mércores, 4 de maio de 2016

A Xunta convoca oposicións para 33 prazas ofertadas en 2014 e 2015

Nunha nova nota de prensa a Xunta volve buscar tallada electoral cos procesos selectivos.


Entre onte e hoxe publicáronse no DOG as convocatorias de procesos selectivos de varias escalas: enxeñería industrial, enxeñaría técnica industrial, bioloxía, química, estatística e letrados/as. Estas convocatorias derivan das ofertas de emprego público sen executar do 2014 e 2015 e con sorte rematarán os procesos no 2017. Desde logo, o sistema de reforzo dos recursos humanos non semella moi eficiente con semellante marxe temporal.

Moita variedade pero pouca praza por escala ou especialidade, para as cales se require titulación universitaria específica salvo para estatística que vale a de calquera rama. Para acceso libre son 21 prazas e as 12 restantes para a quenda de promoción interna. As prazas reservadas ao sistema de promoción interna que non se cubran acumularanse á quenda de acceso libre. En calquera caso, tendo en conta a elevada privatización de traballos técnicos na Xunta, estes números quédanse pequenos respectos as verdadeiras necesidades que, como dicimos, son cubertas habitualmente con contratas con empresas privadas ou encomendas de xestión.

  • A1, Estatística (OPE 2015): 4 prazas (2 libre, 2 promo. interna). DOG 3 de maio
  • A2, Enxeñería técnica industrial (OPE 2014): 7 prazas ( 5 libre, 2 promoción interna). DOG 3 de maio
  • A1 Enxeñaría industrial (OPE 2014): 4 (2 libre, 2 promo. interna) DOG 4 de maio
  • A1 Química (OPE 2014): 2 (1 libre, 1 promo. interna) DOG 4 de maio
  • A1 Bioloxía (OPE 2014): 11 prazas (6 libre, 2 promo. interna, 2 discap.) DOG 4 de maio
  • A1, Letrados/as (OPE 2015): 4 prazas (3 libre, 1 promo. interna). DOG 4 de maio 
  • A1, Química (OPE 2014 modificada 2015):  1 praza (consolidación) DOG 4 de maio

As convocatorias publicadas nos diferentes DOG inclúen as normas xerais, os requisitos que deberán posuír as persoas aspirantes e os programas que rexerán os distintos procesos selectivos.Todas as persoas interesadas en participar nestas oposicións poderán presentar a súa solicitude no prazo de 20 días naturais que se contarán desde o día seguinte á data de publicación da convocatoria.

Por certo, e xa non é novidade, a Xunta fixo unha nota de prensa con isto e apareceu por aí publicada. Xa é habitual que se faga publicidade nos medios cando se aproba a Oferta de Emprego e logo cando se convocan finalmente as prazas, que poden pasar varios anos. Recentemente vimos ata sacar notas de prensa coa aprobación das listaxes de persoas admitidas e excluídas, das datas dos primeiros exames e, nun futuro, seguramente volveremos ver notas coa realización dos exames, sobre todo cando estos son moi multitudinarios, alá en Silleda. A intención está clara: sacar tallada electoral coas oposicións pero, a ver, pretender sacar rendemento con estas 33 prazas, tendo en conta que veñen de dúas ofertas de emprego de 2014 e 2015 e o disgregadas que están, resulta un pouquiño ridículo.

1 comentario:

  1. Cada vez que convoque algunha praza volverá a repetilo, coa axuda da prensa subvencionada e da tvgaita e asi parecerán que se crea moito emprego publico, cando a realidade e todo o contrario.

    ResponderEliminar