mércores, 8 de xuño de 2016

Remata o proceso contra Laura Bugallo tras 7 anos, 5 xuízos e baixo a ameaza de que “se non entras desta entrarás da seguinte”

Acorda coa Fiscalía 11 meses de cadea -que non terá que cumprir- e 750€ de multa “porque estou farta” deste proceso que “me inventaron”

 


Centos de persoas concentrábanse este martes diante dos Xulgados de Fontiñas, en Santiago, para exixir a libre absolución de Laura Bugallo, a compañeira da CIG acusada de falsificación documental tras denunciar unha suposta mafia que trataba con persoas inmigrantes. Transcorreron desde aquela sete longos anos durante os que alén de padecer ameazas tivo que pasar por cinco xuízos. Hoxe, no último, aceptou un acordo coa Fiscalía de 11 meses de cadea e 750 euros de multa “porque estou farta, teño 52 anos e quérome xubilar tranquila”.

Galería de imaxes

As 9:00 horas os arredores dos xulgados de Fontiñas eran xa un fervedoiro de xente -non só de Compostela, se non tamén doutros puntos do país-, que se achegaba para sumarse á concentración convocada en solidariedade con Laura Bugallo e para exixir a súa libre absolución.

Ás 9:30 horas iniciábase o xuízo e, entre mentres, fóra, as persoas alí concentradas proclamaban que “Ningunha persoa é ilegal”; exixían para “Laura Bugallo, absolución” ou advertían que “Se tocan a Laura, tócannos a todas”, entre outras das moitas consignas coreadas.

Contra as 10:30 horas remataba por fin o último xuízo e, megáfono en man, a propia Laura agradecía a todas e todos os concentrados o seu apoio e solidariedade e anunciaba, a viva voz que hoxe “creo que puxemos fin a estes sete anos”.

Ela mesma explicou que tras do acordo, finalmente todo quedou en “once meses de condena, que non vou cumprir, e unha multa de 750 euros” e sinalou que hoxe mesmo se chegou a falar da posibilidade de suspender o xuízo ao non ter comparecido as persoas migrantes que estaban chamadas a declarar como supostas testemuñas. A este respecto subliñou que “os compañeiros están en rebeldía. Que van esperar por esta xustiza e por esta lei de estranxeiría, a que os fodan máis? Non, fixeron moi ben”.

Denunciou a “represión xeneralizada” que existe e o funcionamento da “mal chamada xustiza”. Ademais fixo pública a ameaza que pende sobre ela. “Unha ameaza que publiquei porque estou farta de que me digan que se non entro desta, entro da seguinte”. E advertiu tamén que “se entro algunha vez máis con problemas é porque hai alguén uniformado que me puxo problemas antes”.

A preguntas das e dos xornalistas sobre o acordo explicou “para que se entenda” que “a xente ten que saber que estou moi farta” e negouse a explicar nada do proceso, porque “non é un proceso que eu fixen, senón un proceso que me inventaron”.

Denunciou que se tratou todo dunha “montaxe”  porque “sei que toquei fibras moi sensibles deste sistema e o sistema deféndese”. Por iso manifestouse “satisfeita de chegar a este acordo” diante da posibilidade de que se suspendera novamente este proceso xudicial e “alongalo no tempo. Levo así xa sete anos, teño 52 e quérome xubilar tranquila”.

Laura Bugallo rematou pedindo “que nos deixen en paz. O que facemos é construír e nada máis que iso: construír” e alertou de que isto “é un aviso a navegantes,  a todos aqueles e aquelas que se están a mover, non só aquí, senón tamén noutras latitudes”.

Ademais, agradeceu a solidariedade e as mostras de preocupación e cariño recibidas de alén do Atlántico, ao longo deste tempo mais tamén esta mesma noite.

“Non hai razóns para isto contra a compañeira Laura”

No mesmo sentido se manifestou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que tamén participou na concentración xunto con outros moitos compañeiros e compañeiras da Executiva Confederal, da executiva comarcal de Compostela, e de todas as federacións. Moitas e moitos chegados doutras comarcas para apoiar a Laura Bugallo.

Seixo asegurou que a central sindical recibiu con sorpresa a noticia de que se reabría de novo a causa porque “criamos que o tema estaba sobreseído ao non haber probas que culparan a Laura e mesmo ao non estar as persoas que presentaran a  denuncia”.

Con todo, matizou que o máis sorprendente foi que fora “a propia fiscalía a que, de repente, tivera tanto interese en reabrilo, cando nós cremos que non hai razón ningunha, máis alá das políticas  e ideolóxicas”.

Sinalou que “a compañeira Laura é unha persoa que se ten destacado, nos últimos anos, polo seu traballo no Departamento de Inmigración, cunha forte implicación persoal, mesmo facendo denuncias de redes ilegais que traían migrantes, sobre todo de Marrocos, e mesmo facéndolles pagar cantidades importantes”.

Ao entender de Seixo “todo iso foi o que motivou que se abrira este proceso contra Laura e nós non vemos razón ningunha que non obedeza máis que a eses intereses”.

Lembrou que Laura xa denunciara persecución policial a raíz destas denuncias “onde se entendía que podía haber mesmo axentes de policía implicados” e denunciou que “recibiu (Laura) mesmo chamadas da policía advertindo que non seguira por esa vía, que corría perigo”.

O secretario xeral da CIG asegurou que foi a partir de aí cando se produciu a súa detención e tivo lugar “toda esta montaxe”. Por iso insistiu en que “non hai razóns para promover isto contra esta compañeira”.

Novas relacionadas:

Ningún comentario:

Publicar un comentario