xoves, 28 de decembro de 2017

Os salarios públicos ficarán conxelados no 2018

No DOG do 28 de decembro publícase a Lei galega de orzamentos e a súa lei de acompañamento con importates medidas sobre o persoal público.


Un ano máis, trala publicación no DOG da Lei galega de orzamentos, os salarios do persoal público que depende da Administración autonómica fican conxelados. Haberá que agardar a ver que pasa cos orzamentos do estado. E mentres, para xaneiro xa veñen anunciadas subas importantes de servizos básicos como o gas, a luz ou as telecomunicacións, amáis das peaxes, especialmente a da AP9.

A lei publicada hoxe no DOG recolle que os salarios públicos do persoal que cobra da Administración galega non poderá experimentar variación con respecto ao 2017. Iso si, adicionalmente engade, coma fai sempre, que calquera variación que se acorde a través da Lei de orzamentos do estado español pois se nos aplicará igualmente. O caso é o qué e o cando.

mércores, 27 de decembro de 2017

Resumo do Consello reitor da EGAP do 27/12/2017

Reunión de trámite con lectura e aprobación da acta anterior, informe de fin de ano e estado de execución de orzamentos actuais coa proposta de formación para 2018 na que a directora da EGAP destaca a aposta pola teleformación e autoformación e anuncia como novidade unha convocatoria extraordinaria daqueles cursos que rexistren máis solicitudes.

Na súa rolda de intervencións, a CIG fai crítica dos escasos datos proporcionados pola EGAP, o plan de autoformación, a infrautilización dos sistemas de videoconferencia, a falta de accesibilidade nas aulas das xefaturas territoriais ou a discriminación do persoal do subgrupo C1 ou grupo III no curso superior de administración electrónica.

venres, 22 de decembro de 2017

Reunión do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral 20/12/2017

O punto central da orde do día foi a presentación e debate da programación das actividades preventivas  da Xunta de Galiza para 2018: avaliación de riscos, vixilancia da saúde e formación. 

En varios a CIG solicita a revisión e mellora do seguro de accidentes das empregadas e empregados públicos.

Agasallos de Nadal a tutiplén para altos cargos da Xunta

Un ano máis chegou o Nadal e como todos os anos soben os mariscos, hai turrón nas tendas, vén o sorteo da lotaría...e tamén chegan os agasallos para os altos cargos da Xunta de Galiza, estes nosos xestores tan necesitados eles dun detalle dos clientes de turno.

Este ano parece que viñeron co ciclón “Ana”, porque veñen con máis forza, máis cantidade e a onde non debían, chegan sobre todo por correos ao departamento de paquetería da Xunta de Galiza e logo precisan que as traballadoras e traballadores públicos os acheguen ao despacho adecuado.

O Goberno de Feijóo iguala a sanidade privada coa pública

A plataforma SOS Sanidade xa convocou protestas para o próximo 4 de febreiro


O Goberno de Feijóo aprobou o pasado xoves 7 de decembro a reforma da Lei de Saúde de Galiza, coa que recupera o texto da elaborada pola Xunta do PP antes do bipartito. Deste xeito pon ao mesmo nivel a sanidade pública e a privada e recentraliza os servizos sanitarios, dificultando o acceso das persoas que viven nas zonas máis rurais ou illadas. A plataforma SOS Sanidade Pública, da que a CIG fai parte, acordou xa convocar mobilizacións para o vindeiro día 4 de febreiro.

O PP renuncia a unha tarifa eléctrica galega

Rebaixou a ILP presentada pola CIG a unha lei pola eficiencia enerxética


O PP transformou definitivamente a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) por unha tarifa eléctrica galega, impulsada pola CIG, nunha lei pola eficiencia enerxética. O partido de Núñez Feijóo considera que é “separatista” reclamar unha tarifa diferenciada para Galiza, mais defende sen problema a tarifa industrial vasca, non só no Estado español, senón mesmo diante de Competencia da Unión Europea.

mércores, 20 de decembro de 2017

Publícanse as listas definitivas de substitución para persoal laboral e funcionario de Administración xeral da Xunta de Galiza

O DOG do 20/12/2017 recolle a resolución da Dirección Xeral da Función Pública pola que se fan públicas as listas definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, reguladas no Decreto 37/2006.

As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Dirección Xeral da Función Pública, epígrafe de «Listas de contratación»; no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012; no Servizo de Información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.

martes, 19 de decembro de 2017

A CIG mobilízase contra uns orzamentos para 2018 que desmantelan e privatizan os servizos públicos

Persoal da administración pública, ensino e sanidade concentráronse no Parlamento


Delegadas e delegados da CIG-Saúde, CIG-Ensino e CIG-Administración concentráronse este martes diante do Parlamento de Galiza para manifestar o seu rexeitamento aos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2018, porque avanzan no desmantelamento dos servizos públicos, consolidan a perda de persoal e non permiten a recuperación de ningún dos dereitos laborais, salariais e sociais perdidos.

luns, 18 de decembro de 2017

Abrese o prazo extraordinario para apuntarse nas listas de bombeir@ forestal

No DOG do 18/12/17 publícase a resolución do 12 de decembro da Dirección Xeral da Función Pública para a apertura de determinadas listas dentro das categorías de Bombeir@s forestais.
Ábrese o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración de listas para a contratación temporal de persoal laboral do grupo IV, categoría 033 (bombeiro/a forestal condutor/a de motobomba), e do grupo V, categoría 014 (bombeiro/a forestal).

venres, 15 de decembro de 2017

Concentración da Área Pública da CIG contra uns Orzamentos para 2018 que seguen a desmantelar os servizos públicos

Terá lugar o martes 19 de decembro, ás 12:00 horas, diante do Parlamento de Galiza


A Área Pública da CIG concentrarase o vindeiro martes, día 19 de decembro, ás 12:00 horas, diante do Parlamento de Galiza coincidindo co pleno no que o PP aprobará a Lei de Orzamentos para 2018. Denuncia que avanzan no desmantelamento dos servizos públicos, consolidan a perda de persoal e non permiten a recuperación de ningún dos dereitos laborais, salariais e sociais perdidos.

Os orzamentos para 2018 van acompañados polo chamado “Acordo de Estabilidade” asinado por CCOO, UGT e CSIF co goberno da Xunta. Un calco do asinado en Madrid que ratifica a renuncia a recuperar postos de traballo nas administracións públicas e só avanza unha tímida redución da temporalidade.

Calendario laboral 2018

https://drive.google.com/file/d/1IpG8KrRMk2Pkp2TPa9gCBQk6l0NceyVG/view?usp=sharing
Pica na imaxe para descargar

Xa dispoñible para descarga o noso calendario laboral 2018 (inclúe festivos en Compostela) 


A Xunta aprobou no DOG 14/09/2017 o calendario laboral do 2018, con datas festivas habituais como o Día Nacional de Galiza ou o Día das Letras.

Desta volta o 17 de maio é un festivo recuperábel en función do criterio de cada empresa, ao non cadrar en domingo ningún festivo estatal co que intercambialo, como xa acontecera outros anos como 2000, 2001 ou 2007. A estas xornadas festivas engádense as de ámbito municipal.

martes, 12 de decembro de 2017

OPE da Xunta 2017: segue a precariedade no emprego público

No DOG do 12/12/2017 publícase a ridícula Oferta de Emprego Público da Xunta para Administración xeral no 2017.


Esta oferta é ridícula non só polo reducido número de prazas convocadas agora que xa "superamos a crise económica", senón polo burdo engano que supón, que ten máis de propaganda política que de  cubrir as necesidades dos maltreitos servizos públicos. E ademais de ridícula, chega bastante tarde, a finais de ano.

Se quitamos das 789 prazas ofertadas en Administración Xeral, as 150 de promoción interna separada e as 213 de consolidación de persoal laboral (derivadas xa daquela OPE de 2008 nunca executada), quedan 426 porque as anteriores non elevan a taxa de reposición. Que falando de taxa de reposición, esta só é do 100% nos "sectores prioritarios". Quer dicir isto que na maoría de casos só cubren 1 de cada 2 xubilacións, amortizando o resto das prazas, ou máis ben, o crédito equivalente, creando cada vez unha estructura piramidal de recursos humanos máis invertida.

luns, 11 de decembro de 2017

Publícase a resolución do Fondo de Acción Social 2016

Malia cambiar as circunstancias económicas, a Xunta mantén este recorte desde 2012.


No DOG do 11/12/2017 publícase a resolución e distribución final da concesión das axudas do Fondo de Acción Social do exercicio económico do ano 2016: axuda para a atención de persoas con discapacidade

As listaxes definitivas de axudas aprobadas e denegadas pode consultarse na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública.

As persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Facenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución.

venres, 1 de decembro de 2017

OPE Xunta 2017: Coleccionando ofertas de emprego, que é de balde

A Administración ten paralizadas as Ofertas de Emprego dos anos 2015 e 2016, as dúas practicamente sen executar.


Despois do Acordo de Estabilidade, que non de mellora do Emprego Público, a Xunta saca unha microoferta de emprego, onde non hai nin estabilización nin practicamente promoción interna.

Esta OEP é produto dese Acordo de Estabilidade que asinaron CCOO, UGT e CSIF, aínda que pretendan agora desvincularse, votando en contra desta OEP na Comisión de Persoal, xa que o acordo abrangue as ofertas de emprego ordinarias e extraordinarias, tanto de estabilización como de promoción interna no período 2017-2020.  Publícase no DOG do 12/12/2017.

sábado, 11 de novembro de 2017

Convocada folga na Administración de Xustiza para esixir a recuperación dos dereitos e o emprego

Os paros serán os días 1 e 13 de decembro e o 16 de novembro haberá concentracións nas cidades


Traballadores e traballadoras da administración de xustiza irán á folga os días 1 e 13 de decembro para reivindicar melloras salariais, rematar coas penalizacións por IT, esixir o pagamento do 100% das substitucións e a reposición das prazas amortizadas. A decisión de iniciar medidas de presión acordouse nas asembleas celebradas esta semana, ante o bloqueo das negociacións coa Dirección Xeral de Xustiza, "incapaz de resolver estas cuestións". Previamente ás xornadas de folga, o próximo 16 de novembro, as centrais sindicais SPJ-USO, CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO convocan concentracións nas sete cidades galegas, ás doce do mediodía.

venres, 10 de novembro de 2017

O secretario xeral de Montes, Fernández Couto, imputado por prevaricación a raíz dunha denuncia presentada pola CIG na fiscalía en 2012

En relación á contratación e adxudicación do servizo de helicópteros a INAER


O sector da Autonómica da CIG-Administración presentaba o 14 de agosto de 2012 unha denuncia perante a Fiscalía ao considerar que existía un delito de prevaricación por parte do Secretario Xeral Técnico da Consellaría de Medio Rural e do Mar, Francisco Xosé Vidal-Pardo Pardo, do Secretario Xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto Juanas, da mesma Consellaría, e da propia Conselleira, Rosa Quintana, en relación á contratación e adxudicación as empresas INAER e NATUTECNIA, do servizo de helicópteros e as brigadas helitransportadas. 

Transcorridos cinco anos desde aquela e tras das críticas recollidas nun Informe do Consello de Contas por esas contratación, o Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago de Compostela (tras derivar o asunto a Fiscalía)  vén de actuar e imputa o Secretario Xeral de Medio Rural e Montes, así como o secretario xeral técnico e mais o subdirector xeral de Prevención e Defensa contra os incendios forestais da devandita Consellaría da Xunta.

xoves, 9 de novembro de 2017

Novo borrador do baremo do concurso de traslados "eterno": persoal funcionario

Achega Función Pública un novo borrador, e van 5, sobre a proposta de baremo para os futuros concursos de traslados de persoal funcionario e laboral. Recolle e concreta os cambios xa comentados na última reunión.

Porén, como xa avanzaron, traer agora só o baremo de persoal funcionario, que o concurso de persal laboral vai para rato (despois de: concurso xeral, concurso especial, procesos selectivos afectados e funcionarización...). Unha vergoña, como tamén o é que se lle enchera a boca a falar de "concurso permanente" e xa non está claro que vaia a ser tan permamente, alomenos, fóra do que é o persoal funcionario de corpos xerais, que con sorte podería chegar a ter o que xa recollía a antiga Lei de Función Pública, 1 concurso de traslados por ano.

xoves, 2 de novembro de 2017

Baremo do concurso de traslados "permanente" e outros asuntos de Función Pública: xuntanza do 31/10/2017

Tras revisar a xurisprudencia eliminan o traballado desenvolvido en postos en comisisón de servizo, aumentan o peso da antigüidade, o tempo de caducidade dos cursos e reducen o peso de méritos específicos pero non tocan o grao persoal.


Informa o director xeral da Función Pública (dxFP) dalgúns cambios e anuncia que o mércores ou xoves da semana que ven enviarán novo borrador cos cambios de hoxe e algúns máis. Posteriormente haberá outra xuntanza. Van centrarse na parte referente a persoal funcionario. E así, o de concurso "permanente", do que leva falando este director xeral desde que chegou ao cargo vai 8 anos, vaise transformando en "eterno".

venres, 27 de outubro de 2017

Baremo do concurso de traslados "permanente" e outros asuntos de Función Pública: xuntanza do 25/10/2017

Todos os sindicatos coincidimos en: rexeitan valorar o traballo desenvolvido en comisión de servizos, a non caducidade da formación, o maior peso da antigüidade, non aos méritos específicos ou minorar a súa puntuación.


Segue a "negociación" do baremo do concurso de traslados "permanente" e nesta última reunión a Administración afrouxou nalgúns aspectos pero segue insistindo na caducidade da formación, a valoración do traballo desenvolvido en comisión de servizos ou no alto peso dos méritos específicos, algo que choca frontalmente coa postura sindical.


xoves, 26 de outubro de 2017

“Combatimos lumes forestais de cuarta e quinta xeración cun SPDCIF do século pasado”

As delegadas e deñegadps da CIG denuncian que o dispositivo público da Xunta está ancorado na década dos 90


O sector de Autonómica da CIG-Administración vén de facer público un comunicado elaborado polos delegados/as sindicais da central no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) no que denuncian as consecuencias de ter que combatir lumes forestais de quinta xeración “cun dispositivo ancorado nos anos 90 do século pasado”.

mércores, 18 de outubro de 2017

Mesa Xeral Orzamentos 2018 e Acordo estabilidade do emprego público na Xunta

  • CIG-Área Pública rexeita o 'Acordo de Estabilidade' porque non permite recuperar o emprego público
  • Os orzamentos da Xunta 2018 manteñen os recortes e a precariedade na administración

A Área Pública da CIG asistiu esta mañá á Mesa Xeral de Función Pública na que o PP presentou un Proxecto de Orzamentos para 2018 no relativo a emprego público idéntico ao de 2017 que a central sindical rexeitou porque afonda na destrución de emprego e no desmantelamento e privatización dos servizos públicos. Xunto a isto anunciou o seu rexeitamento ao chamado “Acordo de Estabilidade”, porque mantén a taxa de reposición e tampouco permite que se recupere o emprego público destruído. Un documento que, porén, será previsibelmente asinado por CCOO, UGT, CSIF e sindicatos sectoriais.

luns, 16 de outubro de 2017

Lumes Nunca Máis! A CIG exixe a dimisión de Feixóo pola súa “política forestal pirófita”

Convocadas concentracións en toda Galiza para este luns


A CIG lamenta profundamente a morte das persoas que se viron atrapadas polos lumes descontrolados que asolaron esta noite montes e poboacións enteiras en distintos puntos de Galiza e nomeadamente de Pontevedra, Ourense e Lugo. Unha situación catastrófica da que a CIG responsabiliza á “política forestal pirófita do Partido Popular” e exixe a dimisión do presidente da Xunta. Chama ademais ás concentracións convocadas de urxencia por toda a xeografía galega.

venres, 13 de outubro de 2017

A Xunta improvisa na xestión dos lumes forestais

A CIG reclama a readaptación do servizo ás novas necesidades do rural


O sector de Autonómica da CIG-Administración acusa a Xunta de manter unha política de improvisación no que ten que ver coa xestión dos lumes forestais e responsabiliza a Consellaría de Medio Rural de carecer dunha planificación xeral ao respecto. Diante disto reclámanlle aos seus reponsábeis a readaptación do servizo de extinción ás novas realidades do medio rural galego e invítanos/as a dimitir no caso e que non estean capacitados/as para abordar estas novas necesidades.

luns, 9 de outubro de 2017

Reunión co conselleiro: CIG non asinará ningún acordo con Facenda que non contemple a recuperación de dereitos laborais e sociais

O conselleiro anunciou na mañá deste martes que a Xunta non negociará esa recuperación.


O conselleiro de Economía, Valeriano Martínez, convocou esta mañá á Área Pública da CIG a unha xuntanza para presentar as propostas da Xunta de Galiza relativas ao Plan de Estabilización de Emprego nas administracións públicas galegas; a Lei de Orzamentos 2018 e a Lei de Medidas Temporais. Propostas que a CIG rexeitou anunciando ademais que non asinará acordos que non garantan recuperación de dereitos do persoal das administracións públicas galegas.

Lei de emprendemento empresarial do PP: espolio, depredación e ruína para Galiza

Apupan diante do Parlamento a Lei de 'Depredación' de Galiza que quere aprobar o PP pola vía de urxencia.


Ollo a esta proposición de lei que presenta o PP no Parlamento de Galiza pola vía de urxencia, non o Goberno da Xunta, non, senón o seu grupo parlamentar. Ollo porque de existir, non tería sido posible frear, por exemplo, o proxecto da mina de Corcoesto. Tratan de eliminar "trabas" medioambientais e dereito á información da cidadanía e das organizacións sociais para poñerlle en bandexa a baixo custo os nosos recursos ás grandes empresas. Curiosamente, unha lei así, só podía ser tramitada de urxencia para que pase o máis desapercibida posible, co menor debate e as menores achegas (e protestas de cidadanía e organizacións).

mércores, 4 de outubro de 2017

Feijóo ignora á mantenta o deterioro das condicións laborais e de vida das galegas e galegos

A CIG critica as afirmacións do presidente da Xunta durante o debate do estado da nación


A CIG considera que a comparecencia do presidente da Xunta no debate do estado da nación, “describindo un país que non existe”, é unha “burla” ás miles de galegas e galegos que viron como as súas condicións laborais, materiais e de vida se deterioraron nos últimos anos. Anos de reformas laborais, recortes e abandono do tecido produtivo galego que deixaron sen emprego e cunha enorme perda de dereitos laborais, salariais e sociais a miles de traballadoras e traballadores que se viron sumidos/as na pobreza, sen que desde a Xunta de Galiza se articularan medidas que permitiran darlle a volta a esta situación.

Cesan 436 traballadores/as do SPDCIF en época de risco de incendio e manteñen persoal privado das brigadas

A CIG reclámalle á Xunta que amplíe os contratos a 9 meses e os equipare ao resto de empregados/as


O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que a Xunta vén de cesar na súa actividade a 436 traballadores/as propios/as do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) a pedar de atoparnos en plena época de risco de lumes mentres mantén contratado o persoal privado das brigadas heliotransportadas. Dende a central reclámanlle á Consellaría de Medio Rural que amplíe estes contratos a nove meses para equiparalos ao do resto de empregados/as.

luns, 25 de setembro de 2017

A CIG non asinará acordos que non garantan a recuperación de dereitos laborais do persoal público

A Mesa de Negociación das Administracións Públicas foi adiada até a próxima semana


A Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, convocada este xoves para aprobar as cuestións relativas a condicións laborais e salariais dos empregados/as públicos/as -para a súa inclusión nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018-, quedou adiada para a semana que vén malia o Goberno do PP ter avanzados acordos con CCOO, UGT e CSIF á marxe do organismo. Dende a CIG xa adiantaron que non asinarán ningunha proposta que non contemple a recuperación dos dereitos que lle foron arrebatados ao funcionariado dende 2010.

mércores, 13 de setembro de 2017

CIG-Área Pública rexeita a proposta de vincular o medre salarial do funcionariado ao PIB

Denuncia que CCOO, UGT e CSIF negocian á marxe da Mesa Xeral de Administracións Públicas


A CIG-Área Pública (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) denuncia as negociacións que están desenvolvendo os sindicatos estatais CCOO, UGT e CSIF -a marxe da Mesa Xeral de Administracións Públicas- co Ministerio de Facenda e rexeita a proposta que se vén de facer pública de vincular os incrementos salariais ao PIB.

luns, 28 de agosto de 2017

Reclaman vehículos axeitados para o servizo de prevención e defensa contra incendios forestais

A CIG-Administración esíxelle a Medio Rural que cumpran as condicións técnicas pactadas


O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que a Consellaría do Medio Rural vén de entregarlle ao Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) unha serie de vehículos que non cumpren coas características técnicas negociadas e recollidas nos pregos de condicións do concurso “e que nen sequera son axeitados para o noso traballo”.

xoves, 17 de agosto de 2017

Cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior nas escolas oficiais de idiomas

No DOG do xoves, 17 de agosto de 2017, publicouse a convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior, presenciais e en liña, e cursos preparatorios para acadar os certificados de lingua galega (Celga), para o curso 2017/18, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.

xoves, 10 de agosto de 2017

Supresión das áreas sanitarias: Dille non aos plans do PP!

A CIG anima a cidadanía a esixir a retirada do anteproxecto a través do Portal da Transparencia


A Xunta vén de presentar un anteproxecto de modificación da Lei de Saúde que suprime as áreas do Barco, A Mariña, Monforte e O Salnés, afastando así os servizos sanitarios das persoas. Até o 17 de agosto, o documento está aberto a suxestións no Portal da Transparencia. Dende a CIG convidámoste a que lle fagas chegar ao PP o teu rexeitamento a este recorte, esixindo a retirada do anteproxecto e o mantemento das áreas sanitarias.

luns, 7 de agosto de 2017

Resumo da Comisión de Persoal do 4/8/17

Imaxe de arquivo
Na Comisión de Persoal do 4 de agosto aprobáronse as modificacións das RPTs de Cultura e Educación e Medio Rural, a primeira co voto en contra de todas as centrais sindicais.

Tamén se aprobaron as convocatorias de varios procesos selectivos de promoción interna de persoal laboral con importantes cambios.

No punto de suxestións e preguntas, o director xeral da Función Pública achegou diversa información.

venres, 4 de agosto de 2017

Resumo da Mesa Xeral do 2/8/17: "negociacións fraudulentas"

O mércores, 2 de agosto, tivo lugar Mesa Xeral cos seguintes temas: RPT de Cultura e Educación,  RPT de Medio Rural, bases de promoción interna de persoal laboral e Axencia do coñecemento da saúde. En varios, coma sempre, tocáronse un montón de temas, aínda que, coma sempre, escasa ou nula información sobre aquelo polo que preguntabamos.

RPT de Cultura e Educación

Informa o director xeral da Función Pública (dxFP) que non hai cambios respecto do falado na xuntanza previa que tivemos o día anterior.

martes, 1 de agosto de 2017

Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 25: envellecemento activo

http://www.cigsaudelaboral.org/files/documentos/Boletin%20CIG%20Saude%20Laboral%20N%C2%BA%2025.%20Version%20galego.pdf
O Boletín CIG-Saúde Laboral Nº 25 pode descargarse premendo na seguinte ligazón ou na imaxe da portada. O Boletín CIG Saúde Laboral únicamente se publica en formato dixital.

No sumario deste número atopamos baixo o epígrafe Análise - Opinión, o artigo Acordo Marco Autónomo sobre o Envellecemento Activo cun Enfoque Interxeracional, no que se repasan os aspectos máis destacados do documento.

No capítulo Documento-Análise contamos co artigo A participación dos/as traballadores/as na xestión da seguridade e saúde no Estado español. A evidencia cualitativa de Esener-2, baseado no texto do Observatorio Europeo de Riscos, Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo.

mércores, 26 de xullo de 2017

A Consellaría de Facenda incumpre a lei, manten o descontrol sobre os seus arquivos e paga por iso 50.000€ anuais

Hai diñeiro para pagarlle a empresas privadas polo traballo de persoal público ou para crear outros postos pero non para crear os que manda a lei de arquivos.


A Consellaría de Facenda vén de remitirnos a súa proposta de modificación de RPT e atopamos o de sempre: amortización de postos base para crear un puñado de postos de maior nivel e invirte así aínda máis a súa pirámide de recursos humanos.

Pola contra, seguen incumprindo reiteradamente a lei polo que se refire a creación dunha unidade central de arquivo. E non é que nesta consellaría estea sobrada de necesitar traballos de arquivística. Hai un descontrol total na xestión dos arquivos  e na destrución de documentación, e iso a pesar dos 50.000 € anuais que gastan varios centros directivos na xestión privada destes arquivos en locais externos.

Borrador da modificación da RPT de Educación e Cultura

Achega Función Pública a documentación dunha proposta de modificación da RPT de Educación e Cultura.

Na dita proposta, a parte da adaptación ás áreas funcionais, aos novos corpos/escalas da lei 2/2015 e máis a cobertura de postos por concurso específico, continúan coa paralización da anterior modificación, no que se prosigue coa amortización de postos e a inversión da pirámide de recursos humanos, tanto na área de Educación como na de Cultura.

Borrador da modificación da RPT de Facenda

Achega a Consellaría de Facenda un borrador coa proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT). Ademáis da xa acostumada introdución das áreas funcionais en diversos postos, nas que seguen sen propoñer formación alternativa, profundizan na inversión da pirmámide dos recursos humanos. Vaia como exemplos os seguintes:
  • Secretaría Xeral do Patrimonio: Crean tres postos de xefe de negociado (18) e amortizan 7 postos base (C1 e C2)
  • Dirección Xeral da Función Pública: Crean un xefe de negociado (18) e dous grupos (14) e se cascan 6 auxiliares (C2-12).

venres, 21 de xullo de 2017

Substitucións mediante listas do Sergas

Na comisión de listas do martes 18 de xullo, a Administración trasladounos a proposta que xa adiantara na Mesa Xeral do día anterior, consistente en utilizar as listas do Sergas antes que os chamamentos do INEM en determinadas categorías, na procura de tentar solucionar a situación que se está a dar por falta de xente nas listas ou porque esas persoas prefiren traballar no Sergas e non acoden aos chamamentos da Xunta. 

O problema refírese practicamente a categorías sanitarias e, sobre todo, á categoría de ATS, nas que aseguran que non teñen xente e é urxente a cobertura temporal das prazas por vacacións.

xoves, 20 de xullo de 2017

A CIG chama a clase traballadora a participar nos actos do Día da Patria

A central lembra que é unha data festiva mais tamén de reivindicación do noso dereito a decidir


Con motivo da celebración o vindeiro 25 de xullo do Día da Patria Galega, a CIG chama a clase traballadora a participar nos actos que o nacionalismo galego celebre en Galiza e, nomeadamente, en Santiago de Compostela. Unha data de celebración, mais tamén de reivindicación do dereito que temos as galegas/os a decidir por nós mesmas/os o noso futuro como nación, a autogobernarnos e a poder vivir e traballar na nosa terra nunhas condicións dignas.

Denuncian a falta de medios humanos no operativo contra incendios forestais pola improvisación da Xunta

O sector de Autonómica da CIG-Administración pide que se contraten máis bombeiros/as forestais


O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia a falta de medios humanos no Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta de Galiza como consecuencia da “total improvisición” da Consellería do Medio Rural.

Ademais, acusan a conselleira de mentir cando asegura que o operativo está en activo na súa totalidade dende o 1 de xullo, xa que até o día 14 de xullo os traballadores/as de Seaga destinados/as a labores de extinción non deron comenzo a súa actividade.

Resumo da Mesa Xeral do 17/07/2017: "antes de fin de mes"

Na Mesa Xeral do 17/07/2017 tratáronse os seguintes puntos: RPT de Política Social, RPT de Sanidade, RPT de AMTEGA, Decreto creación e estrutura da Axencia Galega de Industrias Forestais e Estatutos do Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galiza. 

En varios, tocáronse temas como outras RPTs pendentes, concursos, procesos selectivos pendentes ou as listas de substitución. Moito "antes de fin de mes" como resposta a varios temas pendentes...

martes, 18 de xullo de 2017

A CIG organizará coa EGAP a 3ª xornada do V congreso sobre branqueo de diñeiro que contará con ilustres convidados esquecidos

Descargar ficha da última xornada esquecida pola EGAP

A Escola Galega da Administración Pública vai celebrar o 20 e 21 de Xullo o V Congreso sobre prevención e represión do blanqueo do diñeiro  (*traducido do orixinal, pois como boa Escola Galega, publica cáseque todo en castelán);  o dito congreso artéllase nunha parte administrativa e outra penal, con distintos conferenciantes moi versados nas facetas de prevención de delitos financieiros.

Dende a CIG de Servizos Centrais e como bos funcionari@s queremos colaborar coa EGAP (e por suposto co Goberno galego)  e por eso convocamos a  III xornada do dito congreso cunha fase máis práctica e que se centre en casos concretos moi interesantes  e que versará sobre:

luns, 17 de xullo de 2017

A Xunta gasta 3 millóns de euros en publicidade desde 2013 para animar a ter crianzas

Leva destinados ao redor de 3 millóns de euros desde 2013 para "accións divulgativas e información vencellada ao fomento da natalidade nos medios de comunicación". Hai cartos para publicidade, logo faltan prazas en escolas infantís, por exemplo.

No 2017 serán 770.000 € máis os destinados para campañas de publicidade que animen ás galegas e galegos a ter descendencia. A polémica é que no canto de adicalos a políticas sociais, por exemplo, vai  adicado a inserir publicidade nos medios de comunicación, como se con iso se solucionase todo. E a proba de que non funciona, son os datos de saldo vexetativo destes anos.

Incremento do 1% e outros conceptos salariais pendentes

Na nómina de xullo pagarán o 1%. Na nómina de agosto irán os trienios do Consorcio de Igualdade e Benestar.


O mesmo día que se publica no DOG a Lei 3/2017 de modificación da Lei de Orzamentos galegos, o director xeral de Función Pública informou aos sindicatos nunha xuntanza que tivemos o venres 14, que:

  • Na nómina de xullo irán os atrasos polo incremento do 1%, así como a corrección de erros nos trienios de determinado persoal.
  • Na nómina de agosto incluirán os atrasos polos trienios do persoal do Consorcio de Igualdade e Benestar, tras rematar o recoñecemento dos servizos prestados.

xoves, 13 de xullo de 2017

Primeira sentenza xudicial que recoñece a indemnización por despedimento ao persoal funcionario interino

Aquí para descargar a sentenza


Desde a famosa sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea da que emanou a doutrina "Diego Porras" foron bastantes as sentenzas do contencioso que negan a aplicación da dita doutrina ao persoal funcionario.

En poucas palabras, o TXUE viña a decir que non se pode discriminar ao persoal na súa indeminización por despido polo feito de ser temporal. Isto tiña unha aplicación directa ao persoal laboral pero non tanto ao persoal funcionario; para este os xulgados viñan dicir que non cabe a comparación co persoal laboral fixo senón co persoal funcionario de carreira e que como este non ten dereito a indemización algunha pois o mesmo (nada) para o persoal interino.

luns, 10 de xullo de 2017

O Boletín - xullo 2017: "Un gran monstro na Xunta: as comisións de servizo"

Xa está de volta "O Boletín" dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza. Regresa co número 226 para este mes de xullo de 2017. Descargar.

Neste número:

  • Editorial: Un gran monstro na Xunta: as comisións de servizo
  • En destaque: Desaloxo de San Caetano: a mordaza de Vicepresidencia
  • Breves: procesos selectivos, concursos, integracións, subas salariais.
  • Humor: o 1%.

venres, 7 de xullo de 2017

As folgas serven, vaia que si serven: o persoal do 112 tras 83 días de folga consegue todas as súas demandas

Típico escoitar na nosa sociedade que as folgas non serven para nada, froito dos recentes exemplos das folgas xerais ou do modelo de sindicalismo impulsado polos grandes sindicatos españois. Este sentir é compartido tamén por boa parte da maioría das traballadoras e traballadores públicos da Xunta de Galiza, que pensan que nos servizos públicos as folgas valen "aínda menos".

Vaia este recente exemplo do persoal do 112, da súa loita durante 83 días continuados, silenciada nos grandes medios, como exemplo de que as folgas non só foron ferramentas para conseguir dereitos laborais importantísimos no pasado, senón para conseguir (e en moitos casos, non perder) dereitos laborais no presente. Fai falta unidade, persistencia e convicción.

xoves, 6 de xullo de 2017

O calendario laboral do 2018 de Galiza inlcúe o 17 de maio como festivo recuperábel

Pincha na imaxe para ampliala
En 2018 o Día das Letras será festivo pero empresas e traballadores deben decidir como recuperalo. 

O Consello da Xunta valida o calendario laboral para o próximo ano, que terá 13 festivos á marxe dos dous que deciden os concellos. Ao ser un máis do permitido por lei, en cada empresa decidirase como compensar esas horas, como xa sucedeu en 2000, 2001 ou 2007.

Bases de procesos selectivos persoal laboral promoción interna. Xuntanza do 3/6/2017

O luns, 3 de xullo, tivo lugar unha reunión con Función Pública para tratarmos os borradores das convocatorias de procesos de promoción interna de persoal laboral derivados da OPE do 2016. Os puntos principais xiraron ao redor dos: temarios, probas físicas, servizos prestados, cursos, puntuación da fase do concurso e o exercicio de galego.

Temos esta semana se queremos enviar algo novo. A subdirectora de Función Pública tentará enviar un novo borrador antes do venres 7. Prevén levalo a Mesa Xeral en 10 días.

A publicación das bases quedaría para setembro. Para o persoal de incendios, o primeiro exercicio non sería antes do 1 de decembro (podería quedar para xaneiro). En todo caso non sería durante a campaña de lumes.

luns, 3 de xullo de 2017

Promoción interna: finalizan en 2017 uns procesos selectivos derivados dunha oferta de 2009

O vindeiro mércores, 5 de xullo, terán lugar os actos de elección de destino.


Na OPE do 2009 ofertáronse unhas prazas de promoción interna de corpos xerais que finalmente se refundiron na OPE do 2012. Desde o 2012 non chegaron a convocarse as prazas resultantes ata xuño de 2015. Dous anos máis tarde terán lugar os primeiros actos de elección de destino para as persoas que non ocupen unha praza aberta ao corpo superior.

Con data do 3 de xullo publicouse no DOG a resolución coa convocatoria do acto de elección de destino definitivo dos procesos de promoción interna de corpos xerais que terá lugar o día 5 de xullo en San Caetano; a data xa se coñecía desde a semana pasada. Nesa resolución van os postos que ofertarán, as horas dos actos e as persoas chamadas. Ningún cambio nos criterios iniciais.

venres, 30 de xuño de 2017

Reunión co director xeral de Función Pública. 29/06/17. Suba salarial 1% e outras cuestións trala aprobación Orzamentos do estado español.

Contan con aplicar ese incremento, se é posible, na nómina de xullo cunha pagiña extra cos atrasos desde o 1 de xaneiro.


O anuncio tivo lugar onte oficialmente tralo Consello da Xunta e trala aprobación dos Orzamentos do Estado español que recollen unha suba similar para o persoal da Administración Xeral do Estado. O mesmo anuncio chegaba case ao mesmo tempo que o director xeral da Función Pública llo comunicaba de xeito oficial aos sindicatos.

As pagas extras querémolas dobres

Houbo un tempo breve, moi breve, que o persoal funcionario chegamos a cobrar as pagas extras realmente dobres dun mes normal, cando se incorporou o 100% do complemento específico no 2008. Porén, en xuño de 2010 tivo lugar o recortazo do 5% do Goberno do estado español, de aquela ao mando do PSOE/Troika. 

Aquel recorte aplicouse de xeito lineal para todos os grupos no persoal laboral e en termos anuais. Porén, para o persoal funcionario a aplicación foi máis progresiva e repartida tamén nas pagas extras e como resultado temos uns compoñentes de soldo e trienios da paga extra que non son os mesmos que os de un mes normal. O resultado: as pagas extras non son o dobre dun mes normal, outra vez.

Aquí unha táboa explicativa:

mércores, 28 de xuño de 2017

CIG-Área Pública rexeita os orzamentos estatais "que non garanten nin dereitos nin servizos"

Desenvolveu unha concentración diante da Delegación do Goberno na Coruña


Delegadas e delegados da Área Pública da CIG (Federacións de Administración, Ensino e Saúde) realizaron unha concentración este mércores diante da Delegación do Goberno na Coruña, para reafirmar o rexeitamento aos orzamentos estatais que veñen de ser aprobados e que "non contemplan a reposición de dereitos roubados aos empregados/as públicos nin a recuperación do emprego e, pola contra, afondan no desmantelamento dos servizos públicos".