venres, 16 de outubro de 2015

A CIG considera que os orzamentos da Xunta para 2016 evidencian o “trunfalismo suicida” do goberno de Feijoo

O conselleiro de Facenda presentaba este xoves ás organizacións sindicais os orzamentos da Xunta para 2016. Ao remate da xuntanza Paulo Carril,  secretario de Organización da CIG, cualificaba de “trunfalismo suicida” tanto as estimacións económicas das que parte o goberno como as propias cifras que se manexan. Carril entende que non se pode considerar que hai recuperación económica porque nin cesa a emigración, nin o desemprego, nin a exclusión social e a pobreza, nin a caída dos salarios ou o desmantelamento dos sectores produtivos.
Por iso afirmou que estamos diante duns orzamentos que “abandonan á súa sorte ás galegas e galegos, os sectores produtivos e os traballadores/as de Galiza” e considerou que “ningunha das medidas presentadas van solucionar os problemas reais”. Máis cando se fala dunha suposta recuperación económica que entende que “debería traer consigo benestar, emprego e salarios dignos, que non trae”.

Nese sentido, Carril manifestou ao conselleiro a preocupación da CIG porque fronte os datos presentados pola Xunta, o certo é que Galiza foi a comunidade que menos medrou no ano 2014 en termos de PIB. Só aumentou un 0,5%, cando na medida do Estado o fixo nun 1,4.

Ademais lembroulle que no ano 2014 o PIB decreceu, de media, un -1,1%, mentres que a media do Estado foi do -0,6%. Isto xunto ao feito de que fomos unha das comunidades europeas nas que máis emprego se destruíu: segundo o Eurostat, un -6,2% entre 2009 e 2014. Un dato que sería máis alarmante aínda se non fora pola emigración.

A este respecto, tamén se lle transmitiu ao conselleiro o grave problema de perda de poboación que ten Galiza. Até tal punto que descendeu entre os anos 2008 e 2014 en 35.000 persoas, pero o descenso é moito maior nos grupos de entre 20 e 34 anos.

Carril sinalou ademais o cada vez maior empobrecemento da poboación. “A taxa de risco de pobreza é, segundo datos da propia Xunta, do 23% (último dato oficial, de 2013). Isto é aínda máis grave porque para o seu cálculo tómase en conta a media de ingresos que están baixando, co cal a media tamén está baixando”, explica.

Sector público

Respecto da aposta polo público do goberno de Feijoo, o secretario de Organización da CIG explicou que cando se lle preguntou ao conselleiro como se ía plasmar isto en materias esencias como ensino ou sanidade “non contestan” dixo, como tampouco respecto do modelo de xestión. Por iso considerou que se vai seguir na senda da privatización dos servizos públicos e que os orzamentos destinados a estes capítulos son para implementar a LOMCE, “unha reforma educativa que vén do Estado e que é totalmente privaizadora e mercantilista” ou  para aplicar un modelo na Sanidade como o do hospital de Vigo.

Canto ao anuncio de incrementar nun 14% os orzamentos dos capítulos VI e VII, referidos a investimento público, a CIG calculou que se fala dunha cantidade aproximada de 154 millóns de euros, que non permite sequera aproximarse ás cantidades que se recortaron nestes mesmos capítulos nos exercicios dos últimos anos.

Diante disto Carril denunciou a “deixación de funcións, mesmo estatutarias”, do goberno galego e considerou clamorosa a falta de dotación económica e de medidas concretas dirixidas ao sector Pesqueiro, Industria ou Medio Rural.

Polo que respecta á anunciada reforma fiscal Carril considerou que “se se inspira nos mesmos principios que a reforma fiscal que fixo o goberno de Rajoy “que nos collan confesados” porque “non vai ser en absoluto progresiva, nin vai valer para nada”, afirmou.

O secretario de Organización e a responsábel do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López Gromaz, cuestionaron, en todo caso, ter sido convocados a esta xuntanza sen recebir documentación algunha previamente “para facer unha avaliación con rigor” e denunciaron o papel do goberno da Xunta, que “actúa como colaborador leal da política económica e social do goberno español” e asume os ditames da troika.

Nese sentido, Carril asegurou que se manteñen as “nefastas” políticas económicas e laborais, que provocan a destrución de emprego, e que non se fan as achegas necesarias para potenciar os sectores produtivos e favorecer un desenvolvemento económico que faga posíbel crear emprego. Por iso concluíu que son uns orzamentos continuistas, cando en Galiza “hai unha situación de agonía dos sectores produtivos, da pesca, do agrogandeiro, do naval ou do aluminio”.

Os representantes da CIG entregaron ao conselleiro as 100 medidas para crear emprego que a central sindical levou a debate ao Parlamento e que o PP laminou co seu voto en contra, e a ILP en demanda dunha tarifa eléctrica galega, á vista de que tampouco se contemplan nos orzamentos medidas para combater a pobreza enerxética.

Ningún comentario:

Publicar un comentario