sábado, 11 de novembro de 2017

Convocada folga na Administración de Xustiza para esixir a recuperación dos dereitos e o emprego

Os paros serán os días 1 e 13 de decembro e o 16 de novembro haberá concentracións nas cidades


Traballadores e traballadoras da administración de xustiza irán á folga os días 1 e 13 de decembro para reivindicar melloras salariais, rematar coas penalizacións por IT, esixir o pagamento do 100% das substitucións e a reposición das prazas amortizadas. A decisión de iniciar medidas de presión acordouse nas asembleas celebradas esta semana, ante o bloqueo das negociacións coa Dirección Xeral de Xustiza, "incapaz de resolver estas cuestións". Previamente ás xornadas de folga, o próximo 16 de novembro, as centrais sindicais SPJ-USO, CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO convocan concentracións nas sete cidades galegas, ás doce do mediodía.

venres, 10 de novembro de 2017

O secretario xeral de Montes, Fernández Couto, imputado por prevaricación a raíz dunha denuncia presentada pola CIG na fiscalía en 2012

En relación á contratación e adxudicación do servizo de helicópteros a INAER


O sector da Autonómica da CIG-Administración presentaba o 14 de agosto de 2012 unha denuncia perante a Fiscalía ao considerar que existía un delito de prevaricación por parte do Secretario Xeral Técnico da Consellaría de Medio Rural e do Mar, Francisco Xosé Vidal-Pardo Pardo, do Secretario Xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto Juanas, da mesma Consellaría, e da propia Conselleira, Rosa Quintana, en relación á contratación e adxudicación as empresas INAER e NATUTECNIA, do servizo de helicópteros e as brigadas helitransportadas. 

Transcorridos cinco anos desde aquela e tras das críticas recollidas nun Informe do Consello de Contas por esas contratación, o Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago de Compostela (tras derivar o asunto a Fiscalía)  vén de actuar e imputa o Secretario Xeral de Medio Rural e Montes, así como o secretario xeral técnico e mais o subdirector xeral de Prevención e Defensa contra os incendios forestais da devandita Consellaría da Xunta.

xoves, 9 de novembro de 2017

Novo borrador do baremo do concurso de traslados "eterno": persoal funcionario

Achega Función Pública un novo borrador, e van 5, sobre a proposta de baremo para os futuros concursos de traslados de persoal funcionario e laboral. Recolle e concreta os cambios xa comentados na última reunión.

Porén, como xa avanzaron, traer agora só o baremo de persoal funcionario, que o concurso de persal laboral vai para rato (despois de: concurso xeral, concurso especial, procesos selectivos afectados e funcionarización...). Unha vergoña, como tamén o é que se lle enchera a boca a falar de "concurso permanente" e xa non está claro que vaia a ser tan permamente, alomenos, fóra do que é o persoal funcionario de corpos xerais, que con sorte podería chegar a ter o que xa recollía a antiga Lei de Función Pública, 1 concurso de traslados por ano.

xoves, 2 de novembro de 2017

Baremo do concurso de traslados "permanente" e outros asuntos de Función Pública: xuntanza do 31/10/2017

Tras revisar a xurisprudencia eliminan o traballado desenvolvido en postos en comisisón de servizo, aumentan o peso da antigüidade, o tempo de caducidade dos cursos e reducen o peso de méritos específicos pero non tocan o grao persoal.


Informa o director xeral da Función Pública (dxFP) dalgúns cambios e anuncia que o mércores ou xoves da semana que ven enviarán novo borrador cos cambios de hoxe e algúns máis. Posteriormente haberá outra xuntanza. Van centrarse na parte referente a persoal funcionario. E así, o de concurso "permanente", do que leva falando este director xeral desde que chegou ao cargo vai 8 anos, vaise transformando en "eterno".