venres, 27 de novembro de 2015

A manifestación pola derrogación da lei de medidas e polo concurso de traslados percorre Compostela

Pasadas as 10:30 horas, saía de diante do Parlamento de Galiza a manifestación do persoal laboral da Xunta a que tamén se lle uniu persoal funcionario en apoio. A demanda principal foi a recuperación dos numerosos dereitos laborais, salariais e sociais –recollidos no V Convenio Colectivo- sustraídos polo goberno do PP nestes últimos anos, so pretexto da crise. A marcha finalizaba diante do edificio administrativo de San Caetano.

En primeiro lugar, reclamouse a derrogación  da Lei 1/2012 de medidas do emprego público pola que se suspenderon os artigos 19; o 29 de dereito a comedor; o 34.2 e a disposición adicional terceira, referida ao fondo de acción social. Unha lei que aínda sigue en vigor, cando non os seus artigos incorporados á actual Lei de emprego público como o de pagar por enfermar.

O persoal laboral reclama, xunto a isto, o levantamento da suspensión, vía orzamentos, do artigo 19 e o primeiro parágrafo do punto 3.3.8 do acordo polo que se establecen as condicións especiais de traballo do persoal do SPDIF e a recuperación da negociación colectiva.

A supresión do artigo 19 provou graves consecuencias nas condicións laborais do persoal, nomeadamente o dos centros de atención directa dependentes de Traballo e Benestar, que vén mobilizándose desde a entrada en vigor da Lei 1/2012 de medidas de emprego público da Xunta de Galiza e da suspensión, vía Lei de Orzamentos, do artigo 19 do V Convenio colectivo único, por mor das condicións laborais de máxime precariedade que isto provocou.

Condicións que teñen afectado á propia saúde das traballadoras e traballadores e, en consecuencia, á calidade da atención que se presta e das que responsabilizan á consellaría por incumprir, de forma sistemática a obriga de negociar as carteleiras anuais dos centros de traballo na procura dunhas quendas harmonizadas que permitan a conciliación da vida familiar e laboral.

Unha situación que derivou nunhas “condicións penosas de traballo” pola falta de descansos, compensación de festivos e domingos, amortización de postos e a non formalización de case que 500 contratos ano por acumulación de tarefas”.


Menos discurso e máis concurso

Con esta mobilización o persoal laboral demandaba tamén  a convocatoria inmediata do concurso xeral de traslados que a Xunta ten paralizado desde varios anos. Concurso que debía ter sido convocada, atendendo ao recollido no artigo 7.2.a) de xeito PERMANENTE, e ao menos un ao ano, xa que o máis recenté foi en 2011.

A este respecto, lembramos que o pasado ano o director xeral da Función Publica comprometeuse co comité intercentros á convocatoria do concurso ao longo do terceiro trimestre do 2014. Un compromiso que volveu a incumprise neste primeiro trimestre cando, iniciada a negociación das familias profesionais que posibilitaran o concurso aberto, función publica presentou unha proposta de amortización, supresión e reorganización de categorías que imposibilitaría o concurso para os postos de traballo susceptíbeis de funcionarización tendo en conta a disposición adicional novena da Lei do Emprego Publico de Galiza pola que se crean as escalas de servizos sociais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario