mércores, 14 de outubro de 2015

A CIG convoca mobilizacións contra o TTIP en cidades e vilas galegas o vindeiro sábado día 17 de outubro

Nin CETA con Canadá, nin TTIP con Estados Unidos

A CIG convoca para o vindeiro sábado, día 17 de outubro, ás 12:00 h, concentracións contra o TTIP en cidades e vilas galegas coincidindo cunha xornada de mobilizacións en toda Europa na que se agarda que millóns de persoas saian á rúa coa mesma reivindicación: “Nin CETA con Canadá, nin TTIP con Estados Unidos. 


Dous tratados, chamados de “comercio e investimentos”, ameazan moi seriamente as nosas condicións de vida. Un deles xa negociado con Canadá (CETA) e outro aínda en negociacións con Estados Unidos (TTIP), que se unen á longa lista de tratados semellantes que se negocian entre países formando un tecido compacto que ameaza seriamente a democracia e a soberanía en todo o mundo.

Por iso a CIG, coincidindo coa xornada de mobilizacións en toda Europa, ten convocadas concentracións en todas as cidades galegas -agás Vigo, onde a mobilización tivo lugar o pasado día 10 de outubro- para manifestar o rexeitamento a estes tratados.

As horas e lugares previstos son:

A Coruña: 12:00 h diante  Delegación do Goberno.

Ferrol:  12:00 h na Praza de Armas

Compostela : 12:00 h na Praza de Galiza

Lugo: 12:00 h na Praza Maior

Ourense: 12:00 h na Subdelegación do Goberno

Pontevedra : 12:00 h na Praza da Peregrina

Vilagarcía : 12:00 h na Praza de Galiza

Todos estes tratados teñen características comúns:

-Non son tratados comerciais aínda que os disfracen así. Os aranceis dos intercambios comerciais entre a Unión Europea, os Estados Unidos e Canadá foron eliminados para a inmensa maioría dos produtos ou, cando existen, son extremadamente reducidos. O obxectivo real é a eliminación de calquera impedimento aos investimentos das empresas transnacionais, suprimindo os controis e as condicións derivados das lexislacións nacionais.

-Son antidemocráticos. Todos eles se negocian secretamente desde hai anos por “técnicos” descoñecidos que só dan contas aos gobernos ou á Comisión Europea. Nin os parlamentos, nin os cidadáns e cidadás coñecen os contidos concretos das negociacións. A Comisión Europea pretende que se aproben definitivamente polo Europarlamento, sen que os Parlamentos nacionais poidan pronunciarse ao respecto.

-Entrarán en vigor con cláusulas secretas. Algunhas addendas, cláusulas e anexos, non poderán ser divulgados ata 10, 15 ou 25 anos despois da súa aprobación e aplicación.

-Reducen a soberanía nacional, supeditándoa aos intereses económicos dos grupos empresariais. Os diferentes estados terán que modificar toda a lexislación nacional que se opoña ou dificulte a actividade das empresas. As empresas poderán demandar xudicialmente os estados se se consideran prexudicadas por algunha lei nacional, pero os Estados non poderán demandar as empresas. As demandas serán resoltas por tribunais privados exentos de aplicar o Dereito nacional e o internacional.

-Desregulamentan as relacións laborais por seren un impedimento para a obtención de beneficios. De igual xeito, revisaranse á baixa as lexislacións de protección da natureza, control de agrotóxicos, seguridade alimentar, produtos médico-farmacéuticos, cultivo de transxénicos, utilización de hormonas na alimentación animal...

-A privatización será practicamente total. Todas as actividades industriais , comerciais e de servizos entran no catálogo de actividades a privatizar. Só tres excepcións: control de fronteiras, control do espazo aéreo e aparello xudicial. 

Galiza terá terá moito máis limitada a súa capacidade de intervención na economía e na sociedade, agravando aínda máis a nosa dependencia de Madrid e Bruxelas.


Visto en: http://www.galizacig.gal/avantar/novas/13-10-2015/a-cig-convoca-mobilizacions-contra-o-ttip-en-cidades-e-vilas-galegas-o-vindeiro-sab

Ningún comentario:

Publicar un comentario