venres, 25 de setembro de 2015

Cuestións que ían ser en setembro pero en realidade querían dicir "a partir de setembro"

- Concurso de traslados: seguen traballando na filtración de posibles erros e en breve publicarán a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nada aínda dos borradores do concuso de corpos especiais nin de persoal laboral (que depende da reunificación de categorías, o cal fica bastante parado).

- Procesos selectivos: en próximos días comezarán a publicar a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas; comezarán de menos a máis aspirantes: escalas de finanzas, logo corpos xerais promoción interna e por útltimo corpos xerais acceso libre.

Listaxe de vacantes para a elección de destino de arquitectos/as

Achéganos Función Pública os postos que se ofertarán para a elección de destino definitivo das persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior da Xunta de Galiza, subgrupo A1, escala de arquitectos/as, convocado pola Orde do 20 de xuño de 2013 (DOG do 28 de xuño). 

Dan de prazo ata martes, 29 de setembro, para presentar alegacións. 

Descargar listaxe

Formación EGAP: cursos de autoformación e inscrición en probas de avaliación, cursos con prazas vacantes e actualización temarios de promoción interna

A Escola Galega de Administración Pública convoca no DOG do 25 de xuño o programa de autoformación para o persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

As empregadas e empregados públicos que desexen participar no programa de autoformación dipoñen de dúas opcións: 1) facer as probas de avaliación e 2) acceder aos contidos

As probas de avaliación

Como parte deste programa a EGAP ofrece a posibilidade de acreditar os coñecementos adquiridos. Por este motivo convócanse 1800 prazas para probas presenciais que darán dereito a certificados de equivalencia. Para poder acceder a elas será preciso ata as 14 horas do 30 de setembro a través da Zona de matrícula.

xoves, 24 de setembro de 2015

A Xunta aínda debería ao seu persoal 92 millóns de € só en concepto do 50% da paga extra retida desde 2012

En total esa cifra ascendería a 107 millóns se temos en conta as transferencias correntes de crédito a entidades instrumentais, universidades e concertos educativos para pagar o seu persoal propio. Con iso, aínda poderían facer ás nosas costas case outros 100 Spas de viñoterapia.


O famoso proxecto de lei polo que nos van devolver un 26,23% da paga extra retida desde 2012 chegou ao Parlamento galego e martes 29 de setembro someterase a debate e votación do Pleno. En canto a facer efectivo o cobro para o persoal da Xunta, remitímonos ao comunicado na Mesa Xeral do 15 de setembro onde se falaba de que previsiblemente sería en novembro.

Da memoria económica extraemos a información onde consta o balón de osíxeno que supuxo para a Xunta a retención da paga extra de 2012.  A dita retención deulle a Xunta un préstamo a 4 anos de 215 millóns de € e iso sen ter que pagar un só euro en xuros ou comisións.

mércores, 23 de setembro de 2015

"SAÚDOS, COMUNICACIÓN DA XUNTA DE GALICIA"

Temos denunciado por activa e por pasiva a falta de independencia dos medios de comunicación, o feito de que só nos enteremos de determinados "asuntos tarde, mal e arrastro" e a relación desto coa propiedade destes medios por parte de determinados grupos empresariais e bancarios e como non, as substancias subvencións, convenios ou contratos que realiza a Xunta de Galiza con eles.

Froito de todo esto, danse situacións como a seguinte: copiar e pegar íntegramente as notas de prensa que manda o Gabinete de Comunicación da Xunta, mesmo co "SAÚDOS, COMUNICACIÓN DÁ XUNTA DE GALICIA" que vai ao final destas. A esto quedou reducido o xornalismo mercantilizado e posto ao servizo do mellor postor, neste caso, puxando o mellor postor cos cartos de todas e todos para servizo dunhas poucas persoas.

Un exemplo tédelo na edición dixital do Correo Gallego do 24 de xullo e aí segue, de momento...

martes, 22 de setembro de 2015

Cambio na convocatoria pública de adscricións temporais para o persoal laboral da Área de Educación

Segundo informa a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A partir do 10 de outubro a convocatoria pública farase a través do portal da Dirección Xeral de Función Pública, no apartado de anuncios de comisións de servizo. Este cambio afecta aos postos de persoal laboral da RPT da área de Educación que queden vacantes sen ocupación a partir do 10 de outubro e que sexan suceptibles de cobertura por medio da adscrición temporal prevista no artigo 7.5.a) do V Convenio Colectivo.

Desde isa data, as solicitudes formuladas con anterioridade, ao abeiro do modelo anterior de convocatoria aberta que seguía esta consellaría, quedarán sen efecto. De xeito que desde o 15 de outrubro só serán admitidas as solicitudes que se formulen dentro do prazo establecido na correspondente convocatoria.

Breve historia das pagas extraordinarias

Naceron no estado español co fascismo e son unha maneira de que a empresa (ou a Administración pública) reteña parte do teu salario durante un tempo mentres, contrariamente, poden ser percibidas polo seu nome como unha "gratificación". Retención bastante aceptada socialmente, o certo é que son poucos os convenios que permiten ao persoal elixir se as quere prorrateadas en 12 meses como prorrateadas en 12 meses son as cotizacións á Seguridade Social e a maioría dos recibos.

No caso do persoal público chégase ao esperpento de reter mesmo as pagas extras dun ano para os seguintes e empregar a súa devolución como arma eleitoral. Exteriormente, a devolución a contagotas da nosa extra do 2012 pode semellar como un regeiro de regalías cando en realidade é unha retención durante varios anos dun dereito xerado que se chama salario bruto anual. Na Xunta temos ademais a peculiaridade de ter recortadas as nosas extras desde o 2013 cunha perda bruta anual dun 4% de salario.

venres, 18 de setembro de 2015

240.000 € en convenios coa prensa en 6 meses nunha soa consellaría

Se vai pouco era os 1,2 millóns de € para o spa de viñoterapia de Leiro ou os 700.000 € para La Vuelta, chega agora un clásico do dispendio público nas Administracións: os convenios coa prensa "para elaborar e publicar información relacionada con estratexias, programas e/ou iniciativas da consellería e que resulten de interese para a cidadanía".

Desta volta é a Consellaría de Economía e Industria da que se publican no DOG os convenios relizados nos 6 primeiros meses do ano, para os que destinou un total de 241.600,01€. A principal agraciada volve ser La Voz de Galicia, S.A. con case a metade do pastel: 114.802,84€; séguelle en contía, Faro de Vigo, S.A.U., con 59.781,25 €.

Isto é só unha pequena mostra: unha consellaría, 6 meses, convenios de colaboración.... contratos de publicidade, compra de xornais para os colexios e ordes de subvención a parte. Por un lado temos o feito do "dispendio", polo outro temos afectada a información que recibe a sociedade sobre o "ben", "mal" ou "regular" que o fai a Xunta. Por suposto, os convenios, salvo o título e o custo, non sabemos nada máis, nin sequera da súa xustificación.

Vindeiros actos de elección de destino definitivo: 30 de setembro

En semanas pasadas Función Pública achegaba as listaxes de prazas que vai ofertar en diversos actos de elección de destino definitivo de varios procesos selectivos.

Para o vindeiro 30 de setembro terá lugar no salón pequeno de Presidencia (San Caetano) a realización dos actos de elección de destino definitivo por parte das persoas aspirantes que superaron os seguintes procesos selectivos:

- Biólogos/as consolidación (OPE 2009): 10:00
- Enxeñeiros/as téc. agrícolas consolidación (OPE 2009): 10:15
- Enxeñeiros/as industriais -ordinaria e consolidación- (OPE 2011): 10:45
- Axentes facultativos medioambientais (OPE 2009): 11:15

"Xogar cos funcionarios"

"Xogar cos funcionarios" é o título dunha "Carta á Dirección" publicada na edición dixital de El País. En tan só 14 liñas desgrana a hipocresía e o populismo que estamos a vivir as empregadas e empregados públicos nesta devolución por fascículos dos nosos dereitos laborais. "A todas luces incecente" conclúe a carta.

Primeiro recortáronnos e humilláronnos publicamente para gañar votos, agora devolven migallas a prazos e adúlannos nas roldas de prensa, agradecendo os esforzos, tamén para rebañar votos. Pero ollo, non só para rebañar votos entre os empregados e empregadas públicas (e as súas familias), tamén entre a cidadanía en xeral. É necesario dar sensación de que todo vai ben, que ata o persoal público lle devolven pagas extras varias veces ao ano. É necesario dar sensación de bevenevolencia que o rollo duro fai perder moitos votos... son outros tempos e a decencia xa a perderon vai moito.

O persoal público xa pode utilizar os días libres recuperados... na Administración Xeral do Estado

O sábado, 12 de setembro, publicábase o RD-lei que puña en riba da mesa outro cuarto da paga extra de 2012, un moscoso, os canosos e os días adicionais de vacacións por antigüidade, entre outras cuestións como un gasto adicional de 20 milllóns de euros en vehículos militares. Na Administración Xeral do Estado, o venres, 18 de setembro, xa publican as instrucións para adaptar eses cambios polo cal a partir deste momento xa poden facer uso deses días adicionais con límite no 31 de xaneiro do 2016.

A historia vén porque de todo o anterior só o moscoso ten unha aplicación directa e, polo tanto, inmediata en todas as Administracións. O resto precisa adaptación á normativa propia pero na Xunta para recuperar dereitos laborais non se dan tanta présa como para quitalos:

- O cuarto de paga extra cobrarémolo "previsiblemente" en novembro (non antes), mentres no Estado anunciaron o pagamento para outubro.

- Os moscosos por antigüidade e os días adicionais de vacacións xa son de aplicación inmediata co límite máximo do recollido no RD. Aquí dixeron que "en breve" convocarían outra Mesa Xeral (non podían levalo á do martes 15?) e non declaran se van ir ao máximo ou non do que permite a norma estatal (o RD deixao ao criterio de cada Administración). 

xoves, 17 de setembro de 2015

Sentada de traballadoras e traballadores contra os recortes nas residencias de maiores e persoas con discapacidades

Un grupo de empleadas e empleados públicos de Traballo e Benestar fixeron unha sentada fronte a Sudelegación do Goberno na Coruña para protestar fronte os continuos recortes nas residencias de maiores e persoas con discapacidades.

Entre as denuncias destacan a diminución contiuada do orzamento para os servizos sociais públicos, en detrimento do aumento dos cartos destinados aos concertos coas residencias privadas. A pesar de que as denuncias van contra a Consellaría de Traballo e Benestar, a protesta foi fronte a subdelegación do Goberno onde presentaron por rexistro unha carta dirixida ao goberno central.

Cronograma de devolución dos dereitos laborais roubados presentado pola Xunta para o seu persoal

https://drive.google.com/file/d/0B1evwCG_jwK2NmpVbDJpQm1uTWs/view?usp=sharingEntre a reunión co conselleiro do luns, 14 de setembro, e a Mesa Xeral do 15, esto foi o que nos comunicou a Xunta das súas intencións programáticas actuais para a devolución dos nosos dereitos laborais detraídos. Todo isto a teor da aprobación do RD-lei 10/2015 polo Consello de Ministros o venres 11 de setembro (BOE 12/09/2015). 

PAGA EXTRA 2012 
  • 26,23% (48 días) pagamento previsiblemente en novembro de 2015
  • 50% pendente: abrirán negociacións nas vindeiras semanas para metelo no Orzamento de 2016 e abonalo, se for posible, no primeiro trimestre 2016 
COMPLEMENTO ESPECÍFICO (OU EQUIVALENTE) NAS PAGAS EXTRAS
2017 a expensas da evolución da economía (Non especifican de que cifras nin parámetros económicos falan) (NO ESTADO NON LLO QUITARON)

Non tod@s somos iguais: creceu o gasto en altos cargos e diminúe o de empregadas e empregados públicos

Esto despréndese do último informe de fiscalización da Conta Xeral da Comunidade Autónoma galega para o ano 2013, aprobado e publicado recentemente (non era sen tempo).

Descargar informe (gastos de persoal páxinas 58-61)

Mentres de 2012 a 2013 a Xunta aumentaba o gasto de altos cargos nun 11,64%, o de persoal funcionario, por exemplo, baixaba un 0,88% e o de persoal laboral temporal un 17,23%; dato este último coherente coa privatización galopante dos servizos públicos ou, por exemplo, a situación límite na que se atopan as residencias públicas de servizos sociais, con escaseza de persoal e material.

A pesar de reducir o número de altos cargos entre 2009 e 2013 nun 40% (de 138 a 84), o gasto medio deste segue sendo prácticamente idéntico, duns 78.000€ per cápita. Está claro que existen altos cargos cobrando mesmo por riba do Presidente da Xunta, retribucións que para 2013 foron de 66.923,04 €.


O Boletín - setembro 2015: "Queremos aos mellores"

https://drive.google.com/file/d/0B1evwCG_jwK2eEotV0lzWnhJamc/view?usp=sharing
Xa está dispoñible en versión electrónica o agardado número 224 do Boletín dos Servizos Centrais na Xunta de Galiza.

Descargar Boletín   
                                      
Nesta edición:
  • Editorial: Queremos os mellores (Feijóo sobre os procesos selectivos na Xunta)
  • Ollo coas mutuas (especial accidentes in iinere)
  • Novas (concursos, procesos selectivos, instrucións de desconto na nómina por baixa laboral, instrucións de permisos, vacacións e licencias, medidas eleitorais na Función Pública, listas de substitución, varias)
  • Humor: Peor imposíbel (edición DVD)

As pagas extras querémolas completas

https://drive.google.com/file/d/0B1evwCG_jwK2RDJxVVFxejhDb2c/view?usp=sharing

E non só queremos o complemento específico (ou equivalente) nas pagas extras. Tamén nos deben  todo o seguinte que os diferentes gobernos nos quitaron e "por moi ben que vaia a economía" non queren nin oír falar de devolver nin agora nin máis adiante. Chamábanlle axustes "temporais":

  •  100% DAS RETRIBUCIÓNS EN CASO DE BAIXA
  • COMPLEMENTOS ESPECÍFICOS DETRAÍDOS NAS PAGAS DESDE O 2010
  • FONDO DE ACCIÓN SOCIAL ÍNTEGRO
  • ARTIGOS SUSPENDIDOS DO CONVENIO COLECTIVO

Quedan 19 días para deter o TTIP: estamos a piques de chegar aos 3 millóns de sinaturas

Asina a inciativa cidadán europea contra o TTIP e en defensa dos nosos dereitos laborais, sanitarios e medioambientais.


Mentres que en Europa se vive unha división fronte á crise dos refuxiados, o noso movemento europeo contra o TTIP e CETA crece e gana en forza. Xa 2.780.000 persoas apoiaron a iniciativa da cidadanía europea (ECI), dentro dos cales 700 cidades e rexións que se auto proclaman zonas libres de TTIP e recentemente unha rede de pequenas e grandes empresas emerxeron sostendo a nosa resistencia. Xunt@s, farémonos oír nas rúas novamente, o 10 de outubro, en Berlín, Ámsterdam, Londres, Paris, Oslo e moitos outros lugares en Europa. Neste lazo, atopase o mapa dos diferentes eventos e sitios para este día de acción internacional.

martes, 15 de setembro de 2015

Convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega nivel medio na modalidade de teleformación

No DOG do 15 de setembro publícase a convocatoria da EGAP de 5 edicións na modalidade de teleformación do curso medio de linguaxe administrativa galega para o persoal que preste servizos na Administración autonómica de Galicia. Todas as edicións terán unha duración desde o 13 de outubro ao 13 de decembro e haberá 30 prazas en cada unha (150 en total).

O prazo de presentación é de 10 días naturais a partir do día seguinte ao publicación no DOG: desde as 8:00 do 16/09/2015 ata as 14:00 25/09/2015. As solicitudes faránse a través da páxina web da EGAP no seguinte enderezo: http://egap.xunta.es/matricula

Resumo da reunión co conselleiro de Facenda: “A Xunta de Galiza limítase a seguir as instrucións que recibe do Estado español en materia de servizos públicos"

Non hai intencion de recuperación de ningún dos recortes realizados pola Xunta de Galiza ao seu persoal, nin recuperación das extras completas, nin recuperación do 100% retribucións en situación de IT dendo primeiro día, entre outras.


O conselleiro de Facenda adiantou o luns, 14 de setembro, que a Xunta de Galiza se limitará a trasladar ao persoal que dependa da Xunta de Galiza os contidos dos decretos establecidos polo goberno español. A Mesa xeral que está convocada para martes, 15 de setembor, tan soio abordará o pagamento do 25% da paga extraordinaria adebedada do ano 2012, pagamento que, segundo palabras do conselleiro podería ser efectivo no mes de novembro ou decembro de este ano. Xunto a esto efectifizarase un dia de asuntos propios que se poderá disfrutar este ano 2015.

En canto aos días adicionais de permiso por asuntos propios e de vacacións por antiguidade, a Xunta de Galiza convocará mesa de negociación proximamente.

Avance Orzamentos Xunta ano 2016:  Pagamento 50% paga extraordinaria adebedada do ano 2012 e trasposición do contido dos rzamentos xerais do estado  (1% subida salarial; taxas de reposición 100% servicios esenciais, 50% resto de servizos) .

luns, 14 de setembro de 2015

Carta á cidadanía do persoal dos centros de Benestar da Xunta na provincia da Coruña

Esta carta repartirase á pé de rúa nas moblizacións dos días 17 e 24 na Coruña.


Á ATENCIÓN DE TODOS/AS OS/AS DA PROVINCIA DA CORUÑA 

O PERSOAL LABORAL DOS CENTROS DE ATENCIÓN DIRECTA DA CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR, ESTAMOS EN LOITA POLOS NOSOS DEREITOS E EN DEFENSA DA CALIDADE DAS PRESTACIÓNS AOS USUARIOS DOS NOSOS CENTROS.

Somos traballadoras e traballadores de Residencias de Maiores, Escolas In-fantís, Centros de Menores, Centro de Atención a Persoas con Discapacidade, Centros Sociocomunitarios, de atención directa aos usuarios destes centros da Consellería de Traballo e Benestar.

A CIG reitera as súas demandas ante o enésimo anuncio propagandístico de devolución da extra suprimida

O Consello de Ministros aprobou este venres un Real Decreto de medidas en materia de emprego público, sen previa convocatoria da Mesa de Negociacións.

A Área Pública da CIG (CIG-Adminsitración, CIG-Ensino, CIG-Saúde), diante do anuncio propagandístico do Consello de Ministros de que se devolverán ás empregadas e empregados públicos as pagas extra suprimidas, denuncia que se trata dunha operación estética e electoralista, que se ningunearon os órganos de representación e reitera todas as súas demandas.

sábado, 12 de setembro de 2015

Publicado no BOE o RD-lei da recuperación doutro cuarto da extra de 2012, dun moscoso, os canosos e os adicionais por vacacións

Este sábado publicábase no BOE o RD-lei 10/2015, de 11 de septembro, polo que se conceden créditos extraordinarios e suplementos de crédito no orzamento do estado español e se adoptan outras medidas en materia de emprego público e de estímulo á economía. Nesta norma, aprobada no Consello de Ministros do venres, tamén se modifica o EBEP para recuperar o 6º moscoso, os canosos e os 4 días adicionais por vacacións consonte como estaban antes do 2012.

Na Xunta, o conselleiro mantera este luns unha reunión con representantes sindicais para falar da transposción destas medidas ao persoal da Xunta. Para o martes está convocada unha Mesa Xeral á que irá como punto único da orde do día a proposta de anteproxecto de lei sobre a recuperación para o persoal do sector público autonómico galego doutro cuarto de paga extra do 2012.

Para darse conta de que esta norma esta é unha medida electoralista basta con ver a fórmula de Real Decreto Lei (reservada para cuestións de urxente necesidade) e ler o primeiro parágrafo da exposición de motivos: "Os empregados públicos contribuiron cun esforzo notable e directo á recuperación económica e ao cumprimento dos compromisos adquiridos por España en materia  de consolidación fiscal.". A urxencia vén en que as eleccións serán en decembro e hai que reconciliarse coas traballadoras e traballadores públicos que antes eramos uns "vagos" e agora un exemplo de esforzo.

venres, 11 de setembro de 2015

Modificación da RPT da Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Agora mesmo anda a voltas a Administración cunha proposta de modificación da RPT da Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Na liña destes últimos anos propoñen: máis amortizacións por abaixo para crear postos por arriba (que aínda non chegou a "recuperación económica" ás RPTs), a apertura de postos a outras Administracións, o mérito de experiencia e a licenciatura en Dereito (ou "coñecementos xurídicos") en varios postos, a centralización de todo o persoal subalterno da consellaría para que dependa da Secretaría Xeral Técnica... Deixámosvos aquí a proposta por se queredes botarlle un ollo:

Mobilizacións domingo 13 - SOLIDARIEDADE GALEGA COAS PERSOAS REFUXADAS

En Compostela a mobilización terá lugar ás 12h na praza do Obradoiro


Ante a crise humanitaria que se está a vivir en Europa, a CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas (pola CIG, CCOO, UGT, BNG, EU, ANOVA,  PSOE, Podemos e Asemblea de Cooperación pola Paz.) para este domingo, 13 de setembro, en apoio ás persoas refuxiadas e desprazadas. As manifestacións e concentracións, convocadas por organizacións sindicais, políticas e sociais e abertas á novas adhesións, realizaranse nas sete cidades galegas.

Nas últimas semanas estamos a ver a diario na prensa como milleiros de persoas tentan chegar a Europa na procura de protección, empurradas polas inhumanas condicións que sofren nos seus países de orixe ou polas situacións de conflito bélico das que se ven obrigadas a fuxir.

Para cando as pagas extras completas?


Fálase moito da recuperación da paga extra do 2012, mesmo da suba dun mísero 1% das retribucións no 2016, dos moscosos e dos canosos.... e todo o que vén de Madrid pois en breve hai eleccións xerais. Porén, non se fala case nada da recuperación de dereitos dos que a nosa Administración ten competencia exclusiva, entre eles:  recuperar o complemento específico (ou equivalente do persoal laboral) nas pagas extras que levan recortadas desde o 2013, recuperar o 100% do complemento salarial en caso de IT, os artigos substraídos do Convenio Colectivo, os 9 moscosos... Pois terán que ir afinando que no 2016 temos eleccións no noso país e os datos macroeconómicos din que pintan mellor pero non así os datos das enquisas.

Vacantes para a elección de destino de enxeñeiros/as técnicos/as agrícolas

Achéganos Función Pública as prazas que se ofertarán para a elección de destino definitivo das persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros/as técnicos/as agrícolas, convocado pola Orde do 16 de xullo de 2013 (DOG do 24 de xullo).

Dan de prazo ata martes, 15 de setembro, para presentar alegacións.

xoves, 10 de setembro de 2015

E os tractores tomaron San Caetano

A Xunta de Galiza permanece rodeada polos tractores e entre as accións desenvolvidas na xornada do mércores houbo unha incautación de leite

O edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, amencía este mércores –terceira xornada de tractorada- completamente rodeado de tractores. Alí acordaran deixalos na noite anterior os produtores, como medida de presión durante a entrevista que esta mañá mantiñan os seus representantes co presidente da Xunta. Unha xuntanza na que, tras tres horas, o único que se sacou en claro, alén da manifestación de solidariedade coas súas reivindicacións, é que a Xunta limitarase a actuar dentro da legalidade. Esa que está precisamente a provocar a situación de afogamento do sector.

Galería de imaxes

Protexamos ao persoal que se arrisca a denunciar a corrupción

Un "funcionario cabreado" acheganos o correo de máis abaixo con relación a esta nova que difundíamos en semanas pasadas: "A rebelión dos funcionarios honrados pon freo á corrupción".

Pois ben, ademais das garantías necesarias de inmobilidade das empregadas e empregados públicos que vixilen o cumprimento escrupuloso da lei, é precisa unha normativa básica específica (como existen nos países nórdicos) que protexa ás persoas que denuncian. De aí que resulte de interese a seguinte petición, aínda que debera ser dirixida a todos os grupos políticos:

https://www.change.org/p/candidatos-a-presidente-del-gobierno-por-una-normativa-que-proteja-a-los-que-denuncian-la-corrupci%C3%B3n-pol%C3%ADtica-denunciancorrupci%C3%B3n

"Putos funcionarios"

luns, 7 de setembro de 2015

PRONUNCIAMENTO DA XUNTA DE PERSOAL FUNCIONARIO DOS SERVIZOS CENTRAIS DA XUNTA DE GALICIA EN APOIO AO SECTOR LÁCTEO GALEGO

A partires de hoxe, moitas e moitos de nós, daqueles e aquelas que traballamos en Compostela, imos vérmonos afectados pola tractorada que os gandeiros e gandeiras están a levar adiante na nosa cidade. Isto vainos traer dificultades de acceso ao posto de traballo e aos nosos domicilios, calquera desprazamento que fagamos estes días vais estar condicionado por esta mobilización.

Pero, dende a CIG, entendemos que temos que ser comprensivos con estas circunstancias, moito pior está toda a xente que vén estes días montados nun tractor. De seguro que estarían moito máis cómodos nas súas casas pero até cando poden aguantar? non vai sendo hora xa de dar unha solución para o rural do noso país? para a Nosa Terra? para a nosa xente?

Listaxe de vacantes para elección de destino de axentes facultativos ambientais

Acheganos Función Pública os postos que van  ofertar para a elección de destino definitivo das persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes facultativos ambientais, convocado pola Orde do 11 de outubro de 2013 (DOG do 17 de outubro).

Dan de prazo até venres 11 de setembro para achegar alegacións.

Spa de viñoterapia por 1.2 millóns de euros do erario público e 3 cueiros ao día nas Residencias de Maiores

NOTA DA SECCIÓN SINDICAL DA CIG DE TRABALLO E BENESTAR DA CORUÑA 

A Xunta de Galicia é todo recortes e austeridade. Nos centros de Benestar o persoal e os usuarios sufrimos estes recortes día  a día. Non se renova o material: lavadoras estropeadas que non se amañan, restricción dos cueiros por usuario a 3 ao día, gruas para mobilidade dos residentes que non se compran, plantas pechadas como as da Residencia de Maiores de Ferrol, onde non se continua coas obras de mellora, falta de material de enfermería, redución nos costes do menú diario coa perda de calidade dos mesmos e sobreexplotación laboral ao non conceder compensacións por xornadas de 7 días, con domingos e festivos continuados. Baixas e vacacións de persoal que non se cubren polo que se sobrecarga o traballo que debe ser asumido polo persoal en quenda.

Pero as prioridades do goberno de Feijoo son outras. Así o recolle o DOG:

Mobilizacións martes 8 de setembro contra a violencia machista

Desde a CIG facemos un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego para este martes, 8 de setembro, ás 20 horas, en repulsa ao asasinato machista dunha muller en Vigo, a quinta vítima da violencia machista no que vai de ano en Galiza.

Mulleres organizadas en grupos de acción local na Coruña, Lugo ou en Compostela, na Marcha Mundial das Mulleres de Ferrol, Vigo e Ourense, xunto con diversas mulleres militantes do feminismo galego, convocamos concentracións en repulsa ao asasinato machista dunha muller na cidade de Vigo, ocorrido na tarde do domingo.
 

sábado, 5 de setembro de 2015

Solicitude de ditame ao Consello de Estado para aprobar medidas que afectan aos empregados públicos e diversos créditos extrarodinarios

O Consello de Ministros acordou solicitar á Comisión Permanente do Consello de Estado a emisión de ditame con carácter urxente, antes do día 11 de setembro, respecto a un proxecto de Real Decreto Lei polo que se conceden varios créditos extraordinarios e suplementos de crédito no Presuposto do Estado correspondentes a diversos departamentos ministeriais.

En concreto, o texto do Real Decreto Lei, que será sometido á aprobación do Consello de Ministros da próxima semana, inclúe a concesión de créditos extraordinarios e suplementos de crédito nos departamentos de Defensa, Fomento e Agricultura, Alimentación e Medio. Trátase de necesidades adicionais de financiamento, dos departamentos afectados, por un importe inferior a 650 millóns de euros.

O proxecto de Real Decreto Lei inclúe, ademais, as seguintes medidas en materia de función pública:

venres, 4 de setembro de 2015

Ducias de miles de persoas toman Vigo nunha histórica marcha contra os recortes no novo hospital e pola sanidade pública

Durante a manifestación, convocada pola Xunta de Persoal do Chuvi co apoio de SOS Sanidade, reclamouse a dimisión da conselleira

Ducias de milleiros de persoas -unhas 200.000 segundo datos da organización e da Policía Local- colapsaron hoxe o centro de Vigo nunha histórica manifestación convocada pola Xunta de Persoal do Chuvi co apoio da plataforma SOS Sanidade Pública -da que fai parte a CIG- para rexeitar os recortes no novo hospital da cidade e en defensa da sanidade pública ante a política de privatizacións da Xunta do PP. Durante o percorrido, que rematou na Porta do Sol cando a cola da marcha aínda non arrincara do hospital Xeral, reclamouse a berros a dimisión da conselleira de Sanidade e do xerente da área sanitaria.

Galería de imaxes da mobilización

Pola defensa do Sector Lácteo, gran manifestación en Compostela 10 de setembro

As mobilizacións trasladaranse de Lugo a Compostela na semana do 7 ao 10
O vindeiro xoves, 10 de setembro, a Plataforma Galega pola Defensa do Sector Lácteo ten convocada unha gran manifestación en Santiago de Compostela en demanda de medidas para solucionar a grave crise de prezos que atravesa o sector na Galiza, ante falta de garantías na recollida do leite e duns prezos xustos.

Dende a CIG, como parte promotora desde o seu nacemento e integrante desta Plataforma, facemos un chamamento a participar activamente nesta manifestación e apoiar a xusta loita dos nosos gandeiros e gandeiras. A marcha sairá de Salgueiriños ás 12 horas.

As explotacións leiteiras galegas son as primeiras produtoras do Estado español e desde  hai xa moito tempo cobran o leite máis baixo do Estado español, sendo ademais, o prezo medio do Estado dos máis baixos da UE.

xoves, 3 de setembro de 2015

Comisións, prórrogas e adscricións de persoal funcionario en xullo e agosto de 2015

Están a paliar a perda de chollo nos concellos, logo das últimas eleccións locais, colocando a algunha persoa provinte dos anteriores gobernos do PP que se afogaron na marea, por exemplo na Consellaría de Educación


Achegamos a listaxe das resolucións emitidas por Función Pública durante os meses de xullo e agosto de comisións de servizo, prorrogas, adscricións provisionais e revogacións.

Curioso aumento do número de novas concesións de comisións de servizo en pleno verán, tanto en número como en calidade. Visto isto dá que pensar que o concurso de traslados de corpos xerais non vai ir moi lixeiro...

Nestes dous meses de xullo e agosto hai unha suba destacable no número de novas comisións, pasamos de 48 no mes de xuño a 125 nos meses de xullo e agosto. Tamén se renovan comisións a un número alto (isto depende da data da resolución inicial e de que moitas dependen da resolución do concurso que está actualmente en marcha) pero que non chama a atención significativamente, xa que pasamos de 124 prórrogas en xuño a 185 nos dous meses seguintes. Descargar arquivo

Listaxe de vacantes toma de posesión enxeñeiros/as industriais

Achegan desde Función Pública a listaxe de prazas que se ofertarán para a elección de destino definitivo das persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñeiros/as industriais, convocado pola Orde do 20 de xuño de 2013 (DOG 28 de xuño).

Dan de prazo ata o luns, 7 de setembro para achegar alegacións.

Calendario de mobilizacións pola recuperación do dereito á descansar en domingos e festivos

Para o coñecemento e difusión entre as traballadoras e traballadores públicos, o calendario de mobilización acordadas polo Pleno do Comité de Empresa de Traballo e Benestar da Coruña. O Comité fai un especial chamamento á participación do persoal laboral nestas mobilizacións co fin de loitar pola recuperación do artigo 19 do Convenio colectivo e contra os recortes de medios e persoal nos nosos centros. 

17 de setembro de 2015 (xoves) HORA: De 11,00 horas ata 13,30 horas.LUGAR: Zona de entrada da SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO NA CORUÑA.

24 de setembro de 2015 (xoves): De 10,30 horas ata 13,30 horas.LUGAR: Zona de entrada do T.S.X. Galiza.

mércores, 2 de setembro de 2015

Denuncian a “incompetencia e a mala xestión” da Consellería do Medio Rural na loita contra os incendios forestais

NOTA DE PRENSA DA CIG-AUTONÓMICA OURENSE 

 

Dende a CIG queremos denunciar  a incompetencia e mala xestión que dende a consellería do medio rural se fai respecto da xestión dos lumes forestais.

 

É especialmente grave o caso do mantemento e actual estado das autobombas, onde a Xunta conta con medios máis que obsoletos, vehículos nalgún caso con máis de 20 anos de uso e que en boa parte deles non contan co mecanismo de alta presión. Xa van varios casos onde a vida dos conductores de autobomba correu serio perigo.

Manifestación contra os recortes no novo hospital de Vigo e en defensa da Sanidade Pública

A plataforma SOS Sanidade Pública apoia a mobilización que terá lugar este xoves día 3


A Xunta de Persoal do Chuvi chama o conxunto da cidadanía a participar na manifestación que sairá do hospital Xeral de Vigo este xoves día 3 de setembro ás 20.00 horas para rexeitar os recortes no novo hospital da cidade en defensa da área sanitaria. A plataforma SOS Sanidade Pública, que apoia a mobilización, mantivo semanas atrás unha xuntanza cos grupos parlamentares de BNG, AGE e PSOE e con Podemos para que participen da protesta e se fagan eco das denuncias do colectivo.

martes, 1 de setembro de 2015

Porque temos dereito a unha Tarifa Eléctrica Galega!

Tes ata o 30 de outubro para asinar a “Iniciativa Lexislativa Popular de Medidas para Garantir a Enerxía como Servizo Público e Contra a Pobreza Enerxética”en calquera dos locais da CIG