xoves, 26 de xaneiro de 2017

OPE e retribucións 2017: moito fume e pouca leña

Outra volta volven desde a Xunta a anunciar que van convocar 3.000 novas prazas na Oferta de Emprego Público para 2017 pero de novo só fume. Na presentación dos Orzamentos para este ano prometeuno o conselleiro de Facenda; iso, e por enésima vez, que recuperaremos o complemento específico nas pagas extras.

Os matices

1) Que "a ver se chegan" a 3000 prazas. De momento promesas.

2) Isto sería só para "ensino, saúde e servizos sociais". Insuficientes. A penas chegan para cubrir as persoas que se xubilaron (ou morreron) o ano pasado. Ou sexa, que manterían o nivel igual co ano pasado, sen tentar recuperar todo o persoal que se perdou en anos anteriores con taxas de resposición do 10% ou 50% nestes sectores "prioritarios".

3) Nada dixo de Administración xeral.

Mobilízate coa CIG en defensa do sistema público de pensións

ANTE AS AMEAZAS CONSTANTES ÁS NOSAS PENSIÓNS, MOBILIZATE COA CIG EN DEFENSA DO SISTEMA PÚBLICO DE  PENSIÓNS. QUE NON NOS ROUBEN AS NOSAS PENSIÓNS !!!

A CIG convoca unha Manifestación Nacional o vindeiro sábado 28 de xaneiro en Santiago de Compostela en defensa do sistema público de pensións.

A marcha, que partirá da Alameda ás 12.00 horas, fai parte da campaña de mobilizacións deseñada pola central sindical co obxectivo de recuperar os dereitos laborais e sociais perdidos nos últimos anos.

Desde as comarcas  disporemos de buses de balde, mais compre que te informes no local da CIG que teñas máis cercano.

Persoal da Área Pública demanda no Parlamento servizos públicos de calidade e a recuperar dereitos

O 6 de febreiro volverán a concentrarse diante do Pazo do Hórreo coincidindo coa votación dos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2017


Delegados e delegadas da Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) concentráronse este mércores diante do Parlamento de Galiza para demandar uns servizos públicos de calidade e a recuperación dos dereitos laborais e salariais perdidos ao longo destes anos. A mobilización, que se repetirá o vindeiro luns, día 6 de febreiro, coincidiu co debate e votación dos Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2017.

martes, 24 de xaneiro de 2017

A Xustiza chimpa outra oposición máis na Xunta: Delineantes 2013

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza obriga a repetir o exame práctico da oposición convocada no 2013


Estes días saíron na prensa moitas noticias sobre irregularidades en procesos selectivos da Xunta que dan lugar a admisión de aspirantes suspendidos, repetición de probas, rebaremación de notas… pero nunca a asunción de responsabilidades por parte dos tribunais e de quen os nomeou, ou sexa Función Pública a través do señor Barreiro.

Hoxe traemos aquí outra chapuza examinadora por parte desta Administración; o caso é que no ano 2014 realizáronse os exames para varias prazas da escala de Delineantes convocados no 2013 e no exame práctico había dúas opción: a opción B que non dou problemas, e a opción A que tiña un exame irresoluble e que fixo que cada opositor tivese que buscarse a vida, sen datos obxectivos, para poder elaboralo.

Boletín especial - Lei de medidas 2017

https://drive.google.com/file/d/0B1evwCG_jwK2aDVCVUdncmdFUFp3aWY3N3QyRjFnSi1MNUdB/view
Xa está dispoñible para descarga o boletín especial da CIG sobre a Lei de medidas 2017. Neste especial poderás atopar os seguintes artigos:
  • Os empregados públicos da Xunta sempre na incertidume
  • Funcionarizar ou precarizar
  • Eliminación de dereitos
  • Creación de Escalas para facer de todo
  • A CIG e a funcionarización
Descargar boletín

venres, 20 de xaneiro de 2017

Publicada a segunda edición da guía de conciliación da CIG

https://drive.google.com/file/d/0B1evwCG_jwK2TG5tckdCMUswYjhBTWkxSTBPQkFWdFYzMWVJ/view?usp=sharing

Damos resposta ás túas dúbidas sobre prestacións e dereitos relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral, e outras medidas de igualdade de oportunidades no traballo.


Desde a Secretaría da Muller da CIG comprobamos na atención á afiliación que, día a día, medra a preocupación das traballadoras e traballadores sobre os dereitos relacionados coa súa maternidade e paternidade, e, en xeral, coa conciliación da súa vida familiar e laboral. Son moitas as dúbidas sobre cal é o marco legal que as e os protexe e a que prestacións teñen dereito. De aí que decidiramos reeditar a guía e mesmo ampliala con respostas a novas dúbidas xurdidas tras a aplicación das últimas reformas.

xoves, 19 de xaneiro de 2017

Orzamentos 2017: mobilizacións en defensa dos servizos públicos e a recuperación dos dereitos roubados

CIG-Área Pública convoca concentracións o 25 de xaneiro e o 6 de febreiro no Pazo do Hórreo


Co gallo do debate e votación dos Orzamentos da Xunta para o ano 2017, a Área Pública da CIG ten convocadas mobilizacións, ás 12 horas, diante do Parlamento Galego o vindeiro mércores 25 de xaneiro e o luns 6 de febreiro, en defensa duns servizos públicos e de calidade e para demandar a recuperación dos dereitos laborais e salariais "roubados nos últimos anos".

Con estas concentracións, explica Maricarme López Santamariña, voceira da Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) quérese amosar o rexeitamento aos orzamentos da Xunta argallados polo goberno do PP para este ano así como á lei de acompañamento.

martes, 17 de xaneiro de 2017

Concentración na Estación de Autobuses contra o acoso en Hedegasa (Autos de Calo)

Nélida Pisco vén padecendo unha situación de acoso laboral desde o ano 2009, tras solicitar unha redución de xornada para atender á súa filla, que naceu cunha enfermidade conxénita. Foi despedida e readmitida, sendo condenada HEDEGASA a pagarlle unha indemnización por danos morais.

A CIG fai un chamamento a participar na concentración convocada para este xoves 19 de xaneiro ás 11h na dársena da Estación de Autobuses de Santiago (Avenida Rodríguez de Viguri, a rúa pola que entran os autobuses), en apoio á traballadora de Autobuses de Calo (HEDEGASA S.L.), Nélida Pisco, quen leva máis de sete anos de acoso laboral.


luns, 16 de xaneiro de 2017

Campaña para a recuperación de dereitos laborais e sociais

A CIG vén de iniciar unha campaña para a recuperación dos dereitos laborais e sociais perdidos nos últimos anos. Achegamos máis abaixo material sobre a análise da situación, propostas e alternativas, así como o chamamento á participar nas mobilizacións que se levarán a cabo, comezando pola manifestación nacional do 28 de xaneiro.

Ademais, no marco desta campaña tamén están previstas concentracións comarcais o 14 de febreiro e mobilizacións o 10 de marzo, sen descartar a convocatoria dunha folga xeral cara aos meses de abril ou maio no caso de que tras a posta en marcha desta iniciativa de concienciación e de acumulación de forzas non se aproban no Congreso español medidas que permitan a recuperación de dereitos perdidos.

venres, 13 de xaneiro de 2017

Máis recortes de postos públicos: modificación da RPT do IGE

Achega o IGE (Instituto Galego de Estatística) unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT). Nesta proposta temos un balance neto de 3 postos destruídos e un recorte de 76.582,17 €. 

Motivan o recorte en axustar a RPT aos sucesivos "axustes" que a propia Administración se impón a través das últimas leis de Orzamentos. Seguimos sen apreciar a tan cacarexada "recuperación económica" pois, de novo, só propoñen máis recortes de postos públicos.

A proposta inclúe cambios na forma de provisión dalgúns postos, incluíndo o Concurso Específico.

CIG-Área Pública responde ás falsas declaracións do conselleiro de Facenda

Inicia accións xudiciais contra "o mal hábito" da Xunta de reducir as mesas de negociación "a un mero trámite"


En relación ás declaracións do Conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, a Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) quere manifestar e recordar que esta central sindical abandonou a mesa de negociación relativa aos orzamentos da Xunta no capítulo 1, por non terse achegado ningún tipo de documentación previamente, nin tampouco durante a propia reunión.

martes, 3 de xaneiro de 2017

Ampliación do permiso de paternidade a 4 semanas a partir do 1 de xaneiro

O dereito viña recoñecido nunha lei de 2009 pero tiña a súa entrada en vigor diferida ata 2012. Ao final, sucesivas prórrogas foron sendo impostas ata que finalmente, 8 anos despois de súa publicación, entra ao fin en vigor.  As versións oficiais aplauden a nova cando en realidade é para ficar avergoñad@s.

Agora veñen os aplausos entre tímidas críticas de falta de igualdade nas responsabilidades da crianza, pero a realidade é que de mellorar a conciliación ten tan pouco como a súa escasa duración, tendo en conta como están configurados no estado español os dereitos asociados a ter, adoptar ou acoller unha crianza. Coma se o estado español non tivese unha natalidade pobre, e máis pobre aínda na Galiza. Pola contra, aquí todo é sobre as costas da clase traballadora, en particular das mulleres, conciliación incluída, tratando de aumentar a competitividade a base de reducir dereitos ou oportunidade laborais.

A Xunta publica a resolución da subvención de 1,7 millóns de euros aos medios de comunicación

Como xa é costume, contra finais de ano publícase a resolución das axudas concedidas a empresas xornalísticas e de radiodifusión (DOG 30 de decembro). Foron convocadas no DOG do 19 de febreiro e posteriormente ampliado o crédito no DOG do 22 de abril ata chegar a 1.675.000 €.

Estas subvencións resultan polémicas pois non teñen unha finalidade pública específica, senón simplemente soster os gastos de empresas de comunicación privada polo simple feito de existir, en función do alcance de lectores, oíntes ou visitas ás súas páxinas web, favorencendo así ás empresas máis grandes. 

A primeira beneficiada, La Voz de Galicia, S.A., levou unha axuda de 718.499,91 €, lévase un 42% da cantidade total das subvencións. En segundo lugar, temos a Faro de Vigo, S.A.U. con 305.686,04 € e en terceiro lugar a El Progreso de Lugo, S.L. con 135.263,36 €. De feito, entre estas tres empresas chegan a absorver o 70% do total da partida, quedando o outro 30% para as outras 14 empresas restantes.

Vindeiras mobilizaciós da Área Pública da CIG nos meses de xaneiro e febreiro: Orzamentos e máis

XANEIRO

DÍA 25 - debate parcial dos orzamentos da Xunta de Galiza 2017. LUGAR: Parlamento de Galiza- Compostela. Concentración de REXEITAMENTO AOS ORZAMENTOS DA XUNTA DE GALIZA para o 2017, defensa dos Servizos Públicos e solicitude de recuperación dos dereitos do persoal da Administración

FEBREIRO

Proposta de supresión, refundición e ordenación das categorías profesionais do persoal laboral

Achega Función Pública unha nova proposta de reordenación das categorías profesionais do V Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta de Galiza, adaptada ás últimas modificacións do proxecto de Lei de acompañamento dos Orzamentos 2017.Iso si, de desenvolver outras partes do convenio como o concurso permanente ou de levantar a supensión do artigo 19, nada de nada.

Descargar proposta

Novas relacionadas: