A CIG convoca concentracións en apoio á loita da clase traballadora francesa, o 28 de 28 de xuño, ás 11,30h. diante dos consulados do país galo en Vigo e A Coruña
O cumio da rede ALTER SUMMIT, da que a CIG forma parte, e as súas organización membros queren expresar o seu pleno apoio e solidariedade cos movementos sociais franceses na súa loita pola retirada da Reforma Laboral, a través da nova Lei do Traballo.
Baixo o lema da “modernización”, o que realmente está sucedendo é que as leis que protexían minimamente aos traballadores e traballadoras están a ser reemplazadas por outras que protexen ás empresas e suprimindo acordos que beneficiaban á maioría de traballadores/as por unha maior flexibilidade do mercado laboral e as horas de traballo, a redución de salarios reais e do tempo de libranza, apostando por convenios de empresa fronte aos convenios de sector, marxinando e limitando ás organizacións sindicais na súa capacidade de acción.
A Lei do Traballo que se quere implantar en Francia é unha peza máis do programa de reformas emprendido polas institucións europeas e os gobernos dos estados membros. Un programa que vai atacando metodicamente e un por un todos aqueles dereitos laborais e sociais da clase traballadora que tanto tempo levou conquistar, e que non vai parar, se non se lle opón unha resistencia importante que o deteña.
Baixo este punto de vista, a resistencia do movemento social francés ou de calquera outro país europeo, ten unha importancia vital para todas as nosas loitas e a defensa dos nosos intereses como clase traballadora.
Tamén queremos denunciar enerxicamente a ocultación por unha banda e a criminalización por outra, desta mobilización social, feita pola maioría dos medios de comunicación, tratando de desviar á opinión pública dos verdadeiros obxectivos desta reforma e desta protesta.
En toda Europa, as clases populares están do lado da xente de Francia que está a loitar por dicir o seu NON a estas reformas e esixindo que a nova Lei do Traballo sexa retirada.
En base a todo isto, facemos un chamamento para soster accións solidarias durante os días de mobilización convocados en Francia o 23 e 28 de xuño. En concreto na Galiza, desde a CIG facemos un chamamento a concentrármonos o propio día 28 de xuño, ás 11,30h. diante dos consulados franceses nas cidades de Vigo e A Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario