Dende o ano 2009, temos coñecemento de que o persoal interino do ámbito da Xunta de Galicia (tanto o docente coma o dos corpos xerais) comezou a reclamar con carácter retroactivo os trienios anteriores á entrada en vigor do EBEP. A reclamación, baseada na xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, solicita o cobro dos trienios perfeccionados nos cinco anos anteriores á entrada en vigor do artigo 25.2 da Lei 7/2007, do Estatuto do Empregado Público.
Aínda que finalmente o criterio dominante dos xulgados foi favorable, entre os primeiros que reclamaron moitos compañeiros e compañeiras tiveron sentenza firme en contra. Ante a inxustiza evidente desa situación, parte deste colectivo reclamou unha responsabilidade patrimonial, que foi tamén desestimada polos xulgados.
Posteriormente, o Valedor do pobo, na suxestión á Consellaría de Facenda polo expte. A.4.Q/21847 de data 4 de maio de 2015 (xúntase copia) emitiu a seguinte conclusión:
“Que se adopten as medidas necesarias para proceder ao recoñecemento de efectos retributivos dos trienios prestados con anterioridade á entrada en vigor da Lei 7/2007, de 12 de abril, pola que se aprobou o Estatuto Básico do Empregado Público, cos límites e prazos de prescrición que marca a Lei, ao persoal da administración pública que tendo reclamado tales cantidades, tiveran obtido un acto administrativo ou sentencia desfavorable firme previa ao cambio de criterio adoptado pola Consellería.”
Este informe, nos seus antecedentes, sinala e destaca a “situación evidentemente dispar que se suscita para o persoal funcionario afectado” e insta á Administración, baseándose en sentenzas do STXUE, a “recoñecer a posibilidade de revisar aquelas decisións adminsitrativas de órganos nacionais, confirmadas por decisión xudicial firme, que foron adoptadas en contradición co dereito comunitario”. Así mesmo, insiste este informe indicando “que a xurisprudencia comunitaria tamén é contundente ao afirmar que tanto os xuíces coma a Administración deben aplicar as directivas con efecto directo non traspostas”...”inaplicando o dereito interno co que entren en contradición”. Tal e como é o caso que nos afecta.
Isto con respecto ao aspecto estritamente xurídico e normativo da cuestión, pero é que a maiores estase a producir unha discriminación dificilmente entendible no ámbito da Administración Xeral da Xunta de Galicia. A principios do ano 2014, a Consellaría de Educación, tras outra mediación do Valedor do Pobo, recoñeceulle de oficio os trienios anteriores ao ano 2007 ao persoal docente que tamén tiveran sentenza en contra (xúntase copia dunha Resolución da Xefatura Territorial de Lugo de data 27 de xaneiro de 2014) e procedeuse a facer unha revisión de oficio a todo o persoal docente que tiña feita previamente a reclamación, aínda que esta fose desestimada por sentenza xudicial.
O colectivo afectado, no ámbito da Adminsitración Xeral da Xunta de Galicia, é bastante menor có persoal docente de Ensino, polo que isto afonda aínda máis no agravio comparativo que a mesma Adminstración está a provocar co seu persoal.
Non hai máis diferenza que xustifique o diferente trato que considerar que hai funcionarios de primeira e de segunda e non chegamos a entender por que se actúa de xeito tan diferente co persoal docente con respecto ao persoal dos corpos xerais.
A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais xa se dirixiu ao conselleiro de Facenda para solicitar que aplique o mesmo para o persoal interino da Administración Xeral que o que aplicou a Consellería de Educación para o persoal interino docente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario