venres, 29 de abril de 2016

Constitúense os primeiros tribunais das oposicións Xunta á espera de concretar novas datas de vindeiros exames

Segundo información da páxina web da Función Pública, están constituidos xa os tribunais de promoción interna do C2, C1 e A2, ademais do A2 da escala de Finanzas. Agardamos que en breve se constitúa o A1 de promoción interna e o A1 da escala de Finanzas.

Por outra banda, lembramos que a principios deste mes quedaron tamén de facer pública as datas previstas para os distintos exames da quenda de acceso libre. Asimesmo, teñen a intención de  establecer,  aínda  que  non  sexa  con  exactitude,  as datas dos segundos exames da promoción interna. Só na escala técnica de finanzas (libre e promoción interna) o tribunal avanzou un cronograma coa data do segundo (2ª quincena de xullo) e terceiro exercicio (2ª quincena de outubro).

Estas son as datas dos tribunais que xa realizaron a primeira sesión constitutiva:

xoves, 28 de abril de 2016

A Xunta utiliza politicamente o protocolo de prevención de acoso laboral

Xa o viñamos advertindo cando se levou este protocolo á Mesa Xeral do día 22 de abril. Posteriormente, este protocolo aprobouse o 27 de abril co voto a favor das catro centrais sindicais presentes na Comisión de Persoal.

Pois dito e feito, ao día seguinte da súa aprobación, xa tiñamos a noticia na prensa e ben distorsionada para cubrir o interese político do grupo no Goberno da Xunta. O que é un protocolo de prevención do acoso laboral convertérono para a opinión publica nunha ferramenta de loita contra a corrupción:


mércores, 27 de abril de 2016

Reunión cos grupos parlamentares pola problemática na Inspección de Servizos Sociais

Logo do acordado no último pleno da Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, unha representación deste órgano entrevistouse cos grupos parlamentares do BNG, PSG-PSOE e AGE o pasado 26 de febreiro. A situación de desconexión, por parte da consellaría, con respecto á Xunta de Persoal; que roza o desprezo máis absoluto cara as constantes reclamacións laborais que se teñen presentado, negándose a recibir aos e ás representantes do persoal dende o ano pasado; provocou este paso adiante pola parte sindical que optou por denunciar o caso no Parlamento Galego.

Nestas xuntanzas expúxéronselle, aos distintos deputados e deputados que nos atenderon, o conxunto da problemática laboral que existe nesta unidade administrativa (falta de avaliación dos postos de traballo e dos riscos psicosociais, problemas de organización e reparto do traballo, actas de inspección que se agochan en caixóns...), problemática que é necesario solucionar polo ben do persola e para o bo funcionamento dos Servizos Sociais do noso país.

Función Pública esquécese do Concurso de corpos xerais (aseguran que está tramitándose)

Por non falar do concurso de persoal laboral, o de corpos especiais ou o tantas veces prometido concurso permanente.

Pasaron máis de tres semanas dende que rematou o prazo para facer alegacións ás puntuacións provisionais do concurso e a Xunta de Galiza aínda non convocou a comisión que as resolverá.

Parece que o goberno de Feijoo está a xogar novamente coa vida do persoal funcionario en función dos tempos electorais que manexa o Partido Popular sen importarlle que, polos seus intereses, se poida ver atrasado un concurso do que están pendentes os traslados, reunificacións familiares e/ou carreira profesional de 2.809 persoas.

A Xunta segue destruíndo emprego público a pesar de presumir que cumpre co déficit: hoxe RPT Infraestruturas

Escoitando iso de que xa "saímos da crise" e do ben que dan os números na Xunta de Galiza, non o parece cada vez que vemos unha nova proposta de modificación de RPT. Xa pasou coa de Cultura e Educación, cunha destrución neta de 29 postos de traballo público. Agora vén a Consellaría de Infraestruturas, "só" cunha destrución neta de 7 postos porque "non son imprescindibles para o funcionamento da consellaría".

Tendo en conta a deriva actual de aumento relativo dos postos discrecionais respecto dos de concurso (que son os que sempre se amortizan), isto vai acabar nunha pirámide tan invertida como a da poboación galega: cada vez máis vellos e cada vez máis "xefes/as". Pola contra, mentres se constrinxe o capítulo de gastos de persoal, deixando sen orzamentar postos vacantes, vaise o traballo polo capítulo de investimentos en forma de privatizacións. De feito, un dos 2 postos que crean é por unha sentenza xudicial de indefinición de subcontratación ilegal de tarefas informáticas.

Máis tomas de posesión en 2016 de prazas ofertadas no 2011: A1 Bibliotecas e A2 enx. téc. industriais consolidación

Desta volta referida aos proceso de A1 Bibliotecas e ao de A2, enxeñaría técnica industrial - consolidación-, os dous derivados dunha oferta anella: a Oferta de Emprego Público de 2011.

Bibliotecas A1: convocada pola Orde de maio de 2014. Eran 7 prazas as que se convocaron (1 de promoción interna). Estes son os postos que se ofertán para a elección de destino definitivo das persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo.

Enx. Téc. Industrial A2: Convocada pola Orde do 20 de xuño de 2013. Son 3 prazas as que se covocaron nesta modalidade. Estes son os postos que se ofertarán para a elección de destino definitivo das persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo.

Seguirán entre este mes o que seguinte, o resto das que faltan.

Novas relacionadas:

martes, 26 de abril de 2016

Primeiro de Maio: “Reformas laborais e lei Mordaza, anulación xa!”

http://www.galizacig.gal/avantar/files/images/16-04-25%20Cartaz%20Primeiro%20de%20Maio.grande.jpg
Denunciaremos ademais, nas 13 manifestacións previstas, as políticas da UE, nomeadamente o comportamento inhumano en materia de refuxiados/as

A CIG presentou este luns os contidos da campaña do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, e o documento no que se recollen as principais demandas que a central sindical dirixe ao goberno que se conforme no Estado español. Demandas que se concretan precisamente no lema escollido “Reformas laborais e lei mordaza, anulación Xa!” e que se acompañan coa denuncia das políticas antisociais da UE e do seu carácter proimperialista.

luns, 25 de abril de 2016

Revolución dos caraveis: sempre é 25 de abril!

O pobo é quen máis ordena.


A Xunta amplia a subvención aos medios de comunicación privados ata chegar aos 1.675.000 €

No DOG do 22 de abril publícase a ampliación da subvención aos medios de comunicación privados galegos ata chegar aos 1.675.000 €. É posible así agardar obxectividade e independencia nas novas que falan da Xunta?

Estas subvencións non teñen unha finalidade pública específica, senón simplemente soster os gastos de empresas de comunicación privada polo simple feito de existir, en función do alcance de lectores, oíntes ou visitas ás súas páxinas web, tal e como figura nas bases da convocatoria publicada no DOG do 19 de xaneiro.

Na convocatoria incial destas subvencións de concorrencia non competitiva destinouse un orzamento inicial de 1.135.000 € que coa resolución actual vén ampliarse en 540.000 € ata un total de 1.675.000 €, algo que xa contemplaba a convocatoria inicial. Esta estrataxema xa foi aplicada en idénticas cantidades nas subvencións do ano pasado, a ver se así pasa máis desapercibido.

Seguimos coa previsión de toma de posesión do concurso antes do verán e exames das opos de acceso libre en xuño

Esta semana de atrás houbo unha Mesa Xeral e Comisión de Persoal onde foron un puñado de cuestións e na que se deu información varia que veu a ser a mesma que xa deu na última destas xuntanzas co director, a cousa repítese coma o allo, ou non avanza, depende como queirades velo.

Na Comisión de Persoal aprobouse o acordo para constituír a Comisión de Seguimento das Instrucións de permisos, vacacións e licenzas, da que vai ser xa inminente a súa primeira reunión tendo en conta os líos que xa están montados coas "X" do persoal que traballa a quendas ou os de algúns centros que van á súa bola e pretenden reinterpretar as propias instrucións para cubrir así as necesidades das vacantes, baixas e vacacións. 

Mesa Xeral 22 de abril: protocolo de prevención do acoso laboral e modificación puntual do Decreto de listas de substitución

Na Mesa Xeral do 22 de abril levouse o definitivo protocolo de prevención do acoso laboral e unha modificación puntual do decreto de listas de substitución, ambos temas que levaban xa anos dando voltas polos caixóns e as mesas da Xunta.

Máis de 350 comisións de servizo entre febreiro e marzo do 2016

Nos meses de febreiro e marzo pasados, no ámbito da Xunta de Galiza, concedéronse un total de 125 novas comisións de servizo e prorrogáronse 231, así mesmo, tamén se concederon 20 novas adscricións provisionais.

Nestes dous meses produciuse un incremento considerable, xa que pasamos de 114 novas concesións (a suma de comisións de servizo e adscricións provisionais) nos dous meses anteriores a 145. Con respecto ás prórrogas realizadas, no perído anterior de decembro de 2015 e xaneiro de 2016 concedéronse un total 152, no entanto nos meses de febreiro e marzo deste ano renováronse 231. Ou sexa, un repunte importante, cando menos no tema das novas concesións. O aumento das prórrogas hai que achacalo, cando menos en parte, á falla de resolución do concurso.

É necesaria unha modificación da orde de xornada laboral, flexiblidade e teletraballo

Actualmente hai 8.679 persoas na Xunta con horario flexible mais só 140 con algunha xornada a semana con teletraballo.

A Administración remítenos os datos acumulados das flexibilidades horarias e do teletraballo con relación á data de 31 de marzo. Este último mes volveu aumentar un 10% de xeito relativo o número de persoas con teletraballo mais os datos globais son realmente malos: só 140 persoas, duhas potencias 2.000 das que falaba incialmente o goberno, teñen esta modalidade de traballo nalgunha xornada. A flexibilidade sigue estancándose e non ten moito máis percorrido. En ambos os casos é necesaria unha modificación das condicións inicialmente formuladas para potenciar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

sábado, 23 de abril de 2016

A CIG denuncia o acordo asinado por CCOO, CSIF, UGT e Función Pública porque anula parte do V Convenio Colectivo

A CIG-Administración Autonómica presentou unha demanda no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra o acordo que deixa sen efecto un artigo do convenio colectivo do persoal laboral da Administración Autonómica que afecta á promoción interna da Oferta de Emprego Público para o ano 2016.

A demanda da CIG-Autonómica vai contra os puntos primeiro, segundo e terceiro do acordo asinado o 24 de febreiro de 2016 por CCOO, CSIF e UGT con Función Pública, onde deixan sen efecto para a Oferta Pública de Emprego de 2016 parte do V convenio colectivo.

venres, 22 de abril de 2016

Política Social ignora as recomendacións da Valedora do Pobo na convocatoria de prazas nas escolas infantís para fillos e fillas de 0 a 3 anos do persoal da Xunta

No DOG do 20 de abril publicase a Orde que regula o procedemento de adxudicación de prazas para fillas e fillos do persoal da Xunta de Galicia nas escolas infantís dependentes desta axencia para o curso 2016/17.

De novo, volven a pasarse polo arco do triunfo as recomendacións da Valedora do Pobo con relación a garantir e posibilitar a conciliación e non a entorpecela. Foron varias as nais e pais que recurriron á Valedora queixándose polos horarios e os peches forzosos desta orde que obrigan a facer equilibrios na vida familiar e laboral e a Valedora deulles a razón:  considera imprescindible que se manteña aberto un centro por localidade sen esixir un número mínimo de nenas e nenos e sen necesidade de xustificar documentalmente a necesidade de levar as crianzas á escola infantil nos periodos "teóricos" de vacacións.  Descargar recomendacións Valedora do Pobo

Concentración de repulsa fronte a tortura e asasinato do mozo sindicalilsta saharaui polo réxime marroquí

Comunicado da Delegación Saharaui para Galicia e Solidaridade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS)

Pola presente SOGAPS e a Delegación Saharaui en Galicia ten a ben convocar a todos os partidos políticos, sindicatos, organizacións sociais e cidadás a unha concentración en Compostela o vindeiro sábado día 23 ás 11 da mañá na Praza das Praterías (Compostela) en repulsa polo vil asasinato do mozo sindicalista saharaui Brahim Saika (Membro da Coordinadora de Desempregados Saharauis de Gulimin), en Agadir - Marrocos.

Arrestado polo goberno marroquí o día 1 de abril foi encarcerado en Buzacarem e torturado. Despois de 15 días en folga de fame, foi trasladado ao Hospital Hassan II de Agadir. Esposado sempre e sen permitir visitas nin da familia, faleceu vilmente polas torturas e abusos da policía do réxime marroquí.

mércores, 20 de abril de 2016

Non somos traballadoras e traballadores públicos de segunda... aínda que nos traten como tal

Está hoxe nas portadas dos principais medios: o Goberno do Estado devolverá en abril o 50% que resta daquela paga extra retida desde nadal de 2012. Cando se preparaban os Orzamentos do Estado había compromiso de devolvelo en xaneiro, ollo, pero retrasaron a devolución e precisamente o fan agora, en abril. A medida é claramente electoralista e moi hipócrita por parte dun goberno que se di en funcións para non comparecer ante o Congreso.

Punto e a parte merece a consideración que esta medida vén nun momento que a UE relaxa os obxectivos de déficit para España un ano máis e o propio ministro de Economía di que non cumpliremos nin este ano nin o outro.  Catro anos de duros recortes sobre a clase traballadora, mentres a clase privilexiada levaba os cartos para Panamá, e total para que siga aumentando a débeda pública (a base de rescatar bancos, de obras faraónicas e de corrupción a mans cheas) e non cumplir nunca cos seus propios obxectivos, entre os cales non están os servizos públicos nin salvar a vida das persoas como se está demostrando desgraciadamente estes días.

E aquí? Aquí son máis listos cos allos: devolven o que queda en dúas tandas para cubrir as posibles datas eleitorais de antes de verán (as xerais/autonómicas) e despois do verán (as autonómicas). E iso que tiñamos mellores cifras e a pesar do cal cobraremos máis tarde. Ollo que xa cobramos máis tarde no primeiro pagamento en xaneiro do ano pasado cando só nos devolveron un 12,5% (mentres ás compas do Estado lle devolvían xa o 25%) porque aquí decidiron gardar o outro 12,5% para maio coincidindo coas eleccións municipais. Ver gráfico.

Probas físicas e de agudeza visual aos integrantes das listas de diversas categorías do SPDCIF 2016

Durante os días 3 e 4 de maio de 2016, a Consellería do Medio Rural e do Mar ten previsto realizar as probas físicas e de agudeza visual aos integrantes das listas reguladas polo Decreto 5/2007, do 25 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes ao persoal que traballa nos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais: de técnico/a superior de defensa contra incendios forestais, técnico/a forestal de defensa contra incendios forestais, xefe/a de cuadrilla, condutor/a de motobomba, peón/oa condutor e peón/oa defensa contra incendios forestais (proba física) e ás categorías de vixilante fixo e vixilante móbil (proba de agudeza visual).

martes, 19 de abril de 2016

Publicados no DOG a composición dos restantes tribunais de promoción interna de corpos xerais e das escalas de Finanzas

Tamén sae publicado no DOG do 19 de abril unha correción de erros no tribunal do A2 Finanzas.
Como dicíamos onte, faltaba por publicar a composición dos tribunais do A1, tanto de promoción interna de corpos xerais como da escala de Finanzas. Pois ben, no DOG do 19 de abril publícase a composición destes dous tribunais restantes:

luns, 18 de abril de 2016

O TSXG fala de "falta de limpeza" e o TS de "arbitrariedade" nas oposicións da Xunta

Non estamos na Deputación de Ourense, non, esto non chega ata o punto de que Porntube emita os procesos selectivos, pero por desgraza, do elemento fundamental non estamos tan lonxe. A terrible discrecionalidade que rodea calquera proceso selectivo na Xunta fai que aos poucos esteamos lendo notas na prensa de sentenzas nos tribunais superior e supremo, despois de moitos anos, falando de "falta de limpeza" e "arbitrariedade".

Xa falábamos no noso Boletín de dous casos concretos: o primeiro o das opos de Turismo de 2001 que máis de 14 anos despois houberon de repetir o úlitmo exercicio, e aínda así a cousa non acabou aí que o Tribunal Supremo admitiu a trámite a demanda por "execución incorrecta", co cal aínda podemos ver outro exame máis. O segundo refírese ás oposicións de A1 de libre do 2010 no que o Tribunal Supremo eménalle tamén a plana ao TSXG e dille que si procede proba pericial tendo en conta como se desenvolveu o proceso.

Tamén hai corrupción na Xunta: hoxe Caso Retablo: "Os voy a repartir Galicia y dar una herencia de puta madre"

Funcionarios corruptos?.... corruptos si, funcionarios non.

Depois de 8 anos parece que ao fin vai ter lugar o xuízo polo Caso Retablo. Este caso investiga a funcionarios, curas e empresas de rehabilitación por defraudar diñeiro público e adxudicar a restauración de templos a empresas amigas. Foi coñecido pola mítica frase dun dos imputados (agora chamado investigado) que dixo aquelo de "Os voy a repartir Galicia y dar una herencia de puta madre"

A actitude na Xunta neste caso foi como se o tema non fose con ela e de novo esteamos ante un "caso aillado", non ante un problem sistémico, tan aíllado como Caso Aznet e o colega Pachi Lucas, os papeis de Marcial Dorado, os contratos con EULEN ou a Operación Rinlo, por exemplo.

Oferta de emprego do 2011 e tomas de posesión no 2016

O que vos imos contar é simplemente un exemplo de como están os procesos selectivos na Xunta. Si, hai moitos máis exemplos, nos que mesturamos tomas de posesión tras anos desde a Oferta de emprego, cambios de temarios, adiamento de datas, cachondeos nas probas, ou sentenzas no tribunal sumpremo falando de arbitrariedade ou falta de limpeza.

Pero desta volta queremos fixarnos nos seguintes casos porque veñen de remitirnos unha "petición de representantes" para os actos de toma de posesión en destinos definitivos tanto de Arquivos A1 como de Enx. Téc. Minas A2 (ver ligazóns a postos ofertados). Estes actos terán lugar o 22 de abril no salón pequeno de San Caetano ás 10:00h e 10:15h respectivamente. 

RPT Cultura e Eduación: amortizacións e despedimentos en diferido

Continuación esta dunha proposta do 2014 baseada na execución das amortizacións da Lei de Orzamentos de 2013 que ao final executan agora engadindo unha mínima parte boa de subida de niveis e creación dalgunha praza (ad hoc nalgún caso) cunha nova parte mala da modificación substancial das condicións de traballo do persoal funcionario de bibliotecas sen compensación algunha.

Houbo o 13 de abril unha desas reunións pseudoinformativas que pretenden colar como negociación, e dicimos pseudoinfomativa porque da información ou preguntas que facíamos había demasiadas negativas.
Un total de 30 prazas pasan a mellor vida: 16 vacantes que deixaron sen dotación orzamentaria en centros territoriais (arquivo do Reino, Museo de Ribadavia) e prazas base A1 na Dirección Xeral de Patrimonio; 14 por razóns funcionais", entre as cales hai 2 que non están vacantes senón ocupadas por persoal laboral e que suporá 2 novos despedimentos. A estas hai que sumarlles os 9 da área de Educación.

Amplíase a Oferta Pública de Emprego da Xunta con outras 63 bolsas de "formación"

En menos dun mes xa van convocadas un total de 77 ofertas de traballo en precario na Xunta de Galiza.

O mellor para non ter vergonza é deixala na casa, pois alí quedou a pouca vergonza desta Administración que segue suma e segue coas convocatorias de bolsas de formación como sustitutivo de postos de traballo dignos. E así ano tras ano, publícanse convocatorias de bolsas durante 6 meses para cubrir a falta de persoal propio nos centros públicos.

Desta volta temos ofertadas un total de 63 bolsas no que é a Área de Cultura da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, desagregadas do seguinte xeito:

Acordos do último Pleno da Xunta de Persoal de SSCC: recuperación paga extra 2013, novas medidas conciliación, trienios persoal interino...

No último pleno ordinario que se celebrou no órgano de representación do persoal funcionario que traballa nos Servizos Centrais da Xunta de Galiza chegáronse aos varios acordos relacionados co seguintes temas: recuperación da paga extra 2013 e sentenzas xudiciais, novas medidas de conciliación da vida persoal, familar e laboral, trienios do persoal interino consonte as recomendacións do Valedor do Pobo, persoal de corpos xerais da ATRIGA, situación da Inspección de Servizos Sociais, desperfectos varios nas instalacións dos centros. 

En varios comentáronse as recentes sentenzas que poñen en dúbida a limpeza dos procesos selectivos da Xunta e os escritos envíados e recibidos desde o último Pleno, así como a escasa contestación e colaboración por parte dos distintos departamentos da Xunta.

Pola mellora e ampliación das medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral

A Xunta de Persoal vén de aprobar no seu último Pleno e dirixir un escrito con diversas propostas de mellora e ampliación das medidas actuais de conciliación da vida persoal, familiar e laboral aos departamentos correspondentes.

Algunhas trátanse xa de vellas aspiracións que levan enriba da mesa desde que botou a andar o tema da flexibilidade laboral (coma a de poder traballar o venres pola tarde ou a bolsa de hora positivas para o mes seguinte), outras tratan de aplicar o que xa teñen no estado (como o horario de verán ampliado) ou ben de que os servizos de persoal apliquen correctamente a flexibilidade familiar sen impoñer máis limitacións que as que recolla a resolución favorable.

Reclamación de cobro de trienios con carácter retroactivo para o persoal interino dos corpos xerais da Xunta de Galiza

Dende o ano 2009, temos coñecemento de que o persoal interino do ámbito da Xunta de Galicia (tanto o docente coma o dos corpos xerais) comezou a reclamar con carácter retroactivo os trienios anteriores á entrada en vigor do EBEP. A reclamación, baseada na xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, solicita o cobro dos trienios perfeccionados nos cinco anos anteriores á entrada en vigor do artigo 25.2 da Lei 7/2007, do Estatuto do Empregado Público.

Aínda que finalmente o criterio dominante dos xulgados foi favorable, entre os primeiros que reclamaron moitos compañeiros e compañeiras tiveron sentenza firme en contra. Ante a inxustiza evidente desa situación, parte deste colectivo reclamou unha responsabilidade patrimonial, que foi tamén desestimada polos xulgados. 

Posteriormente, o Valedor do pobo, na suxestión á Consellaría de Facenda polo expte. A.4.Q/21847 de data 4 de maio de 2015 (xúntase copia) emitiu a seguinte conclusión: 

Publicada no DOG a composición de case todos os tribunais da promoción eterna de corpos xerais e das escalas de Finanzas

Aínda falta por publicar a composición dos tribunais do A1, tanto de promoción interna de corpos xerais como da escala de finanzas.

Non era sen tempo, tal como avanzábamos a comezos da semana pasada, por fin temos datas dos primeiros exames e hai tribunais nomeados, canto menos a maioría. As datas coñecíamolas o xoves a última hora e os tribunais foron publicados no DOG do 15 de abril:

venres, 15 de abril de 2016

Segundo zasca do Tribunal Supremo a Feijóo coa paga extra de xuño de 2013

Siguen recaendo as sentenzas favorables á recuperación da parte divindicada da paga extra de xuño de 2013, tanto nos tribunais do contencioso para persoal funcionario, como para os diferentes colectivos de persoal laboral, primeiro no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) e agora no Tribunal Supremo (TS). 

E a Xunta como se oíse chover, segue coa súa "folla de ruta": négase a devolver de oficio o que recoñece a Xustiza para o recorte ilegal na paga extra de xuño de 2013 e prefire embarcarse nunha espiral de recursos e xuízos para minimizar o impacto político. Iso a pesar do custo extraordinario que supón para a cidadanía que a Xunta pleitée o que sabe que non pode gañar.

Máis sentenzas favorables ao persoal funcionario de cobrar a paga extra de 2013

Máis sentenzas favorables respecto das pagas extras de 2013, unha sentenzas favorable máis a cobrar os complementos específicos nas pagas extras de 2013. Desta volta trátase dunha sentenza que afecta ao persoal funcionario docente pero a novidade radica en que é a primeira sentenza deste tipo na sala Nº1 do Constencioso-Administrativo de Compostela. Esta sala está máis saturada que a Nº2.

A dita sentenza estima o recurso contencioso-administrativo presentado en impugnación do silencio fronte á reclamación de cantidades debidas do ano 2013 polas contías adicionais do Complemento específico; declara a non conformidade a dereito do acto administrativo obxecto de recurso, que se anula; e declára o dereito da recorrente a que lle aboen a cantidade correspondente ao complemento específico anual do ano de 2013, non satisfeito nas nóminas nas que se remuneran as pagas extraordinarias de xuño e decembro, na cantidade que corresponda, xunto cos correspondentes xuros; con imposición das custas á demandada, cun máximo de 400 euros.

Convocados cinco cursos de nivel medio de linguaxe administrativa

No DOG do 15 de abril publicouse a convocatoria de cinco cursos de nivel medio de linguaxe administrativa galega, catro na modalidade de teleformación e un na modalidade presencial (Santiago de Compostela) . Estes cursos están organizados pola EGAP en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para o persoal ao servizo de distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os cursos darán comezo en maio e rematan en xullo co exame final. O número de prazas por curso será de 30, salvo o curso destinado a empregados públicos ao servizo da Administración autonómica de Galicia, impartido na modalidade de teleformación, que conta con tres edicións e, polo tanto, con 90 prazas.

O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es/matricula. É preciso estar en posesión do título Celga 4 ou equivalente. Cada persoa só poderá solicitar unha edición do curso convocado.  O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Datas previstas para os primeiros exames de promoción eterna de corpos xerais e das escalas de Finanzas

Segundo información publicada pola Consellaría de Facenda, os primeiros exames dos procesos selectivos de promoción interna realizaranse entre os días 27 de maio 11 de xuño.

Dos procesos de acceso libre nada din, seguindo así coa tradición de informar pouco e mal e deixando en suspenso aos/as opositores/as destes procesos.

Xuntamos cadros elaborados sobre os datos que facilita Facenda:

mércores, 13 de abril de 2016

Renda 2015: servizo de asesoramento para a afiliación e dedución das cotas sindicais

Con carácter xeral tes de prazo ata o 30 de xuño para presentar a declaración da Renda 2015. Recordamos que as cantidades satisfeitas en concepto de cotas sindicais no ano 2015 desgravan no teu IRPF. Simplemente tés que indicar a cantidade satisfeita no cadro 012 da declaración. No 2015 a suma de todas as cotas ordinarias na CIG volveu ser de 138,36 €. Se a túa cota é inferior á ordinaria (parado/a, descontinuo/a, contratos por días ou meses...) ou non abonaches todas as cotas, consulta na túa comarca o importe ou suma os cargos feitos pola entidade bancaria durante o 2015. Non é preciso certificado do sindicato das cantidades aboadas para presentar a declaración.

Como todos os anos, a CIG pon en marcha en cada comarca un servizo para a afiliación de asesoramento coa declaración da Renda. Non tés máis que poñerte en contacto co local da CIG da túa comarca. En Compostela xa podes pedir cita chamando ao 981.58.32.00.


Novas relaciondas:

luns, 11 de abril de 2016

Despéxase a incógnita das datas dos exames de promoción interna, concurso antes do verán e outras cuestións de Función Pública

Na Comisión de Persoal da semana pasada adiantou o director xeral da Función Pública que esta semana (do 11 ao 15 de abril) se publicarían as datas dos exames de promoción interna. Recordamos que levan xa 2 meses sen cambiar de data e asegurando que serían en maio. A ver...

Por outra banda, son fortes os ruxe-ruxe que falan de que as persoas designadas para os tribunais xa están escollidas e en breve deberían saír nomeados no DOG; disto oficialmente o director non comentou nada.

Outras cuestións  de Función Pública

Exames acceso libre: manteñen a previsión para xuño

Ampliase de novo a Oferta Pública de Emprego da Xunta con outras 4 bolsas de "formación"

Desta volta serán 4 bolseiros/as nun centro con 17 traballadores e traballadoras no cadro de persoal, o que supón un 20% de persoal en precario.

A resolución das 4 bolsas xunto coa lista de agarda publícase no DOG do 11 de abril. A convocatoria fora publicada no DOG do 30 de decembro de 2015. A estas únense tamén as 10 recentemente convocadas pola Axencia Galega de Turismo sobre as que xa faláramos vai unhas semanas.

As bolsas de "formación" no lugar dos contratos de traballo está á orde do día na nosa vida laboral como forma extrema de precarización do traballo. Segundo a Comisión Europea estima que en España hai máis de 180.000 persoas traballando sen cobrar un peso; do mesmo xeito que un 72% das bolsas de "formación" son para realizar o traballo da falta de persoal en plantilla. Na Dirección Xeral de Comercio a maiores ten, ano tras ano, unha porcentaxe de persoal "en formación" máis alto do que se entende por "normal", chegando esta porcentaxe ao 20%. Se precisa persoal, que aumenten a RPT.

Enésima versión do borrador do protocolo de acoso laboral na Xunta

Achegámosvos a versión enésima do protocolo de acoso laboral que nos manda a Xunta.

Descargar borrador

Novas relacionadas:

Non avanza a constitución da Comisión de seguimento das Instrucións de vacacións, permisos e licenzas

Segue atascada a constitución desta comisión de seguimento en dous aspectos: darlle máis peso a esta comisión de feito que teña auténtico valor vinculante a súa proposta interpretativa perante á Dirección Xeral da Función Pública, ou a posibilidade de acudir as organizacións sindicais con persoal asesor.

En calquera caso, tamén segue sendo canto menos curiosa a toma de decisións, onde non se destaca por ningún lado o funcionamento paritario. Nas comisións paritarias interpretativas dos convenios colectivos para que algo quede aprobado ten que haber maioría en cada unha das partes (a da empresa e a social); tal como está deseñada esta "comisión" basta coa maioría de toda a comisión que se entende simple, pois non se detalla nada.

Concentración SOS Sanidade Pública: Compostela, 14 de abril, ás 20h na PRAZA DO TOURAL

POR UNHA SANIDADE PÚBLICA E DE CALIDADE, QUE NOS PROTEXA FRONTE A ENFERMIDADE, SEN DISCRIMINACIÓN, SEN PENALIZACIÓNS POR FALTA DE RECURSOS ECONÓMICOS

Denunciamos ante a Valedora do Pobo a non posta en marcha do Consello de Saúde de Área (CSA) de Santiago de Compostela, a mala calidade dos produtos para inxección de insulina por parte de pacientes diabéticas/os, a suba excesiva de cota de residentes das Residencias do SERGAS, e a discriminación na concesión de tratamentos oncolóxicos para pacientes cun mesmo diagnóstico (...) Descargar panfleto

A SANIDADE PÚBLICA É UN DEREITO UNIVERSAL QUE NOS FAI A TODAS E TODOS IGUAIS FRONTE A ENFERMIDADE

MOBILÍZATE
Non podemos calar fronte a estas agresións!
SOS Sanidade Pública Compostela


A Xunta de Persoal esixe á Xunta de Galicia a devolución da parte da paga extra de 2013 que recoñecen os xulgados

O Pleno do 7 de abril a Xunta de Persoal dos Servizos Centrais aprobou por unanimidade facer unha nota pública esixindo a devolución inmediata da parte da paga extra de 2013 que recoñece a Xustiza.

Trátase de porlle fin a unha a dinámica de demandas xudicias nos diferentes xulgados e tribunais co obxecto de aforrar custos e recursos públicos á cidadanía galega en pleitos sen sentido contra seu propio persoal.

martes, 5 de abril de 2016

Feijóo dará todo o orzamento de 2016 aos medios de comunicación afíns

Artigo e imaxe de Tempos Galegos, reproducido coa súa autorización.

Funcionarios e persoal laboral serán traspasados a La Voz de Galicia e Faro de Vigo respectivamente ante o aumento de traballo por mor das eleccións galegas.


O parlamento galego acaba de dar luz verde ao ingreso de todos os fondos previstos para 2016 a medios de comunicación afíns ao Partido Popular.

Xornais como LaRegión, Faro de Vigo, Tempos Galegos, El Progreso, El Correo Gallego ou La Voz de Galicia serán os beneficiarios deste montante sen precentes no que o presidente da Xunta parece estar a preparar o terreo para presentarse de novo ás eleccións en gañalas.

IRPF 2015: novo método de acceso ao borrador da renda para traballadores/as públicos/as da Xunta de Galiza

Aviso da Axencia Tributaria de Galiza para o persoal público da Xunta

Xa está dispoñible na Oficina Virtual do Empregado Público (OVEP) para os empregados e empregadas da Comunidade autónoma de Galicia a consulta do cadro 490 da Declaración da Renda 2014. A diferencia doutros anos, a Administración autonómica non ofrecerá o borrador da declaración da Renda, senón o procedemento de consulta telemática da casiña 490 da Renda 2014 a través dos seus servizos web.

Este procedemento de consulta permite obter o dato aos contribuíntes interesados, sen necesidade doutro tipo de acreditación, constituíndo, polo tanto, un beneficio para os empregados da Comunidade Autónoma, considerándose como tales, a estes efectos, os que o fosen ao longo do exercicio 2015 e manteñan a súa condición no momento de efectuar a consulta articulada polo presente sistema.

luns, 4 de abril de 2016

Publicado no DOG o anuncio de recuperación do 50% daquela paga extra de Nadal de 2012 (25% en abril e 25% en setembro)

Especial atención as persoas que xa non traballan na Xunta que deberán solicitar a devolución a instancia de parte para cada un dos dous aboamentos (en abril e setembro).

Esta fin de semana o anuncio de que Feijóo repite (non hai 2 sen 3) e o luns, o anuncio no DOG da recuperación da paga extra 2012; o enésimo anuncio sobre esta paga extra, en realidade, como se houbesen de recordar 50 veces que "fixeron os deberes" cando na realidade os deberes fixémolos nós, en todo caso. Nada de devolver o que recoñece a Xustiza no 2013.

No DOG do 4 de abril publícase o anuncio do procedemento para a recuperación do importe non pagado da paga extraordinaria do mes de decembro de 2012 de acordo co disposto na disposición adicional décimo cuarta da Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

A dita recuperación realizarase en dúas partes:

venres, 1 de abril de 2016

Aberto o prazo para solicitar axudas por redución de xornada por coidado de fillos/as

No DOG do 31 de marzo saen publicadas as axudas aos traballadores que se acolleron á redución da xornada de traballo, e da que tamén se poden beneficiar as traballadoras que formen parte dunha familia monoparental, entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 30 de abril de 2016 inclusive, durante polo menos 60 días, para o coidado dunha filla ou dun fillo menor de tres anos (ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %).

Tamén poderán acollerse a esta axuda os traballadores (e traballadoras que formen parte dunha familia monoparental) que adopten un/unha menor ou o/a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo. Nestes supostos, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción, sempre que sexa menor de 12 anos.

Hai de prazo desde o 1 de abril até o 1 de maio de 2016 para solicitar as axudas.