mércores, 28 de outubro de 2015

Delegados e delegadas de Política Social queiman a lei que deteriora o seu traballo e anuncian mobilizacións


A cita foi martes, 27 de outubro, no Rexistro de San Caetano, onde os 4 comités de empresa da nova consellaría de Política Social citaron aos medios para dar a coñecer as mobilizacións con relación á precarización da súa situación laboral. Posteriormente, as cinzas metéronas nun sobre e dirixíronllas ao novo conselleiro, Rey Varela, xunto cunha carta coas súas reivindicacións.

As traballadoras e traballadores destes centros alí presentes readuciron a cinzas la Lei 1/2012 de medidas temporais en determinadas materias de emprego público, normativa que supuxo o deterioro da súa calidade de traballo e de atención ás persoas demandantes dos servizos sociais públicos. Esta lei ten suspendidos, entre outros, o artigo 19 do Convenio colectivo da Xunta que regulamentaba o descanso deste persoal en domingos e festivos.

Está afectado todo o persoal laboral que traballa a quendas en centros públicos de residencias de maiores, centros sociocomunitarios, centros de menores e centros de atención a persoas con discapacidades.


Avanzaron tres mobilizacións: a primeira  este xoves día 29, a seguinte o 26 de novembro e a última o 17 de decembro, día no que realizarán unha marcha con velas para denunciar o que está ocurrindo na Xunta cos servizos sociais de prestación directa. 

É progresivo e total o deterioro do material co que se traballa, que non se renova ou non se compra, desde material funxible como os cueiros ou as sabás ou outro de investimento como camas ou guindastres de elevación. Por outra banda, o persoal segue cumprindo coas súas obrigas en condicións laborais cada vez máis penosas e gravosas nas que se encadean xornadas de 9 días consecutivos traballando, ou mesmo traballar ata 14 festivos seguidos.

Por outra banda, raramente se cubren as vacacións ou as baixas do persoal, un persoal que acada os 55 anos de media e está habendo moitas baixas por sobresforzo dado o traballo físico que hai que desenvolver, por exemplo, no caso de traballar con persoas dependentes. 

Cabe lembrar, así mesmo, que o TSXG acaba de condenar á Xunta por terceiro ano consecutivo por elaborar unhas carteleiras ilegais, non negociadas, e que en moitos casos non respectan o mínimo descanso que recoñece o Estatuto dos Traballadores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario