xoves, 30 de marzo de 2017

A CIG-Área Pública rexeita un 'Acordo para a mellora do emprego público' que avala a súa destrución

Cre “impresentábel” que CCOO, UGT e CSIF renuncien a recuperar efectivos, dereitos e salarios


CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde rexeitaron, en rolda de prensa, o acordo asinado este mércores, antes mesmo da celebración da Mesa Xeral das Administracións Públicas, por CCOO, UGT e CSIF. Denuncian que “é unha renuncia a recuperar todo o emprego público perdido durante todos estes anos” e que non contempla tampouco a recuperación nin dos dereitos laborais suprimidos, nin das condicións salariais recortadas. Lonxe disto, denuncian que se lle dá un aval ao Partido Popular para que utilice ao persoal das administracións públicas como arma para que se lle aproben os orzamentos de 2017.

“O contido deste documento non contempla a creación de emprego público en ningunha das administracións, non leva parello dotación económica, nin abre a vía para que se derroguen ou modifiquen os decretos lei que nos impuxeron ao longo destes anos e que impedían dotar as administracións públicas dos recursos humanos que precisan”.

martes, 28 de marzo de 2017

Lei de Orzamentos do estado español 2017: posición da CIG ao respecto das propostas feitas polo Goberno

Suba do 1% nas retribucións, taxas de reposición do 100% en sectores prioritarios e  plan de estabilización de emprego son as medidas estrela do Goberno. Dada a situación, maniféstanse claramente insuficientes para a CIG.


Nestes últimos días asistimos a unha serie de informacións (tanto en prensa como en notas informativas) relativas ás propostas que se estaban a debater nos grupos de traballo da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, Ministerio de Facenda e Función Pública, e que fan referencia a distintas materias a incluír no Anteproxecto de Lei de Orzamentos do Estado que aprobará o Consello de Ministros a finais deste mes de marzo; e que teñen que ver co Emprego Público, o Incremento Retributivo e a posible Recuperación de Dereitos laborais.

Para o próximo día 29-03-2017 está anunciada xuntanza da Mesa de Negociación das Administracións Públicas dende CIG-Área Pública manifestamos o seguinte:

luns, 27 de marzo de 2017

Novos acordos tomados pola Comisión Central de Listas de Contratación

Afectan ás persoas apuntadas nas listas do SPDCIF e nos entes instrumentais


Despois das xestións realizadas coa Consellería de Medio Rural para os efectos de que as persoas integrantes das listas de persoal contraincendios penalizadas poidan presentarse para superar as correspondentes probas físicas e visuais, tómase o seguinte acordo:  Función Pública remitirá á consellería unha listaxe coas persoas admitidas en xestión daquelas categorías que teñan que superar ditas probas, na que se incluirán as persoas penalizadas en listas dende o 15 de xullo de 2015, as cales poderán efectuar as probas. Deste xeito, unha vez finalizado o período de penalización, aquelas persoas que superen as probas poderán ser chamadas para traballar sen ter que esperar á seguinte convocatoria.

venres, 24 de marzo de 2017

Que facer ante un accidente laboral?

Ante o cada vez maior numero de consultas recibidas pola CIG ao respecto deste asunto creemos convínte poñer en coñecemento de todo o persoal empregado publico da Xunta cales deben ser as actuacións a seguir en caso de danos a saúde.

E tendo en conta que aínda que no ano 2016 se desacelerou a tendencia crecente en canto a valores absolutos no numero de accidentes de traballo nos últimos 6 anos, o numero de persoas sinistradas en relación ás expostas aumentou, así como tamén aumentou con relación ás horas traballadas, e do mesmo xeito produciuse un incremento no tempo de duración das baixas por accidente en relación as xornadas perdidas e ao numero de accidentes.

xoves, 23 de marzo de 2017

Unha inspeción de Servizos Sociais detecta sobreocupación nunha residencia da terceira idade

Cousiñas das privatizacións...

A Garda Civil atopa cinco maiores agochados nun galpón do centro propiedade de Lucía Pedroso, presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra.


A CIG-Servizos de Pontevedra denunciou hoxe publicamente as irregularidades detectadas na residencia da terceira idade Mi Casa, en Pazos de Borbén, durante unha inspección da Consellaría de Política Social. No centro, propiedade da presidenta provincial da Asociación de Jóvenes Empresarios, Lucía Pedroso Suárez, a Garda Civil -que se desprazou até o lugar a instancias da inspectora autonómica- constatou a presenza de cinco maiores agochados durante horas primeiro na lavandería e logo nun galpón.

venres, 17 de marzo de 2017

Áreas funcionais para os corpos xerais de persoal funcionario: así non

De non garantir a posibilidade mediante formación de acceder aos postos, están creando un muro infranqueábel mediante a creación destas novas escalas virtuais.


A raiz da modificación da RPT da Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio onde esta consellaría introduce unha columna onde se encadran determinados postos de traballo de persoal funcionario en determinadas áreas funcionais, Función Pública facilitanos un documento que aborda este asunto que non foi negociado previamente nin na Mesa Xeral nin na Sectorial de persoal funcionario e por suposto tampouco se lle deu publicidade e que afecta en moito ás condicións de traballo e mobilidade do persoal funcionario.

O documento en cuestión recolle a creación de 5 áreas funcionais onde encadrar moitos dos postos de persoal funcionario, en concreto serían as áreas de:

Publicación de novas listas provisionais de contratación temporal

No DOG do 17 de marzo públicase a resolución pola que se fan públicas as listas provisionais para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza de determinados grupos e categorías. En concreto, trátase das listas abertas en período excepcional no mes de novembro das categorías de xefe/a de cociña e camareiro/a-limpador/a (...)

 Podedes consultalas na seguinte ligazón.

luns, 13 de marzo de 2017

Consecuencias do “grao formalizado” nos procesos de promoción interna

O tribunal de selección do corpo administrativo-C1-promoción interna, da Oferta de Emprego do 2012 publicou o pasado venres 10 de marzo a Resolución pola que fan pública a puntuación provisional da baremación da fase de concurso

Na puntuación recoñecida para a base II.3.1.1.b), “Grao persoal consolidado e formalizado” podemos observar como hai 10 persoas con puntuación “0”, cando as bases comezan puntuando con 3 puntos o grao mínimo do grupo C2. O motivo dos “0” puntos é que para ter o grao “formalizado” o funcionario ou funcionaria ten que facer unha solicitude expresa a Función Pública e que esta recoñeza por escrito o grao que de feito o funcionario xa ten “consolidado” e polo que xa está a recibir as retribucións, estando os datos en poder da propia Función Pública.

Este é un problema que aparece no proceso de promoción interna a C1, pero que se repetirá nos demais procesos, con consecuencias desastrosas para xente que vai quedar fora en beneficio doutras que entrarán.

Xuntanza con Función Pública 8/3/17: temas eternos

O mércores 8 de marzo xuntámonos co Director Xeral da Función Pública, principalmente para ver a posibilidade de chegarmos a un pacto para desenlear toda a maraña de asuntos que manteñen cronicamente paralizada a xestión de persoal.

O obxectivo final é que "para o ano 2020 (!?) teñamos": concursos permanentes en todos os corpos/escalas/categorías, porcentaxes de temporalidade significativamente inferiores aos valores actuais e simplificación da clasificación do persoal mediante uns procesos de funcionarización e redución de categorías laborais. A esto hai que sumarlle outro obxectivo inmediato: retirar da primeira liña do lume ao persoal de incendios con máis de 60 anos de idade. 

xoves, 9 de marzo de 2017

"Na Xunta, a promoción da igualdade choca co incumprimento reiterado de cubrir as vacantes"

Comité da Consellería de Medio Ambiente da Coruña critica a sobrecarga de traballo nalgúns departamentos

 
O Comité de Empresa da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio denuncia o incumprimento reiterado da Xunta de Galiza da súa obriga de cubrir os postos de traballo vacantes por xubilacións, excedencias e baixas por enfermidade ou maternidade.

Entre os moitos casos que se están a producir na actualidade, destaca o caso dunha das traballadoras da Xefatura Territorial da consellaría de Medio Ambiente da Coruña, con praza de Titulada Superior Ambiental, que malia ter collido a baixa maternal o 17 de xaneiro de 2016, e a excedencia por coidado de fillo o 18 de xullo, aínda non foi substituída. "O caso agrávase polo feito de atoparse unha das súas compañeiras en comisión de servizo noutra praza, o que fai recaer o traballo das tres persoas do departamento na única que fica no posto", denuncian.

A Xunta analizará a carga de traballo para "evitar subcontratacións"

Esta de moda estes días o tema do "estudo de carga de traballo na Xunta"; así o recolle o diario do réxime en destacado na súa sección "Galicia". Fálase de que a Xunta analizará a carga de traballo "para repartila mellor". Da a impresión que no que vai de tempo e a pesar de todas as persoas que cobran (e o que cobran) por organizar o traballo pois que isto non se fixera nunca.

Na realidade, todo isto vén motivado pola presentación da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa do programa piloto de "Análise de cargas de traballo na Xunta de Galicia.". Iso vendeunos (ou tentaron, máis ben) aos sindicatos como, ollo ao dato, e entre outras marabillas, unha forma de reducir as contratacións externas. En fin...

Proposta de nova RPT de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio: 20 novos postos derivados de subcontratación ilegal.

Despois de levar no conxelador desde xullo do 2016, retoma agora a Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a "negociación" da súa Relación de Postos de Traballo (RPT).  Descargar documentación.

Trae como novidade, respecto a outras RPTs, a columna de "ÁREA FUNCIONAL", motivo polo que se involucrou en maior medida o director xeral da Función Pública. O que xa non é novidade son os 23 postos de nova creación derivados de sentenzas de indefinición que condenan a Xunta por subcontratación ilegal. Estes 23 únense aos máis de 50 postos que xa foron creados por esta consellaría polo mesmo motivo. Responsabilidades?: cero.

Datos das comisións de servizo de febreiro de 2017

Achégamos as listaxes do mes de febreiro das comisións de servizo, cos seguintes datos:

Adscricións: 8 (en xaneiro 6)
Comisións: 73 (en xaneiro 96)
Prórrogas: 47 (en xaneiro 100)
Revogacións: 1 (en xaneiro 4)

En conclusión, baixou o ritmo frenético que colleran a partires do concurso de traslados de corpos xerais, pero segue en cotas altas,  e seguen os dedazos (xente que pasa dun 14 a un 25!!! por arte de maxia).

Pero bueno como os concursos agoran van  a ser semestrales... (Barreiro dixit)

Descargar listaxes

mércores, 8 de marzo de 2017

Xuntanza Función Pública 7/3/2017: procesos selectivos

O martes 7 de marzo acudimos a unha xuntanza entre sindicatos e Función Pública para tratar as bases dos procesos selectivos de Finanzas-A1-Promoción Interna da OEP 2015, e axentes de inspeccion de consumo da OEP 2014. Previamente falamos doutros procesos: persoal veterinario, delineantes, promoción interna corpos xerais e ordenanza discapacidade intelectual.

Persoal veterinario-2015: probablemente indiquen unha data anterior á constitución do tribunal para fixar as normas de dereito positivo que serían obxecto de estudo (base II.1). Están a valorar a eliminación do 3º exercicio. Previsto que entre na seguinte Mesa Xeral. 1º exercicio podería ser por outubro.

martes, 7 de marzo de 2017

A CIG chama a mobilizarse, este 10 de Marzo, para derrotar as reformas e recuperar os dereitos

Convoca mobilizacións en todas as comarcas con motivo do Día da Clase Obreira Galega


Con mobilizacións en Vigo, Ferrol, Lugo, Ourense, Vilagarcía, Pontevedra, Compostela e Cee conmemorará a CIG o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega. Unha data reivindicativa na que a central sindical dá continuidade á campaña posta en marcha xa no mes de decembro e que se desenvolverá baixo o lema “2017, un ano de loita. Recuperemos os nosos dereitos”.

Mobilizacións do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega


A Confederación Intersindical Galega (CIG) convoca mobilizacións en todas as comarcas este 10 de marzo para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega.

8 de marzo: Día Internacional da Muller Traballadora

A CIG fai un chamamento a participar na manifestación nacional convocada pola CIG ante a conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora, que sairá do estadio de San Lázaro ás 10:45 horas, concentrándonos ás 11:00 horas o día 8 de marzo, diante da Secretaría xeral de Igualdade, en Compostela.

Desta volta, en solidariedade con Nélida Pisco, condutora de Autobuses de Calo, por representar a meirande parte das discriminacións que sufrimos as mulleres no mundo do traballo, tras padecer durante 8 anos acoso e terrorismo patronal. (Desde as comarcas sairán buses para desprazarnos o día 8 a Compostela, lembra anotarte).

 

Manifestación unitaria do feminismo galego


A EGAP convoca 29 actividades formativas para o persoal da Aministración institucional e entes instrumentais

A Escola Galega de Administración Pública convoca 29 edicións formativas e 1410 prazas destinadas ao persoal das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16, 2010, do 17 de decembro, e das institucións públicas autonómicas que non poidan acceder ás convocatorias de formación continua.

Matrícula: desde as 8 horas do 8 de marzo ata as 14 horas do 17 de marzo en http://egap.xunta.gal/matricula Dentro deste prazo as persoas solicitantes deberán presentar na EGAP un certificado expedido polo órgano responsable de persoal que indique o tipo de persoal, a situación administrativa e a antigüidade na Administración .

xoves, 2 de marzo de 2017

Convocatoria da EGAP de actividades de formación continua en materia de idiomas

Publicada no DOG do 1 de marzo. Matrícula ata as 14 horas do 11 de marzo.


A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) oferta 38 edicións formativas e 1565 prazas en materia de idiomas para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

Esta convocatoria inclúe cursos en teleformación de inglés, francés, alemán e portugués e presenciais de linguaxe de signos, inglés e francés.