venres, 28 de outubro de 2016

Formación obrigatoria que despois non conta para nada

O día 24 de outubro de 2016 comezou unha actividade formativa on-line para o persoal auxiliar dos centros de ensino enfocada a que coñezan a nova aplicación informática que se utilizará a partir do curso 2017-2018 xa que a dita ferramenta vai ser de uso obrigatorio nos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato.

Esta formación, a pesar de ser cuase obrigatoria, non ten asociado o recoñecemento de horas de formación e tratouse de ocultar ata o momento no que decidiron aplicala. Deste xeito podemos dicir que ata a comunicación ás traballadoras e traballadores destinatarios, nin a nosa central sindical nin a representación do persoal tivo coñecemento desta.

Calquera empresa onde as cousas funcionen cun mínimo de legalidade e decencia debera poñer en coñecemento da representación do persoal este tipo de asuntos, e non aplicalo unilateralmente sen sequera informar.

Ademais do anterior, estamos ante outro caso de formación obrigatoria que despois non se verá recompensada nos concursos de traslados. Na mesma liña do que defendemos cando se negocian os concursos de traslados, a CIG ven de enviar escrito solicitando que calquera formación, incluída esta de xestión do proceso de admisión de alumnos, sexa tida en conta nos próximos concursos de traslados de persoal.

Reclamamos tamén que se proceda a compensar a formación: a nivel formativo mediante a expedición do correspondente título que certifique as horas de formación e o contido do curso; e o crédito horario que se consuma debe ser necesariamente no horario laboral da traballadora ou traballador destinatario da formación.

Solicitamos que se proceda a comunicar ás representantes das/os traballadoras/es calquera tipo de acción formativa que se realice e moito máis se esa formación vai ter carácter obrigatorio para o persoal que representamos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario