venres, 28 de outubro de 2016

Formación obrigatoria que despois non conta para nada

O día 24 de outubro de 2016 comezou unha actividade formativa on-line para o persoal auxiliar dos centros de ensino enfocada a que coñezan a nova aplicación informática que se utilizará a partir do curso 2017-2018 xa que a dita ferramenta vai ser de uso obrigatorio nos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato.

Esta formación, a pesar de ser cuase obrigatoria, non ten asociado o recoñecemento de horas de formación e tratouse de ocultar ata o momento no que decidiron aplicala. Deste xeito podemos dicir que ata a comunicación ás traballadoras e traballadores destinatarios, nin a nosa central sindical nin a representación do persoal tivo coñecemento desta.

Publicación das listas provisionais de contratación e apertura de varias listas

Nos próximos días vaise abrir un prazo extraordinario de apertura das listas das categorías III-14 (Xefe/a de cociña) e do V-1 (Camareito/a limpador/a) que se esgotaron no verán. A resolución pola que se abre este prazo de inscrición de novas solicitudes nestas dúas listas publicarase no DOG do día 31/10/2016. Dito prazo, por ser excepcional, será máis curto polo que as persoas interesadas en apuntarse poderán facelo ata o día 8 de novembro.

Por outra banda, nos primeiros dez días de novembro vanse publicar no DOG as listas provisionais de admitidos/excluídos do período ordinario de novas inclusións. A idea da Administración é publicar as listas definitivas no mes de decembro.

mércores, 26 de outubro de 2016

A CIG exíxelle á Xunta a negociación inmediata dunha OEP que remate coa precariedade no emprego público

Co fin de evitar á previsible xudicialización derivada das sentenzas emitidas polo TXUE con respecto ao persoal funcionario interino e laboral temporal, a CIG reitérase por enésima vez no seu posicionamento de exixirlle á Xunta de Galiza a negociación con carácter inmediato dunha oferta de emprego público extraordinaria nos seguintes termos:
  • Oferta de todas as vacantes existentes en todas as categorías do persoal laboral e en todos os corpos e escalas de persoal funcionario.

luns, 24 de outubro de 2016

Persoal interino, indefinicións, indemnizacións

A raíz de varias sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) e de varios xulgados, estes días está a ter repercusión mediática unha serie de asuntos que afectan ao persoal que temporal ou interinamente desempeña postos de traballo nas Administracións Públicas.

En primeiro lugar facer constar que hai unha diferenza entre persoal laboral, por unha banda e persoal funcionario interino ou estatutario, por outra. Compre diferencialo porque no caso das indemnizacións por cese afectan ao persoal laboral temporal, e pode, de aí que animemos a presentar demandas, ao persoal funcionario interino.

xoves, 20 de outubro de 2016

A EGAP cobrará pola formación: corrección de erros

O mércores 19 publicamos unha nova titulada “A EGAP cobra polos cursos de formación ao persoal público”, onde informabamos de que a EGAP faría caixa coa formación das empregadas e empregados públicos. Faciamos referencia a dous cursos publicados no DOG dese día: curso superior sobre as leis 39/2015 e 40/2015 do procedemento administrativo común (LPAC) e do réxime xurídico do sector público (LRXSP) e curso superior sobre transparencia, bo goberno e datos públicos.

Ao redactar a nova, fixemos pola nosa parte unha interpretación errada ao afirmar que co curso sobre as leis 39/2015 e 40/2015 sucedía o mesmo que co curso sobre transparencia. Advertido o erro, corrixímolo: mentres no curso superior sobre transparencia si se lle vai cobrar o persoal funcionario e laboral da Xunta de grupos A1, A2, I e II 200 euros, no curso sobre as leis 39/2015 e 40/2015 só terán que pagar aquelas persoas que non sexan empregados/as públicos da Xunta de Galiza.

mércores, 19 de outubro de 2016

A EGAP cobra polos cursos de formación ao persoal público

No DOG do 19 de outubro saen convocados dous cursos da EGAP destinados a persoal funcionario polos que hai que pagar: 100 € por un de procedemento administrativo e réxime xurídico do sector público e 350 € por un de transparencia. 

As empregadas e empregados públicos da Xunta de Galiza imos ter que pagar por formarnos para desenvolver mellor o noso traballo. A EGAP (en diante, “Escola Galega de Administración Privada”), quere facer caixa coa formación do persoal público.

luns, 17 de outubro de 2016

Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 21: A sinistralide laboral dispárase un 6,6% na primeira parte do ano

Xa está dispoñible para descarga electrónica o número 21 da revista de Saúde Laboral da CIG. Neste número trátanse os seguintes temas:
  • Accidentes laborais no conxunto do Estado e na Galiza: primeiro semestre de 2016
  • Primeiros auxilios en resucitación cardi-opulmonar (RCP) e principios para a utilización do desfibrilador
  • Os/as traballadores/as do estado español entre os/as menos absentistas de Europa
  • Novo regulamento europeo sobre Equipos de Protección Individual (EPIs)
  • Os accidentes cardiovasculares configúranse como primeira causa de morte no traballo.

Asesoramento técnico telemático

xoves, 13 de outubro de 2016

A Xunta saca a lingua a pacer cos "moitos" concursos de traslados realizados nestes últimos 7 anos

Presume de ter resolto nestes últimos 7 anos un total de 14 concursos, cando de axustárense á norma terían que ter sido moitos máis.

A Xunta vén de sacar unha nota de prensa sobre a toma de posesión e datos numéricos do último concurso de traslados: o de corpos xerais. Son 1.100 funcionarias e funcionarios os que tomaron posesión, tras non pouco agardar, na primeira semana de outubro. Partíamos de 1.872 postos ofertados e 2.791 solicitudes. Ata aí correcto.

O curioso é o feito de se remontaren aos datos totais desde o 2009 para sacar peito de que se teñan convocado e resolto 14 concursos de traslados, con 4.800 persoas que obtiveron un posto “que se adapta mellor ás súas necesidades”. Nada reflexionan sobre o fracaso de non ter posto en marcha en 7 anos o concurso permanente ou que, canto menos na teoría, terían que ter sacado un concurso por ano para os diferentes tipos de administración (xeral/especial), escalas e persoal laboral.  Así o recolle o V Convenio Colectivo e así o recollía até o ano pasado a Lei galega de Función Pública.

luns, 10 de outubro de 2016

341.000 € para animar a natalidade nos medios de comunicación

No DOG do 10 de outubro publícase a relación de convenios de colaboración suscritos pola Consellaría de Política Social no segundo cuadrimestre deste ano. Entre outras cuestións, figuran un total de 341.000 € destinados para "accións divulgativas e información vencellada ao fomento da natalidade nos medios de comunicación".

O premio gordo, como xa é habitual, lévao Corporación Voz de Galicia, S.L.U., con practicamente 150.000 €, seguido en segundo lugar polo Faro de Vigo con menos da metade, 68.373 €. A bastante máis distancia atópanse Progreso de Lugo, S.L. e La Región con 25.000 € e 21.000 € respectivamente. Tamén atopamos diversos convenios coas radios de implantación galega de entre 700 e 4.000 €.

A CIG convoca concentracións en todas as cidades galegas contra o TTIP para o vindeiro 15 de outubro

Alerta de que os tratados de libre comercio que se están a negociar “son a ruína do pobo galego”e chama a mobilizarse para paralos.


A CIG convoca, para o sábado 15 de outubro, concentracións na Coruña, Ferrol, Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vilagarcía e unha manifestación unitaria en Vigo contra o TTIP. As mobilizacións en Galiza coinciden cunha xornada internacional de rexeitamento a este e outros tratados de libre comercio que se están a negociar, como o CETA e o TISA, que a central sindical considera que terán graves consecuencias para a nosa economía, para o emprego e para a propia soberanía nacional.

mércores, 5 de outubro de 2016

Actualización dos sistemas informáticos das Oficinas de Emprego

A CIG denuncia que non se migrase a unha plataforma de software libre, de acceso universal e cun mantemento e mellora que podería desenvolverse de xeito local cun custo máis reducido.


Neste sindicato temos recibido queixas das traballadoras e traballadores públicos pola obsolescencia dos sistemas informáticos das oficinas de emprego. Na CIG temos coñecemento de que a AMTEGA iniciou os traballos necesarios para a súa renovación xa a finais de 2015. O tempo pasa e parece que o tema non adianta moito. Puxémonos en contacto coa AMTEGA para saber a que era debido o atraso na implantación do novo sistema e para que nos explicasen como vai ser este plan de mellora da infraestrutura.

luns, 3 de outubro de 2016

OPE 2015: O TSXG dalle a razón á CIG e obriga á Xunta a que oferte o 50 % das prazas de persoal laboral por promoción interna

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de declarar a nulidade da Oferta de Emprego Público do ano 2015 (OEP-2015) logo do contencioso-administrativo presentado pola CIG en canto ás prazas de persoal laboral "por non incluír a previsión obrigada de reserva para promoción interna" dun mínimo do 50 % das vacantes ofertadas, tal e como recolle o convenio colectivo.

Lamentablemente esta sentencia xudicial chega tarde porque a Xunta de Galiza, sendo plenamente consciente de que aprobou a OEP de 2015 de xeito ilegal, nun intento chapuceiro de emendar o seu "erro", botou man da complacencia de CCOO, UGT e CSIF para asinar o 24 de febreiro de 2016 un acordo co voto en contra da CIG para modificar o convenio colectivo e de paso "saltarse" a reserva do 50 % das prazas ofertadas para a promoción interna do persoal laboral en seis postos da OEP de 2015.

Resolución do concurso de estatística

Publicado no DOG do 03/10/2016 a Resolución pola que se resolve o concurso para a provisión de postos da escala superior e técnica do corpo de estatísticos, convocado no DOG do 25/01/2016. 

O cesamento deberá efectuarse o día 4 de outubro. O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento e será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Se a adxudicación comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será dun mes.