martes, 3 de xaneiro de 2017

A Xunta publica a resolución da subvención de 1,7 millóns de euros aos medios de comunicación

Como xa é costume, contra finais de ano publícase a resolución das axudas concedidas a empresas xornalísticas e de radiodifusión (DOG 30 de decembro). Foron convocadas no DOG do 19 de febreiro e posteriormente ampliado o crédito no DOG do 22 de abril ata chegar a 1.675.000 €.

Estas subvencións resultan polémicas pois non teñen unha finalidade pública específica, senón simplemente soster os gastos de empresas de comunicación privada polo simple feito de existir, en función do alcance de lectores, oíntes ou visitas ás súas páxinas web, favorencendo así ás empresas máis grandes. 

A primeira beneficiada, La Voz de Galicia, S.A., levou unha axuda de 718.499,91 €, lévase un 42% da cantidade total das subvencións. En segundo lugar, temos a Faro de Vigo, S.A.U. con 305.686,04 € e en terceiro lugar a El Progreso de Lugo, S.L. con 135.263,36 €. De feito, entre estas tres empresas chegan a absorver o 70% do total da partida, quedando o outro 30% para as outras 14 empresas restantes.

No ámbito da radiodifusión, destacan Radio Popular, S.A. (COPE) con 139.908,77 €, Uniprex, S.A. (Onda Cero) con 69.870,22 € e Voz de Galicia Radio, S.L.U. con 43.315,67 €, que absorven o 95% do total da subvención das radios, quedando outras tres radios co 5% restante.

En calquera caso, o groso das verdadeiras axudas non está nestas subvencións senón nos malchamados convenios de colaboración e a contratación pública de servizos varios, entre os que atopamos a publicidade institucional.

Mínimo un 8% de galego


Pero o que chama a atención destas axudas é o pouco nivel de esixencia do Goberno galego. Entre os poucos requisitos a nivel informativo que se piden é que os xornais ou radios  utilicen como mínimo un 8%  de galego nas súas informacións.

E como deben acreditalo? Entre os informes que teñen que presentar está unha declaración responsable indicando a porcentaxe do emprego da lingua galega nas publicacións, informacións ou emisións do ano natural anterior ao da convocatoria e compromiso futuro expreso de que vai manter ou incrementar esta durante o ano da correspondente convocatoria.

Tamén outra declaración responsable que indique a porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións orientadas á normalización da lingua, á defensa da identidade de Galicia, á promoción dos seus valores e á defensa da súa cultura no ano natural anterior ao da convocatoria.

Estas axudas contrastan coas publicadas tamén no DOG do 30 de decembro destinadas ás publicacións feitas integramente en galego e que si teñen unha finalidade específica consonte ás bases: "a expansión e difusión do galego normativizado e da cultura nas tarefas de información xornalística". Eran e seguen sendo máis de 8 veces inferiores en contía ás anteriores (201.341,00 €) que se reparten entre 21 publicacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario