"Non computarán dentro do límite máximo de prazas derivado do límite máximo da taxa de reposición de efectivos, aquelas prazas que se convoquen para a súa provisión mediante procesos de promoción interna". Isto non nolo inventamos nós, senón que o di o artigo 20. Un. 4. in fine da lei 48/2015, de 29 de outubro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2016 (BOE 30.10.2015)
Xa que logo non entendemos as microfertas que fan este ano (e levan facendo) para a promoción interna de todo o persoal público da Xunta de Galiza. A promoción interna de corpos xerais de persoal funcionario está mal, moi mal, con OPEs acumuladas desde 2009, sen datas de exame, con cambios de modelo, cunha nova oferta raquítica para 2016... que xa terminarán acumulando coa raquítica oferta de 2015. Pero é que a promoción interna en escalas ou en persoal laboral xa é directamente ciencia ficción. Xa que nos putearon tanto estes anos, o menos que podían é tratar de facer real o noso dereito á promoción profesional, que a lei non o impide e non supón aumento de persoal por riba da taxa de reposición.
Agora vén Función Pública, por iso da "paz social" en período de inestabilidade electoral, e poñen enriba da mesa unha cutre oferta de promoción interna para o persoal laboral. Cutre porque propoñen ampliar a oferta de promoción interna do persoal laboral pero a cambio de que as prazas que non se cubran non se acumulen a libre como manda o convenio colectivo no seu artigo 9.4.
Isto é unha trampa pois falamos de duplicar prazas exclusivamente para promoción interna maioritariamente para categorías do grupo V ou grupos IV con titulación específica, co cal o que se vai dar na práctica é unha promoción interna horizontal ou un cambio de categoría, que para iso xa está o concurso. Na última oferta meteron tamén 30 prazas de xefe/as de cuadrilla de incendios que son do grupo III e unhas pouquiñas prazas dun par de categorías do IV pero segue resultando insuficiente pois non hai nada dos grupos II e I e escasa variedade nos grupos IV e III. Descarga última proposta prazas OPE 2016
Por facer unha analoxía, é como se en persoal funcionario despois de case 7 anos sen ofertar prazas de promoción interna, só sacasen para o C2 e escasamente para o C1 e aínda por riba que para iso precisaras dunha titulación específica. Cantas persoas do grupo V, por exemplo, van ter a titulación de auxiliar de enfermería? Onde fica pois o dereito á promoción profesional?
Trampa tamén porque consonte ao convenio primeiro hai que resolver o concurso de traslados antes de resolver estas hipotéticas "promocións" internas, e parece que a Xunta non está pola labor de sacar o concurso de traslados, do cal nada avanzan.
Cutre porque se centra fundamentalmente nos grupos baixos, cutre tendo en conta a oferta dos últimos anos, cutre porque non chega sequera a igualar o número total de prazas vacantes. Cutre porque din que máis adiante poden redistribuír esas prazas noutras categorías (ollo, só dalgunhas desas prazas, ollo que non falan noutros grupos), pero que non queren compromenter na actualidade e deixan para unha vindeira negociación. Cutre porque non vincula temporalmente a Administración para executar as convocatorias, nin para convocar o concurso de traslados que debe ir primeiro. Ofertar é gratis como quen di, outra cousa é cubrir efectivamente as prazas.
Esta proposta de oferta é cutre, ademais de porque non afecta a todos os grupos, porque o número de prazas das que falan quédase pequeno respecto da elevada temporalidade e das amortizacións que houbo estes anos, respecto á non cobertura de baixas e vacacións, respecto ao recorte de dereitos e supresión impositiva de artigos do convenio colectivo, respecto a non convocatoria dun concurso de traslados desde 2011 e a non implantación do concurso permanente como recolle tamén o convenio desde 2008. Isto último fai que case todo o mundo ande en adscrición provisional.
Queren sacar unha foto, un rédito electoral cos nosos dereitos, ríndose do persoal e maiormente do persoal laboral, e aínda por riba sen que lle custe un peso despois de todos os pesos que nos sacaron. Pois non, non somos traballadoras e traballadores de segunda e si, temos dignidade.
Novas relacionadas:
Ningún comentario:
Publicar un comentario