luns, 6 de xullo de 2015

A Xunta de Persoal cualifica de LDs encubertas os novos postos de concurso específico

A Xunta de Persoal de Servizos Centrais vén de dirixirse ao director xeral da Función Pública para amosar o seu rexeitamento ao novo sistema de cobertura de concurso específico tal e como está deseñado e o cualifican de "LDs encubertas" dado o seu elevado marxe de apreciación discrecional. Para máis inri, resultan LDs cun período garantido de ocupación de 5 anos.

Tamén aproveitan para denunciar o abuso desta figura que xa se está facendo en postos inferiores aos de xefatura de servizo nos que queda aberto ao que diga cada RPT, nomeadamente na recente proposta da consellaría de Facenda.

Cando, hai tempo xa, se anunciou por primeira vez que os postos de xefatura de servizo pasarían a proverse polo sistema de concurso moita xente viu esperanzas na mellora da súa carreira profesional moi limitada nesta Administración por criterios discrecionais. A ledicia transformouse en escepticismo cando, unha e outra vez se demoraba a decisión dese cambio. Co borrador da Lei de emprego público de Galicia e a súa recente aprobación entrada en vigor, a desconfianza transformouse en indignación ao descubrirmos o novo sistema creado para que a cousa cambie pero siga coma antes: o concurso específico.

O concurso específico, desenvolvido no artigo 91 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, establécese para as xefaturas de servizo ou postos de nivel equivalente (agás para os que se estableza o xa coñecido sistema de libre designación) e para todos aqueles postos de traballo que así se estableza nas RPTs “polas súas peculiaridades”.

A lei non establece un límite porcentual aos postos inferiores aos da xefaturas de servizo que poden ser cubertos por concurso específico nin unha definición obxectiva destas peculiaridades. A norma establece que será excepcional un posto de xefatura de servizo que se cubra por libre designación pero que non será excepción un posto inferior ao de xefatura de servizo que se cubra por concurso específico e que neste caso haberá que estar ao que digan as RPTs. Todo isto, sen prexuízo de que en ningún lado define a lei o que se entende numericamente como “excepcional”.

Se profundizamos no contido deste artigo constatamos que o concurso específico pode ter ata un 45% do peso total da puntuación máxima alcanzable por cuestións tan subxectivas como as valoracións de memorias, entrevistas ou informes de avaliación. Este peso é suficientemente para conseguir unha designación discrecional nos postos que se cubran por este novo sistema.

Así pois, o que temos diante non é un concurso específico senón unha libre designación encurberta coa contrapartida de que, aínda por riba, ten unha reserva mínima do posto de 5 anos de acordo co punto 7 do artigo 91 que regula esta nova figura de “concurso”.

Abuso do concurso específico nos postos inferiores aos de xefatura de servizo.

Na nova RPT de Facenda que se está “negociando” nestas datas comprobamos o rápido que a Xunta está a aplicar esta novidade da Lei de emprego público de Galicia, tamén nos postos inferiores a xefatura de servizo e que se cubrirán con carácter excepcional por este novo sistema de provisión. A proposta da Administración é a de cubrir por concurso específico ¾ partes dos postos de xefatura de servizo máis cinco xefaturas de sección.

O caso das catro seccións da subdirección xeral do Tesouro é paradigmático do que falamos cando afirmamos que estas prazas son libres designacións encubertas. Ás tres seccións antigas (crean unha nova) cambióuselles a forma de provisión no concurso do 2010. Daquela, ao quedaren vacantes na primeira fase, transformáronse de LD a concurso e cubríronse as tres deste xeito na fase de resultas no 2011.

A experiencia non lle debeu convencer á consellaría xa que catro anos despois cambia o xeito de provisión en algo moi parecido ao que previamente existía. Xustifican este cambio pola “especial sensibilidade e responsabilidade destes postos que requiren unha especial discreción no seu tratamento da información”. Non nos consta, como órgano que representa ao persoal funcionario, que houbese ningún problema na responsabilidade e discreción das persoas que acabaron ocupando estes postos por un proceso totalmente obxectivo como o concurso de traslados (agora chamado ordinario).
En todo caso na Administración sempre existiron sistemas para avaliar o traballo e responsabilidades do seu persoal, así como os mecanismos legais, de ser necesario, parar remover por rendemento insuficiente ao persoal funcionario dos postos conseguidos por concurso de traslados.

Ademais, todo persoal funcionario polo feito de selo, ten obriga de discreción no tratamento da información e pode ser sancionado de non facelo, co que co que consideramos esta xustificación para pasar estes postos a concurso específico como peregrina.

Por todo o anterior, desde esta Xunta de Persoal, no Pleno de 16 de xuño e por unanimidade, pronunciámonos en contra deste novo sistema de cobertura e instamos á Administración a que, mentres non se produza o cambio lexislativo necesario para mudalo, obxective o máis posible ese 45% e restrinxa o seu uso nos postos inferiores aos de xefatura de servizo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario