venres, 29 de xaneiro de 2016

Unha nova sentenza obriga á Xunta a pagar a totalidade das pagas extras do 2013

Son xa tres as sentenzas que lle recoñecen ao persoal funcionario dos servizos centrais da Xunta de Galiza o dereito a cobrar íntegros os dous complementos específicos das pagas extras de 2013. A última sentenza, e primeira deste ano, recaída nos Xulgados do Contencioso de Compostela, o 21 de xaneiro, recoñece o dereito a cobrar 921,54€ máis xuros de demora e condena a 400€ en costas á Xunta de Galiza. A sentenza é firme e non cabe recurso.

No ano 2013, o goberno de Feijoo decidiu recortar o complemento específico (ou concepto equivalente para o persoal laboral) nas dúas pagas extras de todo o seu persoal pasando a ser Galiza unha das escasas comunidades nas que se aplicou un recorte adicional. Recorte que continúa hoxe en día e que continúa na Lei de Orzamentos deste ano, medida co que aproximadamente están a quitarnos uns 200 millóns de euros por ano

Outro tratado internacional da UE ás escondidas que nos vai afectar: o CETA

https://stop-ttip.org/pt/?noredirect=pt_PT

Debemos manter a presión sobre os nosos mandatarios para que terminen de entender que xamais aceptaremos que as multinacionais ocupen o lugar dos nosos lexisladores.

En 2016 necesitámosvos máis que nunca. Sobre todo para vixiar a evolución do acordo de libre comercio "CETA" entre Canadá e a Unión Europea, cuxa aprobación será probablemente votada no Europarlamento este ano. Sendo o primeiro tratado bilateral que a UE subscribiu cos países do G7, deberá servir de laboratorio para futuros acordos, especialmente o TTIP

A boa noticia: a vosa voz e as vosas accións tiveron un gran efecto xa que a opinión pública europea actual cambiou ao noso favor. En catro Estados membros da UE unha maioría de cidadáns oponse ao TTIP, noutros a opinión pública está a achegarse ao momento crítico. Esta tendencia confirmouse nas sondaxes oficiais do Eurobarómetro de outono de 2015. O mellor de todo é que fomos capaces de poñer o foco de atención nos aspectos negativos das súas escuras negociacións; pero o peor é que aínda hai cidadáns que aceptan os tranquilizadores reclamos do lobby prol TTIP.

xoves, 28 de xaneiro de 2016

Que cursos vai organizar a EGAP no 2016? E os temarios das oposicións para cando?

No DOG do xoves 28 de xaneiro publícase o Plan de formación do persoal das administracións e entes públicos da Comunidade Autónoma, das entidades locais e da Administración de xustiza de Galicia, así como do persoal de administración e servizos (PAS) das tres universidades galegas, para o ano 2016.

Por outra banda, en canto a programación para 2016 non estaría de máis saber cando van ter publicados (e actualizados) os temarios das oposicións que xa levan convocadas desde xuño e que posteriormente foron modificados en novembro do ano pasado. Non é de recibo que a día de hoxe, a poucos meses vista teóricos dos exames, aínda estean sen publicar os temarios completos das oposicións de C1 e C2 de libre e as actualizacións do rectos (incluído promoción interna). Ben se nonta que os temarios non son vinculantes, aínda que deberan selo se buscasen máis transparencia e obxectividade nos procesos.


Aberto o prazo para solicitar a prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos

No DOG do 27/01/2016 publícase a convocatoria e as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para 2016. Esta prestación está destinada ás persoas que non estivesen obrigadas a presentar a declaración do IRPF ou non a presentaran de xeito voluntario.

A contía será a seguinte: 360 € cando sexa a primeira filla ou fillo, 1.200 € cando sexa a segunda filla ou fillo e 2.400 € cando sexa aterceira ou terceiro e sucesivos. 

O prazo de presentación das solicitudes remata o 7 de marzo e farase preferentemente por vía telemática. Son requisitos imprescindibles a residencia habitual en Galiza e a convivencia coas nenas ou nenos na data da solicitude. As crianzas deberán ter menos de 3 anos a data de 1 de xaneiro de 2016.

mércores, 27 de xaneiro de 2016

Baile de datas nos procesos pendentes da Función Pública: NOVO DICIONARIO "director xeral-galego"

Tómannos por gilipollas sería un bo resumo da última reunión informativa co director xeral da Función Pública. Supoñemos que para a organización dos congresos provinciais e autonómico do PPdG tomaranno algo máis en serio.

Poñamos só dous exemplos sobre as cuestións polas que máis nos preguntades: o concurso de traslados e as opos de corpos xerais. E por dous motivos, porque nestes procesos hai miles de persoas afectadas e son os únicos con tal volume que se moven, lentos aínda que agardamos que canto menos de xeito seguro.

Datos do que deron de si as comisións de servizo no 2015

No ano 2015 autorizáronse un total de 658 comisións de servizo e 1.017 foron renovadas. Recordamos que a "comisión de servizos" é a figura de cobertura temporal máis empregada entre o persoal funcionario e equivalente á "adscrición provisional" no caso do persoal laboral, para a que aínda seguen sen facilitarnos os datos informatizados. 

En calquera caso, canto menos no persoal laboral a adxudicación da cobertura temporal de postos realízase atendendo a criterios obxectivos como antigüidade e pertenza ao centro, amais de existir rotatividade, de haber máis dunha persoa solicitante, non ficando a mesma durante anos por moito que non se convoque (ou resolva) o concurso de traslados.

Datos desagregados

Modificación na RPT dos órganos superiores da Presidencia: nova proposta

De acordo co falado na reunión do 12 de xaneiro, achéganos a Administración os cambios realizados e incorporados ás Memorias Funcional e Económica (xunto co seu Anexo). Descargar

Dan un novo prazo até o 5 de febreiro para presentar novas alegacións a examinar nunha terceira reunión.

As principais modificacións son as seguintes:

O Parlamento aproba, por unanimidade, a ILP da CIG a prol dunha tarifa eléctrica galega e contra a pobreza enerxética

Todos os grupos parlamentarios aprobaron, este martes, por unanimidade, a Iniciativa Lexislativa Popular de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética promovida pola CIG. Un apoio que agradeceu o representante da central sindical encargado de defendela, Fernando Branco, quen, en todo caso, asegurou que a CIG vixiará o trámite parlamentario que seguirá a Iniciativa, para garantir que o seu contido se manteña.

luns, 25 de xaneiro de 2016

Publicada no DOG a convocatoria do primeiro concurso de traslados do ano (o do ESTATÍSTICA): será o último?

No DOG do 25/01/2016 publicase a convocatoria do primeiro concurso de traslados do ano, o de Estatística que inclúe a escala superior e a escala técnica. O prazo de presentación de instacias remata, consonte ao apartado IV da convocatoria, o 11 de febreiro. Como no resto de concursos, a solicitude e resto de información na páxina web da Función Pública.

Tendo en conta que o ano pasado só houbo un concurso convocado (o de corpos xerais de persoal funcionario) e tendo en conta ademais que o ano político vai acabar bastante antes, apostamos, sen arriscar demasiado, que este vai ser o único concurso que veremos neste ano.

venres, 22 de xaneiro de 2016

A CIG desbanca a CCOO e dispútase coa UGT ser a primeira forza sindical en Galiza

A central acada un total de 4.259 delegados e delegadas, o 27,6% dos electos

A CIG é o único sindicato -dos tres maioritarios- que incrementou a súa representatividade nos últimos catro anos (2012-15). Acada 4.259 delegados/as, o 27,6% dos electos, 304 máis que CCOO e a 162 da UGT. É ademais primeira forza nas comarcas de Vigo, Pontevedra e Ferrol e nas federacións de Administración, Saúde, Ensino e Industria e segunda na Coruña, Santiago e Ourense.

Gardar os teus contrasinais onde non debes pode levarte á fama

O CAU enviou masivamente un correo electrónico chamando ao coidado na seguridade informática polo que respecta á xestión dos contrasinais, o cal é unha boa inciativa. O chamativo é que para ilustrar onde non deben gardarse os contrasinais empreguen unha foto dun ministro grego na que din no pé que "pode lerse cun pouco de esforzo o contrasinal "123456". En fin, que nós non conseguimos ler a contrasinal nesa foto.

Porén, tiñan un exemplo moito máis claro e moito máis cerca no propio vídeo promocional do Kronos, destacado na web da Amtega (ou directamente en youtube buscando kronos).  Tan famoso é que xa sae de primeiras o fotograma dunha tarxeta Kronos co PIN a pantalla completa. Neste exemplo si que se pode ler con facilidade o contrasinal "3533".

xoves, 21 de xaneiro de 2016

Cadros de retribucións e IRPF 2016: orde de confección de nóminas

No DOG do 21/01/2016 publicouse a Orde pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas para o persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2016.

No corpo e anexos desta orde figuran os cadros das retribuciónspara para os difentes tipos de persoal (Ensino, Saúde, Xustiza...). Como xa sabedes, establécese unha suba do 1% acorde tamén coa miserable suba do 1% do SMI. Deixámosvos unha folla de retribucións que resume os cadros para o persoal funcionario e laboral de Administración Xeral para 2016. PREME AQUÍ

Vindeiras mobilizacións: tarifa eléctrica galega, liberdades civís e asasinato de mulleres no Kurdistan

O martes, 26 de xaneiro, a CIG convoca unha concentración nacional diante do Parlamento de Galiza por ser ese día cando se vai tratar a Iniciativa Lexislativa Popular en defensa dunha tarifa electrica galega. + información

Por outra banda,  o domingo 24 de xaneiro ás 12:00 horas, hai convocada unha mobilización nacional, con saída dende a Alameda de Compostela en defensa das liberdades públicas e contra a supresión de dereitos á organización Causa Galiza. + información

Tamén chamamos a participar na mobilización convocada pola Marcha Mundial das Mulleres o vindeiro xoves, día 21 de xaneiro, na Coruña, diante do consulado turco en protesta polo asasinato, o pasado día 4 de xaneiro,  de tres mulleres activistas kurdas. Unha mobilización que se desenvolverá baixo o lema “Polas mulleres Kurdas. Pola paz”.  + información

mércores, 20 de xaneiro de 2016

Xa temos os dous días moscosos que faltaban no Portax

https://portax.xunta.es/
Desde o 20 de xaneiro xa temos no Portax cargados os dous días moscosos que faltaban. De acordo coas Instrucións de vacacións, permisos e licenzas, ao coincidir en sábado o 24 e 31 de decembro este ano, débense engadir dous días adicionais de persmiso por asuntos persoais.

A semana pasada denunciabamos este feito. Congratulámonos neste caso que Función Pública tomase nota e actuase con celeridade para axustar o Portax a dereito.

Novas relacionadas:

martes, 19 de xaneiro de 2016

A Xunta entrégalle 301.000€ á prensa "para potenciar o uso do galego"

Continúan a publicarse cifras de cartos destinados pola Xunta a manter os grandes medios de comunicación. Desta volta, no DOG do 19/01/2016 publícan os convenios durante 2015 da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coas grandes empresas privadas de comunicación galegas para "potenciar o uso do galego" nos seus xornais.

O certo é que como non se publica o contido do convenio non sabemos se o que en realidade están facendo é premiar o uso que fan do galego nestes medios, xeralmente marxinal, ou incentivando a que o usen algo máis. Tampouco sabemos se contemplan os programas de tradución automática por moi deficientes que sexan ou inclúen porcentaxes mínimas de uso, porecentaxes mínimas obxectivo, seccións contretas, etc. GC estimaba, por exemplo, no caso de La Voz de Galicia S.A. o uso habitual dun 5%, reservado ademais a seccións como opinión e cultura.

O que si coñecemos son as cantidades. Destaca con case o 50% do montante total a Corporación Voz de Galicia, S.A. con 149.500 €, seguelle a bastante distancia  Faro de Vigo, S.A.U. con 63.000 € e El Progreso de Lugo, S.L. con 35.000 €. Por último están outros tres grupos habituais da prensa galega: Grupo La Región, S.A. 23.000 €, Editorial La Capital, S.L. 15.500 € e La Opinión de A Coruña, S.L. 15.000 €

13.499 persoas dispútanse 89 prazas na Xunta sen aínda coñecer a data do primeiro exame

A estes procesos de acceso libre hai que sumar outras 2.015 persoas de promoción interna que aínda están pendentes de saber exactamente cando van ter lugar os seus primeiros exames.  

Cando hai eleccións á vista non é raro ver algún exame multitudinario en Silleda abrindo os informativos da TVG ou as portadas dos xornais. Así pois, temos unha listaxe provisional de oposicións que anunciaron para outubro de 2015, logo para novembro pero non foi até o 18 de xaneiro de 2016 que apereceu publicada no DOG. Referímonos ás oposicións máis demandas entre a cidadanía do noso país: as dos corpos xerais de persoal funcionario da Xunta.

Os datos de participación desagregados por grupos

luns, 18 de xaneiro de 2016

Resumo da reunión do Consello Reitor da EGAP

O 14 de xaneiro tivo lugar a primeria reunión do ano do Consello Reitor da EGAP, cunha espera aproximada de 20 minutos sobre o horario de convocatoria, debido a que o presidente, o Sr. Rueda non daba chegado. Fixo a exposición como todos estes anos a directora da EGAP, lendo practicamente o documento que se nos remitiu con anterioridade ao sindicato.

Na rolda de intervencións por parte da persoa representante da CIG fíxose fincapé no seguinte:

Resposta positiva da Valedora do Pobo á queixa sobor da flexibilidade familiar

Pouco despois de mandar Función Pública o novo borrador de instrucións de vacacións, permisos e licenzas chega a resposta da Valedora do Pobo perante unha das últimas queixas formuladas pola Xunta de Persoal. En concreto, esta queixa tiña que ver coa penalización dos permisos para as persoas que gozan de flexibilidade horaria por motivos familiares.

A Valedora dálle a razón á Xunta de Persoal di que unha vez consultada á consellaría de Facenda esta lle di que xa teñen o compromiso de quitar das instrucións de permisos o polémico e gravoso parágrafo que penalizaba as persoas que gozaran desta flexibilidade familiar con relación ao exercicio dos seus permisos legais. Ou sexa, que "están dando os pasos oportunos e dan por terminada a investigación".

Alegacións ao 2º borrador de instruccións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas

A CIG presentou alegacións ao segundo borrador das instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas. Van dous documentos: un coas alegacións comentadas e outro co borrador coas propostas de cambios incorporadas.


Novas relacionadas:

venres, 15 de xaneiro de 2016

Cando se vai resolver o concurso de traslados?

A nova previsión do director fala de maio como moi tarde e que para a semana haberá unha data das puntuacións provisionais que virán "en breve", que de momento están facendo probas informáticas para depurar erros. 

ACTUALIZACIÓN (21/01/2016): xa temos "esa data" pero coma sempre non é nada concreto: "a finais de febreiro poderían sacar as puntuacións provisionais"

Ao fin, 8 meses despois da convocatoria, cando xa tiña que estar resolto, o director xeral da dis-Función Pública publica o listado definitivo de persoas admitidas e exlcuidas no concurso xeral de persoal funcionario. DOG 15/01/16

E é que este é o único concurso de traslados que a Xunta puxo en marcha no 2015.Inicialmente había unha previsión de intentar resolvelo antes de finais de ano. Tamén inicialmente había prevesión de convocar varios concursos de traslados no 2015.

Proposta de novas instrucións para as comisións de servizo e concurso permanente "en licitación"

A Xunta de Persoal entrogoulle ao director xeral da Función Pública un documento que recolle un acordo entre as organizacións sindicais e o Goberno de Cantabria a modo de exemplo que é posible regulamentar obxectivamente as resolucións das comisións de servizo. Descargar proposta.

O director xeral falou do "compromiso" do conselleiro co tema dos "concursos áxiles e sinxelos" e que están mirando de licitar un contrato para o programa informático do concurso permanente (o de aproveitar os recursos humanos propios en informática vemos que non lles vai). Parece ser que para a semana nos darán unha data de cando van sacar a licitación... tamén para a semana darán datas de publicación de puntuacións provisionais do concurso xeral.

Ou sexa, que como parece que van ter unha data para licitar un contrato do programa que vai rexer os concursos permanentes, insinúa que o de tocar as actuais instrucións das comisións de servizo pois que xa non procede. Iso é como dicir que para que imos amañar as fochancas da estrada comarcal pois teñen intención de licitar un contrato para facer unha autostrada. E ata que esté en funcionamento a autostrada? Porque ademais o da "autostrada" é só unha idea. Iso por non falar de que o concurso permanente non eliminaría o uso das comisións de servizo, por exemplo, en postos non vacantes.

Faltan dous moscosos no Portax

https://portax.xunta.es/
Actualmente o Portax só recolle os 6 días de asuntos persoais correpondentes con carácter xeral para o 2016 máis os de antigüidade que lle correspondan a cada quen. Porén, non incorpora os dous días adicionais que corresponderían este ano por caer o 24 e 31 de decembro en sábado consote ás actuais instrucións de vacacións, permisos e licenzas.

Estas instrucións foron modificadas en xullo do ano pasado pero non no referente a este dereito. No borrador actual achegado pola Función Pública segue figurando, polo que non hai intención de suprimilo por parte da Administración. Parece ser que están agardando a que se aproben as novas instrucións. En calquera caso, a regulamentación actual indica que existen e polo tanto estes dous días deben incorporarse de xeito inmediato ao Portax consonte á dereito.

xoves, 14 de xaneiro de 2016

Mobilizacións venres 15 de xaneiro contra a violencia machista

A CIG fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego para este venres 15 de xaneiro, ás 20:00 horas, en repulsa ao asasinato machista sucedido en Narón o pasado día 29 de decembro, a oitava galega asasinada a mans da súa parella ou exparella en Galiza durante o ano 2015. 

Desde a Confederación Intersindical Galega unímonos ao rexeitamento da violencia machista e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega contra este feminicidio. Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta.

CONCENTRACIÓNS:

mércores, 13 de xaneiro de 2016

Modificación da RPT dos órganos superiores da Presidencia: segunda reunión

O 12 de xaneiro reuníronse as organizacións sindicais coas persoas representantes da Secretaría Xeral da Presidencia. Tratouse da proposta de modificación da RPT que afecta a 3 secretarias xerais e as alegacións presentadas (Deportes, Emigración e da Presidencia).

Estamos en contra das amortizacións de postos de traballo públicos formuladas.. A pesar das creacións propostas o saldo total é de catro postos de traballo menos. A maiores, estas amortizacións son maioritariamente de postos base mentres que as creación son xefaturas o cal incrementa aínda máis a inversión da pirámide de recursos humanos e afecta ao funcionamento dos servizos.

martes, 12 de xaneiro de 2016

Modificación do Decreto de listas: alegacións complementarias

A CIG presentou alegacións complementarias ás xa remitidas o pasado 6 de  novembro de 2015, referentes ao proxecto de Decreto polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, que regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza. Descarga

Inicio do prazo de presentación de instancias para as convocatorias de prazas na Administración de Xustiza

O 12 de xaneiro de 2016 abriuse o prazo para presentar as solicitudes nas probas selectivas para 752 prazas de Auxilio Xudicial, 752 prazas de Tramitación Procesual e 140 prazas de Xestión Procesual (promoción interna) da Administración de Xustiza do Estado español. O prazo remata o 1 de febreiro.

Novar relacionadas:

luns, 11 de xaneiro de 2016

Nova convocatoria de acreditación da experiencia profesional

Nova convocatoria de Acreditación da Experiencia Profesional da Consellería de Economía, Emprego e Industria Orde do  29 de decembro de 2015  pola que se realiza a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais (DOG 11 xaneiro 2016)
 

Datos de flexibilidade horaria e teletraballo no 2015: 8.500 persoas flexibilizan a súa xornada pero só 93 teletraballan

A flexibilidade horaria continúou coa súa boa implantación entre o persoal da Administración xeral da Xunta que polas características do posto que ocupa pode facer uso dela. Non foi así co teletraballo cuxa implantación remata o 2015 como empezou no 2014, coma un fracaso.

No 2015 continuou o lixeiro aumento das persoas que teñen réxime horario de flexibilidade, tanto na modalidade xeral (865) como na familiar (192). En termos relativos os aumentos no 2015 das flexibilidades concedidas foron do 11,62% na xeral e un 19,43% na familiar. O peso do incremento leváronno sobre todo as flexibilidades nos servizos periféricos.

No teletraballo houbo un aumento considerable a nivel porentual (do 50,53%) mais a nivel absoluto o total de persoas que teletraballan oficialmente na Xunta son tan só 93 das 2000 potenciais das que se falaba cando lanzaran o proxecto.

Novo borrador de instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas

Nova proposta das instrucións que regulamentan o réxime de vacacións, permisos e licenzas. Dan de prazo ata o 15 de xaneiro para formular novas alegacións. Para descargala PREME AQUÍ 

Temos que congratularnos de que Función Pública eliminase (por petición de todas as organizacións sindicais e, por pura lóxica, para variar) este desfortunado parágrafo contra a flexibilidade familiar:

Os empregados públicos que teñan concedida a flexibilidade horaria por motivos de conciliación familiar e laboral, deberán xustificar a imposibilidade de cumprir cos seus deberes de conciliación no dito horario para poder facer uso deste permiso.

xoves, 7 de xaneiro de 2016

Resposta da Fundación Cidade da Cultura sobre a queixa de prezos abusivos na cafetaría do Gaiás

Entre as poucas respostas que temos aos escritos da Xunta de Persoal, unha delas é a da Fundación Cidade da Cultura con relación a unha queixa que nos formulaba o persoal da Xunta de Galiza que alí traballa sobor dos prezos flutuantes da cafetaría do Gaias. 

En resumo, que a concesión está ben feita e que se alguén pensa que cobran por riba do prezo máximo que figura nas táboas expostas ao público que reclame, que din que non lles figura ningunha reclamación. Porén, non entra no fondo de asunto sobre o desfase dos prezos respecto á cafetarías de San Caetano ou EGAP, ou do de andar bailando cos prezos. Animamos ao persoal da Xunta que alí traballa a que faga as queixas individuais oportunas.

Descargar resposta

Novas relacionadas:

Probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2016

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou no DOG do 7 de xaneiro a convocatoria da Secretaría Xeral de Política Lingüística de diferentes probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4 para o ano 2016.

Son destinatarias todas aquelas persoas maiores de 16 anos, ou as fagan antes de finais do 2016, nacionais ou estranxeiras. As probas terán lugar en abril en Santiago de Compostela e en Ponferrada. O prazo de presentación das solicitudes e da documentación será dun mes.

martes, 5 de xaneiro de 2016

A CIG denuncia escaseza de persoal e material na Residencia de Maiores de Volta do Castro de Santiago de Compostela

A CIG diríxelle un escrito ao conselleiro para denunciar a escasez de persoal e material na Residencia de maiores Volta do Castro, recordándolle os seus compromisos parlamentarios.
A sección sindical da CIG de Política Social da Coruña, pon no seu coñecemento os seguintes feitos que consideramos moi graves e que están a dificultar a calidade dos servizos prestados a 150 residentes de Residencia de Maiores Volta do Castro:

Publicadas a Lei galega de orzamentos para 2016 e a súa Lei de acompañamento

No DOG do 31 de decembro de 2015 publicáronse os dous textos legais que supoñen a partitura principal da música que tocará a Administración autonómica para o 2016: a lei de orzamentos e a lei de acompañamento. Este será un ano importante na Xunta de Galiza dado o actual panorama de incerteza política.

Para o persoal público temos unha nimia recuperación do 1% do salario, á par coa ridícula suba do 1% do SMI, e por baixo da tamén nimia recuperación do sector privado que se sitúa nun 1,5%. A maiores, na Xunta está orzamentado para o 2016 a recuperación do 49,73% restante daquela paga extra de Nadal do 2012. No plan non retributivo haberá un aumento da taxa de reposición que concretarán na oferta de emprego público que publicarán a comezos deste ano en función do previsíbel adianto eleitoral.

Nada recollen de recuperar as pagas extras completas, os complementos detraídos (ou canto menos o que recoñece a Xustiza), o salario completo en caso de enfermidade ou accidente non laboral, o Fondo de Acción Social, os artigos suspendidos do Convenio colectivo, os 3 moscosos restantes ou algo máis da perda do 30% do poder adquisitivo desde 2010; nada de cubrir temporalmente, ata que se cubran definitivamente, eses postos que van publicar na oferta de emprego 2016, nada de cubrir sequera con carácter xeral as baixas por maternidade, paternidade, reducións de xornada e outras que non lle supoñen gasto adicional.

luns, 4 de xaneiro de 2016

Terceira reunión das cartelerias do persoal da Consellaría de Política Social da Coruña

Terceira reunión coa xefatura territorial para coñecer os criterios das carteleiras de 2016, o comité de empresa demanda que se cumpra o artigo 18.6 do convenio e ter unha negociación por unhas quendas de traballo xustas e equilibradas.

NOVA REUNIÓN: luns, 28 decembro 2015, a Xefatura Territorial tendo en conta a petición formulada polo Comité de Empresa respostou por escrito ás alegacións ás propostas de carteleiras de traballo de 2016, e nesta reunión tratase de valorar a contestación da Xefatura Territorial.

Feijoo arranca a campaña electoral antes de finalizar o ano publicando no DOG a orde que regula o “cheque bebé”

A Secretaría das Mulleres considera insultante que esta sexa a medida estrela do PP para atallar o gravísimo problema de perda e avellentamento da poboación

O mércores, 30 de decembro, publícouse no DOG a Orde que regula a concesión da axuda económica para as familias con crianzas nadas durante o ano 2016, a través da tarxeta benvida. Como a CIG xa denunciou no seu día, esta axuda forma parte do paquete de medidas electoralistas recollidas nos orzamentos da Xunta para o ano 2016, coas que Núñez Feijoo pretende gañar as eleccións, intentando, cunha pequena capa de verniz, agochar o desastroso legado do seu goberno, e coller folgos que lles permitan seguir gobernando, sen lles importar a realidade económica e social imperante.