luns, 1 de maio de 2017

Miles de persoas claman na rúa pola recuperación de dereitos no 1º de Maio

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que participou na manifestación de Vigo, insistiu en que hai "condicións obxectivas" para convocar folga xeral




Máis de 25.000 persoas participaron nas 13 manifestacións convocadas pola CIG en todo o país para conmemorar o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira. A celebración deste ano estivo centrada na campaña pola recuperación dos dereitos sociais e laborais roubados coa escusa da crise e contra a precarización do mercado laboral que a central está a desenvolver dende comezos de ano. O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, que participou na mobilización de Vigo, insistiu en que “existen condicións obxectivas” para convocar unha folga xeral.

As rúas de Vigo, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Lugo, Santiago, Ferrol, Cee, Cangas, Ribeira, Burela, Vilagarcía e A Estrada enchéronse hoxe de milleiros e milleiros de persoas que, convocadas pola CIG, quixeron celebrar un ano máis o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, cunha xornada reivindicativa e festiva baixo o lema “Recuperemos os nosos dereitos”.

A marcha central, na que participou o secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, tivo lugar novamente en Vigo. Arredor de 15.000 persoas percorreron as rúas da cidade entre o cruce da Dobrada e a Porta do Sol. Esta mobilización volveu ser un ano máis a máis multitudinaria de todas as que se celebraron no país. Durante o percorrido, os berros máis escoitados foron a prol da convocatoria dunha folga xeral e para reclamar a dimisión dos presidentes da Xunta e do Goberno central.

Ao remate da marcha, Seixo tomou a palabra para incidir en que nesta ocasión o carácter reivindicativo da xornada está especialmente xustificado “debido aos ataques que os nosos dereitos e intereses están a sufrir por parte do capital, da man de políticas antisociais e antiobreiras promovidas polos Gobernos españois coa recomendación e a colaboración da UE e do FMI”. O máximo responsábel da CIG considera que se trata do maior ataque aos dereitos da clase traballadora dende a caída do franquismo e a implantación do actual réxime de democracia burquesa.

“O retroceso lexislativo en materia de contratación, xornada laboral, despedimentos, prestacións de desemprego, pensións, negociación colectiva e liberdades públicas, xunto co recorte do gasto público a privatizacións dos servizos públicos e unha fiscalidade ao servizo das rendas máis altas e das grandes empresas, están a supor un importante retroceso en dereitos e calidade de vida para amplos sectores das clases populares galegas”, asegurou.


Final da manifestación do 1º de maio en Compostela
Situación que se agrava no caso de Galiza

Segundo denunciou, esta situación agrávase no caso de Galiza pola enorme destrución de emprego fixo e polos altos índices de emprego temporal, polos baixos salarios e pensións, pola perda de poboación activa menor de 35 anos, pola emigración masiva de mozos/as, polo avellentamento da poboación, pola destrución de emprego e perda de peso do sector industrial, polo desmantelamento do sector primario, polo espolio da nosa enerxía e do noso aforro “e pola actitude incompetente do señor Feijóo e da Xunta diante desta situación, totalmente vendidos aos intereses das grandes empresas e da oligarquía española”.

Seixo explicou que neste contexto a CIG decidiu poñer en marcha a comezos de ano unha campaña informativa e de mobilizacións centrada na recuperación dos dereitos laborais e sociais perdidos e contra a precarización do mercado laboral. “Dende a CIG vimos dicindo ao longo desta campaña, e así o mantemos hoxe, que se non se producen de inmediato cambios lexislativos orientados a recuperar os dereitos e as liberdades perdidas existen condicións obxectivas para promover como resposta unha convocatoria de folga xeral”. Neste senso, denunciou a actitude dos sindicatos CCOO e UGT “de seguir a mirar cara a outro lado e de estar máis preocupados polos seus propios intereses que dos problemas da clase traballadora.

Finalmente, manifestou a firme solidariedade da CIG con todos/as os traballadores/as e con todas as nacións do mundo “vítimas deste capitalismo depredador e agresor, e reafirmámonos na na nosa firme vontade de seguir a loitar pola conquista dunha nova sociedade galega máis xusta, libre, solidaria e igualitaria nunha patria soberana”.

Unha vez rematado o discurso, e antes de pechar a xornada coa interpretación da Internacional e do Himno galego, o secretario xeral da CIG, que deixará o seu cargo no próximo Congreso da central que terá lugar en maio, aproveitou para despedirse publicamente de todos/as os presentes, aos que agradeceu o seu traballo e colaboración para erguer a central sindical.


A comarca de Vigo, “en coma produtivo”

Antes de que Seixo tomase a palabra interveu o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonzalves, que denunciou a grave situación na que se atopa a bisbarra. “Estamos sumidos nun coma produtivo resultado da desertización da nosa industria e do adelgazamento anémico de actividades que son fundamentais para esta comarca, como a construción naval ou a automoción”. O responsábel sindical lembrou que continúan a ser preto de 80.000 persoas as que se atopan privadas dun posto de traballo no conxunto da bisbarra.

“Ademais milleiros de fogares atópanse sen ningunha fonte de ingresos, e outros moitos está a atravesar durísimas penalidades para facer fronte aos seus gastos cada mes”. Fronte a isto, renovou o compromiso da CIG na defensa dos intereses da clase traballadora e adiantou que a central seguirá a dar resposta a cada ataque, a cada agresión, dende os grandes conflitos até as pequenas problemáticas concretas a través da mobilización e da loita. Para pechar a súa intervención citou unha frase de Fidel Castro: “Sigamos adiante sen dar un só paro atrás, nin para coller impulso”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario