martes, 12 de xullo de 2016

Mesa Xeral do 8 de xullo: concurso xeral a punto de caramelo

Na Mesa Xeral do 8 de xullo tratáronse os seguintes temas: RPT de Infraestruturas e Vivenda, RPT de Política Social, Acordo de trienios servizo militar, Estatutos do novo Insituto Galego de Consumo e da Competencia e tamén do concurso de corpos xerais.

Concurso de corpos xerais

Xa afinan máis e apuntan que será publicada a resolución definitiva no DOG da semana do 11 ao 15 ou como moito, a comezos da seguinte.


RPT de Infraestruturas
Cárganse un total de 9 postos (7 de persoal funcionario e 2 de persoal laboral). Seguen abrindo postos a outras Administracións sen criterio de reciprocidade. O posto que crean por sentenza debería ser da escala de informática segundo tarefas realizadas, non de posto base A1 (quedan en miralo). Na nova sección de asuntos xerais creada en Lugo adscriben temporalmente a un persoal funcionario que lle amortizan a praza. Retiran os méritos de experiencia a moitos postos. Porén, continua a experiencia en transportes terrestres en 5 postos (1 servizos centrais, 2 Lugo e 2 Coruña). Explicación da diferenza con Pontevedra e Ourense. Solicitamos a retirada dos 5. -> Din que esto é cousa do programa informático do concurso, que non permite facer certos cambios a postos que están no concurso. Manteñen moitos méritos de coñecemento. Que os retiren e formen ao persoal.

Esta consellería é das que máis produción documental ten, e segue despois de anos sen crear o Arquivo Central con persoal axeitado, cousa a que lle obriga o artigho 38 da LEI 7/2014, de 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia. O caso é que levan tempo subcontratanto parcialmente a xestión documental ou directamente almacenando caixas en diversos locales; e o mandato legal vai para dous anos. -> A consellería di que non ten coñecemento e que o van miralo.

En canto á petición de plus de penosidade para os axudantes aos que lles meten perigosidade, din que pedirán informe, e meterán o plus segundo o que indique o informe.

Descargar proposta

RPT Política Social

Non existiu unha negociación real, non tivemos ocasión de discutir coa consellería a súa proposta. Solicitamos a retirada do punto para poder negociar (a Administración non aceptou). Procedimos a expoñer punto por punto as alegacións escritas da CIG, co que a Mesa prolongouse de máis. Descargar proposta

Pedimos explicacións do motivo polo que se retirase a parte referente ás escolas infantiles (e que intención teñen coa axencia de servizos sociais). O director xeral da Función Pública manifestou que a retirada foi unha suxestión deles.

O DXFP propuxo termos unha xuntanza para negociar. Vai ser o mércores 13, ás 10h, co Secretario Xeral de Política Social. Antes recibiremos resposta ás alegacións concretas (as xenéricas xa as dan por respostadas).

Estatutos IGCC

Solicitamos con carácter previo á negociación, tal e como di a LOFAXGA,  E NON SE NOS FACILITOU:
  • Memoria xustificativa sobre a súa legalidade, o seu acerto e a súa oportunidade.
  • Memoria económico-financeira que conteña a estimación do custe.
  • Informe do servizo xurídico da Consellaría de Economía, Emprego e Industria.
  • Informe económico-financeiro da Consellaría de Facenda.
  • Informe sobre o impacto por razón de xénero.
Tamén con carácter previo, solicitamos unha proposta de Relación de Postos de Traballo. NON TEMOS POR QUÉ SABER QUE TIPO DE PERSOAL HAI E QUE VÍNCULO XURÍDICO TEN COA ADMINISTRACIÓN.

Con posterioridade ao proceso negocial, demandamos O COMPROMISO de que este proxecto de decreto sexa remitido ao Consello Consultivo de Galiza. Descargar proposta

ALEGACIÓNS AO TEXTO DO DECRETO

En relación á disposición adicional segunda, a falta de información sobre a RPT. Botamos en falta a mención, en caso de habelo, do persoal laboral temporal ou indefinido.

Non consideramos lóxico que o artigo 33.2 dos Estatutos estableza un período de tempo de 6 anos dun posto que ten rango de director xeral, neste caso a presidencia da Comisión Galega da Competencia, cando segundo a LOFAXGA “... serán nomeadas e separadas libremente por decreto do Consello da Xunta...”

A mesma consideración facemos en relación aos vogais.

Solicitamos modificar o artigo 44.3, que quedará redactado como segue: “Ao persoal laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma destinado no Instituto garantiránselle os dereitos e deberes que se recollen no Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galiza e rexerase pola normativa reguladora da función pública e as súas normas de desenvolvemento, polas disposicións do convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, polo texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e por estes estatutos”.

En relación ao artigo 47 “Condicións de traballo e réxime retributivo”, queremos manifestar o noso desacordo mentres este non se desenvolva con criterios obxectivos e carácter xeral para o conxunto do persoal da Administración da Xunta xunto coa carreira profesional,

Polos mesmos motivos non creemos convinte que o artigo 47,2 estableza que será o Instituto Galego do Consumo e da Competencia a través do contrato de xestión quen determinará as contías do réxime retributivo.

Consideramos necesario que nos estatutos se contemple a existencia dun órgano colexiado de control onde estea representada a parte social e que teña como atribucións o estudo, asesoramento, información, control e seguimento en materia de contratos celebrados ao abeiro do Real Decreto Lexislativo 3/2011, de 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da lei de contratos do sector público que pola súa natureza poidan dar lugar a cesións ilegais de traballadores ou contratos en fraude de lei, e ao mesmo tempo, determinar se o obxecto e natureza do contrato non é determinado na duración da obra e servizo e pode considerarse un traballo estrutural a desenvolver con persoal laboral e funcionario da Xunta de Galiza. Así mesmo, este órgano colexiado tería que ser informado de calquera asistencia técnica que preste servizos no Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

O Secretario Xeral da consellería di que nos enviarán a documentación que solicitamos, e que estudarán baixar de 6 a 5 anos a duración do mandato da persoa titular da Dirección do ente.


Trienios do servizo militar

Como denunciantes do conflicto colectivo, manifestamos a nosa satisfacción pola proposta da administración. Solicitamos a súa extensión ao persoal funcionario e mencionamos o caso dun afiliado da CIG, persoal laboral en Coruña, quen gañou todas as sentenzas e a Xunta, case con enquina, recorreu unha tras outra ata chegar ao Tribunal Supremo. Descargar acordo


Ningún comentario:

Publicar un comentario