martes, 15 de marzo de 2016

A Xunta de Galicia non aplica a lei de transparencia ás asistencias técnicas


Nota de prensa da Xunta de Persoal dos Servizos Centrais

Recentemente foi posto en marcha o novo portal da transparencia da Xunta de Galicia no que se publican o número e retribucións do persoal público. Porén, non atopamos datos ningún sobre o numeroso colectivo de persoal alleo á Xunta de Galiza que pese a traballar nos seus edificios facendo tarefas de persoal funcionario, non é persoal público nin se lle pon a lupa da transparencia enriba.

Tampouco atopamos información sobre o número de contratacións en fraúde de lei nin a apertura de expedientes para depurar responsabilidades polos custos económicos orixinados. Destacan sobre todo as Consellarías de Medio Rural, a Consellaría de Mar, a Consellaría de Medio Ambiente e Urbanismo ou a AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA, esta última onde os empregados públicos son a excepción.

E iso a pesar de ter solcitado a información reiteradamente aos distintos departamentos da Xunta, acabando mesmo no Valedor do Pobo e no Parlamento a nosa demanda de información pero sobre todo a denuncia do silencio ante a petición destes datos. Entendemos insuficiente o que ofrece a plataforma de contratación xa que non outroga os datos separados esixibles en material laboral e de representación, a saber:

a) Nome ou razón social, domicilio e número de identificación fiscal da empresa contratista ou subcontratista.
b) Obxecto e duración da contrata.
c) Lugar de execución da contrata.
d) No seu caso, número de traballadores que serán ocupados pola contrata ou
subcontrata no centro de traballo da empresa principal.
e) Medidas previstas para a coordinación de actividades desde o punto de vista da prevención de riscos laborais.

Por suposto, tampouco nos teñen facilitada a memoria xustificativa da necesidade da subcontratación e da imposibilidade da asunción dos traballos polo persoal propio da Administración autonómica, nin a listaxe das sentenzas de indefinición acaídas e a súa situación actual, así como a listaxe das persoas que se lle esixiron responsabilidades legais polos diferentes quebrantos causados á Facenda Pública a raíz destas subcontratacións en fraude de lei. A calada por resposta, como se por non falar do tema, desparecera o problema, ou como se o resto de compañeiros non nos avisaran de que “aquí hai xente traballando que non é funcionaria”.

E así, con nula transparencia, continúa a privatización dos servizos públicos e a desviación de traballo propio do funcionariado cara a empresas privadas que redundan nunha redución das prazas públicas nas ofertas de emprego, nos concursos ou nas promocións internas, polo lado do emprego público.

Desta volta, gustaríanos que esta petición de carácter ordinario non tivera que ser complementada, como ten sido noutras ocasións, con peticións extraordinarias vía Valedor do Pobo, mediante preguntas parlamentarias ou incluso chegando a vía xurisdicional, que o que farían sería desvirtuar a relación normal entre os órganos de goberno e a lexítima representación do persoal funcionario dos servizos centrais.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2016

2 comentarios: