venres, 18 de marzo de 2016

Canto lle custa a corrupción dentro da Xunta de Galiza á cidadanía?

A posta en funcionamento do portal da transparencia concide coa saída a luz de novas cuestións non moi agradables para Feijóo sobre EULEN e FESAN.


Non veremos ese titular de custos de corrupción na Xunta de Galiza pois por desgraza non veñen recompilados no portal da transparencia, nin ganas que teñen. Tampouco o saberemos porque así en xenérico (e en público) todo o mundo está en contra de corrupción pero en privado xa é outra cousa.

Denunciar ten un alto risco, cando non custo, para o que denuncia, sobre todo se só es un traballador de a pé; e denunciar non ofrece ademais no noso sistema garantías nin protección algunha ao denunciante polo que único ao que se pode apelar é a ética e a plataformas de denuncia cidadá como filtrala, ou a pendrives metidos en sobres no buzón adecuado. En xeral, os medios tampouco axudan moito salvo cando a cousa xa é moi evidente porque co sistema actual de financiamento, estes nunca mordan a man que lles dá de comer ou que lle dá de comer aos seus accionistas, máis ben.

Elaborar unha lista coma esa, de canto lle custa a corrupción á cidadanía é complexa, porque vai pola vía dos ingresos (fraude fiscal, exaccións ilegais...) e tamén pola vía dos gastos (comisións, sobrecostes...), pero isa é a lista que interesa, esa é a lista na que habería que traballar. De momento, e para entretemento da cidadanía, ante o pouco pan, pésimo circo: que si na Xunta hai tanto persoal público, que se gasta tanto en axudas de custo, que se hai tantos coches oficiais, que si o persoal de Gabinete custa cada vez menos, que si a actividade sindical custa máis, que si os altos cargos teñen ou non teñen un piso en Sanxenxo... pero o fundamental, o das mordidas, o dos sobres, o das comisións, a listaxe de corruptos, de casos de corrupción denunciados, investigados, xulgados e condenados, dos cartos perdidos,  deses costes, dises non se fala.

Punto e aparte merece unha reflexión da pobreza do portal da "transparencia" dalgún dos datos ofrecidos e da inexactitude doutros: que si non está todo o persoal de confianza, que si falta o que se contrata por empresas amigas, que si as dietas só aparecen desagregadas por organismo, que si non aparecen os altos cargos institucionais, que se faltan declaracións de bens, que si os dereitos do persoal público custan cartos (como todos os dereitos), que si na actividade sindical meten as retribucións de todo o persoal que é delegado e non o custo real das persoas de reforzo. En fin, punto e a parte, porque o principal non é isto, o principal é elaborar as listaxes de gastos de corrupción, do que conecta os grandes fluxos das contas públicas co privado, o seu sobrecoste e quen sae "beneficiado".

Xa sabedes, a culpa é do sindicalista, vago, do funcionario, vago tamén, do parado, que se joda! (Andrea Fabra), da cidadanía de a pé, que ten a manía de vivir por riba das súas posibilidades. A culpa nunca é do que rouba (ao grande, ollo), do que pon a man e mira pra outro lado, do que pide austeridade ao que ten pouco e practica a xenerosidade co que ten moito, do que gana millóns e paga miserias, do que ganou millóns, estafando, prestando o que non tiña e case afunde o casino financieiro e logo tivemos que pagarlle entre todas as súas perdas.

Poñamos temas concretos enriba da mesa, de aquí do pais, pois mentres se discute das "dietas", dos "coches oficiais", non se fala do que pasa con EULEN ou do que pasa con FESAN. Ou que foi das investigacións xudiciais de Prosem ou Azetanet? Por certo, no dito portal da Transparencia seguimos sen atopar os contratos con Marcial Dorado. Curiosamente a actual Lei de transparencia fixo a súa aparición en público xusto no momento en que Feijóo estaba máis acurralado por casos de corrupción ao tocarlle de preto con Pachi Lucas (Azetanet), e agora péchase o círculo coa publicación do portal da transparencia ao tocarlle de preto coa súa irmá Micaela (EULEN).

Ningún comentario:

Publicar un comentario