martes, 17 de xaneiro de 2017

Concentración na Estación de Autobuses contra o acoso en Hedegasa (Autos de Calo)

Nélida Pisco vén padecendo unha situación de acoso laboral desde o ano 2009, tras solicitar unha redución de xornada para atender á súa filla, que naceu cunha enfermidade conxénita. Foi despedida e readmitida, sendo condenada HEDEGASA a pagarlle unha indemnización por danos morais.

A CIG fai un chamamento a participar na concentración convocada para este xoves 19 de xaneiro ás 11h na dársena da Estación de Autobuses de Santiago (Avenida Rodríguez de Viguri, a rúa pola que entran os autobuses), en apoio á traballadora de Autobuses de Calo (HEDEGASA S.L.), Nélida Pisco, quen leva máis de sete anos de acoso laboral.


O pasado día 20 de decembro a Dirección Xeral de Tráfico comunicaba a Nélida Pisco a suspensión cautelar de todos os seus permisos de conducir. A DXT adoptaba esta drástica medida en resposta a unha solicitude de Autobuses de Calo (HEDEGASA S.L.) -na que consideraba a esta traballadora un “risco para a seguridade da condución e para a seguridade dos viaxeiros”-, sen comprobar a veracidade desta acusación. Nélida Pisco quedaba así nunha situación de absoluta desprotección que a empresa aproveitou para, o 28 de decembro, suspender o seu contrato de traballo, coa complicidade da DXT.

Esta decisión ten gravísimas consecuencias para Nélida Pisco, porque ao ser unha suspensión de contrato nin cobra salario nin ten dereito a prestación. Incumpre mesmo o convenio colectivo que prevé a posibilidade de que un traballador ou traballadora quede sen carné de conducir, tendo a obriga de, nun prazo máximo de 15 meses, de recolocar a ese traballador ou traballadora noutro posto de traballo, posibilidade que nin se valorou para Nélida Pisco, que recibiu a comunicación da súa suspensión de contrato por burofax.

Así, a empresa e a mutua utilizaron informes médicos que son confidenciais para manipular a realidade facendo ver que a traballadora está incapacitada para conducir un vehículo, cando o pasado mes de novembro obtivo a licenza para transporte de explosivos e mercadorías perigosas, para o que é imprescindíbel non padecer ningún tipo de trastorno incapacitante.

Esta actitude de HEDEGASA non é nova. Nélida Pisco vén padecendo unha situación de acoso laboral desde o ano 2009, tras solicitar unha redución de xornada para atender á súa filla, que naceu cunha enfermidade conxénita. Foi despedida e readmitida, sendo condenada HEDEGASA a pagarlle unha indemnización por danos morais.

A Inspección de Traballo cualificou a actitude da empresa, en xuño de 2012, como “moobing, psicoterrorismo, hostigamento ou acoso laboral”, polo que levantou acta a HEDEGASA por unha infracción laboral moi grave, o que motivou posteriormente unha demanda por vulneración de dereitos fundamentais na que a empresa foi condenada por todo este historial de acoso no traballo e obrigada a indemnizar á traballadora con 10.000 euros.

Durante todo este tempo a empresa intentou que a traballadora, a cambio de diñeiro, abandonara voluntariamente o seu posto de traballo, algo ao que Neli sempre se negou, sen querer sequera saber as cantidades que se lle ofrecían, que foron, nalgún caso, moi importantes. Fronte a isto, o que sempre defendeu foi o seu dereito a ser nai e manter o seu posto de traballo, como unha cuestión de dignidade.

Por todo o exposto, desde a CIG poñemos en marcha unha campaña en defensa dos dereitos de Nélida Pisco, e de todas as mulleres traballadoras, para que poidan exercer a súa maternidade sen verse sometidas a discriminacións e situacións de violencia.

Desde a CIG facemos un chamamento a participar na concentración convocada para este xoves 19 de xaneiro ás 11h na dársena da Estación de Autobuses de Santiago, en apoio á Nélida Pisco, e a espallar esta convocatoria nas redes sociais, sacando unha foto co cartaz e o hastag de apoio #TodasSomosNeli #NonAoAcosoEnHedegasa https://www.facebook.com/events/404835729848774/



Ningún comentario:

Publicar un comentario