luns, 31 de agosto de 2015

Denuncian condicións laborais de escravitude nos centros de Benestar


NOTA DE PRENSA DO COMITÉ DE EMPRESA DE TRABALLO E BENESTAR DA CORUÑA

Beatriz Mato, imponslle ao persoal laboral das residencias de maiores, centros de menores e Benestar unhas condicións laborais de escraviturde e de crueldade física e psicolóxica.

 

A conselleira de Traballo e Benestar despreza a situación das traballadoras e traballadores de atención directa dos servizos sociais e dos usuarios destes centros.


A situación do persoal laboral en Traballo e Benestar é cualificada polo Comité de Empresa como "o colectivo máis castigado polos recortes e recorte de dereitos conqueridos historicamente, dentro do persoal laboral da Xunta. As traballadoras e traballadores das residencias da terceira idade dos centros de menores, e CAPD da Coruña, isto é todos os que estamos en atención directa somos victimas de quendas de traballo estresantes, machacadoras e esclavistas".

venres, 28 de agosto de 2015

DOG especial desmantelamento da Administración autonómica

https://drive.google.com/file/d/0B1evwCG_jwK2MjdtckJ3RUtIWGc/view?usp=sharing
Por petición popular, recuperamos para descarga o que fóra o gran éxito do Boletín especial do "DOG (non tan) de coña" aló por novembro 2011 cando Feijóo aínda estaban comezando cos primeiros desbroces dos Servizos Públicos.

Tras unha remodelación da Xunta e o reforzos que lle chegaron desde Madrid, afrontamos un duro 2012 e 2013 para os Servizos Públicos e as traballadoras e traballadores públicos que os facemos posibles. Despois comezaron a aparecer nos medios casos de corrupción (como se antes non existira) e cambiou a percepción pública de que o desfalco non viña tanto de ter uns bos servizos públicos senón dunhas poucas persoas que sacan tallada das súas privatizacións; persoas que vivían e roubaban a todo tren e logo pedían sacrificio aos que menos tiñan... De cambiar ata cambiou a perspectiva política e ata o PP se apuntou ao carro da rexeneración democrática, trala cura de humildade do 24M, pasou polo taller de chapa e pintura e cambiou por enésima vez de logo e portavoz.

Agora que o petamos coas cifras macroeconómicas, da igual que a miseria e a precariedade laboral se instalasen nas vidas de boa parte da cidadanía, xa non se fala de "crise", nin de "prima de riesgo", nin de "déficit" e ata sube o teito de gasto público e baixa o prezo do petróleo. Con Feijóo desfollando a margarita, no 2016 no noso país volve ser ano eleitoral e a TVG será todo en cor rosa pese ao que tenten dicirnos eses malvados señores de negro que veñen de Europa.

Quen sabe, quizais volvamos interceptar en breve un novo DOG especial, desta volta sobre a "recuperación económica".

xoves, 27 de agosto de 2015

A propia Xunta contrata cursos coa empresa da "Operación Qatedra"

Ademais de Traballo e Benestar, o Instituto Galego de Consumo tamén asinou vai pouco un contrato de formación coa empresa acusada de estafa.


Tras a xa esquecida Operación Zeta, o fin de semana pasado saía á luz unha nova trama de fraude nos cursos de formación financiados con fondos públicos, cursos polos que se cobraba pero que non se impartían. Esta nova trama (Operación Qatedra) ten o seu epicentro en Lalín, na empresa Prosem, que salpica a varias empresas das catro privincias e que celebra contratos con varias Administracións públicas, entre elas a Xunta de Galiza.

O asunto saltou aos medios de comunicación esta semana a raíz da detención de dous socios da empresa e a muller dun deles e mais polo rexistro policial da sede. Porén, aínda non saltou á luz o fondo do asunto  nin a implicación dos distintos actores. Polo momento, sabemos que a Xunta  (Consellaría de Traballo, ISSGA e IGC) tivo 5 contratos con esta empresa (un deles en vías de formalización e outro asinado o 1 de xullo); 4 deles para impartir cursos de formación.

Cualificación indebida do contrato do hospital de Vigo e a implicación de San Caetano

Daqueles pos, estas lamas sería o resumo perfecto para o que está acontecendo no novo hospital de Vigo: privatizacións de servizos, menos camas, caos nos traslados, sen laboratorio central e co parking de repago para terminar de facer caixa coa sanidade pública. Esto resultou na monumental protesta coa que o persoal público e usuarios recibiron onte á conselleira de Sanidade que ía alí a facerse a foto.

A cousa xa non comezou ben cando a Xunta escolleu o sistema de "concesión de obra pública" ao prezo total de 1.566,4 millóns de € no canto de asumir a propia construción do hospital por 457,6. Que hai un intento descarado por privatizar a sanidade, dada a súa rentabilidade, non se lle escapa a ninguén. O quiz da cuestión son as trampas administrativas e complicidades que se producen con iso, do que en San Caetano, entre papeis e informes preceptivos, sábese moito.

Traballo e Benestar contrata a traballadoras/es en quendas de fin de semana ou mesmo por só unha hora ao día

NOTA DA CIG-AUTONÓMICA OURENSE

Asistimos abraiados as declaracións da Conselleira de Traballo e Benestar onde manifesta que non entende as protestas dos sindicatos, cando o seu departamento só cumpre a Lei.

Pois ben, dende a CIG imos intentar explicarlle o que é facer leis a medida dos intereses espurios do Goberno, ou o que é o mesmo, utilizar os poderes públicos para non cumprir os pactos acadados.

No ano 2008 a CIG asina, xunto coa Xunta de Galiza, o V Convenio Único para o Persoal Laboral da Xunta de Galicia, onde se recolle entre outras cousas algo tan básico como é a compensación de un 0,75% por cada domingo ou festivo traballado, a libranza de dous días a semana ou que un domingo traballado inhabilita a traballar o seguinte, e dicir, dereitos básicos que calquera traballador/a de calquera empresa ten conseguidos a través da negociación colectiva.

28 agosto: Mobilización do persoal de incendios desde o Monte do Gozo á Praza do Obradoiro pasando por San Caetano

 NOTA DE CIG, CCOO, UGT e CSIF

As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF, con representación nos comités de empresa da Consellería do Medio Rural e do Mar, convocan unha marcha para o día 28 de agosto, con saída ás 10:00 h. desde o Monte do Gozo e con chegada ás 11:30 h. á Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela onde realizaremos unha concentración de traballadores/as.

O motivo desta marcha e posterior concentración é a de, lembrar ós compañeiros falecidos na loita contra os incendios forestais, demandar mellores equipamentos de protección, denunciar a falta de seguridade no traballo e poñer enriba da mesa, de novo,  a nosa esixencia de que a Consellería abra unha mesa de diálogo na que abordar unha serie de puntos básicos:

mércores, 26 de agosto de 2015

Acadados os 2,5 millóns de sinaturas contra o TTIP. Imos polo empuxón final!

Tan só nos quedan 43 días para recoller sinaturas para a Iniciativa Cidadá Europea (ICE) contra o TTIP e CETA! De acordo coas normas europeas, o 6 de outubro remata a fase de colección de todas as ICEs. O logro que conseguimos ata a data é para sentirnos orgullosos desta loita da cidadanía europea contra os abusos das grandes corporacións. Xusto estes días superamos os 2,5 millóns!

Asina aquí a ICE

Cantas firmas máis podemos recoller ata o 6 de outubro? Moitas se todo a xente colabora! Imaxina que cada asinante conseguise a sinaturas dunha persoa máis, poderiamos dobrar o número de firmas. Non obstante non é tan doado porque este tema está ausente do debate público nos grandes medios de comunicación. Poderíamos quizais chegar aos 3 millóns de firmas coa túa axuda? Únete ao empuxón final!

martes, 25 de agosto de 2015

A metade de persoal da Xunta flexibiliza a súa xornada pero só 76 persoas teletraballan

A implantación do teletraballo segue sendo ridícula: só 76 persoas teletraballan na Xunta dun total de 2000 potenciais usuarios que anunciaran coa súa posta en marcha.


Este luns, 24 de agosto, coincidindo coa remisión de datos dos meses de xuño e xullo de implantación de flexibilidade e teletraballo, a Xunta sacou unha nota de prensa que dicía que a metade do persoal da Xunta gozaba xa de flexibilidade.

A realidade é que a Orde que regulamenta a flexibilidade deixa ben claro que queda excluído todo o persoal que traballa en centros docentes, sanitarios e xulgados, que é a maioría do persoal da Xunta (70.000 en total). En calquera caso, dos 16.000 potenciais beneficiarios da Administración Xeral, boa parte non pode flexibilizar a súa xornada laboral xa que traballan a quendas (Benestar, Incencios....).

Ou sexa, que cando fala da "metade do persoal da Xunta" estase referindo á metade do persoal  de Administración xeral que nas estadísticas da Función Pública figura como "persoal de consellerías e OOAA". Pois ben, este número de preto de 8.000 traballadores e traballadoras públicos leva todo este ano dando sinais de estancamento xa que só aumentou un 5% no que vai de ano.

luns, 24 de agosto de 2015

Demandan a compra urxente de material para os centros de atención de maiores e persoas con discapacidades

Demandan, entre outros, grúas, padiolas, camas, sillas e baños xeriátricos



O Comité de Empresa de Traballo e Benestar da Coruña vén de remitir un escrito dirixido á conselleira, Beatriz Mato, en demanda da adquisición urxente de material, grúas, camas e sillas xeriátricas, baños xeriátricos e padiolas para os centros da Terceira Idade e de Atención a Persoas Discapacitadas da provincia da Coruña.

No escrito lembran que a Consellaría de Traballo e Benestar se comprometeu diante das organizacións sindicais representadas no Comité Intercentros do persoal laboral da Xunta de Galicia, a efectuar unha dotación de guindastres de elevación, guindastres de bipedestación e á compra de camas e sillas xeriatricas, así como tamén a cubrir as necesidades de baños xeriatricos e padiolas de varios centros de atención a persoas maiores e CAPD da Coruña.

xoves, 20 de agosto de 2015

Nova medida anunciada polo Goberno para reconciliarse coas empregadas públicas e outras medidas non tan novas

Na presentación exprés dos Orzamentos 2016 no Congreso, o Secretario de Estado para as Administracións Públicas, o Sr. Beteta, o do "cafelito", puxo enriba da mesa as distintas medidas contidas no Proxecto de Lei de Orzamentos do Estado para as empregadas e empregados públicos e que di "se negociaron coas centrais sindicais". 

Ademais das xa coñecidas, desvela agora o recoñecemento dun permiso pagado a empregadas públicas embarazadas a partir da semana 37. Toda medida que mellore os dereitos das traballadoras é positivo mais de xeito neto é unha medida realmente cativa, ben porque é algo que recollen boa parte de convenios colectivos xa que a partir desta semana o embarazo chega a término e podemos dar a luz en calquera momento, ademais de que é a parte máis complicada onde moitas mulleres xa estamos de baixa porque as molestias impiden poder desenvolver o noso traballo con normalidade, mesmo o puramente administrativo, situación que xa está excluída actualmente do desconto da nómina por "incapacidade laboral derivada da situación de embarazo".

O Sr. Beteta aproveitou para presumir dos datos macroeconómicos, afirmando que sen os recortes feitos non "teríamos saído da crise" (entendemos que se refire a da banca, non a da xente do común). A partir de aquí resaltou unha por unha as diferentes medidas que o Goberno nega que sexan populistas ou electoralistas, por suposto:

Modificación do EBEP e do Estatuto dos traballadores en materia de permisos

A entrada en vigor da Lei 26/2015, de 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia modificou o EBEP e o Estatuto dos Traballadores en canto ao permiso retribuido para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto. Amplíase este persmiso tamén aos casos de adopción, acollemento ou garda con fins de adopción, para asistir ás reunións e sesións informativas e preparatorias necesarias.

Así pois, modifícase a letra e) do artigo 48 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, que queda redactado como segue:

Permisos dos empregados públicos:
(...)
e) Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto polas funcionarias embarazadas e, nos casos de adopción ou acollemento, ou garda con fins de adopción, para a asistencia ás preceptivas sesións de información e preparación e para a realización dos preceptivos informes psicolóxicos e sociais previos á declaración de idoneidade, que deban realizarse dentro da xornada de traballo.

mércores, 19 de agosto de 2015

Unha lei de participación cidadá coa que cubrir o expediente e tapar a corrupción

O DOG do 19 de agosto publica a nova Lei de participación cidadá. Esta é o 5ª dos textos legais que Feijóo anunciara a comezos de ano para combater a corrupción e "impulsar a democracia"; concretamente a raíz de saír á luz pública a Operación Zeta onde o seu nome comezaba a soar demasiado, a través do presunto conseguidor e amigo Pachi Lucas.

Unha batería de leis oportunistas que resultan unha operación de distración e maquillaxe coa que apuntarse ao carro dos tempos de "renovación" que nos queren facer crer que están correndo. A realidade é que está lei non avanza na participación cidadá real; reduce o número de sinaturas para unha proposición de lei si (e para as de non de lei tamén) pero ao final para debatela na cámara ou non (só para iso, non para facer un referendum popular nin nada polo estilo) ten que contar co apoio dun grupo político, algo que xa viña sucedendo.

xoves, 13 de agosto de 2015

Convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios Celga nas EOIs

No DOG do 13 de agosto publícase a convocatoria da Consellaría de Educación, con carácter gratuíto, dos cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga), que se realizarán en distintos períodos e en varias escolas oficiais de idiomas do país.

O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá desde o 14 de agosto ata o 11 de setembro de 2015, para os cursos do primeiro cuadrimestre; e desde o 14 de decembro de 2015 ata o 4 de xaneiro de 2016, para os cursos do segundo cuadrimestre. 

xoves, 6 de agosto de 2015

Publícase a nova instrución para a aplicación dos complementos de incapacidade temporal

Desde o 5 de agosto están publicadas na páxina web de Función Pública as novas instrucións de desconto na nómina por baixa médica. Accede ás novas instrucións


O que nos venderon como unha medida temporal acabaron implantándoo na Lei de Emprego Público de xeito definitivo: pagar por enfermar. Se desconfían que pode haber baixas mal concedidas, que melloren o funcionamento da inspección médica. Por outro lado, estas instrucións deixan fóra cuestións de pura lóxica como que ir a traballar con enfermidades contaxiosas é un risco para a cidadanía e o resto de compañeir@s.

Noutras Administracións, e con peores datos de déficit deixaban fóra cuestións como as anteriores ou as que impedían a mobilidade, aínda que non implicases hospitalización ou cirurxía. Se queren aforrar, que busquen outras moitas partidas. Queremos o complemento por incapacidade temporal ata o 100% das retribucións en todos os casos.

Últimas novas da Función Pública e materias pendentes para setembro

Nestes últimos días antes do parón de agosto foron quedando pechadas varias cuestións (instrucións de adaptación á nova lei de emprego público dos permisos e máis dos descontos por baixa médica, varias RPTs...). Recompilamos algunhas cuestións de interese xeral como os concursos de traslados, os procesos selectivos ou listas de substitución, das que na maoría anuncian movementos en setembro.

Concurso de traslados
Persoal funcionario corpos xerais: en setembro esta prevista a lista de persoas admitidas e excluídas. Recordamos que para corpos especiais viñan avanzando previamente que para setembro-outubro comezarían a negociar as bases dun novo concurso. Dos concursos permanentes prometidos nada de nada.

Persoal laboral: Función Pública supedíatabao á negociación de refundición/supresión de categorías pero non volveu a convocar desde maio. Din que en setembro retoman o das categorías e van considerar que a negociación coas bases do concurso vaia en paralelo.

Cales dos acordos da "recuperación económica" do persoal público que se decidan en Madrid atravesarán o Padornelo?

Trala reunión da Mesa Xeral das Administracións Públicas en Madrid coñecíamos o "programa electoral" de Rajoy para as traballadoras e traballadores públicos que como bo programa non vale para moito; estas propostas de "recuperación económica" terían que concluír nun acordo con data límite 15 de outubro.

En calquera caso, estas son unhas medidas que se entenden no ámbito do estado español, das que teñen carácter básico se nos aplicarán e as que non, pois depende, como sempre do equilibrio en canto as cuestións do déficit e do interese eleitoral. Agora ben, aínda que chegara a concluír nun acordo, todas e todos nós temos en mente diveras promesas do Goberno de Madrid, e do galego, sobre o que non ía facer e logo fixeron ou do que ían facer e logo non fixeron. No Estado unha vez pasadas as eleccións de novembro, pode pasar de todo. En Galiza temos eleccións no 2016.