luns, 26 de xuño de 2017

Resumo da xuntanza co director xeral da Función Pública. 23/06/17

A xuntanza estaba convocada para tratar as RPTs de Política Social, Sanidade e procesos selectivos de persoal laboral por promoción interna. 

Tamén se falou doutros asuntos como os procesos selectivos de persoal laboral de acceso libre, varias comisións de seguemento ou os actos de elección de destino de corpos xerais, entre outros.


RPTs (política social e sanidade) 

Informa o director xeral que se limitan a adaptar as RPTs ás novas instrucións polas que ditan criterios para a confección das RPTs, así como adaptar as escalas ao establecido pola LEPG, áreas funcionais, suprimir titulacións, corrixir erros...

A CIG (e demáis sindicatos) solicitamos a retirada da orde do día da RPT de Sanidade, porque a documentación recibímola o día anterior á xuntanza. Tamén criticamos que na RPT de Política Social recibisemos documentación complementaria o día anterior. En todo caso, non vamos dicir nada da RPT de Sanidade ata estudar a documentación. Advertimos que existen cambios que non son simples adaptacións, como é o caso de que engaden requisito de condución a un subalterno, ou que engaden numerosas áreas funcionais a postos que anteriormente non tiñan asignado ningún mérito ou requisito sen que exista negociación.

Temos prazo para presentar alegacións escritas á RPT de Política Social ata o venres 30, e á de Sanidade ata o martes 4. A semana seguinte irían a Mesa Xeral. Previamente habería unha xuntanza.

Procesos selectivos persoal laboral promoción interna 

Función Pública só tiña as alegacións presentadas por dous sindicatos (a CIG un deles). Esto é debido a que o prazo para presentar as alegacións escritas rematou o día anterior á xuntanza.

Co anterior panorama non tiña sentido a xuntanza, pois non serviu para nada xa que o único que podiamos facer era repetir oralmente o expresado por escrito. Non houbo resposta de Función Pública ás nosas alegacións. Tan só houbo algunha pequena intervención que se centrou en dous aspectos:

Proba de idioma: CCOO e UGT solicitaron que se eliminase a proba de galego a promoción interna. A CIG non está conforme, e por conversas posteriores entendemos que Función Pública tampouco está conforme.

A proba física (incendios) debería ser máis ben un exame médico. A CIG manifesta que pode ser unha irresponsabilidade enviar ao lume a xente que non teña condicións físicas suficientes. Insistimos na necesidade de fixar a proba (visual), e parámetros de aptitude (tanto a física como a visual).

Outros asuntos

Procesos selectivos persoal laboral acceso libre
Informa o director que non ten sentido convocar como persoal laboral aquelas prazas que por lei van ser reconvertidas a persoal funcionario. A tal efecto no decreto de OEP-2017 publicarán o cambio das prazas convocadas e pendentes de OEPs anteriores. A CIG posicionase en contra, manifestamos que deben ofertalas como laborais, quedando a funcionarización para o último paso despois de convocar concurso e outras cuestións. Os outros sindicatos están na mesma liña que a CIG (o que entraría en contradición polo defendido por CCOO e UGT nas negociacións con Medio Rural). Manifesta o director xeral que este asunto é innegociable.

Comisión consorcio
O luns enviarán a convocatoria para unha xuntanza que sería o xoves (trienios, rpt, rogos e preguntas).

Comisión veterinarios
Están pendentes de pechar os temas con Sanidade. Poderían convocar a semana que vén.

Proceso selectivo C2-libre
Función Pública di que segue pendente de informe da asesoría xurídica.

Elección de destino procesos selectivos corpos xerais (libre e P.I.)
Función Pública entrega papel cos resposta ás alegacións aos postos que presentamos e que non ofertan (xustifican a quita de varios postos por estar pendentes de vindeira amortización, varios que non pasaron polo concurso, que si están ocupadas por persoal interino/comisión de servizo...). En canto aos seus criterios, non teñen intención de mudalos

Plan de loita contra o fraude
Entendemos que debe ser estrutural, polo que pedimos a FP que traslade á consellería a necesidade de crear os postos en RPT. O directro manifesta que os fondos son finalistas e non teñen garantía de continuidade, polo que non os crearán na RPT.

Dereito a permuta de persoal laboral temporal
Preguntamos polo estado do asunto en vista á sentenza que recoñece este dereito. O director manifesta discrepancia coa sentenza, polo que a van recorrer.

Negociacións axentes medioambientais
Informa o director que non hai data para xuntanzas. Manifesta que as nosas pretensións son excesivas, que non van tocar o tema retributivo. Que o texto que recibiron dos sindicatos non llles vale como base.

Ningún comentario:

Publicar un comentario