martes, 6 de outubro de 2015

A supresión da consellaría de Traballo evidencia a nula preocupación de Feijoo pola clase traballadora galega

Convértese nun apéndice da consellaría de Economía e cinxido exclusivamente á materia de emprego

A recén anunciada remodelación do goberno da Xunta inclúe, entre outras cuestións, a supresión da Consellaría de Traballo e Benestar Social. As competencias en materia de Emprego pasan a depender da consellaría de Economía e as referidas a Benestar Social a Política Social. O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, valora moi negativamente esta decisión de marcado carácter “ideolóxico” que entende que responde “a unha vella teima do PP” que evidencia a “nula preocupación pola grave problemática que padece a clase traballadora galega”.


Seixo sinala que deste xeito Feijoo segue os pasos do seu predecesor e mentor, Manuel Fraga, que procedeu a eliminar a consellaría de Traballo, no ano 1993, e que non se recuperou até o ano 2005, co goberno bipartito.

Para o secretario xeral da CIG, esta “teima” do PP garda relación coa ideoloxía neoliberal tanto de Fraga como de Feijoo e co “desprezo” de ambos por todo o que ten que ver coa problemática do mundo do traballo fronte o capital. “O Traballo perde así centralidade e , fronte a isto, sitúase no centro a Economía, entendida como a defensa dos intereses do capital”, denuncia Seixo.

Para a CIG trátase dunha decisión de enorme gravidade porque “todo o que ten que ver coas relacións laborais, a negociación colectiva, a saúde laboral ou a formación, todas elas cuestións relacionadas coas condicións de traballo e a calidade de vida da clase traballadora, pasan a ocupar un papel totalmente secundario na ideoloxía de Feijoo”.

Xunto a isto, Seixo denuncia que o único que permanece da Consellaría de Traballo é a materia de Emprego e que esta convértese, ademais, nun apéndice da consellaría de Economía. “Todo o demais desaparece”, sinala.

O secretario xeral da CIG asegura que “esta concepción do papel marxinal de todo o que ten que ver co traballo na ideoloxía destes señores xa se puxo de manifesto nas últimas reformas laborais que fixo o PP tanto en materia de contratación, como en materia de negociación colectiva”.  Ao seu entender “aí é onde se ve claramente que as relacións laborais se poñen ao servizo do incremento dos beneficios do capital, pero nunca pensando nun mecanismo para mellorar a calidade de vida da clase traballadora”.

Lembra as graves consecuencias que estas reformas tiveron para as traballadoras e traballadores galegos e en que medida se debilitou a súa capacidade para facer fronte aos ataques da patronal. Unha situación que, ao seu entender, precisaría non só da existencia desta consellaría, senón ademais que esta fose “moi dinámica, moi centrada na problemática galega e moi preocupada por articular os mecanismos necesarios para dotármonos dun marco galego específico de relacións laborais que permitira paliar o feito de non termos capacidade lexislativa en materia laboral no Parlamento de Galiza”.

Benestar Social

Respecto da outra área, Benestar Social, que pasa a depender de Política Social, o secretario xeral da CIG entende que diante da situación de deterioro das condicións de vida da clase traballadora “era esencial vincular unha cousa coa outra para articular medidas que permitiran minimizar as consecuencias dos sucesivos recortes en materia de investimentos públicos, tanto no referido á rede de servizos sociais, como no que respecta á protección social”. Ambas cuestións que considera que afectan moi directamente á clase traballadora.

“Parece lóxico que debería existir unha única consellaría que recollera e dera resposta conxunta á situación que padece a clase social maioritaria en Galiza: a precarización das súas condicións de traballo, os altos índices de desemprego, a perda de poder adquisitivo dos salarios… e que ademais fose unha peza clave das políticas do goberno galego pero é evidente que iso non é así”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario