xoves, 10 de decembro de 2015

Inspectores/as farmacéuticos concéntranse para denunciar a incapacidade de Sanidade para xestionar alertas sanitarias

Demandan un maior compromiso da Xunta de Galiza coa saúde pública 

Farmacéuticos/as Inspectores de Saúde Pública manifestaranse este xoves, día 10 de decembro, diante da consellaría de Sanidade para reclamar da Xunta unha maior responsabilidade sanitaria que evite riscos innecesarios para a saúde da poboación. Alertan do escaso número de inspectores/as e da falta de medios para inspeccionar a totalidade das instalacións que sería preciso abranguer.

No comunicado que veñen de emitir sinalan que as recentes alertas sanitarias de tipo ambiental, tanto a da auga non apta para o consumo en Ferrol, como o abrocho de lexionelose en Lugo, “puxeron de manifesto a incapacidade da consellaría de Sanidade para xestionar estas situacións de crise, debido principalmente a unha falta de medios e a unha deficiente organización dos servizos de inspección”.


Subliñan que estas alertas non son feitos illados. “Na nosa comunidade prodúcense con frecuencia numerosas situacións que poderían desencadear alertas similares”, aseguran, e explican que “habitualmente detéctanse incumprimentos nas augas de consumo municipais que fan que a auga sexa ‘non apta para o consumo’ nalgúns casos”.

Engaden que segue a detectarse Legionella en hospitais, centros deportivos, residencias da terceira idade ou colexios e continuamente xéranse alertas por produtos químicos de uso cotián que supoñen un risco directo para a saúde dos consumidores e consumidoras”.

Xunto a isto informan de que cada ano aumentan os casos de enfermidades relacionadas coa saúde ambiental debido ao escaso número de inspectores existentes e á falta de medios e denuncian que resulta imposíbel abarcar a totalidade das instalacións para inspeccionar. 

A isto engaden outro aspecto fundamental que evidencia, ao seu entender, a “desorganización” do corpo de farmacéuticos inspectores e a ausencia de vixilancia sanitaria fora do horario laboral destes, xa que “non existen quendas de garda que cubran calquera alerta sanitaria que xurda durante as tardes ou fins de semana”.

Ante a proposta de que exista unha estrutura adecuada de inspección cunha mellor organización e maiores recursos, denuncian que a consellaría de Sanidade, “incribelmente, pretende reducir o número de inspeccións a realizar e o número de inspectores/as, malia isto aumentar o risco sanitario da poboación”.

Neste sentido aseguran que a consellaría de Sanidade reduciu drasticamente o número de inspeccións e de análises realizadas polos inspectores/as desde o 2009, en aspectos tan fundamentais como os abastecementos de auga municipais ou de colexios, piscinas, control de lexionelose, produtos químicos ou biocidas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario