mércores, 31 de maio de 2017

Concentración en San Caetano: Non á privatización dos servizos públicos na Xunta

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais convoca unha concentración de protesta contra a continúa deriva privatizadora dos servizos públicos na Xunta de Galiza e o recorte de postos públicos. A concentración terá lugar o xoves, 1 de xuño, na explanada da cafetaría de San Caetano, ás 12:00h.

Reiterados son os escritos que ten presentado este órgano de representación denunciando a privatización de servizos públicos ou pedindo información concreta sobre a contratación de asistencias técnicas que nunca facilitan. Estes postos de traballo deberan ser estructurais e figurar nas relacións de postos de traballo e así logo veñen as sentenzas de subcontratación ilegal. A realidade xa a coñecemos, non hai cartos para persoal público pero si para contratar con empresas privadas diferentes servizos, que terminan saíndo máis caros e de peor calidade.

Arquivos públicos para que non pase coma cos contratos de Marcial Dorado

No ano 2015 o Parlamente galego aprobou (a proposta do Goberno) a primeira Lei de Arquivos que tivo este país. Non foi unha lei imposta, foi un texto elaborado e reelaborado dende o ano 2011 que tivo varias modificacións e recortes ata quedar ao gusto do gobernó e do parlamento; recordemos en maioría do mesmo partido que dirixe hoxe Galicia, o Partido Popular.

Pois ben, estes días acábase de aprobar a Modificación de Relaición de postos de traballo (RPT) da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA); axencia que move e produce ao ano miles e miles de documentos (tano en formato electrónico e formato papel), e que necesitan unha xestión documental axeitada e non un mero almacenamento en naves de empresas privadas ou o que é peor perdas masivas ou eliminacións incorrectas.

martes, 30 de maio de 2017

Listas de contratación do decreto 37/2006: listas definitivas e actualización de méritos 2016

No DOG do 30/05/2017 fanse públicas as listas definitivas para o desempeño transitorio de postos reservados a persoal laboral dos grupos III-014 xefe/a de cociña e V-001 Camareiro/a-limpador/a, axudante cociña, pasador/a de ferro-lavandeiro/a, costureiro/a, cortador/a, pasador/a de ferro, lavandeiro/a. As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, funcionpublica.xunta.gal

No mesmo DOG tamén se publica a actualización definitiva de méritos correspondentes ao ano 2016. As puntuacións totais das persoas integrantes das listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, funcionpublica.xunta.gal

luns, 29 de maio de 2017

Resumo da Mesa Xeral e da Comisión de Persoal do 29/05/2017

Na Mesa Xeral e na Comisión de Persoal do 29 de maio levouse a modificación das RPTs de Economía, Emprego e Industria e GAIN e máis da ATRIGA. No punto de varios tratáronse diversas cuestións relacionadas con concursos, acordos ou novos decretos que afectan ao persoal

Modificación das RPTs de Economía, Emprego e Industria e GAIN

Na Mesa Xeral retiran todos os pluses da proposta de rpt, quedando pendentes para unha futura negociación. Na Comisión de Persoal apróbase co voto a favor de CCOO, CSIF e UGT e a abstención de CIG.

venres, 19 de maio de 2017

Publicadas as axudas para os traballadores que se acollan á redución de xornada para o coidado de crianzas

Deberanse ter acollido á redución entre o 1 de maio de 2016 e o 31 de maio de 2017


A Secretaría das Mulleres da CIG informa que no DOG do venres, 19 de maio, sae publicada a convocatoria das axudas económicas para os traballadores e familias monoparentais que, entre o 1 de maio de 2016 e o 31 de maio de 2017, teñan unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas. Estas axudas teñen como obxecto a conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade.

xoves, 18 de maio de 2017

Onde están os 9 millóns de euros de formación para o emprego?

A CIG concéntrase en San Caetano para denunciar a nefasta política da Xunta de Galiza en materia de formación para o emprego e exixe que se aclare o que fixo cos 9 millóns de euros das convocatorias que se saltaron


Cunha concentración diante da consellaría de Economía, Industria e Emprego a CIG denunciou, esta mañá, as “nefastas” políticas en materia de formación para o emprego tanto para traballadoras/es ocupadas/os como desempregadas/os. 

En concreto, denunciou que se saltaron as convocatorias de formación continua para traballadoras e traballadores ocupados dos períodos 2015-2016, 2016-2017, e exixiu que se aclarara o que se fixo cos preto de 9 millóns de euros correspondentes a de cada unha delas.

Información xeral sobre asuntos da Función Pública na reunión do 16/05/17: RPTs, procesos selectivos, concursos...

O 16 de maio houbo unha reunión previa á Mesa Xeral do 19 para tratar a modificación de varias RPTs.

Ademáis dos temas da orde do día, a Administración informou de varios asuntos relacionados coa Función Pública como concursos de traslados e procesos seletivos, aínda que para variar con escasa ou nula concreción de datas.

 
1) RPT de ATRIGA, GAIN e D.X. de Enerxía e Minas

Renda 2016: servizo de asesoramento para a afiliación e dedución das cotas sindicais

Con carácter xeral tedes de prazo ata o 30 de xuño para presentar a declaración da Renda 2016. Recordamos que as cantidades satisfeitas en concepto de cotas sindicais no ano 2016 desgravan no IRPF. Simplemente tedes que indicar a cantidade satisfeita no cadro 012 da declaración. No 2016 a suma de todas as cotas ordinarias na CIG foi de 139,80 €. Se a vosa cota é inferior á ordinaria (parado/a, descontinuo/a, contratos por días ou meses...) ou non abonachedes todas as cotas, consulta na túa comarca ou entidade bancaria o importe. Non é preciso certificado do sindicato das cantidades aboadas para presentar a declaración.

Como todos os anos, a CIG pon en marcha en cada comarca un servizo para a afiliación de asesoramento coa declaración da Renda. Non tedes máis que poñervos en contacto co local da CIG da vosa comarca. En Compostela xa podes pedir cita chamando ao 981.58.32.00.

Acceso portal web Renda 2016 da Axencia Tributaria

Inspección de Traballo requírelle a Medio Rural a aplicación dos plans de acción logo da denuncia presentada pola CIG

No pasado Mes de Marzo a CIG iniciou unha campaña a nivel nacional co obxectivo de acadar o cumprimento dos plans de acción pertencentes ó Plan de prevención de riscos para o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF).

Unha das accións que se desenrolaron nesta campaña foi a denuncia en Inspección de Traballo das xefaturas de distrito e xefatura provincial de incendios como responsábeis da non aplicación dos plan de acción, tal e como marcan os decretos de regulación e os propios plans de acción.

martes, 16 de maio de 2017

Atrásase unha proba diagnóstica nun hospital concertado de Ferrol por non facilitarse documentación en galego

CIG-Saúde denuncia a discriminación lingüística que sofren as persoas usuarias na sanidade pública galega


CIG-Saúde vén de dirixirse ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e ao Xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, para denunciar a discriminación lingüística sufrida por unha persoa usuaria da Sanidade Pública, que tivo que ver atrasada unha proba diagnóstica por non serlle facilitado o documento de consentimento informado en lingua galega, tal e como esta persoa requiriu, conforme ao seu dereito.

luns, 15 de maio de 2017

En galego sen límites: maniféstate pola língua o 17 de maio ás 12h desde a Alameda en Compostela

Queremos Galego convoca manifestación “de unidade” a favor da nosa lingua en Santiago o 17 de maio


No ensino, na administración, nas relacións económicas, na xustiza... en todos os ámbitos da nosa vida, padecemos situacións que serían impensábeis de utilizarmos unha lingua plenamente normalizada.

Como resposta só recibimos promesas e homenaxes á lingua que non obrigan a nada. Promesa dunha oficialidade que non é real no Estatuto ou o seu desenvolvemento incumprido na Lei de normalización lingüística que vén de facer 30 anos.

Porén, aínda que a Xunta de Galiza actúa contra a súa obriga de promover e normalizar o noso idioma, somos moitos e moitas as que actuamos día a día para repor a nosa lingua en todos os espazos.

Modificación da relación de postos de traballo da Axencia Tributaria de Galiza

Feitas xa as reunións previas, achega a Administración a documentación que irá a unha vindeira Mesa Xeral aínda por determinar doutra modificación da relación de postos (RPT) de traballo da ATRIGA (Axencia Tributaria de Galiza).

Desta volta podemos atopar a inclusión das famosas "áreas fucionais" onde debido ao carácter da ATRIGA predomina a de "tributaria". Tamén crean 3 novos postos (unha subdirección nivel 30, unha xefatura de servizo nivel 28 e un negociado nivel 18) e eliminan 5 (unha xefatura de servizo nivel 28, 2 auxiliares administrativos nivel 12, 1 xefe de grupo nivel 14 e 1 axudante nivel 16). Continúa a dinámica dos últimos anos na Xunta de eliminar postos baixos para financiar a creación dos postos superiores da pirámide de recursos humanos. Mais as amortizacións non rematan aí.

Borrador documento convocatoria concurso de traslados persoal funcionario Lei 17

Achegamos o último borrador que nos remite Sanidade para a reunión do 16 para a convocatoria do concurso de traslados de persoal sanitario funcionario incluído baixo o ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, pertencentes á escala de saúde pública e administración sanitaria.

xoves, 11 de maio de 2017

Comisións de servizo de persoal funcionario na Xunta en abril de 2017

Achegamos os datos das adscripcións, comisións e prórrogas deste pasado mes de abril; revogacións só houbo unha, en Lugo. Descargar listaxe.

O número de comisións segue nunha tónica numérica parecida a meses anteriores: 71 novas comisións, 65 prórrogas e 8 adscricións. Porén, dentro das prórrogas xa hai persoal que se achega a máis de tres anos ou os supera, como un posto nivel 25 en Ourense que leva 5 anos ocupado pola mesma persoa. Recordamos que salvo en "non vacantes", o prazo máximo é de 2 anos. Outra cousa é que logo se produzan cruces de comisións e/ou comisións encadeadas.

Mobilízate, o asasinato do meniño de 11 anos en Oza-Cesuras tamén é violencia machista

A CIG anima a participar nas concentracións convocadas para o xoves 11 de maio ás 20h


A CIG fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego para este xoves, 11 de maio,  ás 20:00 horas, en repulsa ao asasinato do meniño de 11 anos en Oza- Cesuras a mans do seu pai, mentres gozaba do réxime de visitas. Este asasinato tivo lugar tras varias denuncias presentadas pola nai, ordes de afastamento e peticións de amparo.

Con esta xornada nacional de loita en varias vilas e cidades do país, quérese denunciar un sistema patriarcal onde os fillos e as fillas das mulleres maltratadas son vítimas directas da violencia machista; que  en demasiadas ocasións os maltratadores usan aos seus fillos e fillas para facer un dano irreparábel á muller; que a  violencia machista é contra toda a sociedade  e que as solucións son colectivas.

mércores, 10 de maio de 2017

Convocatoria de prazas nas Escolas Infantís para as crianzas do persoal da Xunta

No DOG do 10 de maio publícase a convocatoria do procedemento de adxudicación de prazas para fillos e fillas do persoal dos servizos centrais e das xefaturas territoriais da Xunta de Galicia en escolas infantís da localidade onde presta servizos. Atención: o prazo remata o 20 de maio.

Dúas novidades moi importantes, a obriga de presentar electrónicamente e extensión da reserva de prazas ao persoal de todas as xefaturas territoriais. Non era sen tempo, despois de tantos anos, ampliar esta reserva a escolas infantís máis aló de Compostela, Vigo e Pontevedra.

martes, 9 de maio de 2017

Mesa Xeral 09/05/17: nova regulamentación RPTs e outra información de interese

O 9 de maio houbo Mesa Xeral e Comisión de Persoal para "negociar" e aprobar a Orde de criterios para a elaboración das RPTs. Descargar documentación (últimos cambios). Esta Orde foi publicada recentemente no DOG do 11 de maio.

Tamén se achegou información de interese con relación a concursos de traslados e procesos selectivos, entre outros temas.

Con relación á proposta, a CIG solicita:

- A indicación de vacantes/non vacantes e liñas orzamentarias. Non necesitamos que sexa na RPT que vai ao DOG, serviría que aparecese no web de función pública.

Informe sobre o desconto por atrasos na cota obreira na nómina de marzo

Ante o rebumbio creado con este tema, achega Función Pública un informe elaborado  Comisión de Nóminas sobre os descontos na nómina de marzo en concepto de "atrasos das cotas obreiras de xaneiro e febreiro". Resumindo: que están consonte á normativa.

luns, 8 de maio de 2017

Aberto o prazo para presentar as solicitudes do que queda do Fondo de Acción Social

No DOG do 8 de maio de 2017 publicanse os criterios de repartición do fondo de acción social (FAS) para o exercicio económico do ano 2016 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.

O FAS continúa recortado pola aplicación da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia que establece no seu artigo 3.1: suspéndese para todo o persoal incluído no ámbito de aplicación desta lei a convocatoria, a concesión ou o aboamento de calquera axuda derivada do concepto de acción social, así como calquera outra que teña a mesma natureza ou finalidade, agás a axuda por persoa con discapacidade, que non poderá ser superior á contía de 180 euros mensuais por cada persoa, mentres estea en vigor esta lei.

Este recorte era para 2 anos revisable cando as grandes contas das Administracións foran mellor, pero seguen negándose a revertelo xunto con outras cuestións inxustas como a de pagar menos cando caemos en situación de enfermidade ou reducir o tempo de descanso do persoal laboral que traballa a quendas.

xoves, 4 de maio de 2017

Mobilizacións contra o bus da xenreira de HazteOír

A CIG rexeita o paso do “bus da xenreira” da organización ultracatólica Hazte Oír polas rúas de Galiza

 

A central sindical anima a participar nas concentracións convocadas a prol da diversidade sexual e dos dereitos das persoas LGTBI

A CIG denuncia a hipocrisía do goberno do Partido Popular, quen aprobou hai un ano o Protocolo educativo para garantir a Igualdade de xénero, a non discriminación e a liberdade de Identidade de xénero dxs menores trans", mais permite e consinte que a organización ultracatólica Hazte Oír pasee o bus polas rúas de Compostela e en vindeiras datas noutros lugares de Galiza.

Convocan Mesa Xeral para modificación da Orde de elaboración das relacións de postos de traballo

O principal cambio vén motivado pola inclusión nas relacións de postos de traballo (RPT) das "Áreas funcionais". Descargar modificación.

A convocatoria vai de xoves para martes e xa vén tamén a convocatoria da Comisión de Persoal, para 15 minutos despois, onde se votará, e vén coa mesma documentación da Mesa Xeral. Vemos que non teñen moitas ganas de negociar nin cambiar nada. Tendo en conta esto, o luns convocaron unha reunión informal para que non fora tan evidente.

En calquera caso, das áreas funcionais xa o meteron coa modificación da RPT de Medio Ambiente e non tiveron en conta as alegacións da CIG, nin de facer unha negociación real e sosegada, nin de garantir o acceso aos postos a través da formación equivalente á experiencia.

mércores, 3 de maio de 2017

A Xunta aumenta en 500.000€ a axuda a medios privados para que sexan "máis plurais e independientes"

Serán 1.675.000 € os que de partida destinará o Goberno galego a subvencionar o funcionamento das empresas xornalísticas e de radiodifusión privadas e que, ano tras ano, recaen nos grupos de sempre.


A convocatoria destas subvencións de concorrencia non competitiva foi publicada no DOG do 3 de maio. A gran diferenza respecto ao ano pasado son 540.000€ de orzamento que aumentan de inicio. Ben é certo que nos anos anteriores esta dispoisicón incial de 1.135.000€ sempre chegaba aos 1.675.000 cunha máxica ampliación de crédito poucos meses despois.

O curioso é a motivación desta subvención sen concurrencia competitiva nos tempos que corren: a liberdade de expresión e fomentar uns medios "máis plurais e independentes". Para mexar e non botar gota. Por suposto, e como todos os anos, seguindo coa fina ironía da convocatoria, tamén se busca a potenciación da lingua e cultura galega, "a galeguidade". 

Previsión de publicación do que queda do Fondo de Acción Social 2016

Comunican desde Función Pública que o 8 de maio é a data prevista para a publicación no DOG dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) 2016 para a axuda para a atención de persoas con discapacidade, a única que existe desde 2011.

O FAS veuse recortado na súa maioría pola Lei de medidas de 2012, que en principio era para 2 anos, e aí quedou o recorte por moita "recuperación económica" que anuncien, cunha asignación "social" que só ten en conta á atención de persoas con discapacidade. Anteriormente se tiñan en conta outras circunstancias como fillos/as menores, persoas maiores a cargo, estudos, adquisición de viveda, gastos sanitarios ou xubilación.

martes, 2 de maio de 2017

A Xunta de Persoal maniféstase en contra da creación da escala de persoal de servizos xerais (PSX)

A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galicia manifestou a súa desconformidade coa creación da escala de Persoal de Servizos Xerais (PSX) no actual corpo auxiliar, pola Lei 2/2017, de 8 de febrero, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, ante a Dirección Xeral da Función Pública.

Por unha parte, entende esta xunta de persoal  que  non se pode crear novas escalas cando as funcións encomendadas están asignadas a outras xa existentes nas diferentes escalas e especialidades dos corpos de Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Por outra banda, esta escala creouse coa oposición de todas as organizacións sindicais.

Dúbidas sobre a implantación do programa Morfeo entre o persoal da Xunta

O programa Morfeo é unha aplicación telemática que emprega a Xunta de Galiza para a xestión de permisos, vacacións e licenzas. Inicialmente tiña que estar en funcionamento en 2014 pero non o fixo ata comezos deste ano. De momento pódese elixir entre a solicitude en papel e electrónica pero non permite anexar os xustificantes electrónicamente e teñen que ser remitidos en papel coma sempre aos servizos de persoal.

A polémica do programa é quen ten permisos de acceso e a que datos. Tal e como está configurado actualmente non só as persoas que asinan os permisos, senón bastantes máis poden ver o histórico de permisos e ata de fichaxes do Kronos, non só desde que o persoal está no centro actual senón en centros anteriores. Na xestión destes permisos atópanse cuestións de especial protección en materia de datos persoais como a protección da saúde ou violencia de xénero.

luns, 1 de maio de 2017

Miles de persoas claman na rúa pola recuperación de dereitos no 1º de Maio

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que participou na manifestación de Vigo, insistiu en que hai "condicións obxectivas" para convocar folga xeral