venres, 11 de marzo de 2016

Xa son cinco as sentenzas que recoñecen ao persoal funcionario o dereito a cobrar as pagas extras de 2013 íntegras

Seguen a bo ritmo as sentenzas das pagas extras de 2013. Son xa cinco as sentenzas que lle recoñecen ao persoal funcionario dos servizos centrais da Xunta de Galiza o dereito ao cobro íntegro dos complementos específicos nas pagas extras dese ano. A última sentenza recaída nos Xulgados do Contencioso de Compostela, a comezos deste mes, recoñece o dereito a cobrar 797,70 € máis xuros de demora e condena a 400€ en costas á Xunta de Galiza. A sentenza é firme e non cabe recurso.

Na mesma semana, viñamos tamén de coñecer tamén a primeira sentenza positiva do Tribunal Supremo para o persoal laboral. No 2014 o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xa fallaba favorablemente as reclamacións de varios colectivos de persoal laboral, tanto da Administración xeral da Xunta de Galiza como dos diferentes entes instrumentais autonómicos. Nestes casos non se admitía a devolución do total do recorte nas pagas extras do 2013 (sobre un 5% da masa salarial) pero si da parte devindicada en xaneiro e febreiro ata que entrou en vigor a Lei de orzamentos galega dese ano.

Porén, a Xunta embarcouse nunha espiral de recursos de casación ante o Tribunal Supremo  co obxecto de atrasar todo o posible o inevitable e sen máis espectativas que gastar os cartos da cidadanía en reclamacións estériles xudicialmente pero moi frutíferas desde o punto de vista político. Entendemos que as seguintes sentenzas do Supremo para o resto de colectivos de persoal laboral da Administración xeral da Xunta e entes instrumentais virán no mesmo sentido. O que non podemos saber é cando virán as outras e sobre todo, cando farán efectivas as sentenzas e se o farán de xeito universal; istas dúas últimas cuestións son, ademais, decisións que orbitan dentro do terreo político.

Para o persoal funcionario a única posibilidade xudicial vén sendo a reclamación individual e neste sentido son xa decenas as sentenzas favorables na reclamación subsidiaria e, dadas as peculiaridades da vía do contencioso-administrativo, son xa 5 nos servizos centrais da Xunta as sentenzas favorables no sentido de recuperar a totalidade do recorte nas dúas pagas extras no caso de silencio administrativo.

Nas cinco sentenzas de persoal funcionario fica como elemento diferenciador que cando exista silencio na reclamación salarial en vía administrativa, a Xustiza recoñece que o sentido deste é positivo e polo tanto estímaa na súa totalidade. A pesar de todo, nas sentenzas nas que non haxa silencio na reclamación administrativa, a Xustiza recoñece con carácter xeral a reclamación subsidiaria igual que no persoal laboral.

Recordamos que no ano 2013, o goberno de Feijoo decidiu recortar o complemento específico (ou concepto equivalente para o persoal laboral) nas dúas pagas extras de todo o seu persoal pasando a ser Galiza unha das escasas comunidades nas que se aplicou un recorte adicional. Recorte que continúa hoxe en día e que continúa na Lei de Orzamentos do 2016, medida co que aproximadamente están a quitarnos uns 200 millóns de euros por ano a todo o persoal que cobramos da Xunta.

A Xunta leva desoíndo as nosas advertencias da ilegalidade das súas actuacións en canto a reclamación subsidiaria. Tamén ignora a nosa demanda lexítima da devolución destes complementos a todo o persoal afectado polo recorte. Estas actuacións implican uns custos e saturación da vía xudicial aos que lle da igual facer fronte porque non sae do peto dos seus responsables políticos.

Desta volta, no lugar de contestar coa perogrullada de que "respectan as sentenzas", comentaron na última Mesa Xeral que está facendo cáculos a ver canto lle custa a devolución; nós estimamos esta cantidade xa vai meses en 33 millóns de euros para todo o persoal que cobra da Xunta de Galiza. Por outra banda, respecto da paga extra de 2012, seguen sen ter puta idea de cando devolverán o 50% que aínda nos deben,  aínda que sospeitamos que será pouco antes das eleccións autonómicas.

Novas relacionadas:

Ningún comentario:

Publicar un comentario