luns, 5 de outubro de 2015

Cuestións que ían ser "en setembro" e serán xa "a partir de outubro"... se é que son

O pasado venres, 2 de outubro,  houbo outra desas reunións para informar de determinadas cuestións que afectan aos nosos dereitos das que netamente non informaron case de nada novo, ou nas que se marcan prazos ambigüos, promesas de información vindeira, cando non algunhas cuestións xa as coñecíamos pola prensa.

O maior paradigma foi o tema desa reunión que ía ser sobre a "modificación da lei de emprego público de Galicia en relación ao RDL 10/2015 sobre asuntos particulares, días adicionais por antigüidade e vacacións" e a Administración nin sequera traía esa modificación. Tamén se falou de concursos, procesos selectivos e Orzamentos 2016 e as respostas foron na liña que van sempre: estirar o chicle.

Ampliación de días adicionais por vacacións e asuntos propios en función da antigüidade


Mentres o persoal da Administración Xeral do Estado xa goza destes días adicionais desde o 19 de setembro aquí aínda estamos con reunións previas sen proposta concreta. Iso é porque a norma lexislativa estatatal puxo todo no mesmo texto: a recuperación do segundo cuarto de paga extra de 2012 e o dos días adicionais. Aquí pola contra, primeiro sacaron a lei para a devolución do cuarto da extra (DOG 5 de outubro) e máis adiante, non din exactamente cando, farán outra tramitación lexislativa para o dos días adicionais.

Volven repetir o que xa adiantaran o 15 de setembro: 1) que se aplicará esta modificación no ano 2015 e 2) que ampliarán o prazo estatal para o seu gozo (máis aló do 31 de xaneiro de 2016). Logo comentan unha serie de perogrulladas como que o texto que presentarán a semana do 5 ao 9 de outubro irá en "sintonía" co da Administración Xeral do Estado ou que os días adicionais por asuntos propios pódense soliciar unha vez se cumpra o trienio (e non ao ano seguinte).

Se na Administración Xeral do Estado o persoal se queixa de que "xogan cos funcionarios",  na Xunta utilizannos de balón, mentres marean a perdiz con esta clase de reunións informativas. Non hai que esquecer, ademais, que na Xunta partíamos dun status quo diferente ao do persoal do Estado e o recorte en dereitos foi maior (por exemplo: en asuntos propios partíamos de 9 días).

Outras cuestións

Pagamento do segundo cuarto da paga extra de 2012: (xa presentado á prensa o mércores, 29 de outubro): será coa nómina de outubro; informan tamén do que xa sabíamos, da aprobación no Parlamento da Lei 11/2015.

Concursos de traslados: corpos xerais (sairá a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas en 15 días; non avanzan máis previsións); corpos especiais (están agardando pola adaptación das RPTs á nova Lei de Emprego público...; ou sexa que o do borrador para outono vai ser que non); persoal laboral (de novo o de sempre: que será cando remata o da revisión das categorías, o cal segue parado).

Procesos selectivos: listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas (o que xa avanzábamos precisando que "en dúas semanas" sairán as de promoción interna e as de acceso libre "probablemente" o mes que vén); datas de primeiros exames (promo interna e acceso libre): "calculan entre marzo e abril"; novas lei de réxime xurídico e procedemento administrativo común e efectos nos temarios publicados: van miralo con calma para ter a máxima seguridade xurídica. Agardamos que se aclare, por escrito, canto antes, e para as distintas convocatorias (as que teñen temario lexislativo e as que teñen temas abertos).

Emprego temporal: que agora sí, que nas "próximas semanas" mandarán borrador do novo Decreto de listas de substitución...; contratación de persoal de oficinas de emprego: "o luns darán información"...


Novas relacionadas:


 





















Ningún comentario:

Publicar un comentario