venres, 10 de febreiro de 2017

Publicados os Orzamentos para 2017 e se non che gustan, a xogar ao bingo

No DOG do 9 de febreiro publícanse os Orzamentos galegos para 2017 que foron aprobados este luns, 6 de febreiro, no Parlamento pasando o rodete da maioría absoluta do PP.

Cambios, escasos ou nulos, no que nos afecta como traballadoras e traballadores do público. O que xa estaba anunciado 1000 veces: recuperación do complemento específico (ou equivalente para o persoal laboral) nas pagas extraordinarias. O resto de retribucións igual que no 2016, a espera do que faga a Administración Xeral do Estado, cando se aproben os seus orzamentos.

Neste sentido, foi anunciado tamén 1000 veces unha suba do 1% que aplicaría, aquí si recoñecido de xeito retroactivo con data de 1 de xaneiro, independentemente de cando finalmente entren en vigor os novos orzamentos. Iso si, do recorte do 5% no 2010 que fai que as pagas extras do persoal funcionario non sexan o dobre dunha normal, deso, nada de nada. Cuan grande é a recuperación económica, canto menos, para as persoas máis ricas....

Outra cousa da que seguiremos pendentes dos orzamentos do estado é da taxa de reposición, que aquí xa adiantaron que irían ao máximo que lle permitisen desde Madrid. Previsiblemente un 100% en servizos públicos "prioritarios" e 50% no resto. Isto implica que se seguirá destruíndo emprego público, unido ao xa destruído amplamente nos anos anteriores. Recordar que coa taxa de reposición non se cubren os postos cubertos de xeito temporal senón só aqueles que quedaron vacantes por xubilación ou morte.

Contra a falsa crenza extendida intencionadamente polos gobernos do PP de que "hai moito persoal público", o Estado español está á cola con relación ao PIB que ten. Comparados cos estados da UE que teñen un PIB semellante ao estado español, este ten só un 74% de gasto en servizo público do que lle correspondería. Iso en números supón uns 66.000 millóns de euros adicionais que se terían que investir en servizos públicos, para poñernos á altura dos estados do noso entorno, e que quedan nos petos privados máis favorecidos, xunto, por exemplo, os 60.000 millóns de euros, que pagamos todas e todos para rescatar á banca.

A Lei de medidas

Xunto coa Lei de Orzamentos para 2017, apróbase tamén a súa Lei de acompañamento que modifica un montón de lexilación e normativa, algúns dos cambios afectan ao persoal público sen ter sido negociados. A parte de ser unha práctica lexislativa desaconsellada polas persoas expertas no ámbito da Xustiza, leva unhas cantas bombas de reloxería pensadas en sortear a lexislación laboral e aforrarse os cartos de indemnizacións por despedimentos.

Curioso tamén que na mesma páxina de "Disposicións xerais", xunto con estes importantes textos lexislativos autonómicos, colocaran unha orde da Consellaría de Facenda que regula o bingo electrónico. Resulta paradigmático da situación: se non che gusta o que hai, a xogar ao bingo... que para iso temos maioría absoluta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario