mércores, 24 de agosto de 2016

Os cronogramas do director xeral da Función Pública "ya tal" como diría Rajoy

Son moitas as queixas que nos chegan con relación a dúas cuestións: a falta de previsión dos procesos selectivos e dos concursos de traslados. E iso dá igual que estea a Xunta "pechada por vacacións" ou non, nunca cambia. O persoal anda cabreado e con razón e o director escurríndose sempre ao estilo Rajoy.

Nos procesos selectivos chégannos queixas da: 1) falta dun cronograma dos exercicios pendentes dos procesos selectivos xa convocados, especialmente, os de persoal funcionario de acceso libre que xa fixeron o primeiro exercicio e non saben cando terán o segundo 2) falta de previsión das notas dos procesos de promoción interna, especialmente os tipo test e 3) non saber se o que fica nas OPEs sen convocar vai ser convocado, nomeadamente que vai pasar coas prazas desta úlitma OPE de 2016, esas que ían convocar antes do verán.

No tema dos concursos o que máis preocupa é se a toma de posesión do xa resolto de corpos xerais vai ser realmente en setembro ou non. Pero é que recordamos que había por aí unha proposta de concurso permanente que non se levou a cabo en 7 anos, amais de persoal laboral, de corpos especiais ou de varias escalas agaradando por un concurso que non chega, aínda que non sexa permanente.

ACTUALIZACIÓN (05/09/2016): Informa o director xeral que a toma de posesión pendente do concurso xeral non será en setembro, senón na primeira semana de outubro.

Ao comezo do seu mandato o director xeral aínda enviaba aos sindicatos cronogramas por escrito, alí cando a crise era algo oficial, agora que só é oficiosa, os cronogramas veñen de palabra, pero nos teñen acostumadas a que fallen e o peor é que a xente non sabe a que aterse porque unha cousa é que tarden pero outra moi distinta é que tarden e non acerten case nunca nas previsións, ou directamente non as haxa. E iso nunha Administración seria non pode ser.

Xa non sabemos o que é política ou falta de capacidade de xestión ou ambas á vez. Agora tratan de compensalo con acordiños que non lles custan traballo pero os problemas de fondo seguen aí. En calquera caso, está claro que legalmente poden non facer, poden pasar os prazos (escasos) polo forro, dá igual que lles mandes escritos, queixas, preguntas en mesas, preguntas no Parlamento, aquí o único que lles causa inquedanza é perder o sillón. Pois chegou o momento como dicía Feijóo no 2009.

Novas relacionadas: 

Ningún comentario:

Publicar un comentario