luns, 14 de setembro de 2015

A CIG reitera as súas demandas ante o enésimo anuncio propagandístico de devolución da extra suprimida

O Consello de Ministros aprobou este venres un Real Decreto de medidas en materia de emprego público, sen previa convocatoria da Mesa de Negociacións.

A Área Pública da CIG (CIG-Adminsitración, CIG-Ensino, CIG-Saúde), diante do anuncio propagandístico do Consello de Ministros de que se devolverán ás empregadas e empregados públicos as pagas extra suprimidas, denuncia que se trata dunha operación estética e electoralista, que se ningunearon os órganos de representación e reitera todas as súas demandas.

A Área Pública da CIG lembra que o Ministro de Facenda e Administracións Públicas xa se comprometera ante a mesa Xeral das administracións públicas do pasado 30 de xullo a abrir un proceso de negociación en dito ámbito. Porén asegura que, a día de hoxe, cun Real Decreto Lei anunciado este venres e o proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2016 en trámite, non houbo nin unha soa convocatoria a Mesa de Negociación.

Por iso considera que é “un insulto aos órganos de representación que hoxe se aprobe esta modificación das condicións de traballo sen convocar á mesa xeral de empregadas/os públicos/as”. Entende ademais que é “insultante que a CSIF queira utilizar as/os traballadoras/es públicos como vasalos do Partido Popular” e que se presente como “portavoz da organización política que nos suprimiu os nosos dereitos adiantando as medidas que adoptará o goberno”.

A Área Pública da CIG lembra ademais que xa na primeira semana de agosto o propio Feijóo anunciou tras da celebración do Consello da Xunta que o 25% da paga extra do ano 2012 será reintegrada aos traballadores/as da Xunta de Galiza en este ano 2015. “Non sabemos nada efectivo sobre iso, repiten este anuncio unha e outra vez como pura propaganda e agora o reiteran porque estamos ás portas dun novo proceso electoral”.

CIG-Área Pública queda á espera de poder coñecer o contido completo do Decreto  e ver o alcance que terá para o conxunto das administracións públicas aquí en Galiza. En todo caso denuncia “a discriminación que supón entre distintas administración, xa que ese decreto é de aplicación directa para o persoal da Administración Xeral do Estado” e subliña que “cando son recortes ou anulación de dereitos os decretos leis son de obrigado cumprimento para o persoal de todas as administracións pero cando son reposicións  levan coletillas de que quedan á consideración das posibilidades de cada administración”.

En todo caso, para a CIG é insuficiente que se limiten unicamente a devolver as pagas extra subtraídas. Xunto a isto exixe que se recuperen todos os dereitos que foron suprimidos a través dos sucesivos decretos e leis que supuxeron un retroceso gravísimo nas condicións laborais, salariais e sociais de todas as empregadas e empregados públicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario