luns, 27 de abril de 2015

Primeiro de Maio de 2015: contra a pobreza, emprego e salarios dignos (horarios e lugares)


A CIG celebra un ano máis o Día Internacional da Clase Traballadora con
mobilizacións en distintas localidades do país

A Confederación Intersindical Galega (CIG) celebra un ano máis o 1º de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, con mobilizacións en distintas localidades do país que se desenvolverán baixo o lema 'Contra a pobreza. Emprego e salarios dignos'. A central nacionalista aproveitará a xornada para denunciar a situación de pobreza e exclusión que padecen amplos sectores da maioría social como consecuencia da crise económica e das políticas que aplican o Goberno central e a Xunta en beneficio dos responsábeis da crise: banqueiros/as, especuladores/as e oligarcas.

Fronte á propaganda do PP de que a crise está superada e de que todo vai ben, a realidade é que celebramos este 1º de Maio nunha situación de enorme dificultade para amplos sectores da clase traballadora galega. A situación só vai ben para aqueles que son os responsábeis desta crise económica, os banqueiros/as, os especuladores/as, os oligarcas españois amigos/as do PP.


A realidade que a Xunta de Galiza e o Goberno español, coa colaboración dos grandes medios de comunicación de masas, manipulan e ocultan todos os días, se por algo se caracteriza é por un forte retroceso en dereitos laborais e sociais e en calidade de vida, para amplos sectores da sociedade, até o extremo de levar a miles de persoas a una situación de pobreza e de exclusión social, acompañado todo isto dunha forte política represiva e de recorte das liberdades públicas.

Galiza perdeu 195.300 postos de traballo desde o ano 2007; situámonos en cifras históricas de desempregados/as cun total de 275.800 persoas no paro; estamos a perder poboación activa en idades entre 20 e 39 anos, que marcha, unha vez máis, camiño da emigración a producir riqueza noutras partes do mundo; perdemos emprego fixo e a xornada completa e está a ser substituído por emprego temporal e a tempo parcial; redúcense os salarios da clase traballadora mentres se fai una política fiscal que favorece ás rendas máis altas, ás grandes empresas e aos defraudadores/as; o crecemento económico de Galiza é inferior á media do Estado; destrúese unha parte importante do noso tecido produtivo en sectores básicos como o agrogandeiro, pesqueiro, naval ou eólico e nos últimos anos incrementáronse as desigualdades sociais, cunha forte concentración da riqueza nas grandes fortunas.

Esta é a dura realidade que a día de hoxe padecemos a clase traballadora galega e que se empeña en ocultar ese experto manipulador e vendedor de fume que preside a Xunta, o señor Feijóo. Esta situación é consecuencia dunhas políticas económicas e laborais promovidas desde a Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional, executadas obedientemente no Estado español polo PP, e que teñen como finalidade afondar no actual sistema capitalista neoliberal, favorecer o incremento de beneficios do capital e a concentración de riqueza e do poder en mans da oligarquía financeira.

O 1º de Maio simboliza a loita que historicamente levou adiante, e segue a levar, o proletariado de todo o mundo por rematar coa explotación de clase e facer realidade unha sociedade máis xusta, democrática, libre e igualitaria no económico e social. A CIG e a clase obreira galega sentímonos parte activa desa loita internacionalista e solidaria e a ela queremos contribuír coas manifestacións que celebramos por toda Galiza neste data, así como coas loitas que levamos adiante diariamente na defensa dos nosos dereitos, na mellora das nosas condicións de vida e de traballo e pola conquista da plena soberanía para a nosa nación.

VIVA O 1º DE MAIO!

VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!

VIVA O INTERNACIONALISMO PROLETARIO!



Horas e lugares de saída das manifestacións

Compostela: ás 12:00 horas desde a Praza Roxa.

A Coruña: ás 12:00 horas desde a Praza de Vigo.

Ribeira: ás 12:00 horas desde a Praza do Peixe.

Ferrol: ás 12:00 horas desde o local da CIG.

Lugo: ás 12:00 horas desde o edificio sindical na Ronda da Muralla.

Viveiro:  ás 12:00 horas con saída na estación do FEVE.

Ourense: ás 12:30 horas do Pavillón dos Remedios.

Pontevedra: ás 11:30 horas desde a Ferrería.

Vilagarcía: ás 12:00 horas desde a Casa do Mar.

A Estrada: ás 12:00 horas desde a Praza do Mercado.

Vigo: ás 11:30 horas desde a Doblada.

Cangas: ás 18:00 horas desde o Concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario