luns, 14 de marzo de 2016

Unha fundación vinculada ao PP e ao OpusDei ingresa da Xunta case 10 millóns de euros pero leva sen presentar as contas desde 2013

En Madrid teñen a Fundación Arpegio, unha fundación pública creada para repartir 10 millóns de euros sen control entre os colegas, pois aquí temos a Fesan, unha fundación creada por un colega do PP para recibir 10 millóns de euros públicos da Xunta que leva "sen control" desde 2013.

Renderán moitas contas con DEUS pero coa legalidade NON

A empresa en cuestión chámase FESAN, Fundación de Estudios y Análisis, que nos conta dende o seu web que se dedican a proporcionar formación a través da cal se facilite a inserción laboral e un aumento da capacitación dos traballadores. E di tamén que é unha entidade que aporta o seu capital humano, de coñecementos e a súa experiencia ao desenvolvemento social e comunitario do seu entorno, axustándose a criterios de eficacia técnica e humana.

Tururú! É unha asistencia técnica que se dedica, na realidade, a chupar todo o que se poida das Administracións Públicas, sobre todo das que estean vinculadas ao Partido Popular e especialmente da Xunta. Aínda que tamén hai que indicar que na época do bipartito esta empresa, segundo os datos facilitados pola web de noticias Galicia Confidencial, a área de Benestar da Xunta asinou cinco convenios con FESAN por 678.000 euros. No entanto, dende que chegou Feijóo á Xunta, a facturación disparouse e o xornal La Opinión da Coruña atribúelle perto de 10 millóns de euros dende o ano 2009.

Pero seguimos, a que se adican estes servos de cristo? Pois a cuestións que, como se pode contrastar doadamente, non teñen nada que ver coa moto que nos venden. A CIG denunciou que esta pseudo-fundación ten sido contratada para tramitar solicitudes de acreditación profesional, que incluso custodiaron expedientes que afectaban a 6.000 galegas e galegos na convocatoria do 2012; nese mesmo ano o Consorcio de Igualdade e Benestar tamén lle adxudicou 3 millóns de euros para a xestión de varias escolas infantís en Pontevedra, Betanzos, Carballo e O Pino (moi “Cuquiños” eles, que é a marca coa que traballan neste eido); pero incluso ten levado subvencións para o fomento do baile tradicional (sic).

Segundo informa tamén este xornal coruñés, só no ano 2013 ingresaron 6,5 millóns por xestión de gardarías, centros de día, residencias de maiores e cursos de formación. Iso nas últimas contas que presentou, que foi no mesmo ano que se destapou a rede de corrupción de Azetanet, coa que Fesan se repartía os contratos que adxudicaba a consellaría de Traballo, levándose Fesán máis de 400.000 €, cantidade maior da que levou a corrupta Azetanet, tamén vinculada ao PP.

O propio Consello de Contas detectou as mesmas irregularidades que se detectaron na trama Azetanet, en so dous cursos que revisou detectáronse oito incidencias. Ademais estiveron subcontratando cursos con outra empresa chamada GESAN. Esta empresa mercantil, tiña como administrador único a Manuel Rodríguez Sedano, un tipo multitarea que, vaia por dios, tamén é o mesmo director xerente de FESAN. Rascando un pouco aparecen conexións por todos os lados entre as dúas empresas. GESAN tamén pescou un contrato do Consorcio Galego de Benestar, no ano 2010, de 69.620 euros por unha consultoría para a implantación e apoio na certificación en calidade dos 27 centros de atención ás persoas maiores dependentes do Consorcio.

Pero como naceu FESAN? esta empresa de carácter benéfico-docente, declarada de interese galego e que está baixo o protectorado da Consellaría de Cultura e Educación? Unha empresa que tiña no ano 2013 1,4 millóns na súa conta corrente (o que os economistas consultados por La Opinión cualifican de “inaudito”) e que subscribiu un capital inicial de tan só 6.000 euros.

O seu primeiro presidente foi Jaime Rodríguez-Arana, antigo director da EGAP na época de Fraga, logo foi tamén director do INAP no goberno de Aznar, entre outros cargos. Na época na que ocupaba o posto de subsecretario do Ministerio de Administracións Públicas, foi cando lle deu por montar esta factoría chupóptera de cartos públicos. Rodríguez-Arana é catedrático de dereito administrativo na Universidade da Coruña e, curiosamente, especializado en ética pública e transparencia. Ademais, é o guía espiritual do ministro do Interior Jorge Fernández Díaz, ámbolos dous membros numerarios do Opus Dei. Disque dirixía un grupo de meditación e oración de supernumerarios e simpatizantes da Obra no que estaba o ministro do Interior.

Así mesmo, o seu currículo sinala que é autor de varios libros sobre dereito e ciencias políticas e, actualmente, figura como director de varias revistas especializadas no dereito administrativo pero que, na práctica, semella que o que facía este individuo, dende os seu posto de director do INAP, era plaxiar todo aquilo interesante que lle chegaba ás súas mans. Chegou a recibir varios premios pero un funcionario denunciouno por plaxio de varios artigos publicados nesas revistas. Este escándalo acaboulle custando o posto de director do INAP pero o alto funcionario que o denunciou chegou a estar 18 meses sen recibir ningunha encomenda laboral e acabou denunciando de novo, desta vez por acoso laboral e desviación do poder, ao ministro do Interior no ano 2013.

Ou sexa, que estes do Opus Dei teñen memoria e pasan factura, así que imaxinamos que nalgún momento presentarán tamén as súas contas inzadas de cartos públicos por encomendas de xestión de servizos que deberían ter realizado empregadas e empregados públicos. Precisamente agora é un bo momento para lembrarllo, cando se están publicando unha morea de datos de gasto público en base á lei de transparencia.

O dito, cumprir cumprirán co Señor, pero non poñen precisamente a outra meixela, o que poñen é o peto, e do que non se lembran é de cumprir coa normativa...

Fontes:




Ningún comentario:

Publicar un comentario