martes, 26 de abril de 2016

Primeiro de Maio: “Reformas laborais e lei Mordaza, anulación xa!”

http://www.galizacig.gal/avantar/files/images/16-04-25%20Cartaz%20Primeiro%20de%20Maio.grande.jpg
Denunciaremos ademais, nas 13 manifestacións previstas, as políticas da UE, nomeadamente o comportamento inhumano en materia de refuxiados/as

A CIG presentou este luns os contidos da campaña do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, e o documento no que se recollen as principais demandas que a central sindical dirixe ao goberno que se conforme no Estado español. Demandas que se concretan precisamente no lema escollido “Reformas laborais e lei mordaza, anulación Xa!” e que se acompañan coa denuncia das políticas antisociais da UE e do seu carácter proimperialista.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que compareceu acompañado polo secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda Vigo, explicou, que a central sindical exixe a derrogación das contrarreformas laborais que levaron adiante primeiro o PSOE e posteriormente, con máis intensidade, o PP. Contrarreformas que foron impostas “so pretexto de que a entrada na crise tiña que ver coas rixideces do mercado laboral e que era necesario rematar con elas para saír da mesma”.

Denunciou que isto provocou que se promoveran toda unha serie de medidas que no fondo o que perseguían era a precarización xeneralizada das condicións laborais e unha caída tamén xeneralizada dos salarios. “Buscaban ir cara un modelo de relacións laborais cada vez máis individualizado, prexudicando claramente á clase traballadora, na medida en que así se debilitaron tanto as súas condicións laborais como a súa capacidade de resposta fronte a patronal”.

Sinalou que estas contrarreformas supuxeron a flexibilidade na contratación; a modificación substancial das condicións de traballo; facilitar o despedimento tanto de carácter individual como colectivo; facilitar ás empresas o incumprimento dos convenios e mesmo facilitar que moitos deses convenios acaben caendo se non se negocien, como está a pasar agora, ao suprimir a ultraactividade”.

Toda unha serie de medidas que, denunciou, provocaron unha caída moi importante dos salarios, o incremento da precariedade laboral, da contratación a  tempo parcial e unha “fraude enorme” porque “moitos dos contratos a tempo parcial son en realidade contratos a xornada completa porque se obriga a traballadoras e traballadores a facer xornada completa cando teñen asinado un contrato por media xornada e mesmo por menos”.

A isto engadiu que se legalizou todo o que ten quen ver cos falsos autónomos, a través da creación da figura do autónomo economicamente dependente. “Unha figura que fai que a incorporación da xente nova, en moitos casos, sexa en bastante peores condicións que as que tiñamos xeracións anteriores”.

Para o secretario xeral da CIG estas contrarreformas levaron, non só á precarización das condicións laborais, senón tamén a deixar á clase traballadora en moito peores condicións para responder a calquera tipo de recorte nos nosos dereitos.

Lei Mordaza

Xunto a isto, a CIG demanda tamén a derrogación da Lei Mordaza que Seixo definiu como “complemento do PP ás contrarreformas laborais” e como un instrumento “para reprimir de forma directa, sen ter que chegar aos xulgados, calquera mobilización social”.

Neste sentido lembrou que se trata dunha lei “enormemente arbitraria e discriminatoria”, que calquera goberno pode aplicar para, de inmediato, “reprimir e castigar a aquelas organizacións sociais que promovan a mobilización social, independentemente de que despois, pola vía do contencioso, poidas chegar ao xulgado e che dean a razón, porque polo de pronto tes que afrontar, en moitos casos, multas de cantidades desorbitadas que poden chegar ata os 600.000 euros. Unha cantidade que é moi difícil de soportar para calquera organización”.

Políticas da UE e situación dos/as refuxiados/as

A terceira das reivindicacións da CIG neste Primeiro de Maio ten que ver co modelo de Unión Europea que se está a construír, do que a CIG xa alertou cando se produciu a integración do Estado español no daquela Mercado Común. “Denunciabamos os prexuízos que ía ter nos termos nos que se estaba producindo para o noso país –Galiza- pero a maiores estamos vendo como nos últimos anos, so pretexto da crise económica se están a promover por parte da UE recortes en materia de dereitos laborais e sociais”.

Xunto a isto incidiu especialmente no tratamento que se está dando ás refuxiadas e refuxiados cun comportamento que cualificou de “inhumano”, denunciando a “hipocrisía de pretender presentarse como unha UE defensora dos dereitos humanos” cando logo se lles impoñen enormes restricións ás persoas que chegan como refuxiadas fuxindo de guerras provocadas  por conflitos de intereses xeoestratéxicos da UE que, en non poucas ocasións obedecen a intereses de multinacionais en Oriente Medio, no Norte de África e noutras partes do mundo. “Isto demostra que se está construíndo unha Europa profundamente antisocial e inhumana que está pensada en función dos intereses do capital financeiro europeo e non dos intereses dos pobos e das persoas que a conformamos”.

Con todo, Seixo e Miranda Vigo deixaron constancia de que o feito da CIG promover estas reivindicacións diante do goberno do Estado obedece a unha razón “de puro pragmatismo” por ser este quen ten competencias lexislativas nestas materias. En calquera caso, e tal e como subliñou o secretario confederal de Comunicación, a CIG mantén viva a reivindicación estratéxica dun Marco Galego de Relacións Laborais e Sociais “con plenas competencias en materia lexislativa, normativa e de regulación da participación no mundo do traballo en Galiza, como exercicio dun dereito democrático e, sobre todo, como unha necesidade para poder garantir unhas condicións laborais e salariais dignas para toda a clase traballadora galega”.

Todas estas cuestións son as que a CIG porá de manifesto nas manifestación convocadas con motivo do Primeiro de Maio que, ademais de celebrarse nas sete cidades, se estenderán a vilas como Cee, Ribeira, Foz, Vilagarcía, A Estrada ou Cangas.

Manifestacións
* Vigo: 12:00 h do Cruce da Doblada

* A Coruña: 12:00 h, Praza de Vigo

* Pontevedra: 12:00 h, Praza da Ferrería

* Ferrol: 12:00 h, Avda de Esteiro

* Santiago: 12:30 h da Praza Roxa

* Lugo: 12:00 h da Ronda da Muralla

* Ourense: 12:00 h do Pavillón dos Remedios

* Ribeira: 12:00 h da Praza do Peixe

* Foz: 12:30 h diante de Facenda

* Vilagarcía: 12:00 h da Casa do Mar

* A Estrada: 12:00 h da Praza do mercado

* Cee: 12:30 h Praza do Concello

* Cangas: 17:00 h desde o concello


Ningún comentario:

Publicar un comentario