os postos a crear son  de fin de semana... traballo en precario que non permite vivir con decencia a unha familia; traballan todos os fines de semana do ano…así que a tan cacareada conciliación para as persoas que ocuparían estas prazas non existe, postos de contrato basura. A proposta de pagamento...unha infamia, supon una unha esmola por seguir exactamente igual que agora... un fin de semana de cada tres,  xornada máxima anual  que segue a ser xornada minima, etc… Non podemos deixarnos mercar  por 50 ou 75 euros ao mes, que co desconto queda bastante menos, porque  iso non compensa non poder estar coa familia como o resto do mundo, non compensa traballar como escravas/os, non compensa enfermar de agotamento...

Concentracións 8 e 9 de abril pola restitución do artigo 19 do Convenio

Diante da proposta miserable da Consellaría de Traballo e Benestar e da Dirección Xeral de Función Pública, o Comité de Empresa de Traballo e Benestar da Coruña convoca concentracións os vindeiros 8 e 9 de abril diante dos seguintes centros:

  • 8 de abril, 13:00h: Xefatura provincial da consellaría, A Coruña
  • 9 de abril, 14:30h: Residencia de maiores de Caranza, Ferrol
  • 9 de abril, 11:30h: Residencia de maiores da Volta do Castro, Compostela
A motivación son: a recuperación do artigo 19 do convenio (descansos domingos e festivos) secuestrado pola lei de medidas, a defensa dos dereitos do persoal laboral de Benestar e contra as quendas machacadoras e os recortes da Xunta nos servizos sociais de prestación directa.

mércores, 1 de abril de 2015

As "boas prácticas" da Xunta e a nosa promoción profesional carca e caciquil

A mediados de marzo, a Xunta e o Estado preparaban a visita da OCDE para comprobar a implantación dos recortes nas Administracións públicas impostas desde a famosa Troika. Estas medidas concretáronse no 2012 no, menos famoso, informe CORA impulsado desde a Secretaría de Estado para as Administracións Públicas polo amigo do cafelito.

Eufemísticamente, nesta reunión cambiáronse "recortes" por "medidas de racionalización" e desde a Xunta (representada nesa reunión por Alfonso Rueda) foise máis aló falando mesmo de "boas prácticas" e "modernidade". Lástima que nese informe CORA non introducisen medidas que acabasen con outros gastos que son auténticos dispendios e que non supoñen ningún beneficio para a cidadanía .

Pois ben, a comezos desta semana produciuse a agardada visita e volvéronse a dar xabrón con esto de aplicar tan ben os recortes. Xunta, Goberno central e OCDE congratuláronse de que temos desenvolto o 91% das medidas do plan do informe CORA. O problema é que tanto dar xabrón que ao final se lles escapou a pastilla. E é que a Xunta saca unha nota de prensa decindo que a OCDE di o que dixo Rueda no seu momento e que volveu repetir a directora xeral de Avalición pero non a OCDE: que a Xunta é un exemplo de "boas prácticas"; algo que as persoas que traballamos dentro sabemos que non é do mellor que se pode dicir desta Administración.

Consulta do borrador do IRPF 2014 para o persoal da Xunta de Galiza

A consulta do borrador poderase facer a partir do 07/04/2015 ata o 30/06/2015

Como xa vén sendo habitual, Facenda comunica que xa está dispoñible a través da Oficina Virtual do Empregado Público (OEVP) a consulta telemática anticipada do borrador do IRPF 2014 para o persoal da Xunta de Galiza.

Cando a AEAT careza da información necesaria para a elaboración do borrador de declaración visualizaranse os datos fiscais dispoñibles do exercicio que poidan facilitar ao consultante a confección da declaración do Imposto.

Para a consulta do borrador a través desta vía non é preciso certificado dixital (aínda que valería co que se atopa na tarxeta azul de empregado público) senón que chega co nome de usuario e contrasinal da OVEP. A vantaxe de empregar este sistema consiste exclusivamente en que se anticipa a dispoñibilidade do borrador do IRPF ou dos datos fiscais, o que permitirá anticipar a presentación da declaración (confirmando ou modificando o borrador) e, no seu caso, anticipar a solicitude de devolución.